Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 27 de marzo de 2018 Páx. 17720

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción da planta de xeración eléctrica a partir de biomasa e a súa liña de evacuación, que Greenalia Biomass Power Curtis Teixeiro, S.L. promove no concello de Curtis (expediente IN408A 2017/001-1).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Biomass Power Curtis Teixeiro, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción dunha planta de xeración eléctrica a partir de biomasa, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 5 de abril de 2017 Manuel García Pardo, en nome e representación de Greenalia Biomass Power, S.L. solicita a autorización administrativa previa e de construción dunha planta de xeración eléctrica a partir de biomasa de 49,913 MW de potencia eléctrica situada no concello de Curtis (A Coruña).

Segundo. Mediante Anuncio do 2 de xuño de 2017, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa (expediente IN408A 2017/001-1), conxuntamente coa autorización ambiental integrada (expediente 2017-IPPC-I-42) para a planta de xeración eléctrica a partir de biomasa, no concello de Curtis, de Greenalia Biomass Power, S.L., que se publicou con data do 12 de xuño de 2017 no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 109, e coa mesma data no Diario Oficial de Galicia núm. 110. As características técnicas da instalación son as seguintes:

Planta de combustión de biomasa para a produción eléctrica de 49,913 MW composta por:

– Sistema de recepción, tratamento, almacenamento e alimentación de biomasa.

– Caldeira de tipo leito fluído burbullante para produción de vapor.

– Turbina de vapor, redutor e acoplamento elástico co xerador eléctrico de 62,5 MVA a 11 kV, cos φ = 0,8 para unha potencia total de 49,913 MWe.

– Subestación de AT, 66 kV, execución en intemperie, configuración de liña de saída, composta por un transformador principal (T-1) trifásico, en baño de aceite mineral, de 62,5 MVA en réxime ONAN, relación de transformación 66±2,5 %/11 kV e un transformador auxiliar de grupo (T-2) trifásico, en baño de aceite mineral, de 8/10 MVA, refrixeración ONAN/ONAF, relación de transformación 11±2,5±5 %/6,6 kV.

– Liña de potencia trifásica para interconexión da subestación de 66 kV da planta coa subestación da distribuidora, cable de AT, 36/66 kV, Al, XLPE, 1×630 mm2 (RHZ1-2OL (S) 36/66 kV, 1×630 Al + H165). Lonxitude aproximada 1.650 m.

– Instalacións de control e servizos auxiliares.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública:

– Alegación relativa á falta dunha análise de dispoñibilidade e da garantía de subministración, así como a forma de obtención da biomasa forestal nin os acordos existentes cos propietarios dos terreos nin a garantía de poder dispor da biomasa necesaria.

– Alegación en que se manifesta a existencia na mesma localización doutras centrais de biomasa, promovidas por Renova Generación de Energías Renovables, S.L.

– Alegación por contradicións no texto do anteproxecto en relación co tipo de caldeira que se vai empregar, tipo de combustible ou potencia da instalación.

– Alegación contra a tecnoloxía empregada para a combustión da biomasa mediante caldeira de combustión en leito fluído burbullante, que non é a tecnoloxía mais adecuada en función de criterios de eficiencia enerxética e ambiental, mellorándose mediante coxeración ou gasificación.

– Alegación en que se manifesta que a promotora non presentou estudo de viabilidade económica do proxecto.

– Alegación en que se expón que o proxecto debe informar sobre as emisións de CO2 e a súa estratexia tecnolóxica de recaptación, a necesidade de cumprir cos criterios de calidade de emisións expostos nel e dun control exhaustivo por parte das administracións públicas.

– Alegación en que se recolle o valor da madeira como recurso natural e se solicita que a Xunta de Galicia fomente o seu uso responsable, xa que a queima a escala industrial para fins enerxéticos é o final dunha longa cadea de usos.

– Alegación pola baixa eficiencia enerxética da planta, un 31,8 %, debido en parte ao uso da calor producida únicamente para a xeración de electricidade.

– Alegación sobre o impacto ambiental e social no transporte á planta de 546.000 toneladas de biomasa forestal na Comunidade Autónoma de Galicia cos seus efectos no ambiente e na seguridade viaria.

Terceiro. Con data do 13 de xullo de 2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio resolveu formular o informe de impacto ambiental do proxecto da planta de combustión de biomasa, para a produción de enerxía eléctrica de 49,913 MW, en Curtis, promovida pola empresa Greenalia Biomass Power, S.L. (clave 2017/0053), e non considerou necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria.

Cuarto. Con data do 1 de agosto de 2017, Manuel García Pardo, en nome e representación de Greenalia Biomass Power, S.L., solicita a emisión da autorización administrativa previa e de construción da planta de xeración eléctrica a partir de biomasa de referencia, así como calquera outra autorización emitida pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas en relación coa citada planta a nome de Greenalia Biomass Power Curtis Teixeiro, S.L., sociedade constituída por Greenalia Biomass Power, S.L. o 13 de febreiro de 2017 mediante escritura pública de constitución número cincocentos noventa e dous e autorizada polo notario Raúl G. Muñoz Maestre, figurando como titular da totalidade das participacións sociais da nova sociedade.

Quinto. Con data do 27 de outubro de 2017, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña remitiu ao Concello de Curtis unha solicitude de conformidade coa autorización administrativa previa e condicionado técnico á autorización administrativa de construción da planta. O Concello de Curtis manifestou a súa conformidade con data do 2 de novembro de 2017.

Sexto. Con data do 16 de novembro de 2017, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña emitiu informe favorable da autorización administrativa previa e de construción da planta de xeración eléctrica de referencia.

Sétimo. Con data do 14 de decembro de 2017 requíreselle a Greenalia Biomass Power Curtis Teixeiro, S.L. documentación acreditativa da súa capacidade técnica e económica de acordo co establecido no artigo 121 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. A empresa presentou a documentación requirida con data do 27 de decembro de 2017.

Oitavo. Con data do 30 de xaneiro de 2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio resolveu outorgar a autorización ambiental integrada número 1017-IPPC-42-312 á planta de xeración eléctrica de referencia.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no artigo 19 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, correspondéndolle o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Cuarto. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas no antecedente de feito segundo, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, con data do 13 de xullo de 2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio resolveu o informe de impacto ambiental do proxecto da planta de combustión de biomasa no cal considera que non é necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria.

2. En relación coas alegacións de emisións, o proxecto conta con autorización ambiental integrada da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 30 de xaneiro de 2018.

3. En relación coas alegacións de falta de subministración, a empresa promotora presentou dous informes técnicos, o primeiro denominado Estimación de biomasa para abastecemento dunha central termoeléctrica de 49,913 MW. Municipio de Curtis, A Coruña, e o segundo Análise da capacidade de empresas subministradoras de biomasa forestal residual (BFR) a nivel rexional para proposta de contrato de subministración, e xuntou copia de 27 precontratos de subministración.

4. En resposta ás alegacións da tramitación doutras instalacións na mesma localización, debemos sinalar que a sociedade promotora inicial da planta cambiou a súa denominación social de Renova Generación de Energías Renovables, S.L. a Greenalia Biomass Power, S.L., sociedade que posteriormente constituíu Greenalia Biomass Power Curtis Teixeiro, S.L., polo que non existen diferentes proxectos na mesma localización senón un cambio de denominación social.

5. En relación coas alegacións relativas ao tipo de caldeira que se vai empregar e a potencia da instalación, tal como se indica no informe favorable emitido pola Xefatura Territorial da Conselleira de Economía, Emprego e Industria, de acordo co proxecto de execución presentado pola empresa promotora o 8 de setembro de 2017, a planta de biomasa empregará unha caldeira de 49,913 MW de tipo leito fluído burbullante para produción de vapor.

6. En resposta ás alegacións relativas ao tipo de combustible que vai empregar a planta, a empresa manifesta que serán restos das cortas dos aproveitamentos forestais, tal como se recolle nos informes técnicos citados anteriormente presentados pola empresa promotora, así como no estudo de caracterización efectuado pola Universidade de Vigo.

7. En resposta ás alegacións relativas ao tipo de tecnoloxía que se vai empregar na planta, a empresa manifestou que se efectuou un estudo das diferentes tecnoloxías co fin de empregar na súa construción aquela que se adecue máis á finalidade de producir enerxía eléctrica, tendo en conta particularmente as condicións específicas da Comunidade Autónoma de Galicia e o grao de desenvolvemento da tecnoloxía finalmente empregada.

8. En relación coas alegacións relativas á falta de estudo económico do proxecto, a empresa promotora presentou ante esta dirección xeral un informe asinado por un experto independente sobre a capacidade económica do proxecto da planta de biomasa Curtis-Teixeiro, no que se conclúe a súa viabilidade económico-financeira, e xúntase a el un plan económico-financeiro detallado.

9. En resposta ás alegacións relativas á falta de abastecemento, a empresa promotora presentou o 6 de setembro de 2017 un informe técnico denominado Estimación de biomasa para abastecemento dunha central termoeléctrica de 49,913 MW. Municipio de Curtis, A Coruña, o cal recolle nas súas conclusións tanto a dispoñibilidade en 1,6 veces nun raio de 62 km da biomasa forestal necesaria como a viabilidade económica do proxecto. Así mesmo, presentou tamén un informe técnico denominado Análise da capacidade de empresas subministradoras de biomasa forestal residual (BFR) a nivel rexional para proposta de contrato de subministración, no cal se sinala a existencia dun compromiso de subministración entre Greenalia Forest, S.L. e Greenalia Biomass Power Curtis Teixeiro, S.L., que inclúe, ademais, o informe copia dos precontratos de subministración asinados por Greenalia Forest, S.L. con 27 empresas pertencentes ao sector forestal de Galicia.

10. En relación coas alegación relativas á eficiencia enerxética, a planta entra nas marxes habituais para este tipo de instalacións de acordo co recollido na autorización ambiental integrada.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Greenalia Biomass Power Curtis Teixeiro, S.L. para unha planta de xeración eléctrica a partir de biomasa, promovida no concello de Curtis (A Coruña), segundo o correspondente anteproxecto.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción da devandita planta de xeración eléctrica a partir de biomasa e da súa liña de evacuación segundo o proxecto de execución da planta asinado polo enxeñeiro industrial Jesús Rodríguez González, colexiado nº 3.485 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid, e o proxecto da liña de interconexión entre a planta de biomasa e a subestación de Sidegasa asinado pola enxeñeira de Minas María Moreno Martínez, colexiada nº 3.229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste.

As características principais recollidas nos proxectos son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Biomass Power Curtis Teixeiro, S.L.

Domicilio social: praza de María Pita, nº 10, 1º, 15001 A Coruña.

Denominación: planta de xeración eléctrica a partir de biomasa.

Potencia instalada: 49,913 MW.

Características:

– Sistema de recepción, tratamento, almacenamento e alimentación de biomasa.

– Caldeira de tipo leito fluído burbullante para produción de vapor.

– Turbina de vapor, redutor e acoplamento elástico co xerador eléctrico de 62,5 MVA a 11 kV, cos φ = 0,8 para unha potencia total de 49,913 MWe.

– Subestación de AT, 66 kV, execución en intemperie, configuración de liña de saída, composta por un transformador principal (T-1) trifásico, en baño de aceite mineral, de 62,5 MVA en réxime ONAN, relación de transformación 66±2,5 %/11 kV e un transformador auxiliar de grupo (T-2) trifásico, en baño de aceite mineral, de 8/10 MVA, refrixeración ONAN/ONAF, relación de transformación 11±2,5±5 %/6,6 kV.

– Liña de potencia trifásica para interconexión da subestación de 66 kV da planta coa subestación da distribuidora, cable de AT, 36/66 kV, Al, XLPE, 1×630 mmm2 (RHZ1-2OL (S) 36/66 kV, 1×630 Al + H165). Lonxitude aproximada 1.650 m.

– Instalacións de control e servizos auxiliares.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran nos proxectos de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do9 de maio, polo que se aproba o Reglamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Greenalia Biomass Power Curtis Teixeiro, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución.

5. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de vinte e catro meses contados a partir da data de notificación das presentes resolucións. Se transcorrido o dito prazo aquel non tivo lugar, producirase a caducidade destas autorizacións.

6. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

7. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito segundo:

Mónica Arto Blanco en nome da Federación Ecoloxista Galega, 14.7.2017; Vicente Vázquez en nome de Bio&Tech Bioeconomic Development, S.L., 21.7.2017, Klaus Schenck, en nome da Asociación Salva la Selva, 24.7.2017.