Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 4 de maio de 2018 Páx. 23387

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Cervo

ANUNCIO de aprobación definitiva do plan especial de infraestruturas Acondicionamento da rúa entre a avenida Bellavista e a avenida Da Veiga, San Cibrao, Cervo.

Mediante o acordo do Pleno do 26 de abril de 2018, en sesión extraordinaria e urxente, aprobouse definitivamente o Plan especial de infraestruturas Acondicionamento da rúa entre avenida Bellavista e avenida Da Veiga, San Cibrao, Cervo, o que se publica para os efectos dos artigos 82 e 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 199 e 208 do seu regulamento. O acordo literal é o seguinte:

«ACORDO:

Primeiro. Aprobar definitivamente o plan especial de infraestruturas Acondicionamento da rúa entre a avenida Bellavista e avenida Da Veiga, San Cibrao (Cervo), vista a tramitación do citado Plan e o informe favorable previo á súa aprobación definitiva, emitido polo Servizo de Urbanismo.

Segundo. Publicar a aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia, para os efectos do establecido no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Esta publicación deberá realizarse no prazo dun mes desde a adopción da aprobación definitiva.

Terceiro. Publicar no Boletín Oficial da provincia o documento que conteña a normativa e as ordenanzas.

Cuarto. Comunicar o acordo de aprobación definitiva, en virtude do artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, á consellería competente en materia de urbanismo, para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, unindo un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado.

Quinto. Notificar individualmente este acordo a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados ás cales xa se lles tivese notificado a aprobación inicial deste plan».

Así mesmo, estará á disposición dos interesados na sede electrónica deste concello http://cervo.sedelectronica.es

«Medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan.

Á vista da Resolución do 13 de xuño de 2017, pola que se formula o informe ambiental estratéxico do plan e de acordo cos efectos ambientais previsibles segundo os criterios do anexo V da Lei 21/2013, non se prevén efectos ambientais significativos derivados do plan especial, xa que o plan incide positivamente na mobilidade e non establece un marco para a futura autorización de proxectos, alén dos necesarios para realizar as obras da nova vía.

Xustificación da integración do plan nos aspectos ambientais.

O informe ambiental estratéxico referido emitido pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 13 de xuño de 2017 proponse non someter o plan especial ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Tampouco establece determinacións de carácter ambiental que deban ser incluídas no documento do plan.

Xustificación de como se tomaron en consideración no plan o estudo ambiental estratéxico, os resultados da información pública e consultas e a declaración ambiental estratéxica.

Tal e como se ten indicado, o plan non se somete ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria nin se prevén efectos ambientais significativos derivados do plan especial.

Durante o proceso de exposición pública e consultas previas do documento ambiental estratéxico e borrador do plan recíbense un total de tres informes procedentes da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do Instituto de Estudos do Territorio e da Dirección Xeral de Pesca, Innovación Tecnolóxica e Acuicultura.

Informe da dirección xeral de ordenación do territorio e urbanismo.

En relación coa alteración de tramos viarios de carácter xeral indícase no correspondente informe que “A nova ordenación altera tramos viarios de carácter xeral (avenidas Bellavista e Da Veiga) que forman parte de estradas provinciais, cunha función estruturante municipal ou supramunicipal. En consecuencia, sinala que cómpre xustificar axeitadamente a mellora da ordenación urbanística vixente (artigo 65.1ª) da LSG) resultante da diminución da dimensión dos sistemas xerais”.

En relación con este aspecto, cabe referir que o plan especial non altera as dimensións dos sistemas xerais viarios referidos, mantendo a súa sección.

En relación coa representación do viario e dos seus noiros, indícase no correspondente informe que “as representacións do borrador e do DAE son diferentes ás contidas nos planos de ordenación. Tamén existe unha contradición entre os noiros precisos na planimetría e a previsión de muros de contención que indican o borrador e o DAE, o que resulta determinante para establecer as aliñacións interiores. Tamén deberá quedar determinada a cualificación dos terreos ocupados polos noiros”.

Con respecto a este aspecto corríxense as representacións do viario nos diferentes planos da plataforma do viario e dos noiros e muros que o soportan para definir exactamente as aliñacións interiores. Defínese, así mesmo, nos correspondentes planos a cualificación dos terreos ocupados polos noiros de acordo coas normas de planeamento municipal vixentes.

En relación coas alteracións que implica o plan especial sobre as NSP, indícase no correspondente informe que “a documentación terá que describir e xustificar as alteracións que implica na ordenación das NSP, xa que, ademais, implica outros cambios:

• Redución da sección do viario de conexión (12 m nas NN.SS.) e reclasificación de terreos edificables (ordenanza residencial aberta que pasan ao novo viario).

• Unha superficie residual de terreo, abranguida entre o trazado viario proposto e o sistema ferroviario, cualificado como “residencial aberta”. A súa configuración resultante implica a revisión da súa cualificación.

• Os terreos que, prevéndose integrar no viario previsto polas NNSS, quedan fóra do novo trazado proposto polo plan, nos cales terá que quedar determinada a súa cualificación”.

En relación coa sección do viario de conexión, indícase que o plan especial non altera a sección do viario de conexión segundo as previsións das NSP, entre outras pola consolidación edificatoria existente ao tratarse de zonas que se atopan ben edificadas ben coas aliñacións executadas efectivamente de acordo coas aliñacións previstas nas NSP.

En relación coa superficie residual de terreo, abranguida entre o trazado viario proposto e o sistema ferroviario, identifícase no plano PEI-05 Réxime Urbanístico a configuración deste espazo.

En relación cos terreos que, prevéndose integrar no viario previsto nas NSP, quedan fóra do novo trazado proposto polo PE, e tal e como se amosa no plano PEI-05 Réxime Urbanístico, e xa que o viario trata dunha infraestrutura xa existente e debido aos motivos expostos no número 6.2.2. da memoria xustificativa destinaranse, a viario peonil atopándose, en todo caso, integrados no propio plan especial.

Instituto de estudos do territorio.

O Instituto de Estudos do Territorio considera que o desenvolvemento do plan especial non produce efectos significativos sobre a paisaxe.

Dirección Xeral de Pesca, Innovación Tecnolóxica e Acuicultura.

A Dirección Xeral de Pesca, Innovación Tecnolóxica e Acuicultura informa de que o desenvolvemento do plan especial non ten impacto nas actividades de acuicultura mariña ou continental competencia desa dirección xeral.

Posteriormente, e con motivo da aprobación inicial do plan, emítense os seguintes informes:

Informe da Adif do 13 de setembro de 2017.

O 13 de setembro de 2017, a delegada de Patrimonio e Urbanismo Noroeste da ADIF emite informe favorable condicionado a que se dea cumprimento ás seguintes condicións impostas:

En relación coa normativa de aplicación.

Indícase no referido informe que a normativa de aplicación en materia ferroviaria será a Lei 38/2015, do 29 de setembro, do sector ferroviario, e o Real decreto 2387/2004, do 30 de decembro, que desenvolve a antiga Lei 39/2003, do 17 de novembro, do sector ferroviario, en todo o que non se opoña á actual LSF e á Orde FOM/2230/2005.

Refírese no correspondente punto da memoria a correcta identificación da normativa de aplicación e rango en materia ferroviaria (número 2 da memoria do PEI).

En relación coas superficies de titularidade da Adif.

Indícase no referido informe que “dentro da envolvente total do ámbito de actuación do Plan especial, se afecta unha superficie de 1.429,09 m2 de solo de titularidade da Adif, dos cales, 849,19 m2 deberán ser incluídos dentro do correspondente expediente de expropiación forzosa e o resto, 543,90 m2, por encontrarse, dentro da zona de dominio público ferroviario, non poden ser obxecto de expropiación, polo que é necesario convir na forma en que podería obterse a correspondente autorización para a ocupación desta porción do dominio público ferroviario”.

Faise a correspondente aclaración no número 6.4 da memoria do PEI coa referencia das superficies do ámbito do PEI afectadas pola infraestrutura ferroviaria diferenciando as superficies que deben someterse a procedemento de expropiación forzosa daquelas que deben ser obxecto do correspondente convenio que autorice a ocupación do dominio público.

Informe da Deputación Provincial de Lugo.

A Deputación Provincial de Lugo emite informe sectorial de carácter favorable.

Alegacións no período de exposición pública.

Segundo consta no informe do funcionario da Oficina de Información e Rexistro do Concello de Cervo, constátase que durante o período de exposición pública non se presentou alegación ningunha.

Informe da dirección xeral de ordenación do territorio e urbanismo.

O 24 de abril de 2018, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emite informe previo á aprobación definitiva en sentido favorable.

Razóns da eleción da alternativa seleccionada en relación coas alternativas consideradas.

O DAE describe un total de 3 alternativas:

– Alternativa 0. A alternativa de non actuación.

– Alternativa 1.

– Alternativa 2.

Alternativa 0: implicaría manter o trazado actual entre a avenida Bellavista e a avenida Da Veiga, actualmente rúa obxecto do presente plan especial, presenta un trazado moi sinuoso, de uns escasos 4 metros de largura, e salva a liña do Feve mediante un paso superior onde a sección da calzada presenta apenas 3 m de largo, cuns raios de curvatura moi reducidos (6,5 m), o que implica que neste momento só poidan circular polo citado paso vehículos lixeiros, dado que a sección transversal na zona de paso, unida á súa curvatura, impide que por el poidan circular vehículos pesados como autobuses ou camións.

Alternativa 1: esta alternativa actualmente é inviable, debido a que os condicionantes de dimensións máximas do Feve implican que sexa necesario salvar un desnivel duns 8,5 m en aproximadamente 24 m de lonxitude, o que significa unha pendente do tramo en cuestión do 35 %, excesiva tanto para o tráfico rodado como para o tránsito peonil.

Alternativa 2: prevé manter a ponte existente para o tránsito peonil e executar un novo paso superior adosado á estrutura actual para tráfico exclusivo de vehículos.

Para poder cumprir as limitacións canto aos parámetros en planta e alzado especificados na normativa vixente e permitir o paso de autobuses pola vía, proxéctase un trazado cun raio no eixo de 30 m e unha pendente máxima do 8 %, o que fai inevitable a modificación do trazado proposto nesa zona nas normas subsidiarias de planeamento vixentes no concello.

A elección da alternativa 2 parece ser mais lóxica coa natureza dos motivos que suscitan este plan, xa que o obxectivo do plan especial e a mellora das características da rúa mencionada, aumentando a súa largura, engadindo beirarrúas e servizos e optimizando o seu trazado».

Contra o presente acordo, en aplicación do artigo 112.3 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que aproba unha disposición de carácter xeral, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Todo isto sen prexuízo de que se poida interpor calquera outro recurso que se considere oportuno.

Cervo, 27 de abril de 2018

Alfonso Villares Bermúdez
Alcalde