Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 1 de xuño de 2018 Páx. 26948

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 55/2018, do 31 de maio, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados pola explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018.

O día 23 de maio de 2018 produciuse na parroquia de Paramos, no concello de Tui (Pontevedra) una explosión de material pirotécnico que se encontraba nunha nave anexa a unha vivenda na citada parroquia. A explosión foi de tal magnitude que alcanzou un raio de 600 metros e a súa onda expansiva sentiuse a máis de catro quilómetros do lugar dos feitos, provocando dous falecidos e numerosos feridos, así como a destrución e afectación a numerosas vivendas da contorna.

A existencia deste tipo de situacións de emerxencia excepcional ou calamidade pública comporta danos persoais e materiais que determinan unha situación de emerxencia humanitaria e social para os afectados, o que fai necesario articular mecanismos de colaboración e cooperación entre todas as administracións implicadas, en concreto, mediante o establecemento dun sistema de axudas que palíen os danos causados pola explosión, que atendan as situacións de necesidade en que se poidan encontrar os veciños e persoas directamente afectadas, e mesmo contribúan á restauración comunitaria e urbanística da zona afectada para que poida volver á normalidade.

O artigo 38 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, prevé a actuación das administracións públicas, dentro das súas respectivas competencias, para o restablecemento dos servizos esenciais para a comunidade afectada pola situación de emerxencia, así como o establecemento de axudas en atención ás necesidades derivadas deste tipo de situacións.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 31 de marzo de 2010, adoptou o acordo polo que se establecen as directrices básicas de actuación coa finalidade de restablecer os servizos esenciais afectados como consecuencia dunha emerxencia ou calamidade, así como de protexer a integridade das persoas e bens de titularidade pública ou privada e os danos provocados por estas situacións.

Deste xeito, establécese un protocolo de actuación que deberá ser seguido nestas situacións, de modo que, mediante decreto, se acorde a oportunidade de outorgar axudas destinadas á reparación dos danos e perdas causados.

Logo de informe da Axencia Galega de Emerxencias, declárase como de emerxencia de natureza excepcional a situación producida pola explosión de material pirotécnico en Tui o 23 de maio de 2018.

Na súa virtude, por proposta das persoas titulares das consellerías de Facenda, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; Infraestruturas e Vivenda; Economía, Emprego e Industria; Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e Medio Rural, e co referendo do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tras o informe da Axencia Galega de Emerxencias do 30 de maio de 2018, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de maio de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ámbito de aplicación

As axudas previstas neste decreto aplicaranse á reparación dos danos orixinados pola explosión de material pirotécnico acontecida o día 23 de maio de 2018 no ámbito territorial do concello de Tui (Pontevedra), nos termos e nas contías máximas que se establezan nel, así como nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa que o apliquen.

Artigo 2. Natureza das axudas

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido ou, de ser o caso, da contía ou porcentaxe deste establecida neste decreto ou que se fixe nas correspondentes convocatorias ou resolucións de concesión directa.

En todo caso, o beneficiario da axuda cederá á Administración autonómica todas as accións de que dispoña para a reclamación das cantidades achegadas por esta ás persoas causantes do sinistro, sen prexuízo do dereito dos beneficiarios a reclamar polos danos e perdas sufridos que non sexan obxecto da axuda ou que excedan a indicada axuda.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. O procedemento de concesión rexerase polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e nas condicións que se establezan nas súas correspondentes bases reguladoras.

3. Tendo en conta a natureza destas axudas, que se conceden por razón da existencia dunha emerxencia excepcional e por razóns do interese público, social e humanitario, as convocatorias e resolucións de concesión directa que apliquen este decreto poderán exceptuar as persoas beneficiarias das axudas do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Do mesmo xeito, e pola natureza destas axudas, en virtude do disposto no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os anticipos ou pagamentos á conta que prevexan as convocatorias ou resolucións de concesión directa que se diten en aplicación deste decreto e que poderán alcanzar ata o 100 %, quedarán exentos da obriga de constituír garantías.

5. En virtude deste decreto, e para os efectos do disposto nos artigos 48 da Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, e 40.4 do Decreto 11/2009, o Consello da Xunta de Galicia autoriza o outorgamento de axudas por contía que supere as previstas nos indicados artigos, tendo en conta a situación de emerxencia dos beneficiarios e a natureza das axudas.

6. Así mesmo, e para os efectos do disposto no artigo 58.1.b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, autorízase a adquisición de compromisos plurianuais de gastos de transferencias correntes nas convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa derivados do presente decreto.

Artigo 4. Réxime de contratación

1. Para os efectos previstos no artigo 120 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, terán a consideración de obras, servizos, adquisicións ou subministracións de emerxencia os de reparación ou mantemento do servizo de infraestruturas ou equipamentos, así como as obras de reposición de bens prexudicados pola explosión.

2. Para estes efectos, inclúense entre as infraestruturas as estradas, as de transportes, as eléctricas, as hidráulicas e as forestais, de ser o caso.

3. Declararase urxente a ocupación dos bens afectados polas expropiacións derivadas da realización das obras a que se refire este artigo, para os efectos establecidos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Artigo 5. Beneficiarios

1. Poderán solicitar as axudas, nos termos que se establezan neste decreto e nas convocatorias ou resolucións de concesión directa que se aproben, os seguintes beneficiarios:

a) As persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou inquilinas de vivendas que sufrisen danos que afecten tanto o inmoble como o enxoval doméstico.

b) Os titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos en que se producisen danos derivados directamente da explosión.

c) Os titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras.

2. Os prazos para a presentación de solicitudes determinaranse nas ordes que se diten en aplicación deste decreto.

Artigo 6. Axudas a persoas en situación de orfandade

Concederánselles axudas ás persoas que se encontren en situación de orfandade como consecuencia dos falecementos que teñan a súa causa na explosión a que se refire este decreto, coa finalidade de atender as súas necesidades.

Artigo 7. Axudas por danos causados en vivendas e enxoval doméstico

1. Serán obxecto de axuda os danos causados pola explosión na vivenda que constitúa a residencia permanente e habitual dos seus moradores e nas súas instalacións complementarias, na parte non comprendida tanto polas axudas que aproben outras administracións públicas como por calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

Para o caso de que os danos ocasionados determinen a ruína da vivenda, a axuda concederase polo importe do 100 % do valor de reposición, sen que en ningún caso o importe da dita axuda, en conxunto con outras axudas ou sistemas de cobertura de danos, poida superar o límite do 75 % do prezo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade.

Nos casos de rehabilitación ou reparación do inmoble danado, a axuda concederase polo importe correspondente ata cubrir como máximo o 100 % do valor de rehabilitación ou reparación, sen que en ningún caso o importe da dita axuda, en conxunto con outras axudas ou sistemas de cobertura de danos, poida superar o límite do 75 % do prezo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade.

2. Serán obxecto de axuda os danos causados no resto das vivendas residenciais que non sexan permanentes e habituais e nas súas instalacións complementarias, na parte non comprendida tanto polas axudas que aproben outras administracións públicas como por calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

Para o caso de que os danos ocasionados determinen a ruína da vivenda, a axuda concederase polo importe do 40 % do valor de reposición, sen que en ningún caso o importe da dita axuda, en conxunto con outras axudas ou sistemas de cobertura de danos, poida superar o límite do 40 % do 75 % do prezo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade.

Nos casos de rehabilitación ou reparación do inmoble danado, a axuda concederase polo importe correspondente ata cubrir como máximo o 40 % do 75 % do prezo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade. As vivendas deberanse dedicar, polo menos, a vivenda ocasional, e quedan excluídas destas axudas as edificacións ruinosas e as que estean en manifesto abandono.

3. As axudas concedidas para o caso de ruína da vivenda entenderanse concedidas en atención á situación, produto da situación de emerxencia excepcional, na cal se encontra o beneficiario, polo que, de acordo co disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, de subvencións da Galicia, non requirirán outra xustificación que a acreditación por calquera medio admisible en dereito da titularidade ou usufruto do inmoble previamente á concesión, sen prexuízo dos controis que se establezan para verificar esta cuestión.

Nos demais supostos, observarase o disposto nas correspondentes convocatorias de axuda ou resolucións de concesión directa.

4. Para os efectos deste artigo, entenderanse por vivenda as construcións anexas e instalacións complementarias e elementos comúns no caso de comunidades de propietarios. Como instalacións complementarias entenderanse as construcións e equipamentos de apoio á economía e vida familiar, tales como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións, etc., sempre e cando estean situados no mesmo predio da vivenda. No mesmo sentido, entenderase como construción ou instalación complementaria o cerramento preexistente do predio en que está a vivenda.

5. Serán igualmente obxecto de axudas os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade das vivendas danadas cando non estean incluídos nas axudas que para o mesmo efecto poidan aprobar outras administracións.

No caso do enxoval incluído nas vivendas ruinosas que constitúan a residencia permanente e habitual dos seus moradores, o importe da axuda será dun 15 % da valoración do custo dos gastos de reposición da vivenda, calculados de acordo co establecido no número 1 deste artigo.

No caso do enxoval incluído nas vivendas ruinosas que non sexan permanentes e habituais, o importe da axuda será dun 5 % da valoración do custo dos gastos de reposición da vivenda, calculados de acordo co establecido no número 1 deste artigo.

Nos demais supostos, o importe da axuda será de ata o 100 % ou de ata o 40 % dos gastos de reparación ou reposición en función de que o enxoval sexa o da vivenda habitual e permanente ou o da vivenda ocasional, respectivamente, e cun límite máximo de 3.000 euros.

6. Entenderanse por vivendas ruinosas para os efectos deste artigo aquelas que se encontren nos supostos establecidos no artigo 141 na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

7. Quedan exceptuados de axuda, en todo caso, os danos producidos na vivenda e no predio en que se encontraba o material pirotécnico e as súas instalacións complementarias.

Artigo 8. Axudas por danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís

1. Serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos estragos ocasionados pola explosión nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías depositadas nelas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades, nas condicións e requisitos que se determinen nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa.

2. Quedarán excluídas da percepción destas axudas as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Artigo 9. Axudas por danos nas explotacións agrícolas ou gandeiras

Respectando os criterios establecidos pola Unión Europea nas directrices comunitarias sobre axudas estatais nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais de 2014 a 2020, os titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras que sufrisen danos e perdas por mor da explosión, poderán ser beneficiarios de axudas nas condicións e requisitos que se determinen nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa.

Artigo 10. Convenios con outras administracións públicas e entidades colaboradoras

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia propiciará a subscrición co resto das administracións públicas e coas entidades colaboradoras dos convenios de colaboración que exixa a aplicación deste decreto con vistas ao cofinanciamento das actuacións.

Artigo 11. Financiamento

1. As axudas públicas reguladas neste decreto financiaranse con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas. Para estes efectos, realizaranse, de ser o caso, as modificacións de crédito que sexan necesarias.

2. En todo caso, a concesión das axudas estará subordinada á existencia de crédito adecuado e suficiente.

Disposición adicional primeira. Aloxamento provisional

Facúltase a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, para que, dentro do ámbito das súas competencias, poida contribuír a sufragar os gastos que orixine o aloxamento provisional, incluídos os gastos de transporte de persoas e mudanza de bens, daquelas persoas que, como consecuencia da explosión, teñan que abandonar definitiva ou temporalmente as súas vivendas e, se é o caso, mentres efectúen as obras de rehabilitación ou reparación. Para estes efectos, poderá celebrar convenios ou acordos con outras administracións públicas ou con organizacións especializadas no auxilio ou asistencia a damnificados en situacións de sinistro ou calamidade pública.

Disposición derradeira primeira

Facúltanse os distintos titulares das consellerías e das entidades do sector público para que, de ser o caso e no ámbito das súas competencias, aproben as convocatorias e diten os actos e as medidas necesarios para a aplicación deste decreto.

Para os ditos efectos, entenderanse competentes para a concesión das axudas previstas neste decreto as seguintes consellerías:

– Axudas a persoas en situación de orfandade, a Consellería de Facenda.

– Axudas por danos causados en vivendas e instalacións complementarias, o Instituto Galego da Vivenda e Solo.

– Axudas para a reposición de explotacións agrícolas ou gandeiras danadas, a Consellería do Medio Rural.

– Axudas para compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís incluídos no seu ámbito competencial, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e as entidades instrumentais adscritas a ela ou a Axencia Turismo de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a Consellería de Facenda para adoptar as medidas financeiras e orzamentarias consecuentes para facer fronte ás situacións de carácter extraordinario, derivadas da explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018, que adopte a Xunta de Galicia para a reparación dos danos causados.

Disposición derradeira terceira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de maio de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza