Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 21 de xuño de 2018 Páx. 30021

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2018 pola que se acorda a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia das carpintarías de ribeira denominadas de Carlagho e Casqueiro do termo municipal de Moaña, como lugar de valor etnolóxico.

A construción de embarcacións de madeira ou a carpintaría de ribeira é unha actividade tradicional dun indubidable interese cultural, antropolóxico e etnolóxico. Trátase dunha actividade cultural dotada de múltiples valores derivados das distintas tarefas, oficios e modos de vida que a integran e que, polo tanto, constitúen una boa mostra da identidade cultural dos pobos mariñeiros, cun gran risco de desaparición e perda completa do coñecemento tanto polos cambios producidos nos tipos e tecnoloxías de construción como polas modificacións sobre os ámbitos en que se localizan, especialmente os costeiros. A súa presenza estendeuse a toda Galicia, aínda que houbo zonas onde a construción de embarcacións tradicionais tivo e ten unha enorme importancia tanto polo número de estaleiros como polas embarcacións construídas. Este valor levou á incoación dun procedemento de recoñecemento do valor cultural inmaterial das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, mediante a Resolución do 29 de maio de 2017, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.

Segundo establece o artigo 8.3 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais, non declarados de interese cultural, que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia». Estes bens deben integrarse nalgunha das categorías, en atención ao establecido no artigo 10.1 da Lei do patrimonio cultural de Galicia, das cales parece máis adecuada a definida na alínea a), monumento, como «obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

O artigo 91.3.i) da citada lei establece que se presume valor etnolóxico, sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade, «as fábricas de salgadura, as carpintarías de ribeira e as embarcacións tradicionais do litoral e dos ríos de Galicia». Pola súa banda, o artigo 104 recoñece valor industrial para as instalacións e fábricas da industria navieira anterior a 1936 e para aquelas posteriores a esta data, sempre que así se determine despois dun estudo pormenorizado.

O día 3 de maio de 2016 a Asociación Recreativa e Cultural Sueste solicitou á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a protección dos estaleiros de Casqueiro e Carlagho na localidade de Moaña para o cal presentou un informe sobre os seus valores culturais.

O 23 de decembro de 2016, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu a resolución pola que se incoaba o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, do conxunto dos astaleiros de Casqueiro-Calragho, sitos na parroquia de San Martiño de Moaña, no termo municipal de Moaña (DOG núm. 9, do 13 de xaneiro de 2017). En relación co que dispón a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e como se recolle na propia resolución pola que se incoa o procedemento, abriuse un trámite de información pública por un período dun mes, no cal se puideron presentar as alegacións que se consideraron oportunas. Para tales efectos a documentación do expediente estivo á disposición do público nas oficinas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no Edificio Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela e no Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Pontevedra (rúa Fernández Ladreda, 43, 7º e 8º). A resolución de incoación notificóuselles, así mesmo, ao Concello de Moaña e aos interesados.

Durante o período de exposición pública foron presentadas 90 solicitudes ou achegas de documentación, que poden resumirse en 64 alegacións, 19 declaracións relativas ao cesamento da actividade dunha das carpintarías de ribeira, 6 documentos de diferente alcance, principalmente relativos ás concesións e ao seu trámite de caducidade, e unha colección de sinaturas en favor da continuidade do paseo marítimo que estaba a ser executado.

O contido básico das alegacións eran contra a protección ou contra o establecemento dun contorno de protección que afectase as edificacións residenciais da avenida Concepción Arenal. Os argumentos fundamentábanse na carencia de valores culturais, na extinción da actividade ou da concesión para o seu desenvolvemento, ou na ocupación da zona de vixilancia e salvamento.

Así mesmo cómpre sinalar que na madrugada do 10 de xuño de 2017, as instalacións do estaleiro do Casqueiro sufriron un grande incendio que provocou a súa total destrución, quedando soamente partes dos muros perimetrais nun precario equilibrio e desaparecendo todo o material e instalacións que acubillaba no seu interior. Este incendio, do cal se investigou (sen coñecer os resultados) a súa intencionalidade, coincidiu, así mesmo, coa incoación do procedemento para declarar ben de interese cultural de natureza inmaterial as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira en Galicia.

Os informes técnicos realizados xustifican a protección das estruturas como lugar en que se realizara a actividade da carpintaría de ribeira, aínda que cun nivel de protección de carácter ambiental que permitise, no contexto dunha rehabilitación, a recuperación das actividades, ou doutras de carácter cultural, en compatibilidade coa liberación da zona de vixilancia e unha potencial continuidade do paseo. As alegacións foron analizadas e respondidas en tempo e forma, estimouse a solicitude principal ou a subsidiaria en 39 delas e desestimáronse 25.

No relativo ás condicións para o desenvolvemento da actividade, o día 19 de xuño de 2017 o Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medioambiente declarou a caducidade da concesión de estaleiro de embarcacións menores e ordenou a súa reversión ao Estado.

Á vista do contido do expediente e da información que o acompaña, na cal se acredita a concreción da presunción dos valores culturais legalmente recoñecidos a través dun procedemento específico, en especial o seu valor etnolóxico e histórico, cómpre proceder á inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia das carpintarías de ribeira de Casqueiro e Carlagho na localidade de Moaña (Pontevedra).

Polo tanto, no exercicio da competencia que me atribúe o Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e o artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia das carpintarías de ribeira de Casqueiro e Carlagho do lugar de Moaña, na parroquia de San Martiño do concello de Moaña (Pontevedra) consonte a descrición e nivel de protección que figura no anexo I; os condicionantes para a súa protección recollidas no anexo II e a delimitación e contorno de protección recollidos no anexo III desta resolución.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Notificar esta resolución ao Concello de Moaña e aos interesados no procedemento.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2018

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
P.D. (Orde do 14.3.2018; DOG nº 58, do 22 de marzo)
Mª del Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición e nivel de protección

1. Denominación.

Carpintarías de ribeira de Casqueiro e Carlagho.

2. Localización.

Moaña. Parroquia de San Martiño de Moaña (Pontevedra).

3. Descrición.

A actividade de carpintaría de ribeira dos estaleiros Casqueiro e Carlagho iníciase no ano 1942, despois da concesión administrativa para a devandita actividade, e desenvólvese con diferente intensidade ata finais do século XX.

Localizadas nunhas construcións de sinxelo volume, sobre muros de cantaría e cubertas de cerchas de madeira rematadas en tella, abertas para o mar e comunicadas con el por un par de sinxelas guías para facilitar o tránsito das embarcacións, conforman espazos diáfanos nos que realizar as diferentes actividades de construción, reparación e almacenaxe. Cara á vila, as construcións non presentan apenas diferencia cunha arquitectura doméstica, cunha cuberta a dúas augas achafranada cara á fronte. As edificacións principais complementábanse con peches precarios de madeira (ou outros materiais funxibles) para protexerse do aire e da choiva nos procesos construtivos, e eventualmente con outras edificacións complementarias para usos máis específicos. O interior tampouco posuía un pavimento especial, xa que a terra compactada, ademais da necesaria adaptabilidade aos procesos, tamén ofrecía unha mellor regulación térmica.

No caso do estaleiro de Casqueiro, na actualidade só se conserva o trazado dos muros perimetrais de cantaría, xa que sufriu un incendio en xuño de 2017 que provocou a destrución da cuberta e de todo o seu contido, quedando sensiblemente afectada a estabilidade dos peches que se conservan.

Para a súa comprensión e a mellor interpretación da actividade, os espazos e instalacións necesarias para estas carpintarías poden clasificarse como:

– Edificación principal: nave diáfana na cal se realizaba a principal actividade de carpintaría de ribeira. No interior dispóñense, á conveniencia e segundo a magnitude do traballo, os diferentes elementos, organizándose espazos específicos para a custodia da maquinaria, os traballos de administración, os deseños, etc... aínda que a disposición á vista é a máis habitual para axilizar os procesos. A súa lonxitude inicial tamén se adaptou ao crecemento da actividade, con fábricas ás veces de ladrillo, ou de madeira, procesos repetidos e moi habituais nas carpintarías de ribeira. Algunhas actividades desenvolvéronse en dependencias construídas no seu exterior, como talleres específicos ou administración.

– Serradoiro: espazo dedicado á mecanización e formación dos taboleiros e outras pezas, por medio de serras de cinta. No caso da Casqueiro era unha construción anexa á principal, e no caso de Carlagho era outra edificación xemelga da principal que, co tempo, foi transformada en vivenda.

– Muro litoral: estrutura de cantaría que conforma o plano de construción das edificacións e do espazo de traballo, sobre o nivel da marea alta e disposto para a súa protección. Na actualidade presenta un remate irregular.

– Plataforma de traballo: espazos complementarios para o traballo nas embarcacións, o depósito dos materiais, secado da madeira..., que tamén podía desenvolverse no espazo intermareal. Na carpintaría do Carlagho a edificación principal e o muro litoral conectábanse a través dunha grada.

– Anguías-Varadoiro: estrutura para facilitar o acceso desde o mar á plataforma de traballo, por medio dun par de carrís estreitos sostidos na area sobre poios.

4. Bens mobles relacionados.

No relativo ás ferramentas e maquinaria interior, e máis despois do incendio do asteleiro de Casqueiro, non se considera que deban ser relacionadas ou afectadas pola inclusión no catálogo, xa que poderían supoñer outorgarlle unha valoración material prexudicial en relación co seu necesario uso e desgaste para a realización das actividades propias da construción tradicional das embarcacións, que é o principal valor que nelas se protexe. Ao mesmo tempo, a caducidade da actividade en si mesma tamén fai complexo establecer unha relación directa destas coas instalacións, polo que non se relacionan bens mobles afectados pola catalogación.

5. Nivel de protección: ambiental.

Os sistemas construtivos e os materiais das edificacións resultan sinxelos, baseados na economía de medios, no inmediato da construción e na súa versatilidade, que permitan adaptar a estrutura ao tipo de barco e ás diferentes intensidades dos traballos e dos encargos, polo que resultan estruturas lixeiras, sinxelas e froito, ás veces, dunha estrita funcionalidade sen aspiracións estéticas. Pero, ademais destas características, neste caso destacan pola súa incorporación ao tecido urbano, pola disposición cara á rúa de elementos de fachadas perfectamente asimilables ás construcións residenciais do momento.

Dadas estas características, considérase que o nivel de protección deste ben ten que ser o de protección ambiental que, segundo o artigo 41 da Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia, supón a conservación dos aspectos máis visibles e evidentes dos bens que, malia non presentaren un interese individual destacable, conforman o ambiente dun lugar de forma homoxénea e harmoniosa.

ANEXO II

Condicións para a súa protección

1. Réxime xeral de protección.

As intervencións sobre o ben requirirán da autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, así como aquelas que se realicen no seu contorno definidas no artigo 45.1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia.

2. Actuacións autorizables sobre os bens.

As actuacións autorizables serán as de investigación, mantemento, conservación, consolidación, restauración, rehabilitación e reestruturación parcial ou total, así como as de ampliación, sempre que non supoñan unha deterioración ou destrución dos valores culturais que aconsellaron a súa protección.

3. Réxime específico de protección.

Poderá ser autorizada excepcionalmente pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural outro tipo de intervencións distinto ao establecido de forma xeral, nos casos en que se analicen de forma pormenorizada as características e condicións de conservación do ben e o seu contorno de protección, os valores culturais protexidos e as melloras funcionais, sempre que o proxecto de intervención xustifique a súa conveniencia en prol dun maior beneficio para o conxunto do patrimonio cultural de Galicia. Neste senso, cómpre insistir no criterio definido para a rehabilitación e intervención no contorno, en especial na fronte marítima.

Os criterios xerais de protección deberán ter especial consideración a escasa entidade construtiva e material propia das carpintarías de ribeira, e que esta protección non está baseada tanto no seu valor material como na expresión dos sistemas construtivos, as necesidades espaciais e funcionais, e a capacidade de adaptación a diferentes necesidades.

Serán autorizables as intervencións que dispoñan dos complementos e medios necesarios para a implantación de usos culturais e interpretativos sobre a actividade tradicional da carpintaría de ribeira e as embarcacións tradicionais en xeral.

Debe garantirse a compatibilidade entre a zona de vixilancia de litoral e salvamento, a potencial continuidade do paseo litoral e o propio uso das edificacións e o seu contacto funcional co mar, a través de guías ou da solución técnica que se poida habilitar para o efecto.

A recuperación da carpintaría de Casqueiro, da cal só permanecen os muros perimetrais de cantaría, debe garantir o cumprimento das condicións indicadas, e no proceso de rehabilitación para usos compatibles co seu contorno urbano, preferentemente os de salvagarda dos valores culturais que se protexen. Polo tanto, serán autorizables as actuacións que prevexan o desmonte dos últimos seis metros da edificación e, así mesmo, a continuidade do paseo poderá realizarse pola fronte marítima, compatibilizándoa co nivel das edificacións que se deben manter e garantindo as solucións compatibles coa saída e contacto co mar.

4. Usos.

O obxectivo principal desta protección é servir de medida de salvagarda para a actividade de carpintaría de ribeira, como ámbito en que se poida realizar a actividade tradicional, ou o seu coñecemento e posta en valor a través das actividades culturais relacionadas coa historia, produción e sistemas vinculados coa construción de embarcacións e a cultura mariñeira de Moaña e O Morrazo en xeral.

Os usos permitidos serán todos os historicamente asociados ao lugar. Dada a caducidade das concesións vixentes, faise evidente que as medidas de salvagarda máis oportunas serían as relacionadas co coñecemento e difusión dos valores culturais etnolóxicos asociados, os que supoñan a posta en valor e goce patrimonial do espazo etnolóxico e contribúan á consecución destes fins, coa incorporación de pezas e maquinarias de interese histórico, técnico e industrial dos inmobles industriais que se conserven.

5. Protección do contorno.

Non se considera que a protección definitiva do contorno teña que afectar o resto de edificacións do ámbito, polo que se reducirá a necesaria autorización previa para os proxectos que desenvolvan a urbanización dos espazos públicos, nomeadamente o tramo de avenida e a súa beirarrúa cara á vila, e o paseo e límite litoral cara ao mar. Neste caso, reitérase o criterio de que as actuacións que se prevexan na zona de vixilancia litoral deberán compatibilizar a continuidade do paseo co nivel das edificacións, garantindo as solucións compatibles coa saída e contacto co mar e o uso do espazo público, procurando incorporar a este ámbito urbano as edificacións con usos compatibles co planeamento urbanístico e a lexislación sectorial competente.

ANEXO III

Delimitación e contorno de protección

A delimitación dos bens protexidos corresponde coas edificacións principais dos estaleiros Carlagho e Casqueiro, incluída a que na actualidade estaba a ser usada como vivenda e que na súa orixe tiña relación específica coa actividade, con independencia da caducidade actual dos usos, posto que se estima que poden ser recuperadas no seu contexto como medida de salvagarda relacionada co coñecemento e difusión das técnicas tradicionais da carpintaría de ribeira e da propia historia da vila de Moaña e a súa relación co mar a través das embarcacións tradicionais.

Á vista do procedemento de información pública, estimouse preciso establecer un contorno de protección limitado aos espazos públicos inmediatos ás carpintarías de ribeira. O contorno proponse como o polígono entre os puntos A, no eixe da avenida Concepción Arenal fronte ao número 16, polo linde sur do número 17, sen incluílo, ata o punto B no linde do dominio público marítimo-terrestre, e desde aquí ao punto C, na prolongación do linde norte do número 29 (Casa do Mar) co propio bordo do litoral, ata o punto D, polo linde devandito ata o eixe da avenida fronte ao número 26.

missing image file