Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 6 de agosto de 2018 Páx. 36485

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 27 de xullo de 2018 para facer pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da ampliación de calzada na estrada AC-552, p.q. 9+000 a 9+650, de clave AC/17/178.10.

Con data do 27 de xullo de 2018, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Vivenda (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 26 de marzo de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 60) o Anuncio do 16 de marzo de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción da ampliación de calzada na estrada AC-552, p.q. 9+000 a 9+650, de clave AC/17/178.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións, certificados e informes e procedeuse á súa valoración.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública, durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto, e tras os certificados, alegacións e informes presentados polos organismos oficiais competentes,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de ampliación de calzada na estrada AC-552, p.q. 9+000 a 9+650, de clave AC/17/178.10, mantendo o trazado proposto como definitivo, coas seguintes modificacións:

1. De acordo coa petición do Concello de Arteixo, trasladarase a parada de autobús do p.q. 8+914 ao p.q. 9+065.

2. En fases posteriores modificarase a relación de bens, dereitos e propietarios afectados de acordo coas alegacións presentadas.

3. De acordo co establecido no artigo 52 de Lei 8/2013, de estradas de Galicia, e o artigo 128 do Regulamento da Lei de estradas, dadas as características urbanas da zona e as necesidades de mobilidade do polígono, establecerase unha velocidade de circulación a 50 km/h no treito afectado polo proxecto. Así mesmo, o proxecto sometido a información pública prevía un acceso á parcela contigua á rotonda situada no p.q. 9+018 da estrada AC-552. Os primeiros 30 m da saída da rotonda serán de titularidade pública, para salvagardar o funcionamento da rotonda.

4. O proxecto construtivo incorporará novas beirarrúas entre os p.q. 9+061,56 e p.q. 9+136,63 na marxe esquerda da AC-552 en sentido Arteixo. Así mesmo, desprazarase levemente a marquesiña existente na dita marxe para asegurar as súas condicións mínimas de accesibilidade. Isto último faise necesario pola existencia dun alpendre que invade o dominio público da estrada.

Segundo. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Arteixo deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2018

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas