Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 17 de agosto de 2018 Páx. 38227

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xullo de 2018, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia con diversos aproveitamentos forestais, dunha instalación eléctrica denominada LAT 132 kV evacuación PE Montes de Abella modificado, sita nos concellos de Láncara e Triacastela (Lugo) (expediente IN408A/2017/30).

En cumprimento do disposto nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xullo de 2018, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia con diversos aproveitamentos forestais, dunha instalación eléctrica denominada LAT 132 kV evacuación PE Montes de Abella modificado, sita nos concellos de Láncara e Triacastela (Lugo) (expediente IN408A/2017/30).

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xullo de 2018, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia con diversos aproveitamentos forestais, dunha instalación eléctrica denominada LAT 132 kV evacuación
PE Montes de Abella modificado, sita nos concellos de Láncara e
Triacastela (Lugo) (expediente IN408A/2017/30)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Inverólica de Abella, S.L. (en diante, o promotor) en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción, así como coa declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada LAT 132 kV evacuación PE Montes de Abella modificado (en diante, a liña de evacuación), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 2.11.2017, o promotor solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial da liña de evacuación.

Segundo. Por Resolución do 6 de novembro de 2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, emitiu o informe de impacto ambiental da liña de evacuación.

Terceiro. O 21.12.2017, o Consello da Xunta de Galicia declarou de interese especial o parque eólico Montes de Abella e a súa liña de evacuación.

Cuarto. O 3.1.2018, o promotor presentou documentación ambiental relativa á modificación de trazado da liña de evacuación de referencia. A modificación implica un pequeno desprazamento do apoio 20, a instalación dun apoio adicional (novo apoio no vano entre os apoios nº 80 e nº 81 da LAT 132 kV sub. do Corgo-sub. de Triacastela) e o cambio da lonxitude total da liña, que pasa a medir 3.665 metros.

Quinto. Por Resolución do 16 de xaneiro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (en diante, a dirección xeral), someteuse a información pública a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial da liña de evacuación.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 25.1.2018 e no xornal El Progreso do 25.1.2018. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Láncara e Triacastela), da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo (en diante, a xefatura territorial), e da dirección xeral, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A seguir resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, recollidas no anexo desta resolución:

– Solicitude de reubicación dun apoio coa súa infraestrutura asociada.

– Solicitude de denegación da declaración de utilidade pública.

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados en relación coa inclusión das afeccións dun apoio nunha parcela.

Sexto. En cumprimento do disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a dirección xeral remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da liña de evacuación aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Láncara, Unión Fenosa Distribución, S.A., Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Concello de Triacastela.

Sétimo. O 23.1.2018, a dirección xeral solicitou a emisión do correspondente condicionado técnico ao Concello de Láncara.

Oitavo. O 29.1.2018, a dirección xeral solicitou a emisión do correspondente condicionado técnico a Unión Fenosa Distribución, S.A.

Noveno. O 6.2.2018, a dirección xeral solicitou a emisión do correspondente condicionado técnico á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Décimo. O 27.2.2018, o Concello de Triacastela emitiu o correspondente condicionado técnico relativo ás instalacións de referencia. O 12.4.2018, o promotor manifestou a súa conformidade.

Décimo primeiro. O 2.2.2018, esta dirección xeral solicitoulle á Dirección Xeral de Ordenación Forestal o informe de aproveitamentos de masas forestais no marco do establecido no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Décimo segundo. En aplicación do disposto no número 3 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a dirección xeral acordou a apertura do trámite de audiencia outorgándolles aos titulares dos aproveitamentos forestais afectados un prazo de 15 días para que alegasen e presentasen os documentos e xustificacións que estimasen oportunos.

Décimo terceiro. O 5.2.2018, a comunidade MVMC Santa María do Monte recibiu a notificación relativa ao trámite de audiencia e non presentou ningunha alegación durante o citado prazo de 15 días.

Décimo cuarto. O 5.2.2018, a comunidade MVMC Furco recibiu a notificación relativa ao trámite de audiencia e non presentou ningunha alegación durante o citado prazo de 15 días.

Décimo quinto. O 5.2.2018, a comunidade MVMC As Encrucilladas-Arxileiro recibiu a notificación relativa ao trámite de audiencia e non presentou ningunha alegación durante o citado prazo de 15 días.

Décimo sexto. O 20.2.2018, a xefatura territorial emitiu o informe sobre o proxecto da liña de evacuación. Coa mesma data, emitiu o informe do cumprimento das limitacións á constitución de servidume de paso, de acordo co exixido no artigo 58 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Décimo sétimo. O 26.2.2018, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural informou favorablemente a modificación de trazado da liña de evacuación a que se fai referencia no antecedente de feito cuarto deste acordo.

Décimo oitavo. O 9.3.2018, a Sección de Minas da xefatura territorial informou sobre a existencia dentro do espazo físico do trazado da liña de evacuación do permiso de investigación Isabel, núm. 5126 (caducado) e do permiso de exploración Triacastela, núm. 6055 (solicitado).

Décimo noveno. O 16.3.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático informou, só para os efectos ambientais, que á vista do contido do informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 26.2.2018 e unha vez revisado o expediente, non existen obxeccións á modificación de trazado da liña de evacuación a que se fai referencia no antecedente de feito cuarto deste acordo.

Vixésimo. O 26.4.2018 e o 15.5.2018, o promotor achegou nova documentación para os efectos da valoración ambiental das modificacións da liña de evacuación. Estas modificacións veñen determinadas polos cambios propostos polo promotor no proxecto do parque eólico Montes de Abella modificado, obxecto doutro expediente (103-EOL), eliminándose os cinco primeiros apoios, reducíndose a lonxitude total da liña en 903 metros, pasando de 22 a 17 apoios, desprazando o antigo apoio nº 6 (renomeado nº 1 no proxecto modificado) para adaptalo á conexión coa subestación do parque eólico na súa nova localización, e modificando as características do antigo apoio nº 7 (renomeado nº 2 no proxecto modificado) sen que varíe a súa localización respecto do proxecto orixinal.

Vixésimo primeiro. O 7.5.2018, o promotor achegou o documento proxecto de execución LAT evacuación P.E. Montes de Abella. Abril 2018, asinado polo enxeñeiro industrial Eloy Prada Hervella, colexiado nº 1898 no Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), en que se recolle a configuración e características finais previstas para a liña de evacuación.

Vixésimo segundo. O 22.5.2018, a dirección xeral, notificou ás persoas interesadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados polo proxecto da liña de evacuación, ás que se fai referencia no antecedente de feito vixésimo deste acordo.

Vixésimo terceiro. O 23.5.2018, Inverólica de Abella, S.L., declarou que a modificación proposta no proxecto de execución LAT evacuación P.E. Montes de Abella. Abril 2018, non implica ningún cambio con respecto aos cruzamentos con estradas e camiños municipais pertencentes ao Concello de Triacastela.

Vixésimo cuarto. En cumprimento do disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a dirección xeral remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas modificadas do proxecto de execución da liña de evacuación aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Unión Fenosa Distribución, S.A., Concello de Láncara e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Vixésimo quinto. O 29.5.2018, Unión Fenosa Distribución, S.A., emitiu o correspondente condicionado técnico relativo ás instalacións de referencia. O 19.6.2018, o promotor manifestou a súa conformidade.

Vixésimo sexto. O 7.6.2018, o Concello de Láncara emitiu o correspondente condicionado técnico relativo ás instalacións de referencia. O 19.6.2018, o promotor manifestou a súa conformidade.

Vixésimo sétimo. O 19.6.2018, a dirección xeral reiterou a solicitude de emisión do correspondente condicionado técnico, feita o 30.5.2018, á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Vixésimo oitavo. O 5.6.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático informou, só para os efectos ambientais, que unha vez revisado o expediente, non existen obxeccións ás modificacións da liña de evacuación a que se fai referencia no antecedente de feito vixésimo deste acordo, sempre que se cumpra o recollido na documentación achegada polo promotor, no informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 26.2.2018 e no informe de impacto ambiental da liña de evacuación do 6.11.2017.

Vixésimo noveno. O 5.6.2018, a xefatura territorial emitiu o informe sobre o proxecto da liña de evacuación a que se fai referencia no antecedente de feito vixésimo primeiro deste acordo.

Trixésimo. O 8.6.2018, a xefatura territorial emitiu informe actualizado sobre os dereitos mineiros existentes no espazo físico do trazado da liña de evacuación. De acordo co citado informe, non existe ningún dereito mineiro outorgado no espazo físico do trazado da liña de evacuación, só existe a solicitude de permiso de exploración Triacastela nº 6055.

Trixésimo primeiro. O 8.6.2018, a xefatura territorial emitiu o informe actualizado do cumprimento das limitacións á constitución de servidume de paso, de acordo co exixido no artigo 58 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Trixésimo segundo. O 11.6.2018, a Dirección Xeral de Ordenación Forestal informou tralo modificado, no marco do establecido no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, que non existe obxección á declaración de prevalencia da utilidade pública da liña de evacuación sobre o interese xeral dos montes veciñais en mano común.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 45.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta á alegación relativa á modificación do emprazamento dun apoio e a súa infraestrutura asociada, considérase o número 3 do artigo 153 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. No dito número ponse de manifesto a necesidade de acreditar na solicitude de variación do trazado a conformidade previa dos novos propietarios pola dita variación, debidamente documentada, así como o compromiso formal de sufragar todos os gastos que ocasione a súa realización.

2. No que respecta á solicitude de denegación de utilidade pública, o promotor manifestou a súa vontade de alcanzar acordos cos titulares dos bens e dereitos afectados polo proxecto da liña de evacuación. No caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

3. En relación coa existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados en relación coa inclusión das afeccións dun apoio nunha parcela, o 22.5.2018, a dirección xeral, notificou á persoa interesada as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados polo proxecto da liña de evacuación, a que se fai referencia no antecedente de feito vixésimo deste acordo, incluíndo as afeccións do citado apoio.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para a liña de evacuación LAT 132 kV evacuación PE Montes de Abella modificado, sita nos concellos de Láncara e Triacastela (Lugo).

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da liña de evacuación proxecto de execución LAT evacuación P.E. Montes de Abella. Abril 2018, asinado polo enxeñeiro industrial Eloy Prada Hervella, colexiado nº 1898 no Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG).

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

– Solicitante: Inverólica de Abella, S.L.

– Denominación: LAT 132 kV evacuación PE Montes de Abella modificado.

– Orzamento de execución por contrata con IVE: 885.318,75 €.

– Finalidade: evacuación da enerxía eléctrica producida no parque eólico Montes de Abella modificado (expediente 103-EOL).

– Concellos afectados: Láncara e Triacastela (Lugo).

– Características da liña aérea:

- Tensión máis elevada (kV): 145.

- Tensión nominal (kV): 132.

- Orixe: subestación do parque eólico Montes de Abella modificado.

- Fin: novo apoio no van entre os apoios nº 80 e nº 81 da LAT 132 kV sub. do Corgo-sub. de Triacastela.

- Lonxitude (m): 2.762.

- Condutor: LA180.

- Nº apoios/tipo: 17 metálicos en celosía.

- Nº de circuítos: 2.

- Nº de condutores por circuíto: 3.

- Nº de cables de terra: 1.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións da liña de evacuación LAT 132 kV evacuación PE Montes de Abella modificado, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Cuarto. Declarar a prevalencia da utilidade pública da liña de evacuación LAT 132 kV evacuación PE Montes de Abella modificado sobre o interese xeral dos aproveitamentos forestais afectados, de conformidade co informe da Dirección Xeral de Ordenación Forestal do 11.6.2018.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Inverólica de Abella, S.L., denominado proxecto de execución LAT evacuación P.E. Montes de Abella. Abril 2018, asinado polo enxeñeiro industrial Eloy Prada Hervella, colexiado nº 1898 no ICOIIG.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento deberase cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro; o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio; así como as demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

5. De conformidade coa disposición transitoria cuarta número 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación.

6. A liña de evacuación deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lle resulten de aplicación.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, e así mesmo deberá presentar ante esta dirección xeral un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da liña de evacuación, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

8. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, tras a audiencia do interesado.

9. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

10. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, así como no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Anexo

Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito quinto:

José Manuel Rubio Valcarce, o 29.1.2018; María del Carmen Rodríguez Rodríguez, o 5.2.2018; Juan Viñas Landin, o 14.2.2018.