Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 20 de agosto de 2018 Páx. 38340

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 7 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras do Bono emprega automoción para a formación con contratación de persoas desempregadas no sector da automoción en Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Os números 1 e 2 do artigo 29 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral e de fondos de ámbito nacional e de emprego.

Conforme a disposición transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, este é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que corresponde o exercicio das competencias e funcións, entre outras, de proposta e execución das directrices xerais do Goberno no ámbito laboral, o que engloba as competencias en materia de políticas activas de emprego e política laboral, así como promoción laboral, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución.

Correspóndelle, pois, á Consellería de Economía, Emprego e Industria a xestión das subvencións que desenvolven as políticas activas de emprego, entre as cales se inclúen as medidas de apoio a favor da empregabilidade das persoas desempregadas mellorando as posibilidades destas para acceder ao mercado de traballo.

A Xunta esta a implementar a Axenda 20 para o emprego, para impulsar o emprego estable e de calidade e acadar un novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento. Céntrase en tres retos: fomentar o emprego de calidade; reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral; e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas. O Goberno galego busca reforzar a atención especial que xa presta aos colectivos con maiores dificultades de acceso a un posto laboral por medio de diversas medidas.

A política industrial debe prestar unha especial atención a aqueles sectores estratéxicos que, pola súa experiencia exportadora, a súa existencia como empresas tractoras con capacidade para xerar peme e con tradición empresarial e potencial de crecemento, veñen mostrando a súa capacidade de contribuír ao progreso da economía galega.

Dentro do mapa dos sectores priotirarios para Galicia atópase o sector da automoción recoñecido como sector estratéxico. O seu peso na economía e na sociedade galega e, sobre todo, a súa potencialidade para ser eixo tractor da competitividade e diversificación fan da industria manufactureira unha das protagonistas da Estratexia de especialización intelixente de Galicia. É o sector industrial máis importante de Galicia ao representar o 12 % do PIB galego, cunha facturación de 6.100 millóns de euros y cun nivel de ocupación que dá traballo a máis de 19.000 personas (aproximadamente o 11 % do emprego industrial de Galicia). Ademais, as principais empresas contan con capacidade tractora de innovacións destacando a súa relevancia desde o lado da demanda de coñecemento aplicado, así como pola súa capacidade de explotación de coñecemento. Neste sentido, a transformación da industria tradicional cara a modelos avanzados pasa en gran medida pola capacidade para reinventarse e aproveitar nichos de mercado alternativos acordes ao novo contexto global. Co reto de crear un novo modelo industrial para Galicia considéranse como áreas de mellora aquelas vinculadas ás fases da cadea produtiva como o deseño e a innovación de produto, así como a aposta polo desenvolvemento de dinámicas de innovación colaborativas empresa-investigación-Administración.

É por tanto preciso impulsar a colaboración entre empresa e Administración para innovar no deseño de servizos avanzados desde o sector público aos cidadáns. Unha das vías é favorecer a incorporación de novos perfís profesionais que favorezan a diversificación, a especialización e a innovación nos procesos e produtos.

A evolución tecnolóxica dos procesos de produción e a automatización afecta sen dúbida as profesións máis rutinarias e tamén a creación doutras de perfiles tecnolóxicos. Pero esta automatización tamén supón un risco de polarización do mercado de traballo, reforzando aqueles que realizan traballos menos substituíbles ou máis complementarios aos avances tecnolóxicos e prexudicando aos que levan a cabo traballos máis repetitivos ou rutinarios, que favorecen a súa automatización. Tendo en conta o anterior e imprescindible para o sector da automoción de Galicia apostar pola incorporación de novos perfís profesionais que adquiran a necesaria formación para adaptarse ao novo contexto de traballo onde as tecnoloxías de fabricación están a transformar os postos de traballo máis tradicionais.

A Axenda da Competitividade Galicia, Industria 4.0 destaca a necesidade de Galicia de contar cunha industria que se oriente á obtención dun maior valor engadido dos sectores tradicionais, ao tempo que saiba fomentar as actividades emerxentes ou de alto potencial de crecemento. Considérase a formación das persoas como un dos compoñentes necesarios do programa de reforzo das persoas e das organizacións, así como a necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria.

En liña co reto de favorecer un modelo industrial da Galicia do futuro é preciso unha nova liña de axudas destinadas a favorecer o emprego con formación no sector da automoción. Este sector ten un papel tractor na economía galega. Búscase contribuír a súa modernización con novos perfís profesionais e habilidades que fagan as empresas do sector e auxiliares máis competitivas e con maior capacidade de crear emprego de calidade.

Sobre a base da anteriores experiencias en que se incentiva á contratación con formación asociada e os bos resultados logrados, considérase de grande importancia combinar a contratación con medidas de apoio ás capacidades das persoas que se incorporan aos centros de traballo. Deste xeito satisfaise a necesidade das empresas de contar con persoas traballadoras cuns perfís axeitados aos postos de traballo e á forma de produción, incluíndo as liñas máis innovadoras e as novas tecnoloxías ao servizo da produción. Permite, dunha banda, contar con profesionais máis preparados aos novos postos que precisan dunha cualificación altamente especializada, facilitando atender a demanda de recursos humanos que se axusten ás novas habilidades requiridas.

Sobre a base de este marco de planificación impúlsase este programa a prol da contratación con formación de persoas desempregadas en empresas vinculadas ao sector de automoción incluíndo empresas auxiliares, que inclúe a través desta orde de convocatoria, de conformidade co Programa de contratación e formación, eixo 3 oportunidades de emprego, do Plan anual de política de emprego para o ano 2018.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece no seu artigo 5.2 que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se axusta esta disposición.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa nesta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

As bases que rexen este programa establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Consecuentemente con todo o anterior, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, e da Intervención Delegada da Comunidade Autónoma e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, un programa de formación con contratación de persoas desempregadas nos sectores de actividade vinculados ao sector da automoción, e procédese á convocatoria pública de axudas correspondente ao ano 2018 (procedemento TR301Y) denominado Bono emprega automoción.

Por medio desta convocatoria as empresas que soliciten participar na presente convocatoria terán a posibilidade de obter axudas para a formación con contratación por conta allea de persoas en situación de desemprego como parte deste programa de contratación.

A contía máxima de axudas previstas nesta orde que poderá percibir unha entidade solicitante non poderá superar o 1.000.000 de euros.

2. O Bono emprega automoción consistirá nunha subvención ás empresas beneficiarias no programa que, ademais da contratación laboral de persoas en situacion de desemprego, leven a cabo accións formativas para mellorar os coñecementos e habilidades no posto de traballo das persoas participantes.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Para as vindeiras anualidades poderase efectuar unha nova convocatoria do programa baixo as mesmas bases reguladoras.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. Se o orzamento establecido para esta axuda non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.

Para estes efectos terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase de acordo co establecido no artigo 7 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

2. No exercicio económico de 2018, as axudas recollidas nesta orde de convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.3, código de proxecto 2018 00103, cunha contía de 3.000.000 €.

Esta contía estará suxeita á existencia crédito orzamentario dispoñible para o correspondente ano.

3. Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Poderá ampliarse a contía máxima deste crédito para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos desta orde, entenderase por:

a) Persoa desempregada: aquela que estea inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación vinculada ao programa e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

b) Bono emprega automoción: subvención ás empresas beneficiarias do programa que, ademais da contratación laboral de persoas en situacion de desemprego, leven a cabo accións formativas para mellorar os coñecementos e habilidades no posto de traballo das persoas participantes.

c) Acción formativa: formación que se impartirá, presencialmente, ben con medios propios da entidade beneficiaria ou ben a través dunha entidade externa ou expertos, co obxecto de que a persoa traballadora adquira coñecementos e habilidades en relación co posto de traballo que desenvolverá na empresa participante.

d) Sector automoción: por tal sector entenderase aquel que a súa actividade esté vinculada á fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques, así como a fabricación de subministracións para a fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques. Para o obxecto da presente orde considéranse as seguintes fontes para a identificación da actividade empresarial:

• Se a empresa pertence a algunha/s das divisións da Clasificación nacional de actividades económicas CNAE-2009, segundo consta na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria http://emprego.ceei.xunta.gal. Consíderase como tal o sector de Fabricación de vehículos de motor e remolques o que consta como División 29 da CNAE-2009 e Rama 13 da clasificación RAMI, os cales comprenden os seguintes subsectores:

– Fabricación de vehículos de motor (Grupo 29.1, CNAE-2009).

– Fabricación de carrocerías (Grupo 29.2, CNAE-2009).

– Fabricación de compoñentes, pezas e accesorios para vehículos de motor (Grupo 29.3, CNAE-2009).

• A clasificación da actividade económica da empresa segundo o código do imposto de actividades económicas (IAE) que se corresponda coa agrupación 36.

• O obxecto social da empresa segundo conste nas súas escrituras.

Artigo 6. Entidades beneficiarias colaboradoras do programa

1. Por medio deste programa as empresas pertencentes aos sectores da industria da automoción que conten no seu cadro de persoal cun mínimo de 50 persoas traballadoras e que estean interesadas en colaborar coa dita experiencia poderanse acoller ao Bono emprega automoción. A conformidade de participación manifestarase no anexo I-A da solicitude.

2. Estas empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, deben contar con centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

3. As empresas que estean interesadas en participar no programa deben desenvolver actividades económicas nalgunha das divisións CNAE 09 que constan na páxina web da consellería ou ben acreditar polo obxecto social das escrituras ou clasificación do imposto de actividades económicas o tipo de actividade empresarial.

4. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, nin as entidades de formación.

5. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ter sido condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Ter solicitado a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, atoparse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ter sido sancionado mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por se atoparen indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.

6. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

7. Non poderán acollerse ao Bono emprega automoción as empresas que estean suxeitas a unha orden de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea e as empresas en crise nos termos do artigo 1 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (en diante, RGEC).

8. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 5 e 6 anteriores para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable que forma parte da solicitude electrónica e que a título informativo figura como anexo I-A destas bases.

Artigo 7. Solicitudes e prazos

1. En relación coa presentación de solicitudes, as entidades beneficiarias a que vai dirixida esta orde de subvencións son as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas e as sociedades civís. O artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación recolle a posibilidade da obriga de relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración para determinados procedementos. Nos procedementos para a concesión de axudas e subvencións as correspondentes bases reguladoras poderán establecer a indicada obriga. Polo tanto, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Anexo I-A.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para garantir que as persoas solicitantes que carezan de medios para relacionarse telemáticamente coa Administración, de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2018.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.

Artigo 8. Emenda das solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións firmes que, como consecuencia delas, puideren imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego da Secretaría Xeral de Emprego.

3. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola cal se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o cal solicitou a axuda.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal (https://notifica.xunta.gal), dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención da proposta emitida polo servizo instrutor, a resolución ditaraa o órgano competente por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria e seralle notificada á persoa interesada. As resolucións de concesión ou denegación serán sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Unha vez que o órgano competente notifique a resolución, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Incompatibilidades e concorrencia

1. As subvencións previstas no programa Emprega Automoción son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das horas de formación procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. As axudas establecidas neste programa son incompatibles cos contratos para a formación e a aprendizaxe.

Artigo 15. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, por medios propios ou alleos, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos, tal e como establece o artigo 11.d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

d) Dispor de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

e) Excepto aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de levar unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os ingresos da subvención.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos por un prazo de 5 anos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente, desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As obrigas de reintegro establecidas no capítulo II desta orde entenderanse sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, que aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 17. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 18. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídos outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

2. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e nas resolucións de concesión.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios propios como alleos estean ao dispor da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 19. Custos subvencionables e xustificación.

1. As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao artigo 31 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, (en diante, o RGEC). Xa que logo, o bono Emprega Automoción suporá como máximo o 50 % dos seguintes custos subvencionables:

a) Os custos de persoal dos formadores, correspondentes ás horas en que estes participen na formación.

b) Os custos de explotación en que incorran os formadores e os beneficiarios da formación, directamente relacionados co proxecto de formación, como custos de viaxe, materiais e subministracións vinculados directamente ao proxecto, e a amortización de instrumentos e equipos, na medida en que se utilicen exclusivamente para o proxecto de formación; exclúense os custos de aloxamento, agás os custos mínimos de aloxamento necesarios para os beneficiarios da formación que sexan traballadores con discapacidade.

c) Os custos de servizos de asesoramento relacionados co proxecto de formación.

d) Os custos de persoal dos beneficiarios da formación e os custos indirectos xerais (custos administrativos, alugamentos, gastos xerais) polas horas en que os beneficiarios participen na formación.

2. Xustificación dos custos de persoal dos formadores.

A xustificación do pagamento das retribucións ao persoal docente deberase facer, en todo caso, mediante apuntamento bancario e teranse en conta as seguintes indicacións:

a) No caso de que o persoal docente forme parte do persoal da empresa, deberase achegar:

– Nómina do persoal docente.

– Documento bancario que acredite a transferencia da nómina aboada.

– Boletíns de cotización á Seguridade Social: recibo de liquidacións de cotizacións e modelo RNT (relación nominal de traballadores), así como os documentos bancarios que acrediten o seu pagamento.

– Modelo 190 (retencións e ingresos á conta do IRPF e xustificantes do seu pagamento (modelo 111), correspondentes aos trimestres durante os cales se desenvolveu a acción formativa), unha vez que se dispoña deles.

– Xustificante bancario do ingreso do modelo 111 do IRPF.

– Informe de datos de cotización (IDC), correspondentes ao período de desenvolvemento da acción formativa.

– Certificado da unidade responsable de recursos humanos da porcentaxe de horas que se destina á formación, sobre o total da xornada laboral.

b) No caso daquel docente que conste como socio ou socia da entidade beneficiaria, deberase achegar:

– Factura que recolla a denominación da acción formativa, número de horas impartidas, custo por horas e importe que se vaia percibir.

– Xustificante de pagamento da factura.

– Alta de socio ou socia no IAE.

– Recibo de liquidación de cotización ao réxime especial de traballadores autónomos do período de execución da acción formativa.

– En caso de cotizar no réxime xeral da Seguridade Social, deberá presentar as nóminas percibidas no período formativo e os documentos da Seguridade Social (recibo de liquidacións de cotizacións e RNT) do dito período, así como os seus correspondentes xustificantes de pagamento.

c) No caso de que a docencia sexa prestada por unha entidade externa, deberase achegar:

– Contrato realizado en que figure o seu obxecto e a súa duración.

– Factura correspondente como xustificante de gasto, na cal se inclúa a actividade realizada, o número de horas impartidas, o custo por hora, o importe total correspondente e, se fose o caso, a retención efectuada polo/a profesional.

– Documento bancario que acredite a transferencia aboada.

3. Xustificación dos custos de explotación.

a) Xustificación dos gastos de desprazamento. Para xustificar os gastos de desprazamento deberase achegar:

– Facturas correspondentes aos gastos de desprazamento, aloxamento e manutención, cando sexan prestados por un terceiro, ou en caso de realizalo o traballador ou traballadora por medios propios, follas internas de liquidación de gastos de desprazamento de modo que queden reflectidos a orixe e o destino, así como as datas dos desprazamentos.

– Documentación que xustifique a realización efectiva da viaxe (lugar de orixe e destino): cartóns de embarque de ida e volta, facturas, billetes (ou tickets de autoestrada no caso de desprazamento en automóbil).

– Documentación bancaria acreditativa do pagamento das facturas ou, de ser o caso, a liquidación de gastos de desprazamento, aloxamento e manutención.

Na documentación deberase xustificar a necesidade da viaxe realizada e a súa necesidade para o correcto desenvolvemento da acción formativa.

b) Xustificación dos custos dos materiais didácticos e subministracións. Para xustificar os custos de medios didácticos, materiais didácticos e bens consumibles deberase achegar:

– Facturas nas cales se identifiquen os materiais empregados, así como o número de unidades e o prezo por unidade, xunto co seu correspondente xustificante de pagamento.

– Xustificante de recepción detallado e asinado polo alumnado do material dun só uso que lle fose entregado de maneira individualizada e cuxo custo sexa imputado. No caso de materiais de traballo funxibles, a Administración poderá exixir que se achegue memoria xustificativa en que se detallen as actividades desenvolvidas e a súa relación cos consumos imputados.

– Xustificante de recepción detallado e asinado polo alumnado do material didáctico, material de protección ou seguridade que lle entregasen; cando sexa precisa a reposición de tales materiais, deberán achegar tantos xustificantes de recepción como fosen asinados.

Os soportes xustificativos dos gastos de medios didácticos, material didáctico e bens consumibles deberán detallar o material e o número de unidades adquiridas.

Os gastos de adquisición de material didáctico ou de material consumible utilizado na preparación dos medios didácticos ou no desenvolvemento da acción formativa presentaranse debidamente detallados por concepto, e imputaranse polo número de persoas participantes desta, no caso de uso individual dos equipamentos ou plataformas; noutro caso, imputaranse por horas de utilización.

4. Xustificación dos servizos de asesoramento relacionados co proxecto de formación.

Os custos de servizos de asesoramento se xustificarán do mesmo xeito e cos mesmos documentos que os indicados para os custos de persoal dos formadores.

5. Os custos de persoal dos beneficiarios da formación se xustificarán coa seguinte documentación.

– Nómina da persoa traballadora contratada.

– Documento bancario que acredite a transferencia da nómina aboada.

– Boletíns de cotización á Seguridade Social: recibo de liquidacións de cotizacións e modelo RNT (relación nominal de traballadores), así como os documentos bancarios que acrediten o seu pagamento.

– Resolución de alta no réxime xeral da Seguridade Social.

– Modelo 190 (retencións e ingresos á conta do IRPF e xustificantes do seu pagamento (modelo 111), correspondentes aos trimestres durante os cales se desenvolveu a acción formativa), unha vez que se dispoña deles.

– Xustificante bancario do ingreso do modelo 111 do IRPF.

– Informe de datos de cotización (IDC), correspondentes ao período de desenvolvemento da acción formativa.

– Certificado da unidade responsable de recursos humanos da porcentaxe de horas que se destina á formación, sobre o total da xornada laboral.

6. Xustificación dos custos indirectos polas horas nas que os beneficiarios participen na formación.

a) Para xustificar os custos de alugamentos deberase achegar as facturas correspondentes e o contrato de arrendamento, que deberán vir desagregados por acción formativa e imputaranse, tratándose de equipos didácticos, por horas de utilización, e tratándose de aulas, talleres ou outras superficies, polo período de duración da acción e de maneira proporcional aos espazos e elementos estritamente necesarios para a execución da actividade subvencionada. Nas facturas deberán constar as condicións, período devindicado, concepto, prezo unitario e datas a que se refire.

A documentación acreditativa dos custos de equipamentos didácticos, aulas, talleres e demais superficies utilizadas no desenvolvemento da formación deberá estar detallada e indicar a descrición do servizo prestado ou elemento alugado, o número de unidades e o período de alugamento facturado.

Os soportes xustificativos dos custos das aulas, talleres e demais superficies deberán indicar, ademais, o lugar en que está o inmoble, que corresponderá co lugar de impartición da formación indicado, de ser o caso, na correspondente comunicación da formación.

b) O gastos administrativos do persoal de apoio será xustificado segundo os criterios e directrices definidos para as retribucións do persoal docente.

c) Para xustificar os custos de seguro deberase achegar:

– O contrato subscrito entre a entidade beneficiaria e a compañía de seguros, asinado por ambas as partes e no cal conste identificados os destinatarios da formación, o programa de formación, o tipo de seguro, as coberturas contratadas, o período de cobertura, o número de alumnos e alumnas asegurados, de ser o caso, e a prima satisfeita.

– O recibo da prima satisfeita e o seu xustificante de pagamento. Non se admitirán pólizas con franquías.

Non deben existir diverxencias entre o recibo da prima e o contrato de seguro no que se refire á duración da formación, número de póliza ou calquera outro dato que figure nos documentos.

d) Outros custos indirectos:

– Factura correspondente e xustificante do pagamento.

– Documento que recolla os criterios e cálculos realizados para a súa imputación no caso de gastos compartidos con outras actividades, de conformidade co artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

CAPÍTULO II

Programa Emprega Automoción

Artigo 20. Ámbito de aplicación e contratacións subvencionables

A subvención prevista neste programa será de aplicación a todas as contratacións que se formalicen desde o 1 de xaneiro de 2018 ata o 30 de setembro do ano 2018 con persoas desempregadas. A persoa desempregada pola cal se solicita a subvención á contratación ten que estar en situación de desemprego no momento da contratación vinculada ao presente programa.

Artigo 21. Contía do Bono emprega automoción

De conformidade co artigo 31 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, a que fai referencia o artigo 19, o Bono emprega automoción terá un importe do 50 % do importe total xustificado, cun máximo de 2.000 euros por cada persoa desempregada contratada.

Artigo 22. Accións subvencionables e requisitos

1. As empresas que realizasen unha contratación das previstas no artigo 20 terán dereito ao bono na contía prevista no artigo 21 cumprindo os seguintes requisitos:

a) A persoa traballadora contratada recibirá formación e titorización.

b) A acción formativa deberá ter formación en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa, e deberá contar cun número mínimo de 50 horas.

c) Para as contratacións realizadas entre o 1 de xaneiro de 2018 e a data de publicación desta orde a acción formativa levarase a cabo no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación. Para as contratacións realizadas con posterioridade ao 15 de setembro de 2018 e ata o 30 de setembro a formación terá data límite para a súa finalización o 15 de decembro de 2018.

2. Queda excluída do Bono emprega automoción aquela que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 23. Execución das accións formativas

As entidades beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou poderán recorrer á súa contratación, podendo realizalas tanto nas súas instalacións como nas da entidade encargada da súa formación.

A acción formativa terá lugar dentro da xornada laboral establecida no contrato.

Artigo 24. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo I-A, a seguinte documentación:

a) Poder suficiente da persoa representante e asinante da solicitude para actuar en nome da persoa solicitante, de ser o caso.

b) Relación nominal das persoas traballadoras polas cales se solicita subvención, de estaren xa contratadas no momento da presentación da solicitude, anexo I-B.

c) Comprobación de datos da persoa traballadora contratada, anexo I-C.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 25. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

g) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

h) Informe da vida laboral da persoa traballadora contratada.

i) Contrato de traballo da persoa traballadora contratada.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 26. Xustificación e pagamentos

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión.

2. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

3. A documentación que se deberá presentar é a seguinte:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementaria da presentada coa solicitude, anexo I-E.

b) Documento acreditativo de que a entidade solicitante comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras a acción formativa que se realizou con esta axuda. No supostos de que non haxa representantes legais a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa.

c) Plan formativo xustificativo da formación.

d) Copia dos partes de sinaturas asinados pola persoa titora e pola persoa traballadora por cada sesión diaria de formación.

e) Informe de aproveitamento asinado pola persoa titora e pola persoa traballadora en que se detalle:

• Os contidos do plan formativo na empresa, con descrición do programa de actividades e servizos que a empresa puxese á disposición do formando para familiarizarse coa empresa, os seus coñecementos e habilidades melloradas.

• As tarefas desenvolvidas pola persoa titora e/ou docente e estimación horaria por cada unha.

f) Xustificación dos custos subvencionables segundo o artigo 19 da presente orde de acordo co anexo I-D.

4. Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 27. Incumprimento de obrigas

No caso de que a persoa traballadora pola cal se solicitan as axudas establecidas no Bono emprega automoción cause baixa na empresa, se esta non recibiu a formación na súa totalidade, a entidade beneficiaria non terá dereito a percibir esta axuda.

No caso de que a persoa traballadora que causou baixa fose substituída por outra persoa traballadora que cumpra as mesmas condicións que a anterior, a entidade beneficiaria poderá percibir a axuda establecida no Bono emprega automoción no caso de que esta nova persoa traballadora reciba a formación na súa totalidade, segundo o artigo 22.1.b).

Esta axuda percibirase por unha soa persoa traballadora formada.

En todo caso, as accións formativas deberán executarse no referente aos prazos, segundo o establecido nesta orde de convocatoria.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego no ámbito das súas respectivas competencias, para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a súa concesión, denegación, modificación, reintegro ou outras incidencias das citadas subvencións.

Disposición adicional segunda. Información sobre a xestión de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional terceira. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición adicional cuarta. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explica na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file