Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Martes, 28 de agosto de 2018 Páx. 39462

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2018, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do conxunto formado pola fonte, a mina, o lavadoiro e a levada con canle de Canasteves, no termo municipal de Ponteceso (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e a teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 8.3 da devandita Lei 5/2016 indícase que: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais, non declarados de interese cultural, que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, integraranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei».

Ademais, o artigo 91 da Lei 5/2016 engade: «[...] integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia. [...]». Para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade: [...] d) As fontes e lavadoiros comunais e públicos de carácter tradicional».

O artigo 10.1 da devandita Lei 5/2016 establece que os bens inmobles deben integrarse nalgunha das categorías previstas na lei, das que a máis axeitada pola súa natureza é a definida na alínea f): «Lugar de valor etnolóxico: o ámbito no que permanecen testemuños relevantes e recoñecibles de actividades ou construcións vinculadas ás formas de vida e cultura tradicional do pobo galego que resulten de interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico».

A auga, vencellada intimamente á cultura tradicional, é valorada como a riqueza dos pobres e está asociada á fertilidade e á curación nas fontes santas e milagreiras; á forza da malla nos batáns; aos alimentos básicos como o pan da moenda dos muíños; á limpeza e dignidade das casas nos lavadoiros e fontes; á fecundidade dos campos nas levadas e regos... é auga de vida ao fin.

O aproveitamento da auga polas persoas deu lugar en Galicia a manifestacións construtivas de seu con características diferenciais da cultura tradicional galega, tamén chamada arquitectura da auga. Entre estas construcións adxectivas destacan as fontes, os lavadoiros e as levadas, vencelladas a un xeito de vida que esmorece e que por esa mesma razón é urxente protexer para conservar.

Estes testemuños vernáculos son as pegadas materiais dun xeito de entender, de construír e de humanizar os recursos naturais, sempre integrados na paisaxe e no contorno que os rodea. Son exemplos dunha arquitectura sen autor coñecido, obras de talleres locais, nas que se empregaban materiais do país e solucións sinxelas, que dan lugar a construcións humildes e prácticas pero con dignidade e carácter, construcións características do patrimonio etnolóxico e inmaterial por seren lugares con significado e valores recoñecible que é preciso protexer.

As fontes foron moi valoradas por seren vitais para a supervivencia e necesarias para as tarefas da casa. Existe toda unha xerarquía de calidade e aprecio da auga das fontes: fontes de augas lixeiras e boas para beber, pero tamén fontes máxicas; fontes para quitar a aireada e para concibir (asociadas a igrexas, capelas e mosteiros); fontes con mouras e encantos, espazo limiar entre o mundo da aldea e o mítico; lugar común ás mulleres, xa que eran as encargadas de ir buscar a auga á fonte e onde tamén realizaban ritos de sanación.

Igualmente importantes para a vida diaria eran os lavadoiros (tamén chamados «ríos de lavar») que xunto coas fontes e prados de tender conformaban un espazo de socialización feminino onde evadirse do control da casa, lugar de intercambio de noticias e de traballo para as lavandeiras, cun alto valor antropolóxico e inmaterial.

O conxunto da mina, a fonte, o lavadoiro e a levada de Canasteves posúe os valores propios da cultura tradicional polas súas características construtivas, o mantemento das súas partes integrantes e o alto valor que ten para a comunidade, que se manifestou no seu uso comunitario continuado ata a actualidade, nas tarefas de mantemento realizadas polos veciños e na defensa do seu carácter público.

Á vista da información que acompaña o expediente, na que se acredita a concreción da presunción dos valores culturais legalmente recoñecidos, en especial o seu valor etnolóxico, antropolóxico e histórico, cómpre proceder á incoación do procedemento de catalogación destes bens no exercicio da competencia que lle atribúe á persoa titular da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, en virtude do disposto no artigo 26 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o conxunto formado pola fonte, a mina, o lavadoiro e a levada con canle de Canasteves como ben inmoble coa categoría de lugar de valor etnolóxico, consonte a descrición e réxime de protección que figura no anexo I e a identificación gráfica do ben e o seu contorno contida no anexo II.

Segundo. Ordenar a anotación preventiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar, de forma provisional, o réxime de protección previsto para os bens catalogados en tanto se tramite o expediente, que deberá resolverse no prazo máximo de dezaoito meses a partir da data desta resolución. Pasado ese prazo sen que se emita resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e abrir un período de información pública polo prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que considere oportunas.

O expediente poderá examinarse na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 2º andar, de Santiago de Compostela, ou no Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, rúa Vicente Ferrer, núm. 2.

Cuarto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello de Ponteceso.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2018

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición e réxime de protección

1. Xustificación do valor cultural.

As construcións para o aproveitamento da auga teñen orixe en tempos protohistóricos. Son coñecidos os depósitos votivos ás augas na Idade do Bronce e nos castros existen fontes complexas, arquitecturizadas e depósitos. Tamén se documentou que as fontes foron lugares de culto das divindades femininas das augas e co cristianismo naceron igrexas, santuarios e romarías vinculados con elas.

A auga é un ben básico cun alto valor social desde época inmemorial. Os asentamentos prehistóricos e protohistóricos situábanse próximos aos cursos de auga ou nacentes por seren un ben imprescindible para a vida.

Existen diferentes tipos de fontes, as máis comúns son as de cano, asociadas ás veces a un manancial ou mina, as máis complexas e custosas son as «de cabaliño» ou as fontes barrocas dos pazos.

Na cultura tradicional existe toda unha xerarquía de fontes, algunhas con cultos atávicos como a de Caldas de Reis; fontes milagreiras como a de Santa Mariña de Augas Santas; fontes de auga bendita para bendicir a casa e os campos; fontes para quitar a aireada; fontes con «encantos»; fontes das caldas e fontes cantadas polos poetas galegos.

Cunha dimensión menos mítica pero igualmente necesaria para a vida, os lavadoiros (tamén chamados «ríos de lavar») eran os lugares, situados nun río ou rego, que se acondicionaban para lavar a roupa á man sobre unha lousa ou táboa. Os lavadoiros máis antigos serían os do río (acondicionando un ribazo e chantando lousas nas beiras) e os lavadoiros simples os cales, creaban unha poza oval ou pilón nun rego ou fonte, fincando lousas inclinadas, tapando as fendas con rachas ou anacos pequenos de pedra e con terróns.

A principios do século XX, cando volveron os indianos de América, custearon obras como as escolas e os lavadoiros para mellorar as condicións de vida das aldeas. Desta época son os lavadoiros arquitecturados con pilón rectangular e tellados a dúas augas, abertos ou pechados, os cales servían para protexerse da choiva.

En Galicia existen diferentes tipos de fontes e lavadoiros segundo diversos modelos zonais. É común a todos estes espazos e construcións o interese antropolóxico, xa que dan servizo á comunidade e teñen un alto valor cultural por seren un espazo vivencial e eminentemente feminino, debido a que era o lugar de traballo das lavandeiras e tamén un ámbito de socialización no que se espallaban as noticias da aldea, se facían confidencias e se puña en práctica a solidariedade entre as mulleres. Nestes lugares as mulleres cantaban para atraer os mozos solteiros, que eran obxecto de bromas e chanzas. Tamén era un lugar de xogos para os nenos e as nenas.

Entre as construcións tradicionais da auga as fontes e lavadoiros tiñan unha alta apreciación social por seren imprescindibles para a vida diaria e o uso doméstico, polo tanto, a meirande parte das veces a súa construción e mantemento era comunal.

Os substanciais cambios sociais derivados das formas de vida da actualidade producen, especialmente no ámbito rural, o abandono e, en moitos casos, a destrución destas formas vernáculas, producindo a perda do valor cultural de elementos como as propias fontes e lavadoiros.

Perante o risco de desaparición, a Administración ten a obriga de establecer as medidas de salvagarda necesarias para conservar as manifestacións da cultura popular como soporte dos seus valores culturais.

As tradicións, crenzas, cultos e usos asociados a estes espazos seguen a ter unha funcionalidade de cohesión social, polo que os seus valores deben ser difundidos desvelando a súa dimensión máis profunda, que foi transmitida durante séculos pola cultura oral e achega o significado a estes elementos configuradores da nosa paisaxe rural. Cómpre, polo tanto, protexer e difundir a riqueza que supoñen os bens patrimoniais comunitarios asociados ás formas de vida tradicionais, mediante o recoñecemento expreso do seu valor cultural.

2. Descrición da fonte, a mina, o lavadoiro e a levada de Canasteves.

Non é posible acreditar a data exacta da construción deste conxunto de valor etnolóxico, pero as referencias orais lembran a súa existencia e mantemento comunal desde hai máis de 105 anos. O sistema construtivo e os materiais empregados son do país, sinxelos, baseados na tradición local e na economía de medios. Este notable exemplo da arquitectura popular de Canasteves consta de:

• Fonte dun só cano e mina: formada por un muro de cachotaría de 1,30 metros de altura e un só cano labrado en granito, cun pousadoiro para as sellas ou caldeiros. A fonte que verte no lavadoiro ou «río de lavar» está alimentada pola auga que sae da mina. A veciñanza segue a usala porque nunca seca e téñena en alta estima debido á calidade da auga para beber.

A orixe do manancial está situada baixo terra, a pouco máis dun metro e medio da fonte, á beira do camiño. A auga chega á fonte mediante unha canle labrada en pezas de granito.

A profundidade desta mina, segundo a veciñanza, é «máis alta que un home» e «cun depósito con máis dun metro de auga de altura».

• Lavadoiro: pilón ou poza construída con sete lousas chantadas e inclinadas unha a carón doutra (lavadoiros) que forman unha poza oval de aproximadamente 2,30 metros de diámetro polo seu lado maior. A poza desaugaba na levada por un burato situado na lousa do extremo do óvalo.

As fendas existentes entre as lousas tapábanse con rachas de pedra e terróns.

Antigamente tendíase a roupa nos prados lindeiros e no ribazo.

• Canle e levada: condución de augas (de sección en U) construída con lousa de cachotaría que se estende dezaseis metros desde a saída da auga do lavadoiro. No seu leito existe unha canle labrada en pezas de granito que leva a auga e que discorre por debaixo da estrada provincial AC-414 entre lindes de predios cara ao val e o Rego de Ponteceso. En paralelo existe un camiño veciñal, apenas un carreiro, que conduce á fonte e ao lavadoiro e, tras pasalos, salva un ribazo mediante dous «esqueiros» e leva ao núcleo do Rueiro.

3. Nivel de protección.

O nivel de protección deste ben debe ser integral, que, segundo o artigo 41 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, supón a conservación íntegra dos bens e de todos os elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal, desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, as súas transformacións e as contribucións ao longo do tempo. O feito de que teña sufrido unha deterioración relativamente recente non reduce o seu valor cultural e, en calquera caso, as actuación deberán ir dirixidas á conservación e posta en valor do existente e, na medida do posible, á súa recuperación.

4. Réxime de protección.

• Actuacións sobre o lugar de valor etnolóxico.

As intervencións que se pretendan realizar nos elementos identificados nesta resolución, así como no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, coas excepcións establecidas na Lei 5/2016, do 4 de maio. A autorización terá carácter independente de calquera outra autorización, licenza ou trámite previo á súa execución.

A utilización dos bens protexidos quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que xustifican esta protección.

O obxectivo principal da protección é permitir a conservación das estruturas e os usos tradicionais, a súa rehabilitación, o seu coñecemento e a súa posta en valor.

Os usos permitidos serán todos os asociados ao lugar historicamente, entre os que se lle debe dar prioridade aos existentes, que son a recollida de auga para o consumo e o lavado da roupa. Tamén poden admitirse, e son recomendables como actividades de salvagarda dos valores culturais etnolóxicos asociados, os que supoñan a rehabilitación, a posta en valor e o goce patrimonial do espazo etnolóxico que contribúan á consecución destes fins.

• Actuacións no contorno de protección.

No ámbito inmediato ás estruturas que conforman o lugar de valor etnolóxico debe garantirse a conservación do estado do seu contorno nas mellores condicións para a súa salvagarda e a súa interpretación. Por tal motivo, e en coherencia co que establece o artigo 6.2.a) do Real decreto 9/2018, polo que se modifica o Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1996, do 11 de abril, no que se fixa unha zona de servidume de cinco metros de largo para o seu uso público, e para garantir o uso tradicional e preservar a integridade do lugar de valor etnolóxico de Canasteves, non se poderá realizar ningunha intervención ou actividade que dea lugar á alteración dos seus elementos, poña en risco o seu uso, ou prexudique ou contamine as aguas da fonte, o lavadoiro e a levada.

Por todo o anterior, tampouco poderán realizarse tarefas agrícolas e de remoción de terras a menos de cinco metros do lavadoiro, da fonte e a levada, da mina e do camiño.

Así mesmo, non se permitirá que a situación, a masa ou a altura das construcións, dos muros e dos cerramentos, ou a instalación doutros elementos, limiten o campo visual para a súa contemplación, rompan a harmonía da paisaxe, desfiguren a perspectiva propia dela, limiten ou impidan a contemplación do conxunto. Polo tanto non se autorizará ningunha obra ou intervención que altere a topografía, nin ningunha construción de peches ou plantacións de sebes ao longo dos cinco metros ao seu redor.

No resto do contorno de protección, en coherencia co establecido no disposto no artigo 46 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e no artigo 92 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, as intervencións que se realicen nos contornos dos bens deberán harmonizar co carácter tradicional do conxunto e a súa tipoloxía. Os materiais e as cores empregados deberán favorecer a integración no contorno inmediato e na paisaxe.

• Responsabilidades na conservación.

O artigo 3.2 da citada Lei 5/2016 establece que: «As entidades que integran a Administración local, en relación cos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen as obrigas de:

a) Protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural.

b) Adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que viren a súa integridade ou valor ameazados.

c) Comunicarlle á Xunta de Galicia calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran.

d) Exercer, así mesmo, as demais funcións que teñan expresamente atribuídas en virtude desta lei».

No artigo 32 da Lei 5/2016 establécese o deber de conservación para «As persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración».

Á vista do antedito, e posto que se trata dun conxunto de bens de propiedade municipal, o titular é responsable de mantelos no debido estado e deberá manter unha observancia periódica para evitar que as actividades na súa proximidade, especialmente as que teñen afectado a súa integridade polo movemento de terras e a construción de peches inmediatos, e as que poidan contaminar as augas, prexudiquen a conservación e interpretación dos bens.

Con respecto ao réxime de protección, e segundo o disposto no artigo 35.5 da Lei 5/2016, a catalogación destes bens obriga o Concello a incorporalo ao seu planeamento urbanístico xeral e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación. Recoméndase así mesmo, para os efectos do maior alcance do coñecemento da titularidade e eficacia da protección dos bens, de ser o caso, actualizar a información no Catastro e no Rexistro da Propiedade.

ANEXO II

Delimitación e contorno de protección

Os elementos que forman parte do lugar de valor etnolóxico son os identificados na planimetría e que corresponden coa mina, a fonte, o lavadoiro e a levada con canle de pedra de Canasteves. O contorno de protección esténdese á totalidade das parcelas catastrais nas que está localizado o conxunto e ás limítrofes coas estruturas orixinais que se conservan, así como os espazos vinculados e que se consideran necesarios para establecer as medidas de salvagarda da fonte, do lavadoiro, do camiño, da canle e do resto de elementos que o constitúen. Así pois, o contorno estará formado polas parcelas 90 e 100 do polígono 174 e as parcelas 105, 108 e 111 do polígono 8 de Ponteceso.

missing image file