Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 5 de setembro de 2018 Páx. 40080

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 27 de agosto de 2018 para facer público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 26 de xullo de 2018 polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira desde a estrada OU-0807, promovido pola Deputación Provincial de Ourense, xunto co expediente de información pública.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 30 de xuño de 2017, o Pleno da Deputación Provincial de Ourense aprobou provisionalmente o proxecto de trazado de acceso ao núcleo de San Vicente de Leira desde a estrada OU-0807.

Segundo. O mencionado proxecto someteuse ao trámite de información pública durante trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da Deputación Provincial de Ourense no Diario Oficial de Galicia (núm. 149), o 7 de agosto de 2017, para que as persoas que o consideraran oportuno formularan por escrito, ante o Pleno da Corporación Provincial de Ourense, as observacións que considerasen convenientes relativas á concepción global do trazado da estrada.

Terceiro. Durante todo o trámite de información pública presentáronse certificados, informes e alegacións, procedéndose á súa valoración.

Cuarto. Con data do 23 de marzo de 2018, o Pleno da Corporación Provincial adoptou por unanimidade elevar o expediente ao Consello da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Visto todo o que antecede e cos fundamentos xurídicos e técnicos expostos na proposta de acordo, elevada ao Consello da Xunta de Galicia pola Axencia Galega de Infraestruturas, o dito Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 26 de xullo de 2018, adoptou o seguinte acordo:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira desde a estrada OU-0807, promovido pola Deputación Provincial de Ourense, xunto co expediente correspondente dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, mantendo o trazado proposto como definitivo, e considerando que:

– Deberanse de ter en conta as observacións e condicións impostas nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural do 23 de outubro de 2017 e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, do 18 de xaneiro de 2018, así como na avaliación de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 1 de xuño de 2016, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 123, do 30 de xuño de 2016.

– Deberán revisarse, en fase de proxecto de construción, os accesos das propiedades colindantes co proxecto, de xeito que ningunha parcela quede sen acceso como consecuencia da construción da nova vía».

O que se fai público para todos os efectos legais e regulamentarios de aplicación na materia e para o seu coñecemento xeral.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2018

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas