Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 19 de outubro de 2018 Páx. 46393

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 9 de outubro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas para a promoción da autonomía persoal de persoas con discapacidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asigna á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 245, do 18 de decembro) recolle, no seu artigo 3, como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais «garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia» e, no seu artigo 20.1, establece como unha das actuacións incluídas no catálogo de servizos sociais «as axudas técnicas e instrumentais, que permitan manter a autonomía da persoa para desenvolverse no seu medio».

A Consellería de Política Social, segundo o Decreto 176/2015, do 3 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica da consellería, é o órgano da Xunta de Galicia ao que lle corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía de Galicia e coa Constitución española, propoñer e executar as directrices xerais do goberno no ámbito do benestar, que engloban, entre outras, as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de familia, menores, benestar social, inclusión social, servizos comunitarios, atención aos discapacitados e ás persoas maiores, a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia.

Pola súa banda, o Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e determínase o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, establece, entre outros, os servizos de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal que poderán asignarse individualmente ou como complemento doutros servizos da carteira de servizos comúns ou das carteiras específicas, coas limitacións que en materia de incompatibilidades establece a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e, ao mesmo tempo, poderán configurar os plans de prevención que se destinen a persoas que, non estando en situación de dependencia, atópanse en situación ou risco de padecela, en consonancia co disposto na Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia, horizonte 2020.

Este enfoque de promoción da autonomía persoal a través dos distintos servizos para unha mellora das condicións de vida dos colectivos especialmente afectados, co obxectivo da prevención dos factores de risco e de limitacións funcionais e a súa atención integral, recollido na Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia, horizonte 2020, está consolidado como unha das prioridades da Unión Europea e dos Estados membros e é prioritario para os fondos estruturais. Neste sentido, o artigo 2.3 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, establece que o FSE beneficiará os cidadáns e, especialmente, as persoas desfavorecidas, como os desempregados de longa duración, as persoas con discapacidade, os inmigrantes, as minorías étnicas, as comunidades marxinadas e as persoas de calquera idade que sofren pobreza e exclusión social. Así mesmo, o artigo 3 establece que o Fondo Social Europeo apoiará, como prioridade de investimento, en relación co obxectivo temático 9 «Promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación»; prioridade de investimento 9.4 «O acceso a servizos asequibles, sostibles e de calidade, incluídos servizos sanitarios e sociais de interese xeral»; obxectivo específico 9.4.1 «Mellorar a accesibilidade para as persoas máis vulnerables a servizos de atención sanitaria, sociais e de orientación, formación e educación, incluíndo a eliminación dos estereotipos».

Neste marco xeral intégrase esta orde, que ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de axudas económicas non periódicas a persoas con discapacidade para o ano 2018, destinadas á promoción da autonomía persoal, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desenvolvida a través do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Asemade, esta orde enmárcase no programa operativo FSE Galicia 2014-2020. Por tratarse de axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo será de aplicación o Regulamento (CE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 341, do 20 de decembro de 2013), o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola e de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola e de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, así como a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

Segundo o establecido no artigo 14 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, as subvencións e a asistencia reembolsable que se beneficien dunha axuda pública non superior a 50.000 € adoptarán a forma de baremos estándar de custos unitarios, de importes a tanto alzado ou de financiamento a tipo fixo. Por este motivo incorpórase nesta convocatoria o establecemento de métodos de custos simplificados.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 176/2015, do 3 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública para a concesión de axudas para a promoción da autonomía persoal de persoas con discapacidade empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, e de carácter non periódico (código de procedemento BS613B).

2. Unicamente poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2018.

Artigo 2. Actuacións subvencionables

1. Ao abeiro da orde, será obxecto de concesión de subvencións a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal que teñan por finalidade desenvolver e manter a capacidade persoal de controlar, afrontar e tomar decisións acerca de como vivir de acordo coas normas e preferencias propias e facilitar a execución das actividades básicas da vida diaria, de maneira que todas as persoas poidan levar unha vida o máis autónoma posible.

2. Considéranse servizos de promoción da autonomía persoal subvencionables ao abeiro desta orde os enumerados no artigo 6, de acordo co disposto no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e determínase o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

Artigo 3. Réxime de incompatibilidades

1. As axudas reguladas nesta orde serán incompatibles coa percepción simultánea durante o período subvencionable de:

a) Doutras prestacións derivadas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, como consecuencia da aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

b) Dun recurso do Sistema galego de servizos sociais incluído como prestación do catálogo de servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD).

c) Doutras axudas procedentes de calquera Administración pública ou ente público, que teña como finalidade a adquisición dalgún dos servizos de promoción da autonomía persoal recollidos no artigo 6.

2. Só poderá concederse con cargo a esta convocatoria unha axuda por persoa solicitante vinculada a un só servizo de promoción da autonomía persoal dos enumerados no artigo 6.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, segundo o establecido no Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, e na Orde do 25 de novembro de 2015, pola que se regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade en Galicia.

Así mesmo, en aplicación do artigo 4.2 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, considerarase que presentan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 por cento os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez, e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

b) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Ter unha renda per cápita da unidade familiar de convivencia, calculada nos termos previstos no artigo 9, que non supere o 300 % do indicador público da renda de efectos múltiples mensual (IPREM) establecido para o ano 2018.

d) Cumprir os requisitos establecidos con carácter xeral para obter a condición de persoa beneficiaria de subvencións no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Será requisito indispensable para poder optar á axuda ao abeiro desta orde, que a entidade/profesional autónomo prestadora/or do servizo de promoción da autonomía persoal figure inscrita/o, con anterioridade ao prazo de finalización de presentación de solicitudes, no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (Ruepss), segundo se dispoña na normativa reguladora da autorización e acreditación destes servizos, cuxo responsable é a Consellería de Política Social. No caso de que a persoa reciba a prestación a través dunha entidade ou profesional localizada no resto de España, a persoa solicitante deberá acreditar a inscrición da entidade ou profesional prestador/a do servizo no rexistro de servizos sociais equivalente na dita comunidade autónoma.

Artigo 5. Financiamento

1. O financiamento das axudas para o ano 2018 previstas nesta orde efectuarase con cargo á aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia 12.04.312E.480.00 (proxecto 2016 00162), por un importe de 375.441,72 € destinado a atender as solicitudes.

Estas cantidades estarán cofinanciadas nun 80 % con fondos FSE a través do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, dentro do obxectivo específico 9.4.1 «Mellorar a accesibilidade para as persoas máis vulnerables a servizos de atención sanitaria, sociais e de orientación, formación e educación, incluíndo a eliminación dos estereotipos».

2. Os créditos consignados nesta orde poderán ser incrementados nos termos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo do informe do Organismo Intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020.

Artigo 6. Determinación do importe das subvencións

A determinación do importe das axudas para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, definidos no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, establécese en función da intensidade do servizo e dos custos unitarios, determinados segundo a tipoloxía dos servizos, calculados como baremos estándar de custos unitarios consonte o previsto no artigo 67.1.b) e 5.a) do Regulamento (UE) nº 1303/2013, segundo o cadro seguinte:

0101 Servizos de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal

Custe unitario

Importe máximo subvencionable

010102 Área do coidador

 

01010202 Servizo de respiro familiar a través da axuda no fogar

13,75 € hora

1.011 €

01010203 Servizo de respiro familiar a través da atención diúrna

728,82/mes

765 €

01010204 Servizo de respiro familiar a través da atención nocturna

724,47/mes

761 €

01010205 Servizo de respiro familiar a través da atención residencial

1078,96/mes

1.133 €

010103 Atención temperá (0-6 anos)

29,14 €/hora

 

010105 Área de promoción, mantemento e recuperación da autonomía funcional

 

01010501 Apoio ás actividades básicas e instrumentais da vida diaria

18,06 €/hora

1.445 €

01010502 Rehabilitación funcional (ximnasia, mantemento, etc.)

18,06 €/hora

1.445 €

01010503 Fisioterapia (inclúe as técnicas relacionadas, como p.ex. hidroterapia)

24,42 €/hora

1.954 €

01010504 Outras terapias alternativas (musicoterapia, colorterapia, terapia con animais, etc.)

18,06 €/hora

1.445 €

01010505 Logopedia

24,42 €/hora

1.954 €

01010506 Terapia ocupacional

24,42 €/hora

1.954 €

01010507 Estimulación cognitiva

24,42 €/hora

1.954 €

01010508 Estimulación sensorial

24,42 €/hora

1.954 €

01010509 Atención psicomotriz

33,18 €/hora

2.654 €

01010510 Atención psicolóxica

33,18 €/hora

2.654 €

01010511 Atención neuropsicolóxica

33,18 €/hora

2.654 €

01010512 Atención psiquiátrica

33,18 €/hora

2.654 €

01010513 Rehabilitación psicosocial

33,18 €/hora

2.654 €

01010514 Atención pedagóxica

33,18 €/hora

2.654 €

01010516 Podoloxía

25,26 €/hora

202 €

010106 Área de actividades e programas

 

01010601 Actividades de ocio e tempo libre

22,62 €/hora

1.221 € 

01010602 Xantar na casa

7 €/menú

1.680 €

01010603 Lavandaría a domicilio

5 €/semana

170 €

010107 Supervisión e apoios puntuais en equipamentos especiais

728,82 €/mes

4.373 €

010108 Área de habilitación psicosocial

1.221 € 

01010801 Deseño de estratexias psicoeducativas

24,42 €/hora

1.954 €

01010802 Apoio á vida independente

33,18 €/hora

2.654 €

01010803 Servizo de acompañamento e intérpretes

22,85 €/hora

1.828 €

01010804 Fomento e promoción da inclusión social

22,85 €/hora

1.828 €

01010805 Adestramento de habilidades persoais e sociais

22,85 €/hora

1.828 €

01010806 Fomento do autocoidado físico

22,85 €/hora

1.828 €

010109 Área de apoio para o desenvolvemento profesional e social para persoas dependentes en idade laboral

 

01010901 Formación prelaboral (habilidades básicas e polivalentes para o emprego)

33,18 €/hora

2.654 €

01010902 Formación ocupacional

33,18 €/hora

2.654 €

01010903 Formación práctico-laboral

33,18 €/hora

2.654 €

01010904 Emprego con apoio

33,18 €/hora

2.654 €

010110 Servizo de transporte adaptado e asistido

217,92 €/mes

1.308 €

Artigo 7. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365, que pode solicitar accedendo á web https://sede.xunta.gal/chave365.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4. da Lei 39/2015, do 1 de outubro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A solicitude, segundo o modelo que se achega como anexo I a esta orde, dirixirase á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social.

3. O prazo para a súa presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o da publicación no Diario Oficial de Galicia e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Artigo 8. Documentación

1. As solicitudes virán acompañadas da seguinte documentación:

a) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas e concedidas derivadas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) ou outras axudas procedentes de calquera Administración pública ou ente público coa finalidade de adquirir algún dos servizos de promoción da autonomía persoal recollidos no catálogo de servizos do SAAD, no espazo destinado a esta finalidade que figura no propio modelo de solicitude (anexo I).

b) Autorización, segundo o anexo II, dos membros computables da unidade familiar de convivencia, para a consulta por parte da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade dos seus datos sobre identidade, residencia, dependencia, discapacidade, renda (IRPF) e de toda clase de pensións e prestacións sociais percibidas.

c) Copia do libro de familia, no caso de que a persoa solicitante sexa menor de idade.

d) Certificado de discapacidade, no caso de ser expedido noutra comunidade autónoma.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos os ditos documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo os presentou.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade coa normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa representante.

b) Residencia da persoa solicitante con data da última variación padroal.

c) Certificado de discapacidade da persoa solicitante.

d) Grao de dependencia da persoa solicitante e do resto da unidade familiar.

e) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas da persoa solicitante.

f) Certificado de prestacións no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal e Maternidade, respectivamente.

g) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

h) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

i) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. As persoas solicitantes destas axudas estarán obrigadas a achegar a documentación complementaria que lles sexa demandada polo órgano xestor.

6. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Criterios para a determinación da renda per cápita da unidade familiar de convivencia

A determinación da renda per cápita da unidade familiar de convivencia, para os efectos do disposto no artigo 4.1.c) seguirá as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar de convivencia a formada polos cónxuxes ou parella de feito rexistrada como tal, e:

1º. Os fillos e as fillas menores, agás que, con consentimento dos pais, vivan de xeito independente destes.

2º. Os fillos e as fillas maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada ou en situación de dependencia ou cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %.

3º. As persoas vinculadas á persoa solicitante por razón de tutela e/ou acollemento.

Nos casos de separación legal ou cando non existise vínculo matrimonial, entenderase por unidade familiar de convivencia a formada pola nai e/ou pai e os/as fillos/as que convivan con cada un deles e que reúnan os requisitos a que se refiren os puntos anteriores.

b) Calcularase a renda per cápita da unidade familiar de convivencia sumando os ingresos líquidos anuais de todos os seus membros.

Para estes efectos sumaranse a base impoñible imputada, a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) no exercicio fiscal máis recente dispoñible para consulta por servizos de interoperabilidade.

c) No caso de que non exista a obrigación de presentar a declaración do IRPF, ou no suposto das pensións ou prestacións que estivesen exentas de tributación polo IRPF, tomarase o dato que obre en poder do Instituto Nacional da Seguridade Social, así como de calquera outra Administración, en canto ao importe das pensións ou prestacións do último exercicio dispoñible. Así mesmo, teranse en conta, nestes supostos, os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) O importe resultante da aplicación dos puntos anteriores dividirase polo número de membros computables da unidade familiar.

Artigo 10. Criterios de valoración

1. Os criterios de concesión e baremos para a valoración das solicitudes de axudas para a promoción da autonomía persoal das persoas con discapacidade serán os seguintes:

a) Situación económica

1º. Renda per cápita que non supere o 50 % do IPREM: 50 puntos.

2º. Renda per cápita que non supere o 60 % do IPREM: 45 puntos.

3º. Renda per cápita que non supere o 70 % do IPREM: 40 puntos.

4º. Renda per cápita que non supere o 80 % do IPREM: 35 puntos.

5º. Renda per cápita que non supere o 90 % do IPREM: 30 puntos.

6º. Renda per cápita que non supere o 100 % do IPREM: 25 puntos.

7º. Renda per cápita que non supere o 150 % do IPREM: 20 puntos.

8º. Renda per cápita que non supere o 200 % do IPREM: 15 puntos.

9º. Renda per cápita que non supere o 250 % do IPREM: 10 puntos.

10º. Renda per cápita que non supere o 300 % do IPREM: 5 puntos.

b) Recoñecemento do grao de discapacidade:

1º. Grao de discapacidade igual ou superior ao 75 %: 35 puntos.

2º. Grao de discapacidade igual ou superior ao 65 % e inferior ao 75 %: 25 puntos.

3º. Grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 15 puntos.

c) Recoñecemento da situación de dependencia:

1º. Grao III «Gran dependencia»: 15 puntos.

2º. Grao II «Dependencia severa»: 10 puntos.

3º. Grao I «Dependencia moderada»: 5 puntos.

d) Percepción doutras prestacións durante o período subvencionable:

1º. Non percibe ningunha prestación recollida no catálogo de servizos nin no SAAD: 50 puntos.

2º. Recibiu outra prestación recollida no catálogo de servizos ou no SAAD: 25 puntos.

3º. Recibiu máis dunha prestación recollida no catálogo de servizos ou no SAAD: 0 puntos.

2. No caso de igualdade de puntuación prevalecerá o solicitante que se atope con maior grao de discapacidade e, de manterse a igualdade de puntuación, a persoa solicitante con menor renda per cápita da unidade familiar de convivencia.

Artigo 11. Órgano instrutor e emenda da solicitude

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

2. De conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida a súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

3. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución, logo de informe da Comisión de Valoración, segundo o disposto nos artigos seguintes, e elevaralla ao órgano competente para resolver.

Artigo 12. Comisión de valoración

1. Existirá unha comisión de valoración que examinará e valorará todas as solicitudes recibidas.

2. Os expedientes que cumpran os requisitos de admisión, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á comisión de valoración, que terá a función de valoralos segundo os criterios de concesión recollidos no artigo 10, e ordenalos por orde decrecente de puntuación.

3. A comisión de valoración terá a seguinte composición:

a) Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade, ou persoa que a substitúa.

b) Vogais: a persoa que ocupe a Xefatura de Servizo de Coordinación de Procesos e a persoa que ocupe o posto de Coordinación da Unidade de Dependencia da Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade, ou persoas que as substitúan.

c) Secretario/a: a persoa que ocupe a Xefatura de Sección do Servizo de Coordinación de Procesos da Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade.

Ás sesións da comisión poderán ser convocados, en calidade de asesores/as, os/as funcionarios/as que se estimen convenientes, así como un/unha representante da Intervención Delegada da Consellería de Política Social.

Se por calquera causa algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído por quen designe o/a titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

Artigo 13. Resolución

1. Unha vez emitido o informe da comisión, a Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, en quen se delega a competencia para resolver a concesión ou denegación da axuda solicitada ao abeiro desta orde.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de tres meses, contados desde o seguinte á data da súa publicación. O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. A resolución da concesión determinará o importe da axuda concedida, dentro dos límites establecidos no artigo 6. Na notificación da resolución da axuda comunicarase á persoa beneficiaria ou ao seu representante legal o cofinanciamento con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 con concreción do obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate.

4. As persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a aceptación da axuda, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

5. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto no artigo 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados desde a súa notificación, se o acto é expreso, ou seis meses a partir do día seguinte a que se produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que estimen oportuno.

Artigo 14. Publicación de resolucións e actos administrativos relacionados con este procedemento

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as relacións provisionais e definitivas de persoas admitidas e excluídas e a relación final das axudas concedidas ao abeiro desta orde, sen prexuízo do establecido no artigo 46 da mesma lei. Esta publicación producirá os efectos da notificación.

Así mesmo, de forma complementaria poderase efectuar a notificación dos actos administrativos de acordo co indicado nos puntos seguintes.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou sexa expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas outorgadas por outras administracións ou entes públicos, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da axuda, por instancia da persoa beneficiaria, de conformidade co disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 16. Obrigas da persoa beneficiaria

1. As persoas beneficiarias da axuda veñen obrigadas a destinar o importe desta á finalidade para a que lles foi concedida.

2. As persoas beneficiarias das axudas recollidas nesta orde deberán proporcionar información relativa aos indicadores de produtividade, de resultado inmediato e de resultado a longo prazo sobre participantes a que se refire o anexo I do Regulamento (UE) nº 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

A información relativa aos indicadores de produtividade fai referencia á situación da persoa solicitante da axuda antes do inicio do período obxecto de financiamento, mentres que a relativa aos indicadores de resultado inmediato fai referencia á situación da persoa solicitante unha vez finalizado o período subvencionable. Pola súa parte, os indicadores de resultado a longo prazo refírense á situación dos solicitantes transcorridos 6 meses dende a finalización do período subvencionable.

Esta información será solicitada en tres momentos de tempo. En caso de concederse a axuda se solicitará a cumprimentación do cuestionario referido aos indicadores de produtividade. O cuestionario de resultado inmediato solicitarase durante a fase de xustificación da axuda. Pasados 6 meses desde a finalización do período subvencionable solicitarase a cumprimentación do cuestionario de resultado a longo prazo.

Esta solicitude realizarase preferentemente a través da aplicación Web Participa 1420 (https://participa1420.conselleriadefacenda.es/Participa1420) a todos aqueles solicitantes que teñan rexistrado xunto coa solicitude un correo electrónico válido de contacto. En caso de non dispoñer de correo electrónico válido, deberá achegar os cuestionarios que se recollen nos anexos V, VI e VII debidamente cubertos.

3. As persoas beneficiarias das axudas deberán cumprir, en todo caso, as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como as condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación e, en particular, as seguintes:

a) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

b) Facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, que contemplarán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a través da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Secretaría Xeral Técnica da Consellería con competencias en materia de servizos sociais.

d) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da citada lei e segundo o disposto no artigo 18.

e) Comunicar calquera variación que se produza en relación co servizo subvencionado ou co seu calendario de execución.

4. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da referida lei.

5. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través do canal habilitado para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

Artigo 17. Xustificación e pagamento da subvención

1. As actuacións subvencionables ao abeiro desta orde xustificaranse a través das modalidades de custos simplificados previstas nos artigos 67.1.b) do Regulamento (UE) 1303/2013.

2. A persoa beneficiaria deberá ter realizadas as actuacións que fosen obxecto da axuda ao fin do período subvencionable. En todo caso, a data límite para presentar a xustificación será o 10 de decembro de 2018.

3. Os gastos acreditaranse mediante declaración da persoa beneficiaria do servizo de promoción da autonomía persoal a que se vincula a subvención, asinada pola entidade/profesional prestadora/or do servizo e onde se reflectirá unha valoración profesional do cumprimento da súa execución, segundo o anexo IV.

4. No momento da xustificación da execución total da actuación, a persoa beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas aprobadas ou concedidas derivadas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) ou outras axudas procedentes de calquera Administración pública ou ente público coa finalidade de adquirir algún dos servizos de promoción da autonomía persoal recollidos no catálogo de servizos do SAAD, no espazo destinado a esta finalidade que figura no anexo III.

5. Así mesmo, deberá estar ao día das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, conforme o previsto polo artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. No caso de non ter proporcionado a información dos cuestionarios de produtividade e resultado inmediato sobre participantes en actuacións cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 a través da aplicación informática Participa 1420 e, en todo caso, cando non teña rexistrado xunto coa solicitude un correo electrónico válido de contacto, no momento da xustificación a persoa beneficiaria deberá presentar a información relativa aos indicadores de produtividade e resultado inmediato segundo os anexos V e VI debidamente cubertos. O cuestionario de resultado a longo prazo recollido no anexo VII poderá ser requirido pasados 6 meses desde a finalización do período subvencionable.

7. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen presentar esta ante o órgano administrativo competente para resolver, requiriráselle á persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. Se non se efectúa a xustificación ou esta resulta insuficiente, segundo o exixido nas bases reguladoras, acordarase a perda do dereito ao cobramento da subvención, conforme o establecido no artigo 75 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, segundo o disposto no artigo 18.

8. A Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, logo de comprobar a documentación xustificativa presentada pola persoa beneficiaria, aboará a contía da axuda concedida.

Artigo 18. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro da axuda

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A realización parcial do servizo subvencionado comportará a perda proporcional do dereito ao cobramento. Non obstante, se a execución final da prestación do servizo é inferior ao 50 % do inicialmente solicitado, implicará a perda total do dereito ao cobramento da subvención concedida.

3. Procederá o reintegro do 100 % da subvención, e dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, cando se verifique o incumprimento da obriga de proporcionar a información solicitada relativa aos indicadores de produtividade, resultado inmediato e a longo prazo sobre actuacións cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

4. Procederá o reintegro do 10 % da subvención cando exista incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas segundo o disposto no artigo 8.1.a), consideradas incompatibles segundo o réxime de incompatibilidades disposto no artigo 3. Igualmente procederá o reintegro do 100 % da subvención, e dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, cando exista incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas segundo o disposto nos artigos 8.1.a) e 17.4, consideradas incompatibles segundo o réxime de incompatibilidades disposto no artigo 3.

5. A tramitación do correspondente expediente de reintegro efectuarase de acordo co procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. As cantidades que teñan que reintegrar as persoas beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 19. Infraccións e sancións

Será de aplicación aos beneficiarios das axudas recollidas nesta orde o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Publicidade de datos

1. Non será necesaria a publicidade da adxudicación da axuda de acordo co establecido no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 9.4.a) do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006, ao poder ser contraria á salvagarda da intimidade persoal e familiar das persoas físicas.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria.

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, no Regulamento (UE) núm. 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006, do Consello; na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias na persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para resolver a concesión, denegación, reintegro, modificación ou outros incidentes das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Segundo a disposición adicional segunda do Regulamento (UE) 2016/679 xeral de protección de datos, os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo I e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de Organismo Intermedio dos programas operativos, en virtude das funcións atribuídas pola Autoridade de Xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, e as súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas poderán ser publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación do desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2018

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file