Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Martes, 11 de decembro de 2018 Páx. 51718

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2018, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais Comisións Obreiras, Unión Xeral de Traballadores de Galicia, Confederación Intersindical Galega e Central Sindical Independente e de Funcionarios de Galicia sobre o persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas.

Visto o texto do acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais Comisións Obreiras, Unión Xeral de Traballadores de Galicia, Confederación Intersindical Galega e Central Sindical Independente e de Funcionarios de Galicia sobre o persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

Esta Secretaría Xeral de Emprego

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon), creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2018

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais Comisións Obreiras de Galicia, Unión Xeral de Traballadores de Galicia, Confederación Intersindical Galega e Central Sindical Independente e de Funcionarios de Galicia sobre

o persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas

A Axencia Galega de Infraestruturas é unha entidade pública adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cuxo estatuto está regulado no Decreto 173/2011, do 4 de agosto.

O artigo 1.3 do Decreto 173/2011 sinala os obxectivos básicos da dita axencia: «3. Os obxectivos básicos da Axencia Galega de Infraestruturas son impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de estradas. Para tales efectos, corresponde á Axencia planificar, proxectar, construír, conservar e explotar as estradas que sexan de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os servizos que se poidan instalar ou desenvolver nas ditas infraestruturas. Tamén ten por obxecto garantir o uso e defensa do patrimonio viario».

Por outra parte, o artigo 7.1 do Decreto 173/2011 recolle as funcións da Axencia, entre as cales cabe destacar as detalladas na letra j), que lle atribúe as de inventario, explotación, conservación e sinalización das estradas e servizos complementarios na zona de dominio público das estradas.

Para desenvolver as funcións de explotación, conservación e sinalización das estradas a Axencia conta con persoal laboral de diversas categorías profesionais dos grupos III e IV que realizan funcións de conservación directa e de vixilancia das estradas, no relativo a obras, explotación e conservación.

No entanto, no ámbito das funcións de vixilancia en relación coas de conservación directa das estradas existe unha disparidade, que se manifesta tanto nunha regulación obsoleta das funcións das categorías coma no número de prazas e de efectivos dedicados a unha e outra función.

Co obxectivo de adecuar a estrutura do persoal laboral da Axencia á necesidade de potenciar a vixilancia fronte á conservación directa das estradas é polo que se formula o seguinte acordo, que se fundamenta en tres eixes fundamentais:

1º. Racionalización das categorías laborais existentes, coa refundición de categorías con funcións similares.

2º. Definición de funcións das categorías laborais, co obxectivo de buscar unha regulación que supere a existente, que é claramente obsoleta.

3º. Dotación de prazas e cobertura delas por procesos selectivos: o obxectivo fundamental é contar con postos dedicados á vixilancia das estradas.

No V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia creouse a categoría 9 dentro do grupo III, coa denominación «técnico/a práctico/a en control e vixilancia de obras, conservación e explotación». No entanto, esta categoría non ten definidas as súas funcións nin na actual relación de postos de traballo da Axencia existen prazas desta categoría.

O que se pretende é sobre a base desta categoría xa existente articular un proceso sobre os tres eixes descritos e, por tanto,

ACORDAN:

1º. Racionalización de categorías laborais.

O que se pretende é refundir categorías con funcións similares, que será presentada para o seu estudo na negociación coa Dirección Xeral de Función Pública. En concreto, na categoría 9 do grupo III, «técnico/a práctico/a en control e vixilancia de obras, conservación e explotación» refundiranse as seguintes categorías do grupo III:

• Categoría 7: técnico/a práctico/a en control, e vixilancia de obras. Técnico auxiliar de obras.

• Categoría 8: encargado/a xeral.

• Categoría 60: auxiliar técnico/a de obra. Auxiliar técnico/a de obra TIE.

• Categoría 23: celador de estradas/capataz de estradas.

• Categoría 67: capataz de cuadrilla.

Ademais, proponse á Dirección Xeral da Función Pública a modificación da denominación da categoría 31 do grupo IV, «legoeiro», que será substituída pola de «axente de estradas».

2º. Definición de funcións.

A definición das funcións das categorías laborais que prestan os seus servizos na Axencia Galega de Infraestruturas contense nos convenios colectivos do antigo Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo (MOPU) e no Decreto 3184/1973, do 30 de novembro, polo que se aproba o novo Regulamento xeral de persoal de legoeiros do Estado.

Dado o obsoleto deste marco funcional, proponse agora a seguinte definición de funcións nas concretas categorías que se relacionan:

1. Técnico/a práctico en control e vixilancia de obras, explotación e conservación de estradas (grupo III, categoría 9).

2. Legoeiro (grupo IV, categoría 31).

1. Técnico/a práctico en control e vixilancia de obras, explotación e conservación de estradas (grupo III, categoría 9): agrupa, ademais desta categoría, o persoal das categorías 7, 8, 23, 60 e 67 do grupo III tal e como se especifica no punto 1º deste acordo.

As súas funcións son:

• Vixiar as operacións e tarefas relacionadas coa explotación do dominio público viario e dos elementos que o compoñen (segundo se define a explotación do dominio público viario no artigo 33 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que comprende as operacións de conservación, mantemento e as accións encamiñadas á súa defensa, mellor uso e aproveitamento), en concreto:

– Vixiar o estado de conservación e funcionamento dos elementos que integran o dominio público viario.

– Vixiar e comprobar a execución das obras e actuacións promovidas polo órgano competente en materia de estradas ou doutras que se lle asignen, incluíndo a realización de implantacións, comprobacións, medicións e ensaios dos elementos construídos nas ditas obras.

– Comprobar e verificar os medios materiais e persoais, así como da execución dos traballos e actuacións vinculadas ás tarefas de conservación ordinaria e vialidade invernal que efectúen as empresas adxudicatarias dos contratos realizados para as ditas funcións ou de calquera outro contrato relacionado con esta competencia que exerza o órgano competente en materia de estradas.

– Realizar as tarefas de inspección e vixilancia necesarias para a atender á supervisión que o órgano competente en materia de estradas realiza sobre as vías explotadas en réxime de concesión administrativa.

– Vixiar as operacións, traballos, obras ou outros usos realizados por terceiros no ámbito de protección das estradas, incluíndo a realización de implantacións, comprobacións, medicións e ensaios dos elementos construídos nas ditas obras.

– Poñer en coñecemento das persoas de que dependa calquera anomalía ou incumprimento da lexislación ou dunha autorización, de ser o caso.

• De ser o caso, organización do persoal que teña encomendado baixo o seu cargo nas cuadrillas encargadas das tarefas da execución material dos traballos de conservación, reparación e construción de obras nas estradas de titularidade autonómica e nos seus elementos funcionais.

• Supervisar, realizar as comprobacións e implantacións da instalación de elementos de sinalización, balizamento e defensa das estradas, así como do pintura de marcas viais, incluíndo a premarcaxe.

• Sinalizar os accidentes de circulación que presencie, colaborar e comunicar a súa situación aos servizos de emerxencia pertinentes, así como ás persoas de que dependa.

• Retirar da calzada aqueles elementos estraños de pequeno tamaño e que poidan ser un perigo para a seguridade viaria ou un impedimento á circulación: pólas, rochas, restos de vehículos, elementos de balizamento desprendidos e calquera outro obstáculo que poidan ser retirado de forma manual, sinalizar o perigo e avisar os medios de conservación axeitados no caso de seren precisos.

• Atender ao cumprimento da normativa vixente, con especial atención á referente á mellora da seguridade viaria, ao ambiente e á seguridade e prevención de riscos laborais, no relacionado coa explotación de estradas.

• Elaborar os partes de servizo, informes, esbozos e demais documentos relacionados coas súas funcións, mediante o emprego dos equipos ofimáticos e das ferramentas administrativas de que dispoña.

• Conservar os medios materiais que se poñan á súa disposición e informar o seu inmediato superior de calquera anomalía ou desperfecto.

• Cantas outras tarefas compatibles co seu nivel e coñecementos e que estean relacionadas coas funcións arriba indicadas lle indique a persoa de que dependa.

2. Axente de estradas (grupo IV, categoría 31).

As súas funcións son:

• Execución material dos traballos de conservación, reparación e construción de obras nas estradas de titularidade autonómica e nos seus elementos funcionais, en concreto:

– Limpeza e roza de beiras e marxes das estradas.

– Reparacións de firme.

– Reparación, mantemento e limpeza das obras de drenaxe.

– Limpeza, reposición e colocación dos elementos de sinalización, balizamento e defensa.

– Repintado de marcas viais.

– Vixiar as operacións e tarefas relacionadas coa explotación do dominio público viario e dos elementos que o compoñen (segundo se define a explotación do dominio público viario no artigo 33 de Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que comprende as operacións de conservación, mantemento e as accións encamiñadas á súa defensa, mellor uso e aproveitamento), en concreto:

– Colaborar cos vixilantes de estradas e persoal de categoría superior nas súas funcións propias.

– Vixiar o estado de conservación e funcionamento dos elementos que integran o dominio público viario.

– Comprobar e verificar os medios materiais e persoais, así como a execución dos traballos e actuacións vinculadas ás tarefas de conservación ordinaria e vialidade invernal que efectúen as empresas adxudicatarias dos contratos realizados para as ditas funcións ou de calquera outro contrato relacionado con esta competencia que exerza o órgano competente en materia de estradas.

– Vixiar as operacións, traballos, obras ou outros usos realizados por terceiros no ámbito de protección das estradas.

– Informar as persoas de que dependa de calquera anomalía ou incumprimento da lexislación ou dunha autorización, de ser o caso.

• Sinalizar os accidentes de circulación que presencie, colaborar e comunicar a súa situación aos servizos de emerxencia pertinentes, así como ás persoas de que dependa.

• Retirar da calzada aqueles elementos estraños de pequeno tamaño e que poidan ser un perigo para a seguridade viaria ou un impedimento á circulación: pólas, rochas, restos de vehículos, elementos de balizamento desprendidos, e calquera outro obstáculo que poida ser retirado de forma manual, sinalizar o perigo e avisar os medios de conservación axeitados, no caso de seren precisos.

• Atender ao cumprimento da normativa vixente, con especial atención á referente á mellora da seguridade viaria, ao ambiente e á seguridade e prevención de riscos laborais, no relacionado coa explotación de estradas.

• Elaborar os partes de servizo, informes, esbozos e demais documentos relacionados coas súas funcións, mediante o emprego dos equipamentos ofimáticos e das ferramentas administrativas de que dispoña.

• Conservar os medios materiais que se poñan á súa disposición e informar o seu inmediato superior de calquera anomalía ou desperfecto.

• Cantas outras tarefas compatibles co seu nivel e coñecementos e que estean relacionadas coas funcións arriba indicadas lle indique a persoa de que dependa.

3º. Dotación de prazas e cobertura delas por procesos selectivos.

A Axencia Galega de Infraestruturas fixa como obxectivo a creación dun mínimo de 57 prazas da categoría 9 do grupo III para atender as peticións de realización de funcións de vixilancia trasladadas polo persoal laboral fixo nas enquisas realizadas, por petición das organizacións sindicais, nos servizos provinciais da Axencia Galega de Infraestruturas.

Nunha primeira quenda ofertaranse 38 prazas, que se convocarán o antes posible despois da sinatura do acordo e para resolver no ano 2018. As prazas que quedasen sen cubrir acumularanse ás 19 prazas restantes e ofertaranse no ano 2019, poñendo fin a este acordo.

As prazas de nova creación uniranse ás que xa existan como consecuencia da refundición das categorías que se relacionan no número 1 deste acordo.

Para a cobertura desas prazas acudirase aos procesos selectivos que se articularán, exclusivamente, a través dunha promoción interna vertical e horizontal, nos cales poderá participar todo o persoal laboral fixo da Xunta de Galicia que posúa a titulación requirida para o acceso ao grupo III mediante concurso-oposición.

As partes acordan que, finalizados todos os procesos de promoción interna previstos neste acordo á categoría 9 do grupo III, se ofertarán, de ser o caso, á quenda de acceso libre as vacantes que houber ao último proceso de promoción interna a esta categoría, segundo as previsións establecidas no convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comprométese, xunto coas centrais sindicais, a promover o procedemento necesario para que o persoal do grupo IV, categoría 31, que non teña a titulación exixida poida concorrer a unha praza do grupo III, categoría 9, mediante o proceso de promoción interna descrito neste punto, unha vez obtida a titulación académica necesaria.

Darase traslado deste acordo ao órgano competente en materia de función pública para que as prazas se inclúan na correspondente oferta de emprego público na quenda de promoción interna.

A creación de prazas farase efectiva unha vez rematado cada un deses procesos selectivos.

A Administración, a través da Dirección Xeral de Función Pública, negociará coas organizacións sindicais unha proposta de bases deses procesos.

4º. Procedemento para optar ás funcións de vixilancia do grupo IV.

Este acordo recolle unha nova definición de funcións para a categoría 31 do grupo IV na que se inclúen tarefas de vixilancia.

A realización das ditas funcións de vixilancia será desenvolvida de xeito transitorio por persoal desta categoría, de ser necesario para o funcionamento da Axencia, mentres non rematen os procesos de promoción interna recollidos no punto 3º deste acordo.

O procedemento para que o persoal da dita categoría opte voluntariamente á realización das funcións de vixilancia articularase consonte os criterios de selección e a orde que se especifica a seguir, sempre que posúan o permiso de conducir tipo B:

a) Criterios de selección:

Primeiro. Relación de servizo. Darase preferencia aos laborais fixos sobre os temporais.

Segundo. Tempo traballado. Dentro de cada un dos grupos de fixos ou temporais, terán preferencia os traballadores con máis antigüidade na relación laboral coa Administración fronte a aqueles de incorporación máis recente.

Terceiro. Curso de explotación de estradas. Darase preferencia ás persoas que tiveren superado o curso de explotación de estradas impartido pola EGAP no ano 2015 ou posteriores.

Cuarto. Logo de aplicar os criterios de selección anteriores, no caso de persistir a igualdade, ordenarase a lista de voluntarios segundo o alfabeto, pola letra do primeiro apelido considerando o resultado do sorteo que realiza anualmente a consellería competente en materia de función pública de acordo co disposto no artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo, para establecer a orde de actuación dos aspirantes en todas as probas selectivas de ingreso que se celebren durante o ano. A letra considerada será a vixente para o ano en que se produza a necesidade de cubrir as funcións de vixilancia ás que se fai referencia no primeiro parágrafo.

b) Na medida do posible, teranse en conta as preferencias de zona indicadas polos solicitantes no ámbito territorial de cada servizo provincial. Xúntase un modelo de solicitude que se inclúe como anexo a este acordo. O traballador pode renunciar, mediante escrito dirixido á AXI, ás funcións de vixilancia solicitadas voluntariamente.

5º. Funcionarización.

Consonte o previsto na disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas trasladará ao órgano competente en materia de función pública unha proposta para articular un proceso selectivo por promoción interna convocado por unha soa vez e polo sistema de concurso-oposición, de forma independente aos procesos selectivos de libre concorrencia para que o persoal laboral fixo da categoría de técnico/a práctico en control e vixilancia de obras, explotación e conservación de estradas (grupo III, categoría 9) poida acceder, sempre que cumpra os requisitos legais necesarios, á escala de axentes de inspección, especialidade de vixilancia de estradas, recollida na disposición adicional oitava da dita Lei 2/2015.

6º. Comisión de seguimento.

Créase unha comisión mixta de seguimento que actúe como mecanismo conxunto de plena efectividade para levar a cabo o seguimento e control das actividades necesarias para a execución do presente acordo.

A comisión de seguimento estará integrada por 4 representantes da Administración autonómica e 1 representante por cada organización sindical.

Será presidida polo titular da Dirección Xeral da Función Pública ou empregado público en quen delegue. O secretario, con voz e con voto, será un funcionario público designado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Cada unha das partes representadas nesta comisión de seguimento poderá estar asistida polos/as técnicos/as que se coide oportuno, logo de comunicación da súa designación ao desenvolvemento da reunión.

A comisión de seguimento será paritaria.

missing image file