Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Luns, 24 de decembro de 2018 Páx. 53439

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 14 de decembro de 2018 pola que se modifica o regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

O día 14 de abril de 2009 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde da Consellería do Medio Rural, do 3 de abril de 2009, pola que se aproba o regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Esta orde serviu para adaptar o funcionamento deste organismo, que quedou constituído como corporación de dereito público, ás previsións da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e ás do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, que desenvolveu a citada lei. Coa aprobación desta orde tamén se produciu a adaptación do funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) ao marco normativo europeo vixente naquel momento.

Posteriormente, mediante a Orde do 4 de febreiro de 2011 introducíronse algunhas modificacións puntuais no dito regulamento, motivadas principalmente en facilitar o proceso de acreditación ante a ENAC en que nese momento estaba inmerso o Craega.

Por outra parte, e logo dun longo período de debate no seo do sector da produción ecolóxica, o Pleno do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia aprobou, o pasado día 12 de xullo, unha nova modificación do regulamento de funcionamento para eliminar a obrigatoriedade de utilización de numeración individualizada das contraetiquetas nos envases de cada produto comercializado, na liña do que hoxe é a práctica habitual para os organismos que certifican produtos ecolóxicos noutras comunidades autónomas ou, mesmo, noutros países da Unión. Este cambio vai acompañado de certas modificacións nos procedementos operativos do manual de calidade do Craega, que van permitir que a ausencia de numeración nas contraetiquetas non menoscabe o axeitado control da rastrexabilidade dos produtos.

Posteriormente, o pasado día 16 de novembro, o Pleno deste organismo aprobou tamén a modificación do seu actual logotipo, que figura como anexo da dita orde. Esta modificación proponse para adaptar o dito logotipo ao documento «Directrices de uso de logotipos da produción ecolóxica baseados na marca nacional rexistrada na OEPM sobre produción ecolóxica», que recentemente se aprobou na Mesa de Coordinación da Produción Ecolóxica, órgano colexiado formado por representantes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e das comunidades autónomas.

Polo tanto, logo da proposta do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo da Orde do 3 de abril de 2009 pola que se aproba o regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

O regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, aprobado pola Orde da Consellería do Medio Rural do 3 de abril de 2009 e modificado pola Orde do 4 de febreiro de 2011, queda redactado de acordo co que se expresa a seguir:

Un. O punto 3 do artigo 14 queda redactado do seguinte xeito:

«3. Os produtos ecolóxicos avalados polo Craega levarán na súa etiquetaxe, presentación e publicidade as indicacións que fagan referencia ao método de produción ecolóxica, de acordo co establecido na normativa comunitaria e irán acompañados da correspondente marca de certificación do Craega do seguinte xeito:

a) No caso de mercadorías a granel, mediante o acompañamento do correspondente volante de circulación do Craega ou documento que o substitúa, de acordo co que se recolla no Manual de calidade.

b) No caso de produtos envasados, mediante a utilización da marca de certificación, de acordo co que se regule no Manual de Calidade.

c) No caso de venda directa da produción propia do produtor ao consumidor final na súa explotación ou en mercados locais, poderán substituírse os elementos de control indicados na letra a) por un sistema de identificación de acordo co que se regule no Manual de calidade».

Dous. O anexo ao Regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia en que se recolle o logotipo deste consello regulador substitúese polo seguinte:

«Anexo ao regulamento de funcionamento do Consello Regulador
da Agricultura Ecolóxica de Galicia

Logotipo do Craega

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2018

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file