Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Mércores, 23 de xaneiro de 2019 Páx. 4338

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2019 pola que se fai público o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos que deberá aplicar a Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para o ano 2019, así como a bonificación aplicable para o devandito ano.

Antecedentes:

Primeiro. Mediante a Resolución do 19 de xaneiro de 2018, da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, emitida ao abeiro do número dous da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 19, do 26 de xaneiro de 2018, fíxose público o importe do canon unitario que percibirá a Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama) pola xestión de residuos domésticos ou urbanos para o ano 2018, que se fixa na suma de 69,00 euros por tonelada de residuos xestionada.

Segundo. A teor dos datos fornecidos polo Instituto Nacional de Estatística, a taxa de variación anual do índice de prezos ao consumo correspondente a decembro de 2018 foi do 1,2 %.

Terceiro. De acordo cos resultados económicos obtidos pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), é posible aplicar unha bonificación para o ano 2019, por importe do 10 % da cantidade que en concepto de canon vixente no ano 2018 é de aplicación a aquelas entidades locais que cumpran os requisitos establecidos na lei.

Fundamentos xurídicos:

I. O Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da entón Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 106/2018, do 4 de outubro, de modificación parcial do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, configuran este departamento como o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de ambiente, e adscribe á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, ben directamente ou ben a través das súas unidades subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana e o fomento de sistemas e estratexias de corrección da devandita incidencia, incluíndo diversas atribucións en materia de residuos.

II. A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, sinala que o sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama) ao abeiro da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, constitúe un modo de xestión colectiva dos residuos municipais cuxa finalidade de interese xeral é a de conseguir, en cooperación coas entidades locais adheridas ao sistema, o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos domésticos, buscando a máxima eficiencia no uso dos recursos públicos.

O punto dous da devandita disposición fixou o canon unitario de tratamento por tonelada de residuos que deberá percibir a citada entidade e sinala que este se actualizaría anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos ao consumo, e que a súa contía se publicaría no Diario Oficial de Galicia.

Tomando como base o importe de 69,00 euros correspondente ao canon por tonelada de residuos xestionada vixente no exercicio 2018, o importe actualizado segundo a variación do IPC referida no antecedente segundo ascende a 69,83 euros.

Igualmente, a Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, introduciu no seu artigo 11, unha modificación da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, mediante a cal se introduce un punto tres bis na disposición adicional vixésimo primeira, na cal se regula a posibilidade de establecer unha bonificación na contía do canon unitario de tratamento por tonelada nunha porcentaxe que non excederá do 10 % da cantidade que en concepto de canon estea vixente no ano inmediatamente anterior.

Dándose as circunstancias establecidas nese punto tres bis da mencionada disposición adicional vixésimo primeira, ao concorrer na Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), circunstancias económicas de cumprimento dos obxectivos orzamentarios e as previsións do plan de viabilidade, é posible establecer unha bonificación do canon unitario para o ano 2019 por un importe de ata o 10 % da cantidade que en concepto de canon estaba vixente no ano 2018.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Facer público o importe actualizado do canon unitario por tratamento de residuos domésticos aplicable, durante o ano 2019, no marco do sistema promovido pola Xunta de Galicia para a xestión institucional dos residuos de competencia municipal e xestionado pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama), que se fixa na suma de 69,83 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.

Establecer e facer pública unha bonificación sobre o canon anterior, por importe do 10 % da cantidade que en concepto de canon estaba vixente no ano 2018. Desta forma, o canon bonificado establécese en 62,93 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido. O devandito canon bonificado será de aplicación a aquelas entidades locais que cumpran as condicións específicas establecidas nese punto tres bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda