Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Martes, 26 de febreiro de 2019 Páx. 11223

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento IN848D).

Advertidos erros na Resolución do 28 de decembro de 2018, publicada no Diario Oficial de Galicia número 28, do 8 de febreiro de 2019, cómpre efectuar as seguintes correccións:

– Na páxina 8282, no artigo 7.3.b.6), onde di:

«A subcontratación deberá estar debidamente xustificada e motivada na memoria técnica e deberá cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,(...)».

Debe dicir:

«A subcontratación deberá estar debidamente xustificada e motivada na memoria técnica e deberá cumprir co establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,(...)».

– Na páxina 8283, no artigo 7.4, onde di:

«4. De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 15.000 euros, no suposto de subministración de bens de equipamento e servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa».

Debe dicir:

«4. De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 15.000 euros, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa».