Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Xoves, 28 de febreiro de 2019 Páx. 11495

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o Premio Comunicar en Igualdade para o ano 2019.

A igualdade real e efectiva de dereitos entre mulleres e homes é unha necesidade esencial nunha sociedade democrática moderna que, desde todos os niveis normativos, se pretende conseguir a través de diversas medidas contidas tanto nos tratados internacionais como na normativa estatal e autonómica.

A Xunta de Galicia, coa dobre finalidade de promover a igualdade e eliminar as discriminacións entre mulleres e homes comprométese, segundo establece o artigo 5 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, a integrar a dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, execución e seguimento de todas as políticas e de todas as accións que desenvolva no exercicio das competencias asumidas de conformidade coa Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

De conformidade co Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndelle impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero.

A difusión pública nos diversos medios de comunicación dos asuntos relacionados coa perspectiva de xénero, coa igualdade entre homes e mulleres e coa loita contra a violencia de xénero, como expresión máxima da desigualdade, ten unha importancia decisiva no labor de concienciación social sobre a consecución deses obxectivos que deben ser irrenunciables para a nosa sociedade.

Por iso, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero estableceuse un eixe específico (eixe 1) dedicado ao fomento das accións de sensibilización da sociedade e da prevención da violencia de xénero, mediante accións e campañas dirixidas a visibilizar o dano que producen a desigualdade e as condutas violentas e a axudar a tomar conciencia sobre a magnitude do problema da violencia contra as mulleres e as consecuencias que ten para a vida das mulleres e dos seus fillos e fillas; tendo en consideración o papel insubstituíble que teñen os medios de comunicación para unha eficaz prevención e loita contra a violencia de xénero e na elaboración de contidos de entretemento baseados en valores de igualdade e respecto.

Por todas estas razóns considérase que o órgano competente en materia de igualdade da Xunta de Galicia pode exercer un labor positivo neste sentido mediante a introdución dun estímulo ou incentivo para fomentar a publicación e a investigación sobre esas materias, tanto nos/nas profesionais do xornalismo como no alumnado das facultades e escolas universitarias.

Así, a través desta resolución, establécense as bases que rexerán o Premio Comunicar en Igualdade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, enmarcado nas medidas 24 e 56 do documento refundido final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Por todo o disposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único

Esta orde ten por obxecto a convocatoria do Premio Comunicar en Igualdade para o ano 2019, de acordo coas seguintes bases reguladoras:

Primeira. Obxecto e réxime xurídico

1. O obxecto do premio é recoñecer e recompensar traballos de tipo xornalístico que contribúan á defensa e difusión dos valores da igualdade entre mulleres e homes, así como á loita contra a violencia de xénero (código de procedemento SI437B).

Trátase de premiar as boas prácticas respecto dun tratamento axeitado de asuntos de cobertura informativa diaria como poden ser o sexismo na publicidade, outros modelos de masculinidade, a violencia machista, a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, a violencia de xénero en colectivos especialmente vulnerables, a situación da muller nos diferentes ámbitos, así como os temas relacionados en xeral coa perspectiva de xénero e coa desigualdade por razón de xénero.

2. A concesión do premio rexerase por estas bases; pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Segunda. Modalidades

1. O Premio Comunicar en Igualdade convócase baixo as seguintes modalidades:

a) Premio para profesionais do xornalismo.

b) Premio para o alumnado universitario.

2. Non poderán resultar premiadas as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira. Premio para profesionais do xornalismo

1. Nesta categoría premiaranse os mellores traballos informativos ou serie de pezas elaboradas individual ou colectivamente, segundo criterios de calidade, esforzo investigador e de sensibilización e axeitado tratamento informativo sobre a igualdade de xénero ou sobre a violencia de xénero.

2. Os traballos orixinais (isto é, que proveñan directamente do seu autor/a, sen ser imitación, tradución ou copia doutra obra) e en idioma galego, poderán ser de tipo impreso, dixital ou audiovisual. Poderán presentarse informacións, crónicas, entrevistas, artigos de opinión, reportaxes fotográficas, documentais ou similares; xa publicados ou emitidos nalgún medio de comunicación (xornais, radios, televisión ou páxinas web) con influencia no ámbito galego durante o ano 2018 e en 2019 ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Cada participante poderá presentar un único traballo.

4. Establécense 3 categorías de premios:

– Un primeiro premio que terá unha dotación económica de seis mil euros (6.000 €).

– Un segundo premio cunha dotación económica de tres mil euros (3.000 €).

– Un terceiro premio cunha dotación económica de dous mil euros (2.000 €).

Nestas cantidades efectuaranse as retencións que, de ser o caso, correspondan de acordo coa normativa tributaria aplicable.

Cuarta. Premio para alumnado universitario

1. Nesta categoría poderá participar calquera alumna ou alumno con matrícula nalgunha das titulacións impartidas no Sistema universitario de Galicia (SUG) no curso 2018/19.

2. O premio outorgarase aos mellores traballos de tipo xornalístico segundo criterios de calidade, esforzo investigador e axeitado tratamento desde a perspectiva de xénero. Os traballos, en idioma galego, poderán ser de tipo impreso, dixital ou audiovisual. Valorarase que o traballo fora emitido ou publicado nalgún medio de comunicación (xornais, radios, televisión ou páxinas web) con influencia no ámbito galego durante o ano 2018 e en 2019 ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Cada participante poderá presentar un único traballo.

4. Establécense 3 categorías de premios:

– Un primeiro premio que terá unha dotación económica de catro mil euros (4.000 €).

– Un segundo premio cunha dotación económica de dous mil euros (2.000 €).

– Un terceiro premio cunha dotación económica de mil euros (1.000 €).

Nestas cantidades efectuaranse as retencións que, de ser o caso, correspondan de acordo coa normativa tributaria aplicable.

Quinta. Financiamento

A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.2 (proxecto 2018 112), e o financiamento enmárcase nos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade), correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia.

Sexta. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes e traballos

1. As persoas interesadas deberán achegar a solicitude segundo o modelo que figura como anexo I a esta resolución.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365.

3. O prazo de presentación das solicitudes comezará ao día seguinte da publicación destas bases e convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 16 de setembro de 2019.

Sétima. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Breve currículo do autor ou autora do traballo, no que debe aparecer o enderezo, teléfono e correo electrónico de contacto. Para o caso de profesionais do xornalismo, no artículo tamén deberán facer constar o número de colexiación no colexio oficial de xornalistas que corresponda.

b) Memoria xustificativa que resuma e explique o traballo que se presenta, cunha extensión máxima de 5 páxinas en DIN A4, por unha soa cara, con letra arial 12 e cun interliñado sinxelo.

c) No caso de traballos impresos deberá presentarse unha copia en soporte papel e CD. Para o caso de traballos audiovisuais achegarase unha copia en CD/DVD. No caso de traballos gráficos poderá presentarse unha serie, cun máximo de 5 fotografías, indicando a súa orde, en soporte CD, formato JPG de alta resolución, mínimo 300dpi. Para os traballos dixitais indicarase a URL onde está publicado o traballo e, en caso de non estar dispoñible a través da rede, presentarase un documento PDF en soporte CD.

Ademais, de ser o caso, deben incluírse os datos da publicación (medio de comunicación e data de aparición).

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que se presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Novena. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.

c) Condición de estudante matriculado/a no SUG no curso 2018/19.

d) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias que constan en poder da Administración autonómica.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social que constan en poder da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

g) Certificado de non estar incurso/a en inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décima. Instrución e notificacións

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Xestión Técnico-Administrativa e Orzamentaria da Secretaría Xeral da Igualdade, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta resolución. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requiriralle á persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, terase por desistida da súa solicitude logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou sexa expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo primeira. Xurado

1. Para a valoración dos traballos constituirase un xurado que estará presidido pola persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais, ou persoa en quen delegue, e ademais formarán parte del, como vogais, todas as persoas integrantes da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista.

A secretaría do xurado corresponderá, con voz e sen voto, a unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral da Igualdade, designada pola persoa titular deste órgano.

2. Na composición do xurado procurarase unha presenza equilibrada de mulleres e de homes.

3. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nesta resolución e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Décimo segunda. Criterios de valoración dos traballos

1. O xurado valorará, baixo estrito criterio de obxectividade, os traballos presentados conforme os seguintes criterios:

a) Relevancia do tema tratado en relación co obxecto do premio: 6 puntos.

b) Axeitado tratamento informativo sobre a igualdade de xénero: 6 puntos.

c) Capacidade potencial de sensibilización social: 4 puntos.

d) Orixinalidade e innovación: 3 puntos.

e) Rigor e esforzo investigador: 3 puntos.

f) Calidade narrativa e expositiva dos traballos: 3 puntos.

Na categoría de alumnado universitario, valoraranse con 2 puntos máis os traballos que fosen publicados de acordo co establecido na base cuarta.2.

2. O xurado declarará deserta calquera das dúas categorías dos premios no caso de que ningún dos traballos acade a puntuación mínima de 12 puntos en total.

Décimo terceira. Resolución e réxime de recursos

1. A adxudicación dos premios realizarase mediante resolución da secretaria xeral da Igualdade, de acordo coa proposta do xurado.

Se antes do 31 de decembro de 2019 non se dita a correspondente resolución de adxudicación dos premios, as persoas interesadas estarán lexitimadas para entender desestimada a súa candidatura, de conformidade co establecido no artigo 25.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A resolución da secretaria xeral da Igualdade pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46 respectivamente da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Décimo cuarta. Publicidade e entrega do premio

1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución deste procedemento.

Así mesmo, será obxecto de publicidade a través da páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. Unha vez publicada a resolución definitiva, a persoa interesada disporá dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A entrega do premio poderá realizarse nun acto público que se celebrará no lugar e na data que se comunicará oportunamente.

Décimo quinta. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web a relación das persoas beneficiarias e o importe do premio concedido. Incluirá, igualmente, o referido premio e as sancións que, como consecuencia del, puideran impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décimo sexta. Xustificación e pagamento

Os premios outorgados por estas bases serán aboados dentro do exercicio económico 2019, unha vez que quede debidamente acreditada a identidade da persoa autora do traballo. Así mesmo, e ao resultar que o requisito de achega da documentación necesaria para a xustificación e o cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación, non será necesario presentar ningunha outra documentación complementaria para a súa liquidación.

Décimo séptima. Condicións xerais de participación

1. A participación neste premio supón a aceptación incondicional destas bases que teñen carácter administrativo. Os seus efectos réxense polo establecido no seu articulado e, na súa falta, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

2. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá decidir a suspensión do concurso na súa totalidade ou ben a suspensión dalgunha das dúas categorías, no caso de non acadarse unha participación mínima de tres persoas. A resolución de suspensión deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.

3. A Secretaría Xeral da Igualdade declina calquera responsabilidade pola perda dos traballos que concorran a estes premios derivada de roubo, extravío, incendio ou outra causa de forza maior, así como polos danos que poidan sufrir durante o tempo que estean baixo a súa custodia.

Décimo oitava. Obrigas das persoas beneficiarias, compatibilidade e reintegro

1. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectúe a Secretaría Xeral da Igualdade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007.

2. Os premios serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos correspondentes xuros de mora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Décimo novena. Publicidade dos traballos

A Secretaría Xeral da Igualdade queda eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión na lexislación vixente en materia de propiedade intelectual en que puidesen incorrer as persoas participantes.

A presentación da solicitude implicará, para o caso dos traballos premiados, a colaboración nas accións de difusión que se organicen, en particular no acto público de entrega de premios, de ser o caso.

A participación nesta convocatoria supón a autorización das persoas participantes para que a Secretaría Xeral da Igualdade poida exhibir, reproducir ou publicar a imaxe e contido do traballo presentado na súa páxina web así como nas canles da RTVE-Galicia e da CRTVG ou en calquera outro medio que se considere oportuno, respectando e difundindo sempre a autoría dos traballos, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia. Especialmente, para cumprir coas obrigas de publicidade e deixar constancia do financiamento destes premios cos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, cando exhiba, reproduza ou publique as imaxes ou contidos dos traballos premiados, poderá incluír o logotipo e a referencia ao Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

Vixésima. Devolución dos traballos non premiados

Os traballos non premiados poderán ser retirados persoalmente polas persoas autoras ou ben mediante delegación por escrito noutra persoa nas oficinas da Secretaría Xeral da Igualdade no prazo de 30 días contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión dos premios.

Os traballos non premiados que non sexan retirados no prazo establecido pasarán á libre disposición da Secretaría Xeral da Igualdade.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Secretaría Xeral da Igualdade coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2019

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file