Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 26 de marzo de 2019 Páx. 15916

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 11 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e se procede á súa convocatoria (código de procedemento IN223A).

A Consellería de Economía, Emprego e Industria é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.1.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, indica que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins, así como a reforma, coordinación e mellora das estruturas comerciais.

A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. Para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente os mercados municipais que teñen unha singular significación por constituír espazos de centralidade comercial que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría. É preciso polo tanto renovar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, desde o momento que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun entorno urbano das vilas e cidades.

O Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia 2015-2020 ten entre os seus obxectivos a modernización do comercio galego, con especial atención á imaxe, a presentación do produto e a prestación de servizos complementarios ao cliente, por isto se inclúen medidas como a mellora da imaxe e o equipamento dos mercados e prazas de abastos galegos, así como a creación dunha rede de mercados excelentes.

O Plan de Mercados Excelentes de Galicia 2016-2020 é un instrumento que pretende destacar o potencial dos nosos mercados e prazas de abastos como eixes e motores do comercio de proximidade, adaptándoos ás novas tendencias do mercado.

A súa finalidade fundamental é aproveitar a súa situación estratéxica e potenciar estes espazos como o mellor escaparate do produto galego de calidade, vinculándoos ao contorno en que se integran, ao produto local e a valores como a sustentabilidade, a protección do ambiente, a calidade, o trato personalizado e o compromiso coa sociedade.

Incrementar os servizos que se prestan aos clientes, mellorar a súa accesibilidade, acadar a súa modernización e dixitalización son algúns dos retos do Plan de Mercados Excelentes que, ademais de incluír unha guía de boas prácticas e un sistema de avaliación para determinar a excelencia do mercado, recolle un conxunto de medidas para acadar a excelencia dos nosos mercados e prazas de abastos.

A guía de boas practicas adáptase aos distintos tipos e ás diferentes características dos nosos mercados, recollendo a excelencia como unha medida da calidade proxectada a longo prazo en termos de instalacións, accesibilidade, organización, xestión e servizo á clientela.

En consonancia con isto, por medio da Orde do 4 de xaneiro de 2017 regúlase o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia número 13, do 19 de xaneiro de 2017, e o seu outorgamento é a resposta aos retos de modernización e innovación a que se enfrontan os nosos mercados e prazas de abastos.

Polo tanto, resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e as corporacións locais para posibilitar medidas e actuacións que sirvan para potenciar a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos co obxecto de impulsar a creación dunha rede de mercados excelentes.

As características desta axuda aconsellan un tratamento especial, tanto polo seu obxecto como polos seus beneficiarios. Por iso, para asegurar a súa correcta execución, esta estenderase en dous exercicios, tal e como posibilita o artigo 26 do Regulamento 11/2009, do 8 de xaneiro, de subvencións de Galicia, nos termos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria dirixidas aos concellos galegos para o impulso dunha rede de mercados excelentes (código de procedemento IN223A).

2. Así mesmo, convócanse as devanditas subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, conforme ás bases reguladoras aprobadas nesta orde.

3. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 1.000.0000 euros que será imputado á aplicación orzamentaria 09.30.751A.761.3, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para as anualidades 2019 e 2020 , do seguinte xeito:

Anualidade

Importe

2019

300.000 €

2020

700.000 €

Total

1.000.000 €

Ao tratarse de compromisos de gastos de carácter plurianual, respectaranse as disposicións contidas no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e a realización dos gastos subordinarase aos créditos que para cada exercicio se consignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario/a da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Consellería de Economía, Emprego e Industria axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente.

Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2019, salvo esgotamento de crédito, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e no portal da Consellería de Economía, Emprego e Industria e que suporá o peche do prazo e a inadmisión das solicitudes que se presenten con posterioridade.

En todo caso, a presentación de solicitudes no antedito prazo de axudas para as actuacións contidas no artigo 1.4.2.b) das bases reguladoras, exixirá ter presentada a documentación xustificativa da realización da diagnose de situación e usos do mercado prevista no artigo 1.4.2.a) da devanditas bases.

Artigo 4. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez presentada a solicitude, esta será tramitada e valorada de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a dous meses, contados a partir do día seguinte a que teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Artigo 6. Información aos concellos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN223A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Consellería http://ceei.xunta.gal na súa epígrafe de axudas.

b) Os teléfonos das xefaturas territoriais, A Coruña: 981 18 49 62/14, Lugo: 982 29 49 38/670, Ourense: 988 38 67 12/717 e Vigo: 986 81 75 50/557.

c) Os enderezos electrónicos das xefaturas territoriais:

A Coruña: axudas-IN223.cei.co@xunta.gal

Lugo: axudas-IN223.cei.lu@xunta.gal

Ourense: axudas-IN223.cei.ou@xunta.gal

Vigo: invigo@xunta.gal

d) O enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

e) Presencialmente

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacionais de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Informe da Mesa Local do Comercio

Naqueles supostos en que se acredite fidedignamente a imposibilidade, non imputable ao solicitante da subvención, de obter o informe de presentación do proxecto á Mesa Local de Comercio, será suficiente, para os efectos establecidos no artigo 4, número 2, letra c), a solicitude do devandito informe.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Comercio e Consumo para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para a consolidación da rede de Mercados Excelentes de Galicia (código de procedemento IN223A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Esta orde ten por obxecto a concesión das subvencións para actuacións en mercados e prazas de abastos de Galicia que teñan concedido o selo de Mercado Excelente ou estean no proceso previo á súa obtención.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

4. En concreto, considéranse actuacións subvencionables as que a continuación se especifican, sempre que sexan realizadas nos seguintes prazos:

• Na anualidade 2019, desde o 1 de xaneiro de 2019 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 16.

• Na anualidade 2020, desde o 1 de decembro de 2019 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 16.

Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación das actuacións.

4.1. Prazas de abastos que teñan concedido o selo de Mercado Excelente.

Considéranse actuacións subvencionables os investimentos en mercados e prazas de abastos que teñan concedido o selo de Mercado Excelente, de acordo coa Orde do 4 de xaneiro de 2017, pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, e que constitúan un valor engadido neles, tendo en conta que deberán ter prioridade as actuacións que respondan ás observacións realizadas pola auditoría que se realice conforme ao artigo 5 da antedita orde. Estas actuacións, se non fosen aínda resoltas, deberán ser tidas en conta no conxunto das previstas na solicitude. De non o fixer, deberá xustificarse na solicitude.

En concreto, consideraranse actuacións subvencionables:

a) Acondicionamento das instalacións: mellora da imaxe, instalación de sistemas de climatización, de sistemas de illamento térmico e/ou acústico que reduza o impacto de ruídos, establecemento de sistemas de recollida de auga.

b) Creación e/ou mellora de servizos para clientes: servizo de carros da compra, adecuación e/ou creación de zonas de descanso, tales como espazos infantís, salas de lactancia e outros, creación dun servizo de repartición a domicilio con persoal maker, instalación de consigna frigorífica, de servizo de cociñado de produtos.

c) Creación e/ou mellora doutros servizos: instalación de pantallas de información, servizo automático de quenda, planos de situación do edificio «vostede está aquí», rede Wifi e implantación e/ou actualización de páxinas web dirixidas a mellorar a comercialización dos produtos que conten con tenda online e pasarela de pagamento.

d) Loxística e comercialización do produto, a súa presentación: creación dun packaging propio do mercado adecuado ás características específicas dos produtos, incluídos sistemas de envasado ao baleiro.

e) Creación ou mellora de aparcadoiros para vehículos e/ou bicicletas, sempre que sexan contiguos ás instalacións do mercado ou praza de abastos.

f) Actuacións de conservación, mantemento, reposición e mellora das instalacións e dos equipamentos.

g) Actuacións de promoción e dinamización da praza de abastos e mercado.

h) Actuacións formativas e de asesoramento dirixidas ao mentoring comercial, aumento da rendibilidade do punto de venda a través de técnicas de visual merchandising, colocación do produto e atención ao cliente.

i) Os gastos imputables ás unidades xerenciais derivados do mantemento dos estándares de calidade do selo Mercado Excelente de Galicia, cuxas principais funcións serán a busca da rendibilidade como negocio mediante a planificación estratéxica, o correcto funcionamento do mercado, a axeitada atención ao cliente, o desenvolvemento de plans de mellora nas instalacións, as relacións institucionais e con outros mercados e a implementación de procesos de mellora continua.

Os gastos subvencionables derivados da prestación destes servizos en ningún caso poderán levarse a cabo por persoal incluído na relación de posto de traballo do propio concello.

4.2. Prazas de abastos que non dispoñan do selo de Mercado Excelente.

Considéranse actuacións subvencionables os investimentos de diagnose de situación e usos do mercado e as posteriores actuacións de formación e mentoring e accións e medidas materiais derivadas da devandita diagnose, preparatorias para a obtención do selo de Mercado Excelente.

En concreto, considéranse subvencionables:

a) Diagnose de situación e usos do mercado realizada por unha empresa de consultoría especializada.

Poderán acollerse ás actuacións deste parágrafo todos os concellos que aínda non conten co selo de Mercado Excelente de Galicia.

A diagnose de situación e usos do mercado deberá incluír os seguintes aspectos:

• Un estudo de mercado.

• Un estudo de impacto económico actual e potencial da praza de abastos na súa contorna.

• Recollida de percepcións e opinións sobre o mercado por parte dos praceiros/as e usuarios/as.

• Descrición da oferta e da demanda, existentes e futuras, nivel de ocupación e diversidade con inclusión dunha ficha individual dos postos activos do mercado así como as súas posibles actuacións de mellora.

• Estratexia de optimización e redimensionamento de usos, se for o caso.

• Análise e proposta de actuacións de innovación.

• Avaliación dos procedementos administrativos relativos á adxudicación dos postos do mercado.

• Análise DAFO.

• Cumprimento, segundo a realidade existente, do anexo II da Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Actuacións de preparación para a obtención do selo de Mercado Excelente:

Poderán acollerse ás actuacións deste parágrafo os concellos que teñan concedida e xustificada a diagnose de situación e usos do mercado e acrediten mediante a presentación da ferramenta de autoavaliación contida no anexo II da Orde do 4 de xaneiro de 2017, acadar, polo menos, a puntuación mínima no capítulo I (ferramenta de avaliación da arquitectura) naqueles aspectos que atinxen ao estado do edificio.

En concreto, considéranse actuacións subvencionables:

– Accións de mentoring e actuacións de formación dos praceiros/as e da unidade xerencial.

– A execución de accións e medidas materiais derivadas da diagnose de situación e usos do mercado previsto na letra a) que deberán incluír, en todo caso, accións de mentoring e actuacións de formación dos praceiros/as e/ou da unidade xerencial.

As actuacións de mentoring e actuacións de formación deberán recollerse nun proxecto que, en todo caso, concretará o número de horas, obxectivos e indicadores para a súa medición.

As accións e medidas materiais derivadas da diagnose de situación e usos deberán recollerse nunha memoria-proposta que, en todo caso, será validada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo con carácter previo á concesión da subvención e en que se incluirá, xunto coas propostas de actuación, un cronograma de execución e os indicadores que permitan medir os seus resultados respecto a cada anualidade, de ser o caso.

As dúas actuacións anteriores deberán estar baseadas na proposta de actuacións da diagnose de situación e usos do mercado previamente realizada.

5. Para as actuacións contidas no número 4.1, a porcentaxe subvencionable acadará o 50 % do investimento, cun máximo de 150.000,00 euros de subvención por solicitante para os dous exercicios (2019 e 2020). A cantidade máxima de subvención anual será de 75.000 euros por beneficiario. Malia o anterior, o importe máximo da subvención da actuación prevista na letra i) será de 10.000 euros por exercicio.

A solicitude deberá corresponder a un conxunto de actuacións coherente cos estándares de excelencia e co proxecto con que se acadou o selo de Mercado Excelente, contribuirá á súa mellora e detallará as actuacións e os orzamentos que se vaian realizar en cada unha das anualidades, se for o caso, e que constitúan un valor engadido neles, tendo en conta que deberán ter prioridade as actuacións que respondan ás observacións realizadas pola auditoría que se realice conforme ao artigo 5 da Orde de 5 de xaneiro de 2017 se non fosen aínda resoltas. De non o fixer, deberá xustificarse na solicitude.

Para as actuacións contidas no número 4.2.a) a porcentaxe subvencionable acadará o 50 % do investimento, cun investimento máximo por solicitante de 14.000 euros por solicitante .

Para as actuacións contidas no número 4.2.b), a porcentaxe subvencionable acadará o 50 % do investimento, cun máximo de 40.000 euros de subvención por solicitante para os dous exercicios (2019-2020).

6. Actuacións e gastos non subvencionables:

a) Custos relativos á adquisición ou aluguer de bens inmobles.

b) Custos relativos á redacción de proxectos técnicos que non leven aparellada a súa execución para as actuación contidas no número 4.1.

c) Custos relativos a actuacións do número 4.2.b) non recollidas na diagnose de situación e usos do mercado do número 4.2.a) e/ou non validadas pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

d) Custos relativos á execución de accións e medidas derivadas da diagnose de situación e usos do mercado que non estean vinculadas á realización de actuacións de mentoring e de formación.

e) Custos relativos a obras de nova construción de mercados e prazas de abastos.

f) Agasallos promocionais, premios, trofeos, gastos de representación e a realización de recepcións e actos análogos.

g) Campañas de promoción ou calquera outra actuación que teña por finalidade o patrocinio, colaboración ou axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas ou similares. No caso de actuacións do número 4.2 non se considerarán actuacións subvencionables as campañas de promoción e dinamización do mercado.

h) Os impostos recuperables ou repercutibles polo/a beneficiario/a.

i) Aquelas que non estean directamente vinculadas coa realización da actuación subvencionable.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 1.000.000 de euros que será imputado á aplicación orzamentaria 09.30.751A.761.3, para as anualidades 2019 e 2020, do seguinte xeito:

Anualidade

Importe

2019

300.000 €

2020

700.000 €

Total

1.000.000 €

2. Ao tratarse de compromisos de gastos de carácter plurianual, respectaranse as disposicións contidas no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e a realización dos gastos subordinarase aos créditos que para cada exercicio se consignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

3. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable.

Artigo 3. Beneficiarios/as

Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos galegos que conten cun mercado co selo de Mercado Excelente outorgado de conformidade coa Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia ou aqueles que estean no proceso para a súa obtención.

Non poderán acadar a condición de beneficiarios aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os concellos deberán cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Artigo 4. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e no prazo que se indica na convocatoria.

En todo caso, a presentación de solicitude no antedito prazo de axudas para as actuacións contidas no artigo 1.4.2.b) exixirá ter presentada a documentación xustificativa da realización da diagnose de situación e usos do mercado prevista no artigo 1.4.2.a).

2. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Xustificación de que se atopa ao día na rendición de contas xerais diante do Consello de Contas de Galicia, de acordo co previsto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) Certificación do acordo de aprobación polo pleno do concello, ou do órgano municipal que exerza a atribución competencial, do proxecto de investimento, da solicitude de subvención coa súa contía exacta e do plan de financiamento do proxecto.

c) Certificación da secretaría da Mesa Local do Comercio en que conste a presentación do proxecto.

No caso de solicitude de actuacións contidas no artigo 1.4.1, deberán achegar:

– Memoria explicativa que considere aspectos de interese, oportunidade e necesidade do investimento e o programa de execución con especificación das datas de inicio e remate previstas para cada anualidade, se é o caso, acompañado do orzamento desagregado de gastos para cada un deles.

– No suposto de realización de obras: proxecto ou memoria valorada, asinada por técnico competente, con detalle no nivel de capítulo, das actuacións que se pretenden executar, que incluirá unha reportaxe fotográfica.

No caso de solicitude de actuacións contidas no artigo 1.4.2.a) deberán achegar a estimación dos gastos, orzamento detallado ou factura pro forma dos servizos a contratar.

No caso de solicitude de actuacións contidas no artigo 1.4.2.b) deberán achegar:

– O proxecto e/ou a memoria-proposta previstas nese punto.

– A estimación dos gastos, orzamento detallado ou factura pro forma dos servizos que vaian contratar.

– No caso de realización de obras, proxecto ou memoria valorada, asinada por técnico competente, con detalle no nivel de capítulo, das actuacións que se pretenden executar, que incluirá unha reportaxe fotográfica.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a través dos respectivos departamentos territoriais da consellería, poderá solicitar á entidade solicitante cantos informes considere oportunos para a valoración do proxecto.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• NIF da entidade solicitante.

• DNI/NIE da persoa representante da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria colaborarán nas funcións de comprobación da adecuada xustificación da subvención, realización da actividade e cumprimento da finalidade.

A proposta de resolución realizarase pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo e corresponde ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución que proceda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 7. Instrución dos procedementos

1. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación nin determinar unha orde de prelación entre os solicitantes. De acordo co establecido no artigo 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito, se for o caso, a todos aqueles beneficiarios que cumpran cos requisitos.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivamento, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 3 da orde.

4. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución que se elevará ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria quen ditará a correspondente resolución, delegada na persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo pola Orde do 10 de xuño de 2016, DOG número 131. A resolución de concesión adxudicará a subvención ao concello e a súa contía entenderase ditada polo órgano delegante.

Artigo 8. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.

Artigo 9. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo formulará a proposta de resolución para a súa elevación ao conselleiro.

2. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada ás entidades adxudicatarias, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será dun mes contado desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Cando venza o prazo máximo sen ditar e notificar a resolución expresa as entidades interesadas entenderán desestimada a súa solicitude.

4. En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que as entidades non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada páxina web.

Artigo 10. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión das subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria debendo cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade da presente orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida ao órgano concedente, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, cun límite dun mes antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento, de conformidade co artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, e sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa interesada no termos previstos no artigo 11 destas bases.

Artigo 12. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, de conformidade co disposto polo artigo 21.5 da Lei 9/2007, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación da resolución definitiva sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditará a correspondente resolución no termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo ao que fai referencia o artigo 1.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

5. Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido no artigo 11.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

8. Garantir o cumprimento da normativa de axudas de Estado no que atinxe ao destino que se lle dea ás infraestruturas obxecto das subvencións.

Artigo 14. Obrigas específicas de publicidade

1. Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007.

Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007.

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar o cofinanciamento das actuacións con fondos da Xunta de Galicia. Para estes efectos, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo establecerá as indicacións e instrucións necesarias para dar cumprimento a esta obriga en cada un dos supostos subvencionados.

Así mesmo, deberá adoptar as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada publicidade no lugar das actuacións subvencionadas e, unha vez rematado o investimento, a instalación dunha placa explicativa, acorde coa tipoloxía e natureza do investimento, que inclúa a imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

2. Calquera actuación de publicidade do investimento por parte do concello, deberá garantir a especificación do cofinanciamento da Xunta de Galicia. Así mesmo, no inicio das actuacións de difusión-asesoramento-formación incluídas no proxecto, deberán ser comunicadas á Dirección Xeral de Comercio e Consumo para garantir a presenza dun representante da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Subcontratación

Enténdese que o beneficiario subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Para os efectos do establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, permitirase a subcontratación do cen por cen das actividades subvencionadas.

Na xestión da contratación, as entidades locais, pola súa natureza xurídica, están sometidas ao ámbito subxectivo delimitado pola Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público, polo que deberá respectar en todo caso as prescricións desa lei para os procedementos de contratación subvencionados por esta orde de axudas.

Será responsabilidade da entidade local beneficiaria o cumprimento da citada normativa de contratación pública, podendo o seu incumprimento dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, da documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, sendo a data límite de xustificación dos investimentos realizados na anualidade 2019 o 30 de novembro de 2019 e dos investimentos realizados na anualidade 2020 o 30 de novembro de 2020.

2. Documentación xustificativa:

a) Xustificantes dos investimentos: os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia autentica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

No obstante no presente procedemento, admitirase os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación á organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

As facturas deberán estar emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto.

b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.

c) Anexo III, declaración doutras axudas, da orde de convocatoria debidamente asinado.

d) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

e) Evidencia documental do cumprimento das obrigas en materia de información e publicidade: fotografías de carteis e placas, exemplares das actuacións de dinamización e publicidade e, se é o caso, a súa axeitada difusión a través da páxina web.

f) En caso de investimentos materiais: se é o caso, proxecto técnico ou memoria técnica definitiva asinados, documentos que non poderán variar substancialmente da memoria presentada coa solicitude, todo isto agás que a devandita documentación se achegase con anterioridade.

g) En caso de diagnose de situación e uso do mercado unha copia do documento resultante do traballo.

h) Os gastos imputables ás unidades xerenciais, serán xustificados mediante a presentación dun plan dos aspectos recollidos no artigo 1.4.1.i), aprobado polo concello, ademais dos xustificantes de pagamentos dos correspondentes gastos nos termos establecidos na letra b).

i) Nos demais casos, certificación acreditativa do investimento ou da adquisición dos equipamentos.

j) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Certificación do órgano que ten atribuídas as facultades de control da legalidade, acreditativa do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

l) Certificación da intervención respecto da achega municipal comprometida para financiar o investimento.

m) A entidade local beneficiaria estará obrigada a xustificar o cumprimento da finalidade da subvención mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada, con carácter xeral, pola documentación que se relaciona nos parágrafos seguintes e que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

A conta xustificativa conterá:

1º. Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na letra c) do artigo 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2º. Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e /ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra a).

3º. Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade.

n) No caso de realización de actividades formativas: contido detallado do programa ou servizo, a súa duración, relación de poñentes, número e identificación das persoas participantes.

ñ) Calquera outro documento que se requira na resolución de concesión da axuda.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen tela presentado, de conformidade co disposto polo artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, requirirase o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na lei de subvencións. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que legalmente correspondan. Os órganos competentes poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 17. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, as respectivas xefaturas territoriais, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento do investimento subvencionado.

2. O libramento da subvención aboarase nun único pagamento unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamentado que serviu de base para a resolución de concesión, e sempre que estea garantida a consecución do obxecto, ou de resultar a concorrencia con outras subvencións ou axudas sempre que a contía total supere o custo do investimento.

O pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculada en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade, sempre que se xustifique un mínimo do 60 % do importe establecido na resolución de concesión.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 60 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007 e no título VI do seu regulamento.

Artigo 19. Control

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007.

3. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Para estes efectos, os concellos beneficiarios das axudas achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 20. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non disposto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; na Lei 2/2018 de 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file