Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 27 de marzo de 2019 Páx. 16039

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Mobilidade, polo que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 31 de xaneiro de 2019 polo que se autoriza a integración das distintas modalidades de transporte público de competencia da Xunta de Galicia que faciliten a optimización deste servizo público, no marco do procedemento para a implantación do Plan de transporte público de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 31 de xaneiro de 2019, adoptou o Acordo polo que se autoriza a integración das distintas modalidades de transporte público de competencia da Xunta de Galicia que faciliten a optimización deste servizo público, no marco do procedemento para a implantación do Plan de transporte público de Galicia.

Para o seu coñecemento xeral, a Dirección Xeral de Mobilidade resolve dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2019

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

ANEXO

Acordo polo que se autoriza a integración das distintas modalidades de transporte público de competencia da Xunta de Galicia que faciliten a optimización deste servizo público, no marco do procedemento para a implantación do Plan de transporte público de Galicia

1. A Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, marcou as actuacións que deberán seguir os poderes públicos para lograr a súa adaptación á evolución das necesidades da sociedade en materia de mobilidade.

Neste sentido, a referida lei configurou o Plan de transporte público de Galicia como o instrumento mediante o cal se establece a ordenación dos servizos de transporte público regular de competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a coordinación do conxunto de servizos de transporte público que se desenvolvan na nosa comunidade.

2. A Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, dedica o capítulo III (Integración e coordinación de servizos nunha rede de transporte integrada) do seu título III (Ordenación do sistema de transporte público regular de viaxeiros), á promoción da integración de servizos dirixidos á atención de diferentes colectivos de persoas usuarias, preferentemente contratados por unha mesma Administración.

De xeito singular, o artigo 79 da mencionada lei establece que o Consello da Xunta de Galicia, mediante os acordos de integración dos servizos e da súa programación, promoverá unha utilización racional da oferta de servizos de transporte público que contrata a Xunta de Galicia, promovendo a utilización da rede de transporte público regular de uso xeral por parte dos colectivos de persoas usuarias aos cales a Xunta de Galicia ofreza a prestación do servizo de transporte público, e menciona expresamente o de estudantes.

Paralelamente, esta mesma lei atribúe á consellería con competencia en materia de transporte público as funcións de órgano de contratación do conxunto de servizos de transporte público regular contratados pola Xunta de Galicia, consonte a programación e as excepcións que, se é o caso, acorde o Consello da Xunta de Galicia ou estableza o Plan de transporte público de Galicia, cuxa aprobación corresponde tamén ao Consello da Xunta de Galicia; e establécese tamén que os diferentes departamentos manterán as súas funcións de órganos de contratación dos servizos que se refiran aos seus ámbitos de actuación, co conxunto de facultades propias destes, na medida en que non se produza a asunción plena desta función consonte os anteriores acordos do Consello da Xunta de Galicia, ou nos supostos que o propio Consello acorde exceptuar.

Consonte o anterior, corresponde á consellería con competencia en materia de transporte público velar polo correcto funcionamento do transporte a que se refire a citada Lei 2/2017, do 8 de febreiro, e exercer as funcións de planificación, ordenación, coordinación, control, inspección e sanción, se é o caso, dos servizos públicos de persoas dos cales é titular, calquera que sexa o modo en que se xestionen.

3. Ao abeiro do establecido no artigo 2 da Lei 10/2016, do 19 de xullo, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia redactou o Plan de transporte público de Galicia para a actualización do sistema de transporte público da Comunidade Autónoma, que se configura como o instrumento mediante o cal se establece a ordenación dos servizos de transporte público regular de competencia da Comunidade Autónoma, así como a coordinación do conxunto de servizos de transporte público que se desenvolvan no seu ámbito territorial.

Segundo o previsto na Lei 10/2016, o Plan de transporte público de Galicia concreta a rede de transporte público de Galicia da competencia da Xunta de Galicia, establecendo, os servizos e territorios potencialmente afectados polas futuras adxudicacións dos servizos, os tipos de adxudicación previstos para cada servizo e os supostos e as condicións de integración de servizos de transporte público regular de uso xeral e de uso especial.

Para iso, a partir do obxectivo xeral do Plan de transporte público de Galicia, que non é outro que acadar un modelo de transporte público por estrada sustentable e eficiente, que se adapte mellor ás necesidades da cidadanía de Galicia, a través das diferentes partes que compoñen este documento desenvólvense uns obxectivos máis específicos que, seguindo o indicado na Lei 10/2016, son facilitar a mobilidade das persoas en termos de igualdade, seguridade, calidade, eficiencia social e sustentabilidade económico-financeira e ambiental, fomentar e potenciar o uso prioritario do transporte público en calquera dos seus modos e facilitar a intermodalidade do servizo e a súa accesibilidade ás persoas, de xeito que se potencie a súa concepción como unha alternativa sustentable fronte ao transporte particular e contribúa á vertebración territorial da Comunidade Autónoma.

O documento inclúe unha análise da situación actual do sector, que vén condicionada fundamentalmente polo marco territorial e polas dinámicas demográficas da Comunidade Autónoma de Galicia. A conclusión desa análise, reproducida aquí de xeito resumido, é que a continua concentración da poboación arredor dun pequeno número de cidades, ao tempo que se produce un progresivo despoboamento das zonas interiores, provocan un dobre reto para o deseño dunha rede de transporte público eficaz, que responda ás necesidades da cidadanía, e que sexa eficiente no que á asignación dos recursos públicos se refire.

Por unha parte, nos ámbitos urbanos e metropolitanos, co aumento da poboación, aumenta tamén de xeito continuo a demanda de mobilidade entre os distintos concellos de cada ámbito e, especialmente, a de conexións de carácter radial entre o concello de cabeceira e os que o rodean. Esa demanda de mobilidade exixe, ademais, unha serie de estándares de oferta de servizos bastante elevados e exixentes no que se refire, por exemplo, a capacidade, velocidade media operativa e frecuencias.

Por outra parte, nos ámbitos rurais, nos cales se manteñen unhas demandas de mobilidade asociadas á necesidade de acudir a servizos que se prestan nas vilas intermedias ou nas cidades (servizos administrativos, sanitarios, educativos,...), tamén se pretende mellorar o servizo de transporte público, co fin último de fomentar as políticas de asentamento de poboación nos ámbitos rurais, para o que é imprescindible que se manteña unha oferta de transporte público atractiva, como obriga de servizo público, e aínda que para iso na maior parte dos casos se requira dunha achega de recursos públicos. Dese xeito, preténdese contribuír a reverter a tendencia ao decaemento progresivo da poboación, e con el da demanda de mobilidade. É precisamente nestes ámbitos onde máis sentido ten a implantación de modelos de transporte innovadores, como poden ser o transporte integrado (ou, para ser máis precisos, a reserva de prazas para usuarios especiais, por parte das administracións correspondentes, en servizos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral, tendo en conta, ademais, que, nos casos de reserva de prazas para escolares, se garantirá a súa atención prioritaria, a súa máxima seguridade, prevendo a existencia da figura do acompañante, e a calidade nas condicións do seu transporte) ou o establecemento de servizos baixo demanda.

Iso dá lugar ao desenvolvemento dos diferentes programas que compoñen o Plan de transporte público de Galicia, entre os cales se inclúen os de xerarquización do sistema, reordenación e mellora de liñas, integración de servizos, implantación de servizos baixo demanda, modernización do sistema de transportes, así como programas tarifarios, sociais, de transporte metropolitano, de accesibilidade territorial e de mellora da calidade do servizo.

O documento base do Plan de transporte público de Galicia foi sometido a información pública por un prazo de 20 días hábiles, e logo da análise e resposta das alegacións recibidas e da incorporación dos cambios derivados daquelas alegacións que foron estimadas, foi sometido ao informe do Consello Galego de Transportes, segundo o establecido no número 3 do artigo 2 da Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia. O Plan de transporte público de Galicia tamén foi sometido ao informe da Dirección Xeral de Orzamentos e Planificación da Consellería de Facenda, ao abeiro do establecido no número 3 do artigo 12 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Finalmente, segundo o indicado no número 3 do artigo 2 da Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, o Plan de transporte público de Galicia foi aprobado, logo de deliberación, polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 29 de novembro de 2018.

4. En desenvolvemento do previsto no Plan de transporte público de Galicia, a Dirección Xeral de Mobilidade estableceu o deseño dunha nova rede de transporte público coa máxima cobertura territorial e na cal se garante a atención prioritaria dos colectivos de escolares, mantendo e, mesmo, mellorando os niveis de calidade e prestación de servizo preexistentes, para dar así cumprimento aos mandatos do artigo 79.2 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, e facilitando que a rede de transporte público regular de uso xeral presente unha oferta real alternativa ás distintas redes dedicadas a colectivos singulares, como o escolar, que actualmente mantén a Xunta de Galicia.

Esta mellora na cobertura territorial dos servizos debe ser temperada coa finalidade de acadar proxectos de explotación racionais e unha transición progresiva cara a un novo modelo de transporte público. Ademais, considérase preciso facer un deseño de servizos de transporte que facilite e, mesmo, promova a concorrencia pública para a súa prestación, contribuíndo a dinamizar a participación no conxunto do sector económico, o que contribúe a fixar marxes de dimensionamento racional dos ditos contratos, polo que no deseño destes novos servizos se integrarán aqueles tráficos que proporcionen unhas mellores condicións de dimensionamento dos contratos, fomento da mobilidade, racionalización do sistema de transporte e calidade para as persoas usuarias, sempre garantindo a viabilidade en termos sociais e económicos dos novos proxectos de explotación.

5. Esta planificación supón unha oportunidade para avanzar significativamente no proceso de redeseño do sistema de transporte público e da súa actualización ás necesidades que a sociedade actual demanda atender.

Así pois, a través do presente acordo autorízase a implementación dunha nova fase da planificación do transporte público, de acordo co previsto na Lei 10/2016, do 19 de xullo, na Lei 2/2017, do 8 de febreiro, e no Plan de transporte público de Galicia, e, ao mesmo tempo, autorízase para estes efectos e coa finalidade de acadar unha prestación racional e eficiente dos servizos de transporte, a integración dunha serie de novos servizos de transporte público cara á fase de desenvolvemento do Plan de transporte público de Galicia, prevendo fundamentalmente a integración de servizos de transporte público regular de uso xeral e de transporte de escolares, fíxanse criterios e procedementos e establécense mecanismos para a coordinación administrativa deste proceso.

En virtude do anterior, elévase para a súa consideración e aprobación, se é o caso, o seguinte:

ACORDO:

Primeiro. Obxecto

O presente acordo ten por obxecto dispor o inicio do procedemento para continuar coa implantación da planificación contida no Plan de transporte público de Galicia, autorizando a integración das distintas modalidades de transporte público de competencia da Xunta de Galicia que faciliten a optimización deste servizo público, ao abeiro do artigo 79 da Lei 2/2017.

Segundo. Ámbito e alcance

1. Os servizos de transporte público que van ser obxecto de integración como consecuencia da implantación do Plan de transporte público de Galicia serán os que se definan nos proxectos de explotación que aprobe a dirección xeral competente en materia de transporte, segundo a programación que sexa establecida por esta, e consonte o que establecen os artigos 73.2 e 75.1 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, no proceso de garantía da continuidade do servizo de transporte.

Para eses efectos, en cada un dos proxectos de explotación que se elaboren para o desenvolvemento do Plan de transporte público de Galicia identificaranse os concretos servizos de uso especial de transporte público de escolares que serán obxecto de integración.

2. Estes proxectos de explotación de servizos de transporte público regular de uso xeral suporán unha reordenación en profundidade dos servizos actuais e deberán acadar, como obxectivos fundamentais, a ampliación da cobertura territorial, o equilibrio económico-financeiro dos contratos e a mellora da mobilidade da poboación afectada.

3. Para o cumprimento destes obxectivos procederase a unha integración parcial de servizos de uso especial. Para estes efectos, os proxectos de explotación, de acordo co indicado no punto anterior, terán en conta non soamente o obxectivo de mellora na cobertura territorial dos servizos senón tamén a necesidade de acadar proxectos de explotación racionais e que faciliten unha transición progresiva cara ao novo modelo de transporte público.

En todo caso, garantirase a atención prioritaria dos colectivos de escolares, de xeito que a oferta alternativa proposta manteña, cando menos, os mesmos niveis de calidade e prestación de servizo de que dispoñían actualmente. Así mesmo, terase en conta na determinación dos concretos servizos que deban integrarse a promoción da concorrencia pública para a súa prestación coa finalidade de dinamizar a participación no conxunto do sector económico e o dimensionamento racional dos ditos contratos.

Xa que logo, no deseño destes novos servizos integraranse aqueles tráficos que proporcionen unhas mellores condicións para o dimensionamento dos contratos, de fomento da mobilidade, de racionalización do sistema de transporte e de calidade para as persoas usuarias e a adecuada funcionalidade tanto operativa como administrativa dos novos servizos, e sempre que se garanta a viabilidade en termos sociais e económicos dos novos proxectos de explotación.

Terceiro. Asunción e conservación de competencias

1. A aprobación dos proxectos de explotación dun servizo de transporte público regular de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia que acorde a consellería competente en materia de transporte público ou a dirección xeral competente en materia de transporte público suporá a asunción por parte da dita consellería da competencia plena como órgano de contratación sobre o conxunto de servizos obxecto de integración.

Non obstante, encoméndaselle á consellería competente en materia de educación a xestión ordinaria dos servizos previos, que van ser obxecto de integración, ata o inicio do curso escolar inmediatamente posterior a aquel en que se produza a implantación efectiva dos novos servizos previstos nos proxectos de explotación aprobados.

En calquera caso, a consellería competente en materia de educación conservará as súas competencias respecto da declaración do dereito ao transporte por parte dos escolares, así como a organización das áreas educativas, os seus horarios e xornadas.

2. A consellería competente en materia de transporte público procederá, inmediatamente despois da aprobación dos proxectos de explotación que incorporen a previsión de integración de determinados servizos, a emitir as resolucións que sexan necesarias para levar a cabo a integración, nos termos establecidos no artigo 88 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e no artigo 79.2 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, que inclúe a suspensión e/ou a resolución dos contratos afectados pola integración.

En todo caso, a suspensión e/ou a resolución dos contratos afectados pola integración, aínda que se acorde nunha data diferente, producirá efectos, salvo que se indique o contrario na correspondente resolución administrativa, na data de finalización do curso escolar en que se prevexa a implantación efectiva dos novos servizos previstos nos proxectos de explotación aprobados.

3. A consellería competente en materia de educación conservará a competencia sobre os servizos de transporte público regular que non sexan obxecto de integración.

Cuarto. Garantía da continuidade do servizo de transporte público

Gran parte dos contratos que se licitarán nesta nova fase do Plan de transporte público de Galicia foron adxudicados, no seu momento, polo procedemento de adxudicación directa que se regula no artigo 77 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, e no número 5 do artigo 5 do Regulamento (CE) nº 1370/2007 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro, sobre os servizos públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e estrada e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) nº 1191/69 e (CEE) nº 1107/70 do Consello, cun prazo máximo de execución, incluídas todas as prórrogas posibles, de dous anos, que é o máximo que permite a citada normativa comunitaria.

En consecuencia, por unha parte, non é posible unha nova prórroga deses contratos e, por outra, non é posible proceder de novo a un procedemento de adxudicación directa para continuar coa súa prestación.

Por tanto, existe un risco claro de interrupción da continuidade da prestación do servizo de transporte público e, en consecuencia, a celebración dos novos contratos que os veñan substituír responden a unha necesidade inaprazable e aprécianse razóns de interese público que fan preciso acelerar a súa adxudicación, polo que se xustifica que os correspondentes expedientes sexan obxecto de tramitación urxente, ao abeiro do previsto no artigo 119.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

Quinto. Coordinación

A coordinación do proceso de implantación do sistema de transporte público integrado de Galicia levarase a cabo a través da mesma Comisión interdepartamental de coordinación do proceso de implantación do sistema de transporte público integrado de Galicia que se creou ao abeiro do punto cuarto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 24 de maio de 2017, polo que se autoriza a integración das distintas modalidades de transporte público de competencia da Xunta de Galicia que faciliten a optimización deste servizo público, no marco do procedemento para a implantación da primeira fase da planificación do transporte público de Galicia, e cuxa composición, funcións e réxime de funcionamento se regulou nese mesmo punto.

Sexto. Publicidade

Dado o contido do presente acordo, e coa finalidade de garantir a máxima difusión, información e publicidade á cidadanía, publicarase no Diario Oficial de Galicia.