Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 16 de abril de 2019 Páx. 19100

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de marzo de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 22 de marzo de 2019 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes dos montes veciñais en man común Veiga e Campo de Sas e Veiga, Costa, Chaira, Val de Barredoiro, Campo de Cibilleira e Campos, no concello de Castro Caldelas.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos MVMC Veiga e Campo de Sas e Veiga, Costa, Chaira, Val de Barredoiro, Campo de Cibilleira e Campos, no concello de Castro Caldelas, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 3 de outubro de 2016, a presidenta da comunidade de montes veciñais en man común da parroquia de Sas de Penelas e o presidente da comunidade de montes veciñais en man común da parroquia de Vilamaior comunicaron a realización dun deslindamento entre os MVMC Veiga e Campo de Sas e Veiga, Costa, Chaira, Val de Barredoiro, Campo de Cibilleira e Campos, no concello de Castro Caldelas.

Segundo. Con data do 21 de setembro de 2017, o Servizo de Montes, despois de examinar a documentación presentada, emitiu un informe en que indicou que deben presentar novas certificacións de aprobación por parte de cada unha das comunidades implicadas, xa que as que remitiron se refiren a un deslindamento que foi modificado posteriormente, por consideralo incompleto o propio Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense.

Terceiro. O día 24 de abril de 2018, a comunidade de montes veciñais en man común da parroquia de Vilamaior achegou a certificación solicitada.

Cuarto. O día 17 de setembro de 2018, a comunidade de montes veciñais en man común de Sas de Penelas presentou a certificación requirida.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de clasificación de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o xurado provincial de clasificación de montes veciñais en man común acordou por unanimidade, o día 7 de novembro de 2018:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Veiga e Campo de Sas e Veiga, Costa, Chaira, Val de Barredoiro, Campo de Cibilleira e Campos, no Concello de Castro Caldelas.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 22 de marzo de 2019

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense