Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Luns, 22 de abril de 2019 Páx. 19481

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

INSTRUCIÓN 6/2019, do 9 de abril, sobre a aplicación do procedemento de adxudicación directa de vivendas prevista nos artigos 37.2 e 38.8 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como das acollidas a programas de acceso a vivenda con axudas públicas.

Un. Ámbito de aplicación e obxecto

A presente instrución dítase ao abeiro do disposto no artigo 6 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, resulta de obrigado cumprimento para os órganos e unidades administrativas deste organismo e ten por obxecto clarificar e unificar os criterios na aplicación dos artigos 37.2 e 38.8 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como das acollidas a programas de acceso a vivenda con axudas públicas.

Dous. Aplicación dos artigos 37.2 e 38.8 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro

O Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, regulado no Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, é un rexistro público en que se consignarán todos os datos relativos á demanda de vivenda protexida na comunidade autónoma, co fin de facilitar a xestión e a coordinación das políticas públicas de vivenda e solo para a vivenda protexida, garantir a aplicación dos principios de publicidade, transparencia e concorrencia nos procedementos de adxudicación e contribuír á programación das iniciativas privadas en materia de vivenda protexida (artigo 73 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia).

O procedemento para a adxudicación das vivendas protexidas de promoción autonómica e de promoción pública promovidas por outros promotores públicos regúlase detalladamente no capítulo V do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro (artigos 32 e seguintes), o cal establece, como regra xeral, que a selección das persoas adxudicatarias das citadas vivendas se realice mediante sorteo ante fedatario público.

Non obstante, o referido decreto prevé dúas excepcións á devandita regra xeral:

– Por unha parte, o seu artigo 37.2 permite que, unha vez realizado o sorteo ante fedatario público, «Se o número de solicitantes admitidos non é superior ao número de vivendas ofertadas, as que queden vacantes, logo da elección dos solicitantes admitidos, poderán adxudicarse directamente, mediante resolución do xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, entre as persoas inscritas no rexistro e que así o soliciten».

– Por outra banda, o artigo 38.8 da referida disposición permite que, mediante resolución da persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de vivenda, se adxudiquen directamente as vivendas a persoas inscritas no citado rexistro que así o soliciten «No caso de que, unha vez notificados todos/as os/as compoñentes da lista de admitidos/as e, de ser o caso, de reservas para a promoción, quedasen vivendas vacantes por non chegar a formalizarse os contratos por causa non imputable ao promotor...».

Estes preceptos non establecen ningún intervalo máximo de tempo entre a data de publicación da lista definitiva de admitidos ou, de ser o caso, a de realización do sorteo do que resulte a existencia de vivendas vacantes e a da presentación da solicitude de adxudicación directa desas vivendas, o que provoca inseguridade xurídica tanto para as posibles adxudicatarias destas vivendas como para as unidades tramitadoras.

O carácter excepcional da adxudicación directa destas vivendas, a necesidade de garantir, en todo momento, o principio de concorrencia na selección das persoas adxudicatarias e de dotar dun maior grao de seguridade xurídica o procedemento de adxudicación de vivendas, aconsellan establecer un prazo máximo para facer valer os sorteos para os efectos de solicitar a adxudicación directa de vivendas recollida nos artigos 37.2 e 38.8 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro.

En consecuencia, poderán adxudicarse directamente vivendas a persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia que así o soliciten, sempre que non transcorrese un prazo superior a dous anos, que se contará:

– Desde a data de publicación da lista definitiva de admitidos, no suposto de que o número de solicitantes admitidos non sexa superior ao número de vivendas ofertadas, previsto no artigo 37.2 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro.

– Desde a data de realización do correspondente sorteo no suposto de que quedasen vivendas vacantes por non chegar a formalizarse os contratos por causa non imputable ao promotor, para o caso de que resulte de aplicación o artigo 38.8 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro.

En caso contrario, deberá abrirse un novo procedemento de selección de adxudicatarios/as mediante sorteo.

Tres. Transparencia

Esta instrución publicarase no Diario Oficial de Galicia, na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo e no Portal de transparencia e goberno aberto, para os efectos de xeral coñecemento pola cidadanía dos criterios que se seguirán para a aplicación dos artigos 37.2 e 38.8 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, conforme o previsto nos artigos 5 e 7.a) da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e nos artigos 6 e 9 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo