Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Luns, 22 de abril de 2019 Páx. 19533

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo marco galego da subrogación do sector do transporte de viaxeiros por estrada.

Visto o Acordo marco galego da subrogación do sector do transporte de viaxeiros por estrada, que se subscribiu con data do 27 de febreiro de 2019 entre Transgacar, Anetra, Fegabus e Fegatravi en representación da parte empresarial e UGT, CC.OO. e CIG en representación da parte sindical, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Secretaría Xeral de Emprego

resolve:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (REXCON), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2019

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acordo marco galego de subrogación do sector
do transporte de viaxeiros por estrada

En Santiago de Compostela, ás 13.00 horas do día 27 de febreiro de 2019, na sede de Consello Galego de Relacións Laborais, reúnense a Mesa Galega do Sector de Transporte de Viaxeiros por Estrada, integrada polas persoas que a seguir se sinalan:

– Representación empresarial:

José Carlos García Cumplido (Transgacar).

Jesús Lurigados Veiga (Anetra).

Eugenio Geijo Carril (Fegabus).

Javier de Bidegaín García (Fegatravi).

– Representación sindical:

Martín Martínez Figueiro (UGT).

Miguel A. Reboiras Casais (UGT).

José A. López Ferreiro (UGT).

Ramón Martínez Vede (UGT).

Pedro Beade Roel (CC.OO.).

Joaquín García Gutiérrez (CC.OO.).

Amador González Pumar (CC.OO.).

Xesús María Pastoriza Santamarina (CIG).

José Antonio Villaba González (CIG).

Silverio Antela Alfaya (CIG).

Manuel J. Iglesias López (CIG).

Asiste á xuntanza a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez Barbero.

A Mesa Galega de Transporte de Viaxeiros por Estrada acada o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Parte xeral

1º. O previsto no presente acordo marco será de aplicación aos servizos de transporte regular permanente de uso xeral, urbanos ou interurbanos, e regular de uso especial ou temporal de viaxeiros por estrada e ao Servizo Galego de Apoio á Mobilidade (065) con vehículos de tracción mecánica de máis de nove prazas incluída a de condutor, así como ao persoal de estacións de autobuses, prestados en réxime de concesión administrativa ou por calquera das fórmulas de xestión indirecta de servizos públicos previstas na Lei de contratos do sector público. E todo iso con independencia de que a empresa que preste ou vaia prestar este tipo de servizos se dedique a outra actividade de transporte ou da industria ou dos servizos.

O disposto no presente acordo marco non prexulga a aplicación, cando cumpra, do regulado no artigo 44 do Estatuto dos traballadores no relativo á sucesión de empresas.

2º. O disposto neste acordo marco no relativo á sucesión e subrogación empresarial non será de aplicación nos supostos en que a empresa saínte teña o carácter de Administración pública, estatal, autonómica, local ou institucional, nin cando se trate de empresas, entes ou organismos públicos dependentes de calquera das administracións anteriormente citadas, salvo que as súas relacións laborais sexan reguladas polos acordos marco colectivos territoriais e/ou autonómicos do ámbito funcional do presente acordo.

3º. O presente acordo marco ten como finalidade regular a situación dos contratos de traballo dos empregados de empresas concesionarias/prestadoras saíntes adscritos a este tipo de transporte de viaxeiros que finalicen por transcurso do seu prazo de outorgamento, ou por calquera outra causa, e sexan obxecto dun novo procedemento de selección dun novo prestador do servizo (empresa entrante). O regulado no presente acordo marco será de aplicación igualmente nos supostos en que o servizo de transporte obxecto de licitación fose reordenado, unificado, modificado ou lle dese outra denominación a Administración titular.

4º. Para os efectos do presente acordo considérase «condutor/a adscrito/a» todo aquel/a, que realice o seu traballo de forma habitual nos servizos relacionados no ordinal 1º deste punto. Non perde esta consideración o/a condutor/a que puntualmente poida prestar servizos de transporte diferentes a aquel a que se encontre adscrito/a, sempre que, en termos de xornada anual, estes últimos servizos non superen o 35 % da xornada máxima ordinaria prevista nos convenios colectivos provinciais de aplicación, para o período avaliado, prevista proporcionalmente nos supostos de contratos a tempo parcial, nos últimos catro meses efectivamente traballados inmediatamente anteriores á data de vencemento da concesión.

5º. En relación co resto do persoal (vendedores de billetes, talleres, Administración, Xestión, Explotación, Loxística e demais departamentos ou seccións) pertencente a outras categorías ou grupos profesionais, consideraranse adscritos ao servizo, e por iso suxeitos de subrogación, aqueles empregados que desenvolvan a súa actividade, aínda que sexa en parte, no servizo concesional afectado.

6º. En canto aos dereitos de información e consultas, as empresas estarán obrigadas a entregar aos seus representantes sindicais documentación acreditativa dos/das traballadores/as adscritos/as en cada momento, a cada unha das concesións que teñan adxudicadas, descritos nos ordinais 4º e 5º anteriores. En ausencia de representación sindical, comunicaráselle a cada traballador da empresa de maneira fidedigna a dita adscrición. En ausencia de representación sindical nas empresas, darase traslado aos sindicatos máis representativos da información facilitada ao Ministerio ou Administración correspondente para efectos de dotación de persoal adscrito á concesión, no momento en que sexa solicitada por este. Nos ámbitos sectoriais inferiores poderanse regular e exixir estes mesmos procesos ou obrigación de información e consulta.

Segundo. Vinculación

As disposicións recollidas nos correspondentes pregos de cláusulas administrativas, xurídicas, técnicas e económicas que disciplinen os correspondentes procedementos concursais, polo seu carácter de normas de contratación administrativas (e aínda que recollesen previsións no relativo ao réxime de subrogación do persoal), non afectarán nin restrinxirán a eficacia e o carácter vinculante do regulado no presente acordo marco. Se nos devanditos pregos non se recolle cláusula nin disposición relativa á subrogación nos contratos de traballo dos empregados da empresa saínte, ou se establece a non aplicación para determinados colectivos –ou non se fai referencia a eles ou non se mencionan–, ou se establece un número de traballadores inferior aos adscritos por aplicación do presente acordo marco, será igualmente vinculante en toda a súa integridade o previsto no presente acordo marco, pola súa natureza vinculante na orde laboral, e para as persoas traballadoras afectadas pola subrogación. Tanto nun coma noutro caso, a subrogación terá carácter obrigatorio para as empresas e persoal afectados nos termos que se establecen nos ditos pregos e no presente acordo marco, excepto no caso de resolución xudicial pola que se demostre dolo, mala fe ou unha práctica irregular na adscrición de traballadores á concesión suxeita a cambio de operador. Para os efectos do presente artigo, entenderase como «práctica irregular na adscrición» o feito de que un traballador, estando adscrito a un servizo concesional determinado (todo iso nos termos definidos no ordinal 4º do punto primeiro), non sexa considerado tal ou se adscriba a un servizo concesional diferente.

Terceiro. Antigüidade

A) Cando se produza a sucesión dun novo operador de transporte por finalización, calquera que sexa a causa, do servizo de transporte regular permanente de uso xeral (urbano ou interurbano), uso especial ou temporal, así como o persoal de estacións de autobuses, producirase a subrogación pola empresa entrante nos contratos de traballo dos empregados adscritos ao servizo que acrediten, polo menos, catro meses de antigüidade na concesión afectada da empresa saínte, computándose o prazo na data de finalización da vixencia da concesión anterior, todo iso nos termos previstos no artigo 44 do Estatuto dos traballadores e de conformidade co regulado nos artigos seguintes, e con independencia de que o operador entrante reciba ou non os medios materiais e instalacións utilizados polo operador saínte. O servizo de transporte regular permanente de uso xeral (urbano ou interurbano), de uso especial ou temporal e o Servizo de Apoio á Mobilidade (065), así como o persoal de estacións de autobuses, consideraranse como unidade produtiva e económica con entidade e autonomía propias para os efectos previstos no artigo 44.2 do Estatuto dos traballadores.

B) Non se aplicará o período de catro meses de antigüidade –e por iso quedarán afectados pola subrogación– aos traballadores da empresa saínte vinculados con contratos de substitución por xubilacións parciais, nin aos vinculados con contratos de interinidade subscritos para substituír traballadores de baixa/permiso por maternidade/paternidade, incapacidades temporais, nin a aqueles que se incorporasen para substituír baixas voluntarias, xubilacións totais, excedencias voluntarias, suspensións do contrato con reserva do posto de traballo, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez ou por falecemento dun traballador.

C) Tampouco operará o límite temporal dos catro meses –e por iso quedarán afectados pola subrogación– aqueles traballadores que se incorporaron ao servizo concesional afectado no lapso temporal comprendido entre o vencemento da anterior concesión e o inicio efectivo da seguinte, sempre que concorran de forma acumulada as seguintes circunstancias:

– Que o traballador pertenza ao mesmo grupo profesional, coa mesma ou menor antigüidade media que os restantes traballadores obxecto de subrogación do seu mesmo grupo, e o custo empresa do traballador, en termos de xornadas equivalentes, sexa semellante ao destes últimos.

– Que o traballador, polo menos, teña unha antigüidade de dous meses inmediatamente anteriores ao inicio efectivo da prestación do servizo polo novo operador. Esta antigüidade mínima tampouco será exixible nos casos establecidos na letra B) anterior.

– Que se manteña constante o número total de traballadores do mesmo grupo existentes no momento do vencemento da concesión, medidos en termos de xornada, do servizo concesional.

D) A natureza temporal, de ser o caso, destes contratos, determinada pola causa que os orixinou, non se desvirtuará polo feito de que opere a subrogación, polo que se extinguirán na data pactada neles.

Cuarto. Obrigacións da empresa saínte

Sen prexuízo do dereito á subrogación dos traballadores e da obrigación de subrogación nos contratos de traballo establecida neste acordo marco, a empresa saínte, nos cinco días seguintes á adxudicación do servizo concesional, subministrará á empresa entrante, en papel e en soporte informático, a seguinte documentación e información:

– Unha relación de traballadores obxecto de subrogación, con copia dos seus contratos de traballo, das seis últimas nóminas devindicadas e copia das condicións ou pactos existentes con cada un deles, de existiren.

– De igual forma entregará información do salario bruto anual, categoría, posto de traballo e grupo profesional de cada un deles, diferenciando por conceptos, tipo de contrato, antigüidade, data de obtención ou renovación do CAP, cando sexa de aplicación.

– Copia da comunicación entregada á representación dos traballadores da empresa saínte, co xustificante de recepción, sobre a adxudicación do servizo, expresando co debido detalle a identidade do novo adxudicatario, identidade dos traballadores obxecto de subrogación e pactos escritos ou non escritos, individuais ou colectivos, existentes e comunicados á empresa entrante.

– A empresa entrante non será responsable nin asumirá as condicións laborais non reflectidas en acordos ou pactos colectivos ou individuais que non lle fosen comunicados pola empresa saínte nos termos establecidos no punto anterior, ou que non estean incluídos no expediente administrativo de contratación. Quedarán en todo caso a salvo os dereitos e as accións extraxudiciais ou xudiciais que puidesen asistir, tanto dos traballadores como da empresa entrante, por causa da defectuosa ou inexacta información e documentación achegada pola empresa saínte.

As previsións contidas no presente acordo aplícanse e son de obrigatoria observancia, exclusivamente, para as empresas saínte e entrante, e en ningún modo prexudicarán os dereitos e accións que asistan a cada traballador, individualmente, para reivindicar as súas condicións laborais, xa sexan económicas ou doutra índole.

A empresa saínte, neste trámite de información e entrega de documentación, axustarase á subministrada no expediente de licitación á Administración contratante. Se nos pregos ou no procedemento de licitación non se recolle cláusula nin disposición relativa á subrogación nos contratos de traballo dos empregados da empresa saínte, ou se establece a non aplicación para determinados colectivos, –ou non se fai referencia a iso ou non se menciona–, ou se establece un número de traballadores inferior aos adscritos por aplicación do presente acordo marco, será igualmente vinculante en toda a súa integridade o previsto no presente acordo marco colectivo e para os traballadores afectados pola subrogación, entendéndose por tales, nese caso, os traballadores definidos nos ordinais 4º e 5º do punto primeiro deste acordo.

Quinto. Obrigacións da empresa entrante

A empresa entrante cursará a alta na Seguridade Social dos traballadores obxecto de subrogación con efectos desde o mesmo día en que inicie de forma efectiva a prestación do servizo concesional de que resulte adxudicataria. De ser necesaria a realización de procesos de formación ou reciclaxe para a adaptación dos traballadores subrogados aos novos sistemas de organización do servizo ou do uso dos vehículos, corresponderalle á empresa entrante.

Sexto. Efectos da subrogación

A subrogación contractual producirá efectos no ámbito laboral (obrigacións económicas e de seguridade social), para a empresa saínte, o día en que cese de prestar efectivamente o servizo e, para a empresa entrante, o día de inicio da prestación efectiva do servizo (ou na data da acta de inauguración do servizo redactada pola Administración concedente, de existir). Todas as obrigacións de natureza económica, sexan salariais ou extrasalariais, e de Seguridade Social, relativas aos traballadores afectados pola subrogación, serán por conta da empresa saínte ou da empresa entrante ata e a partir das datas indicadas no presente artigo. Se os tribunais de calquera orde establecen en sentenza firme outro momento temporal para imputar as correspondentes obrigas a unha ou outra empresa, observarase o indicado nela, sen prexuízo do dereito de repetición que poida asistir a calquera delas con base nos momentos temporais aquí pactados.

As partes delegan a realización dos trámites de rexistro, depósito e publicidade do presente acordo ante a autoridade laboral no persoal habilitado do Consello Galego de Relacións Laborais.

O que asinan as partes, no lugar e na data enriba sinalados, ás 13.30 horas, en proba de conformidade.