Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Luns, 6 de maio de 2019 Páx. 21672

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de abril de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución de arquivamento do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Nogueira ou parcela 7, solicitado pola CMVMC de Lourizán, do concello de Pontevedra.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de marzo de 2019, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Nogueira ou parcela 7, solicitado a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lourizán, na parroquia de Lourizán, do concello de Pontevedra, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 7.6.2010, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou non incoar o expediente de clasificación instado pola CMVMC de Lourizán en relación cos montes Louredo e outros, con base no informe emitido polo Servizo de Montes.

Segundo. A resolución notificouse á parte interesada que, ao non estar conforme con ela, presentou en debido tempo e forma o correspondente recurso de reposición. Unha vez analizado este, e tomando en consideración os datos e documentos que constan no expediente administrativo de referencia, así como as alegacións feitas de contrario, o Xurado de Montes, mediante a Resolución do 17.7.2015, acordou estimar parcialmente o recurso de reposición, considerando conforme a dereito a incoación do expediente de clasificación unicamente en relación coa parcela 7 Nogueira, ao entender que quedaba acreditado que era unha parcela diferente a Valiñas.

Terceiro. De acordo co anterior, en sesión do 8.2.2016, o Xurado de Montes acordou incoar o expediente de clasificación en relación coa parcela 7 Nogueira, cunha cabida de 2,74 hectáreas aproximadamente e cuxas estremas aparecen debidamente especificadas no devandito acordo (folio 252 do expediente).

Cuarto. O 30.3.2016, a CMVMC de Lourizán achega documentación acreditativa dos aproveitamentos e traballos realizados na zona polos veciños de Lourizán, consistentes en:

a) Documento 1: proxecto visado de prevención e defensa de ingresos forestais de Lourizán, promovido pola CMVMC de Lourizán e elaborado por Arias Asesores Forestales.

b) Documento 2: memoria de actuación do referido proxecto, onde se relatan os traballos de roza realizados.

c) Documento 3: convocatoria do Concello de Pontevedra de subvencións para proxectos de prevención de incendios.

d) Documento 4: facturas de traballos de roza.

e) Documento 5: comunicación remitida a ENCE no ano 2016 sobre a parcela.

Quinto. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992 solicitase e recíbese informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais, que consta no expediente administrativo de clasificación nos folios 175 e seguintes, e emitido o 10.3.2016, en que se fai constar, entre outros aspectos relevantes, os seguintes:

« (...) Na actualidade a parcela, cunha cabida de 2,73 ha, ten unha cuberta arbórea formada por:

– Rebrote de eucalipto de 3-5 anos de idade nunha superficie de 4.000 m2 no vento norte.

– Diseminado de piñeiro duns 10-15 anos de idade nunha superficie de 3.000 m2 no vento oeste.

– Repoboación de frondosas: castiñeiro, cerdeira, carballo duns cinco anos, realizado polo proxecto Monte Vivo do Concello de Pontevedra, no resto da parcela».

Sexto. O Rexistro da Propiedade número 1 de Pontevedra certifica, o 12.7.2016, que a parcela cuxa certificación se solicita non consta inscrita a nome de ningunha persoa.

Sétimo. Con data recente do 4.6.2018, a xefa de Área de MVMC emite un novo informe en relación con esta parcela, especialmente significativo para os efectos da presente resolución, debido a que, despois de detallar os antecedentes oportunos, se informa do seguinte:

« (...) A Comunidade solicita, o 2.7.2016, unha subvención para o fomento de plantación de castiñeiro para froito a esta consellería, con número de expediente 17360019/2016.

No plano número 1 da memoria sitúa como monte veciñal (clasificado) unha parcela ao oeste de Agrovello, chamada neste caso Nogueira.

Pero Nogueira neste intre non pode ser considerado monte veciñal, debido a que non está clasificado, a menos que Nogueira sexa realmente Valiñas.

Parece claro que a Comunidade non está aproveitando ningunha parcela ao oeste de Agrovello, onde se sitúan os terreos do Centro de Investigación de Lourizán. E con todo, si existe unha parcela aproveitada e xestionada ao oeste de Agrovello e que a Comunidade de Lourizán en diferentes expedientes tramitados con esta Administración considera Valiñas.

Polo que se pode concluír, da información de que dispón o Servizo de Montes de Pontevedra e das manifestacións recollidas dos propios veciños de Lourizán no deslindamento, que a parcela Valiñas está ao oeste de Agrovello e que por un erro, tanto no estudo previo como no esbozo da carpeta ficha, o sitúa ao leste de Agrovello.

E que, polo tanto, a parcela número 7 Nogueira, situada ao oeste de Agrovello, pendente de resolución de clasificación, xa foi clasificada como Valiñas polo Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común o 24.5.1982.

Neste caso, se así o considera o Xurado Provincial de MVMC, o expediente de clasificación desta parcela número 7 Nogueira debería arquivarse por estar o monte xa clasificado».

Oitavo. Xunto co anterior informe xúntase escrito da CMVMC de Lourizán, de data recente, 23.5.2018, en que se solicita o peche do expediente de clasificación correspondente.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segunda. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo, o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e o artigo 20 da nova Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia:

«Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así pois, de acordo coa propia dicción literal deste artigo e coa prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de terse acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común por parte da agrupación veciñal, á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

Terceira. No presente caso, e sen prexuízo do efecto probatorio que poida ter a documentación presentada de contrario, o certo é que este Xurado Provincial de MVMC non pode entrar nin tan sequera a valorar tal aspecto xa que, de acordo co informe a que se fixo referencia no feito sexto desta resolución, emitido pola xefa da Área de MVMC, a parcela número 7 Nogueira xa a clasificou como Valiñas o Xurado Provincial de Montes o 24.5.1982, polo que o procedente neste caso, é o arquivamento do presente expediente.

Ao anterior debe engadirse que, o 11.6.2018, o propio presidente da CMVMC de Lourizán, Xosé Lukas Moledo Santiago, presentou un escrito en que solicita o arquivamento do expediente de clasificación da parcela número 7 Nogueira.

En consecuencia, vistos os feitos mencionados, a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

A non clasificación da parcela 7 ou Nogueira solicitada pola CMVMC de Lourizán, concello de Pontevedra, e o arquivamento do presente expediente ao atoparse a parcela número 7 Nogueira xa clasificada mediante a Resolución do 24.5.1982.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 10 de abril de 2019

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Pontevedra