Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 5 de xuño de 2019 Páx. 27168

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se dá publicidade de diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar o 21 e o 27 de maio de 2019, o tribunal nomeado pola Orde do 1 de marzo de 2019 (DOG núm. 48, do 8 de marzo) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 48, do 8 de marzo), acordou:

Primeiro. Anular, unha vez revisadas as reclamacións presentadas, as preguntas 7 e 79 do primeiro exercicio do proceso selectivo. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas de reserva 91 e 92. Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte (20) puntos, fixándose en 45,000 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na dita base da convocatoria.

Para estes efectos, tivéronse en conta os criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio aprobados polo tribunal o 23 de abril de 2019 en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, que establecen:

– Que superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden as mellores puntuacións no conxunto de todas as quendas, ata completar o número máximo de 350, sempre e cando respondesen correctamente como mínimo ao 50 % das preguntas do cuestionario consideradas válidas (unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas). As preguntas non contestadas non penalizarán nin recibirán puntuación.

– Que todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte considéranse igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado (350).

– Que se asignará a valoración de 20 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 20 e os 40 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

– Que no caso de que sexa inferior a 350 o número de aspirantes que obteña un número de respostas correctas igual ou superior ao 50 % das preguntas consideradas válidas, a valoración de 20 puntos asignarase aos aspirantes que teñan un 50 % de respostas correctas e o resto de aspirantes aptos terá unha cualificación distribuída entre os 20 e os 40 puntos.

Unha vez feita a corrección en sesión do 27 de maio de 2019, e de acordo cos criterios de corrección acordados polo tribunal, acadou o límite mínimo do 50 % das preguntas do cuestionario consideradas válidas (45,000) un total de 344 persoas aspirantes no conxunto de todas as quendas.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, no lugar onde se realizou a proba e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da orde da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Segundo o disposto na base II.1.1.3 da orde da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio e que non figuren na listaxe publicada pola Dirección Xeral da Función Pública no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal de persoas aspirantes que teñen acreditada a posesión do Celga requirido en calquera procedemento competencia da dita dirección xeral, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar os documentos que xustifiquen a exención de realizar o terceiro exercicio do proceso selectivo.

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2019

María Araceli Romero Míguez
Presidenta do tribunal