Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 2 de xullo de 2019 Páx. 31141

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2019 pola que se acorda o peche do prazo para solicitar a participación para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, no marco do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

No Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 246, do 28 de decembro de 2015 publicouse a Orde do 22 de decembro de 2015 pola que se abriu o prazo para solicitar a participación para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, no marco do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016 (en diante, Plan 2013-2016).

O artigo 7 desta orde sinala que, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), se poderá pechar o prazo para a presentación de solicitudes de cualificación provisional e definitiva e que a dita resolución de peche será publicada no DOG e na páxina web do IGVS.

O 12 de abril de 2019 asinouse o correspondente acordo específico de financiamento da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, no marco do Programa de rexeneración e renovación urbana e rural do Plan 2018-2021, regulado polo Real decreto 106/2018, do 9 de marzo (publicado no Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 10 de marzo).

Para asumir os compromisos descritos neste acordo específico procederase a publicar no DOG do día 2 de xullo de 2019 a Resolución do 20 de xuño de 2019, da Presidencia do IGVS, pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan 2018-2021 e se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes a esta área de rehabilitación integral.

Para participar neste programa é necesario obter a cualificación provisional da actuación e, unha vez rematadas as obras, a cualificación definitiva. Posteriormente, ao abeiro da normativa pola que se realizan as convocatorias correspondentes a estas áreas de rehabilitación, poderán solicitarse as respectivas axudas.

Tendo en conta o citado anteriormente, considérase conveniente pechar o anterior prazo para presentar as solicitudes de cualificación provisional (código VI408F) e de cualificación definitiva (código VI408G) ao abeiro do artigo 7 da citada Orde do 22 de decembro de 2015.

Por outra banda, as solicitudes de cualificación provisional ou definitiva que estean pendentes de resolver, así como aqueles expedientes que conten coa cualificación provisional e estean pendentes de finalización das obras, e que foran presentados ao amparo da dita Orde do 22 de decembro de 2015, tramitaranse de conformidade co establecido na Resolución do 20 de xuño de 2019 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan 2018-2021 e se establecen as bases reguladoras das subvencións. Mediante esta resolución ábrese o novo prazo para solicitar a cualificación provisional e a cualificación definitiva das actuacións.

Á vista do anterior e de acordo co disposto no artigo 7 da Resolución do 22 de decembro de 2015,

RESOLVO:

Pechar o prazo, a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para presentar as solicitudes de cualificación provisional e cualificación definitiva para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, no marco do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan 2013-2016.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun (1) mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poderán presentar calquera outro que consideren conveniente.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vienda e Solo