Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 9 de xullo de 2019 Páx. 32241

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 27 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións en materia de ecoinnovación comercial e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300D).

A Consellería de Economía, Emprego e Industria é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe en exclusiva á nosa Comunidade Autónoma.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, establece que lle corresponden á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento e a modernización do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins.

O Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia 2015-2020 ten entre os seus retos incrementar a competitividade do sector comercial galego mediante o afianzamento dun sector comercial forte, renovado e xerador de plusvalías, un novo modelo de comercio intelixente que sitúe o cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición e mellorando de xeito continuo o servizo.

Por outra banda, a Comunidade Autónoma e, en particular, o comercio, entendido como un sector moderno, intelixente, en plena adaptación ao contexto tecnolóxico, debe estar aliñado coa estratexia europea ambiental. Neste sentido, a ecoinnovación é unha das actuacións para mellorar a protección ambiental e a eficiencia de recursos na economía e que, polo tanto, repercute na competitividade de todos os sectores. A ecoinnovación pode ser entendida como calquera actuación innovadora cara á sustentabilidade, reducindo o impacto ambiental no medio e a eficiencia dos recursos naturais empregados, a través do desenvolvemento de novos conceptos, do emprego de materiais con menor impacto ou reducindo o consumo de recursos. A Xunta de Galicia e, en particular, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, participa como promotora de proxectos e iniciativas neste eido para a procura da defensa e sustentabilidade do ambiente desde as competencias que ten atribuídas, e nesta orde, procurando aproximar tecnoloxía ambiental e mercado.

Neste sentido, a Comisión Europea, no texto do seu Plan de acción de ecoinnovación, innovación para un futuro sustentable (EcoAP), sinala que é preciso abrir os mercados á ecoinnovación e facer, desde as administracións públicas, un contexto normativo favorable ás súas iniciativas. Sinalábanse, entre outros obxectivos, a necesidade de fixar actuacións concretas en determinados servizos, produtos e procesos, a mobilización de financiamento para compartir riscos no investimento en tecnoloxía ambiental e, por último, concienciar os distintos sectores económicos e os consumidores.

O comercio galego non pode ser alleo ás políticas da Estratexia Europa 2020 na área de ecoinnovación, particularmente no desenvolvemento de «habilidades verdes» que poden ser adquiridas despois de case dez anos do pulo a tecnoloxías que permiten agora dar paso á ecoinnovación no mercado. Trátase, por tanto, de promover o salto e contribuír á adquisición de vantaxes competitivas do comercio e, ao mesmo tempo, acadar un impacto positivo no ambiente, na saúde, na economía e no emprego. As actuacións subvencionables nesta orde contribuirán á redución de custes, á diferenciación ambiental respecto aos seus competidores, á sensibilidade ambiental no sector e nos consumidores e á formación dunha masa crítica mediante a mobilización de fondos e reducindo o riscos para os comerciantes na adopción de medidas ecoinnovadoras.

O campo de acción deste programa abrangue intervencións que inciden na produción de residuos, e na emisión de contaminantes, asumindo de xeito anticipado as medidas adoptadas pola Comisión de cara ao 2021 respecto a materiais plásticos de envases, fomentando a súa eliminación desde o presente exercicio.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior, e en exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para a execución de proxectos ecoinnovadores no sector do comercio (código do procedemento CO300D).

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2019.

Para a concesión destas subvencións destínanse as seguintes cantidades con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019:

09.30.751A.770.4 Ecoinnovación comercial: titorización e impulso de proxectos de sustentabilidade e ambiente no sector comercial

612.409,00 €

09.30.751A.781.1: Asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais

225.000,00 €

Total

837.409,00 €

Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou de créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Consellería de Economía, Emprego e Industria axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado anexo IV, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións que sexan persoas físicas, están dadas de alta no réxime de autónomos e xa teñen a obriga de relacionarse por medios electrónicos coa Seguridade Social (artigo 2.2.b) da Orde ESS/484/2013, do 26 de marzo, modificada pola Orde ESS/214/2018, do 26 de marzo), exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento en calquera actividade comercial e artesanal que realicen, polo que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais na súa tramitación, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración. Polo tanto, as solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente.

Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 3 meses, contados a partir do día seguinte ao do remate de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as entidades interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que por aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300D, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo
https://sede.xunta.gal

2. Páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.

3. Nos teléfonos 981 54 54 19 ou 981 54 55 94 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

5. Presencialmente, na Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, edificios administrativos de San Caetano, 3º andar, 15071 Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións en materia de ecoinnovación comercial e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300D)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a execución de proxectos ecoinnovadores no desenvolvemento da actividade comercial.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as seguintes actuacións previstas no artigo 4.1, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2019 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

As subvencións que se establezan para as actuacións previstas nesta orde financiaranse con crédito con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

• 09.30.751A.770.4 Ecoinnovación comercial: titorización e impulso de proxectos de sustentabilidade e ambiente no sector comercial, por un importe de 612.409,00 euros.

• 09.30.751A.781.1 Asociacionismo comecial e servizos para pemes comerciais, por un importe de 225.000,00 euros.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería e entes dependentes, para os mesmos conceptos subvencionables e mesmo beneficiario, agás a axuda prevista no artigo 4.1.3, que será compatible coa subvención concedida, de ser o caso, ao abeiro da orde CO300C, publicada no DOG 80, do 26 de abril de 2019.

Artigo 3. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nos solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

1. Comerciantes retallistas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o seu domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de cincuenta (50) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.

c) Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III e que esta constitúa a actividade principal do solicitante. No caso de que a actividade principal sexa unha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.

d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

2. Obradoiros artesáns que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, terán ata o último día de prazo para a presentación de solicitudes para solicitar a inscrición no dito rexistro.

3. As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.

Para estes efectos, terán a consideración de centros comerciais abertos as agrupacións de establecementos comerciais definidas no artigo 24 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que conten, en todo caso, cunha unidade de xestión profesionalizada e cumprirá os requisitos contidos na Orde CO300A da Dirección Xeral de Comercio e Consumo ( DOG núm. 64, do 2 de abril de 2019).

5. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26 de xuño de 2014, L 187/1).

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Considéranse subvencionables os proxectos ecoinnovadores que conteñan algunha das seguintes actuacións:

1.1. E-Ticket.

Poderán ser beneficiarios desta actuación os comerciantes retallistas e os obradoiros artesanais previstos no artigo 3.

O establecemento poderá adherirse á plataforma de ticket dixital desenvolvida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Federación Galega de Comercio. A antedita plataforma permite aos clientes e aos comercios coñecer o estado e a garantía das súas compras/vendas, evitando os inconvenientes do ticket tradicional ante a súa perda ou deterioración, ademais de minimizar o uso do papel e contaminantes vinculados á impresión. A axuda consistirá na adhesión á antedita plataforma.

1.2. Ecoenvases: solucións sustentables de empaquetado de produto e para o seu envío, de ser o caso, coa utilización de materiais cen por cen biodegradables.

Poderán ser beneficiarios desta actuación os comerciantes retallistas, os obradoiros artesanais e as asociacións de vendedores das prazas de abastos e Centros comerciais abertos previstos no artigo 3.

Poderán acollerse nesta epígrafe solucións sustentables de envasado, empaquetado exterior, tanto para o seu envío como para a presentación do produto, protección ou para o seu consumo.

En todo caso as bolsas, no caso de seren de plástico, deberán ser compostables, que cumpran os requisitos da norma europea vixente EN 13432:2000 «Envases e embalaxes. Requisitos dos envases e embalaxes valorizables mediante compostaxe e biodegradación. Programa de ensaio e criterios de avaliación para a aceptación final do envase ou embalaxe» e nas súas sucesivas actualizacións, así como as bolsas de plástico que cumpran os estándares europeos ou nacionais de biodegradación a través de compostaxe doméstica.

O investimento máximo subvencionable para esta epígrafe será de 4.000 €, IVE excluído, e a porcentaxe da subvención será do 70 %.

No caso de obradoiros artesanais ou establecementos de tendas de artesanía autorizadas, deberán cumprir coas obrigas establecidas na Orde do 26 de outubro de 2018 pola que se regula a concesión, uso e control da marca de Artesanía de Galicia, propiedade da Xunta de Galicia, concretamente as establecidas no artigo 6, condicións do uso da marca.

Na documentación desta actuación, prevista no artigo 5.1.3.a) e artigo 19.1.a) (de ser o caso, orzamentos, facturas pro forma, facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa), deberá figurar a composición da solución para a cal se solicita a axuda, onde quede debidamente acreditado o seu carácter biodegradable.

1.3. Economía circular.

Poderán ser beneficiarios desta actuación os comerciantes retallistas e os obradoiros artesanais previstos no artigo 3.

Considérase subvencionable a implantación ou posta en marcha de proxectos ecoinnovadores, que poderán referirse ás seguintes áreas:

• Implantacións de negocios ou liñas de negocios comerciais baseados en procesos de economía circular, incluídos proxectos de modelos de negocio onde polo menos o 70 % da oferta de produto non sexa de primeira manufactura.

• Proxectos de negocios que introduzan polo menos o 70 % da oferta de produtos con etiquetaxe ecolóxica.

• Proxectos de recollida de residuos téxtiles ou alimentarios para a súa reciclaxe.

A subvención consistirá nunha axuda por beneficiario de 1.500 € para o pulo de proxectos ecoinnovadores que inclúan actuacións descritas nesta epígrafe.

2. Non se consideran gastos subvencionables:

Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda. Tampouco serán subvencionables o material promocional ou actuacións de publicidade sobre as actuacións subvencionadas.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 5. Solicitudes e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes para participar no procedemento da concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indica no artigo 3 da convocatoria.

1.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

b) Documento acreditativo de poder bastante da persoa representante da entidade solicitante para actuar ante a Administración ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.

c) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: deberán constar expresamente (anexo V) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

d) Se a persoa solicitante está dada de alta no IAE nunha actividade económica do anexo II ou III e noutra ou outras que non sexan subvencionables, deberá xustificar cal delas é a principal:

1. No caso de sociedades, presentarán declaración anual do IVE (modelo 390) do ano anterior.

2. No suposto de sociedades constituídas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2019 substituirase ese documento polo anexo VII.

e) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

f) Se a persoa solicitante está dada de alta no IAE nunha actividade económica do anexo II ou III e noutra ou outras que non sexan subvencionables deberá xustificar cal delas é a principal (anexo VII).

g) De ser o caso, declaración responsable da contratación con provedores de empresas de inserción social nos últimos 3 anos.

h) De ser o caso, declaración responsable de ser o titular ou ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes.

i) Se é o caso, declaración responsable de ter implantado algunha medida de responsabilidade social na xestión da actividade artesanal ou comercial.

k) Informe emitido pola Seguridade Social de vida laboral do último ano, con todos os códigos de conta de cotización da persoa solicitante ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadores.

l) Memoria detallada de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención, que incluirá unha descrición pormenorizada, obxectivos e valoración económica das actuacións que se pretenden executar.

En concreto, para as actuacións recollidas no artigo 4.1.3 a memoria deberá concretar cada un dos aspectos en que se basea e xustifica o proxecto presentado, incluída a porcentaxe sobre o total da oferta no establecemento de produto ecolóxico ou de segunda manufactura.

m) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización das actuacións previstas segundo o anexo IV, e factura ou, na súa falta, factura pro forma da actividade ou adquisición que se subvenciona de quen vaia subministrar o ben ou prestar o servizo, de ser o caso, coa desagregación de conceptos e contías.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (40.000 euros no suposto de execución de obra ou 15.000 euros nos demais supostos), a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

1. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

2. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionados pola entidade solicitante para a realización do proxecto.

3. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

– Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a entidade solicitante.

– Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser entidade beneficiaria da axuda.

Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

1.2. As persoas interesadas que sexan asociacións de vendedores das prazas de abastos e centros comerciais abertos cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia deberán, ademais, achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia da acta da sesión en que se informe os asociados do proxecto para o cal se solicita a subvención.

b) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa, sen incluír as partidas para as cales se solicita a subvención.

c) Orzamento liquidado pola entidade asociativa no ano 2018.

d) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade que acredite o número de membros asociados dados de alta e número de comercios retallistas, dos que se achegará relación detallada e actualizada, con inclusión do nome da persoa titular e do establecemento, así como as epígrafes do IAE en que figura dado de alta, enderezo postal e telefónico, concretando, se é o caso, as empresas ou entidades participantes no proxecto e actuacións que se van desenvolver.

e) No caso de centros comerciais abertos, declaración responsable das cotas aboadas polos comercios asociados no ano 2018 (anexo VIII).

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas. De non cumprir co asinado nalgunha das declaracións responsables procederase ao inicio do expediente de reintegro da subvención concedida de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dada de alta a entidade solicitante.

f) Certificación expedida pola Axencia Tributaria da declaración do imposto da renda das persoas físicas.

g) Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

h) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

i) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

l) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución ao conselleiro, correspondendo ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6 resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a entidade solicitante para que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

Para os efectos de valorar as solicitudes e propoñer aos solicitantes con dereito a obter a subvención, a Comisión de Valoración aplicará os criterios de valoración para determinar a concorrencia competitiva entre os solicitantes das actuacións definidas no artigo 4.

Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

2. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

• Presidencia: subdirector/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

• Vogais:

Un/unha xefe/a de servizo da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Un/unha xefe/a de sección da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que fará as funcións de secretario/a.

Artigo 10. Criterios de valoración

Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da contía e da preferencia na concesión das subvencións, relacionados por orde decrecente serán os seguintes:

Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns:

a) Por exercer a actividade nun municipio de menos de 5.000 habitantes: 2 puntos.

b) Por exercer a actividade comercial nun concello fusionado: 2 puntos.

c) Ter o domicilio social nun concello adherido ao convenio coa Fegamp Doing business: 2 puntos.

d) Contratación con provedores de empresas de inserción social nos últimos 3 anos: 2 puntos.

e) Ser o titular ou ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes: 2 puntos.

f) Por ter implantada algunha medida de responsabilidade social na xestión da actividade artesanal ou comercial: 2 puntos.

g) Por ser a persoa beneficiaria ou o representante da persoa xurídica beneficiaria, un mozo/a, de idade igual ou menor a 30 anos: 1 punto.

h) Por ser a persoa titular do taller ou establecemento comercial ou o representante da sociedade unha muller: 1 punto.

i) Adhesión ao sistema arbitral de consumo con carácter indefinido: 1 punto.

j) Por ter concedida unha axuda do Inega en proxectos de aforro e eficiencia enerxética nos últimos 3 anos: 1 punto.

k) Por posuír unha certificación ambiental concedida por algunha autoridade pública ou privada debidamente autorizada: 1 punto.

No caso de comerciantes retallistas que non posúan establecemento comercial aberto, para os efectos das alíneas a), b) e c), considerarase o municipio de exercicio e desenvolvemento da súa actividade aquel onde radique o domicilio social.

Unha vez esgotado o crédito dispoñible, no caso de que máis dunha solicitude obtivese a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios.

1º. Exercer a actividade nun municipio de menos de 5.000 habitantes.

2.º Exercer a actividade comercial nun concello fusionado.

3º. Ter o domicilio social nun concello adherido ao convenio coa Fegamp Doing business.

4º. Contratar con provedores de empresas de inserción social nos últimos 3 anos.

5º. Ser o titular ou ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes.

Asociacións de vendedores das prazas de abastos e centros comerciais abertos cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) O establecemento dunha política ambiental que contribúa a mellora da sustentabilidade conforme o seguinte baremo:

– Adopción de máis de catro medidas de carácter ambiental: 8 puntos.

– Adopción de entre catro e dúas medidas de carácter ambiental: 4 puntos.

– Adopción dunha medida de carácter ambiental: 1 punto.

b) Porcentaxe de comercios que teñan implantada a norma UNE 175001-1 de calidade de servizos para o pequeno comercio, segundo o seguinte baremo:

– Se a porcentaxe de comercios que a teñen implantada é igual ou superior ao 50 %: 4 puntos.

– Se a porcentaxe de comercios que a teñen implantada é inferior ao 50 %: 1 punto.

c) Importe das cotas aboadas polos asociados:

– Se a porcentaxe que representan as cotas ingresadas polos asociados no ano 2018 é igual ou superior ao 30 % do orzamento liquidado pola asociación no mesmo exercicio: 1 punto.

d) Por posuír unha certificación ambiental concedida por algunha autoridade pública ou privada debidamente autorizada: 1 punto.

Unha vez esgotado o crédito dispoñible, no caso de que máis dunha solicitude obtivese a mesma puntuación, o desempate realizarase seguindo a puntuación acadada nas diferentes epígrafes por orde decrecente.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, á persoa titular da consellería.

2. A persoa titular da consellería, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada ás persoas beneficiarias, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a persoa beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de tres meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que as persoas non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, cumpríndose, en todo caso, os seguintes requisitos:

1º. Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite dun mes antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia as entidades interesadas na forma prevista no artigo 11 destas bases.

Artigo 15. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da consellería ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas do beneficiario:

1º. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2º. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3º. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4º. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

5º. Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6º. Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de dous anos desde a súa concesión, agás no suposto das actuacións previstas no artigo 4.1.2.

7º. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

8º. Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.

9º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

10º. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Obrigas específicas de publicidade

Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, os beneficiarios/as das axudas deberán facer constar o cofinanciamento dos activos adquiridos ao abeiro desta axuda con fondos da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Para estes efectos, incluirase a lenda <<Proxecto cofinanciado>>, acompañada da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 409/2009, do 5 de novembro (DOG núm. 227, do 19 de novembro), segundo o modelo e as instrucións elaboradas pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo publicado no enderezo http://www.portaldocomerciante.gal/. Empregaranse os soportes máis adecuados á natureza do investimento.

Artigo 18. Subcontratación

Enténdese que un beneficiario subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria e ata o 31 de outubro de 2019, do anexo IX debidamente cuberto xunto cos orixinais ou copias compulsadas da seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidos dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2019 e a data límite de xustificación.

Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias autenticas electrónicas.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

No caso da actuación prevista no artigo 4.1.3, admitirase unha declaración responsable onde consten os provedores dos produtos, e a porcentaxe de produto ecolóxico e/ou de segunda manufactura sobre o total da oferta, sen prexuízo de posterior comprobación material por parte da consellería, de ser o caso.

b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a súa data. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.

c) Material fotográfico que acredite a realización das actuacións obxecto da subvención.

d) Anexo VI da orde de convocatoria debidamente asinado.

e) No caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.

2. Os órganos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 20. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O libramento da subvención aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira ao número de conta designado polo beneficiario.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, observarase o establecido no artigo 2 desta orde.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia ou de incumprimento dos deberes contidos nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención incluída a data en que se acorde a orde de reintegro.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida cando, ao non cumprir a obriga establecida no artigo 16.6 de manter a actividade durante dous anos, se aproxime de maneira significativa a ela, entendendo como tal ter mantido a actividade durante polo menos dezaoito meses e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

O alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior deberá reintegrarse o total da cantidade percibida para unha ou varias actuacións establecidas no artigo 4 cando o cumprimento de cada unha delas non acade o 60 % do investimento subvencionado.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Control

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 23. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados dende a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, e será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1) e no resto de normativa que resulte de aplicación.

ANEXO II

Epígrafes do IAE subvencionables

641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642. Comercio polo miúdo de carnes e miúdos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados deles.

643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas clases.

647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral (agás 647.4 e 647.5).

651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).

653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).

656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, artigos e enxoval ordinario de uso doméstico.

657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659. Outro comercio polo miúdo.

665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo o catálogo». No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

ANEXO III

Epígrafes do IAE subvencionables

25.2-Fabricante de xabóns tocador e produtos de perfumaría.

253.6-Fabricante de aceites esenciais e substancias aromáticas.

41-Industria de produción de produtos alimenticios.

421-Industria de cacao, chocolate e produtos de confeitaría.

43-Industria téxtil.

44-Industria do coiro.

45-Industria do calzado e vestido e outras confeccións téxtiles.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file