Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 22 de xullo de 2019 Páx. 33943

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases que rexen o programa Xuventude Crea e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas aos sectores da mocidade, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Coa aprobación do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, estableceuse a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería de Política Social. A dita Consellería conta coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado á cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de, entre outras, apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.

Así mesmo, esta orde sométese ao disposto na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

Polo exposto, a Consellería de Política Social, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, convoca unha serie de actividades que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e que constitúen o programa Xuventude Crea.

Por todo isto,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Parte xeral

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen o programa Xuventude Crea, e proceder a súa convocatoria para o ano 2019 (procedemento BS310Q), e que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, deseño de xoias, moda, cociña e danza moderna.

Artigo 2. Persoas destinatarias

1. Poderán solicitar a participación as persoas galegas ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2019 agás o establecido no capítulo II segundo para cada especialidade.

2. Enténdese por profesional, aquela persoa que mantén unha relación contractual permanente ou ocasional con algunha empresa vinculada á especialidade concreta na que solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dada de alta como autónoma nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

3. Salvo no caso das especialidades de teatro, música, graffiti, cociña e danza moderna, a participación será sempre a título individual.

4. Non poderán participar nunha especialidade aquelas persoas que gañasen o primeiro premio desa mesma especialidade na edición do ano anterior.

5. A participación supón a aceptación total das condicións fixadas, e unicamente a Consellería de Política Social queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da interpretación destas, así como para decidir a suspensión dunha especialidade no caso de non acadarse unha participación mínima de dez solicitantes previa comunicación a estas persoas.

6. A información contida neste artigo debe ser cumprimentada co disposto no capítulo II (parte específica).

Artigo 3. Obras e premios

1. Cada persoa participante poderá presentar unha obra por especialidade ou por modalidade.

2. As obras presentadas polas persoas participantes non poderán ter sido premiadas, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes, noutros certames ou concursos.

3. A Consellería de Política Social quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente que en materia de propiedade intelectual puidesen incorrer as persoas participantes.

4. Establécense os seguintes premios por cada unha das especialidades (teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, deseño de xoias, moda, cociña e danza moderna):

Un primeiro premio de 3.000 euros.

Un segundo premio de 1.500 euros.

Un terceiro premio de 1.000 euros.

O cobramento destes premios queda condicionada á correspondente actuación por parte das persoas premiadas nos lugares que determine a Consellería de Política Social enmarcados dentro do Circuíto de Creatividade. As primeiras persoas premiadas realizarán dúas actuacións e as segundas e terceiras unha actuación.

Poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, nas diferentes especialidades a aquelas obras que, a xuízo da comisión seleccionadora, acaden a suficiente calidade.

5. Cada persoa participante non poderá recibir máis de un premio por especialidade.

6. A dotación destes premios serán complementados de acordo co disposto na parte específica de cada especialidade.

7. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicos e estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme á lexislación tributaria.

8. Entregaranse diplomas a todas as persoas premiadas e ás persoas finalistas.

9. Segundo a calidade das obras poderían ser declarados desertos ou compartidos algúns dos premios. Neste último caso, a contía do premio repartirase de xeito directamente proporcional ao número de obras premiadas.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación de solicitudes

A solicitude das persoas participantes deberá facerse no impreso de solicitude (anexo I).

As solicitudes deberán presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar co impreso de solicitude (anexo I) o seguinte:

Un sobre pechado en cuxo exterior figurará exclusivamente o título da obra e o pseudónimo do autor ou da autora, e no que irá o boletín de inscrición (anexo II) e a obra e documentación que corresponda de acordo co disposto na parte específica para cada especialidade concreta, ademáis da seguinte documentación de ser o caso:

– No caso de que a persoa participante sexa menor de idade precísase autorización do pai/nai ou titor/a legal para participar nesta convocatoria, así como para calquera cuestión con ela relacionada.

– Anexo III para a comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (no caso de grupos).

– No caso dunha pluralidade de solicitantes deberá achegarse coa solicitude (anexo II) a listaxe completa de persoas solicitantes, xunto coa autorización no caso de menores de idade e o anexo III (no caso de grupos) de ser o caso.

Calquera soporte audiovisual que se envíe (CD, DVD...) deberá ter as óptimas condicións de visionado e gravado.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 6. Prazo de presentación das solicitudes e emenda de defectos

1. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 30 de agosto de 2019.

2. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, por parte da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, requirirase á persoa solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución, que será ditada nos termos do seu artigo 21.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites posteriores ás solicitudes deberán realizarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos persoais, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou dos membros do grupo de ser o caso.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante ou dos membros do grupo de ser o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo II (impreso de solicitude) e anexo III (en caso de grupos) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Tramitación: comisión de selección

Constituirase unha comisión de selección en cada especialidade que terá como función o exame e valoración das solicitudes presentadas, elaborar a proposta de resolución e elevala ao órgano competente para resolver.

A comisión, como órgano colexiado, rexerase pola Lei 40/2015, do 1 de outubro do réxime xurídico do sector público e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

As solicitudes que estean completas remitiranse á comisión de selección, que examinará e valorará as diferentes obras en función da súa calidade, proporá a adxudicación de tres premios por especialidade e redactará a proposta de resolución.

As decisións da comisión de selección terán a consideración de actos de trámite, e rexeranse polo disposto no artigo 112.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Os seus membros serán nomeados/as pola persoa titular da Consellería de Política Social, a proposta da persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e estará integrada por un/unha presidente/a, que será exercido pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou a persoa que a substitúa; un/unha secretario/a, que recaerá nun/nunha técnico/a da Consellería de Política Social con voz pero sen voto e un máximo de cinco vogais, todas estas persoas profesionais e expertos/as de recoñecido prestixio na especialidade concreta que se valore. Na composición da comisión de selección procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.

Os nomes das persoas integrantes de cada unha das comisións de selección serán publicados na páxina web http://xuventude.xunta.es con anterioridade ás reunións que se levarán a cabo.

As persoas compoñentes da comisión de selección agás o/a presidente/a, percibirán axudas de custo pola súa colaboración.

Artigo 10. Resolución

Corresponderá ditar a resolución do procedemento á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

A resolución será notificada a todas as persoas solicitantes, segundo o establecido no artigo 11, no prazo máximo de cinco meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditara no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto fose expreso, se o acto non fora expreso, as persoas interesadas e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto; ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de seis meses se o acto fose presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A relación de premiados/as de cada especialidade será publicada na páxina web: http://xuventude.xunta.es

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Destino e devolución das obras

1. A participación nesta convocatoria supón a autorización das persoas participantes, a favor da Consellería de Política Social dos dereitos de difusión dos proxectos presentados no marco deste programa, así como para montar exposicións e/ou para a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe ou contido das obras presentadas por calquera medio que se considere oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

2. No caso de traballos premiados, a presentación a esta convocatoria implicará, a colaboración nas accións de difusión que se organicen, así como a cesión a favor da Consellería de Política Social dos dereitos de edición para a súa publicidade, difusión e divulgación a través do portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social (http://xuventude.xunta.es/), redes sociais e demais medios de difusión da administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

As obras das persoas participantes premiadas en cada unha das especialidades quedarán en propiedade da Consellería de Política Social, sen prexuízo do mantemento dos dereitos morais sobre os mesmos, que corresponderán ao autor/a.

Os autores e as autoras premiados/as quedarán comprometidos/as a subministrar os arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

3. Sen prexuízo do disposto no apartado 1, os traballos premiados poderán ser obxecto de divulgación polo seu autor/a, debendo constar que foi premiado na edición de Xuventude Crea na modalidade correspondente, previa autorización escrita da Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para a referida divulgación.

A obtención dun premio económico neste programa suporá a incompatibilidade de presentar a obra premiada a outros certames.

4. As obras das persoas participantes non premiadas, deberán ser retiradas por elas ou pola persoa autorizada no lugar que determine a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación coa decisión da persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Transcorrido este prazo, as obras non retiradas quedarán á disposición da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, entendéndose que os seus autores renuncian a todo tipo de dereito sobre elas, que poderá darlles o destino que estime oportuno.

CAPÍTULO II

Parte específica

Sección 1ª. Teatro

Artigo 13. Condicións xerais

1. Poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por persoas galegas ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2019. Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teñan entre 14 e menos de16 anos.

En calquera caso, tanto as persoas integrantes da dirección como o do equipo técnico non se verán afectados polo disposto no artigo 2.1.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 5, e no mesmo sobre, os grupos participantes presentarán:

a) Listaxe das persoas compoñentes do grupo, indicando a idade e a función.

b) Unha síntese da obra: título, autor/a e adaptación dos diálogos, de ser o caso e da posta en escena: número de personaxes, tipo de decorado, vestiario, espazo que se precisa...

c) DVD dunha representación da obra presentada a concurso ou dun ensaio xeral, feito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.

En todo caso a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación, e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visión.

3. As representacións serán en lingua galega.

4. As obras poderán ser de autoría galega, española ou estranxeira.

5. Poderán presentarse obras orixinais.

6. A duración da representación de cada obra non poderá exceder dunha hora e trinta minutos.

Artigo 14. Desenvolvemento

A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 6 grupos que serán os que representen as obras ante esta, no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos orixinados polas representacións por un importe máximo de 650 euros por grupo.

Sección 2ª. Artes plásticas

Artigo 15. Condicións xerais

1. Establécense as seguintes modalidades: pintura e escultura.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 5, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) En CD, unha ou varias fotografías en cor ou branco e negro da obra presentada, ficha técnica da obra na que se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada, as dimensións reais, así como o seu peso (isto último só no caso da escultura). No caso de obras escultóricas, as fotografías deberán presentarse desde diferentes perspectivas para que se poida realizar a valoración adecuada destas. As obras orixinais serán requiridas ás persoas participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición ou previamente cando a xuízo da comisión sexa necesario velas co fin de outorgar os premios.

b) Declaración responsable de que a obra presentada, non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.

No caso de escultura o peso máximo da obra non poderá superar os 50 kg.

Artigo 16. Desenvolvemento

1. Para a exposición a comisión seleccionará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado no seu momento, porase en contacto cos autores e autoras das obras seleccionadas para a súa exposición, co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso, e ademais comunicará o lugar e a data na que terá lugar a exposición, todo isto sen prexuízo do disposto no número 8 deste artigo.

3. As persoas participantes seleccionadas para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe. Cando a súa complexidade o requira, a montaxe farase polo autor ou autora.

4. As obras seleccionadas para a exposición serán enviadas empregando unha embalaxe cun material ríxido e suficientemente sólido que asegure a súa integridade.

5. As obras presentadas serán orixinais.

6. O tema e as técnicas serán libres.

7. As pinturas deberán levar marco ou bastidor.

8. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 3ª. Fotografía

Artigo 17. Condicións xerais

1. Xunto coa documentación indicada no artigo 5, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) En CD, unha ou varias fotografías, ata un máximo de 6, en cor ou branco e negro da obra presentada, ficha técnica da obra na que se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada e as dimensións reais. As obras orixinais serán requiridas ás persoas participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición ou previamente cando a xuízo da comisión sexa necesario velas co fin de outorgar os premios.

b) Declaración responsable de que a obra presentada, non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.

Artigo 18. Desenvolvemento

1. Para a exposición a comisión seleccionará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado no seu momento, porase en contacto cos autores e autoras das obras seleccionadas para a exposición, co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso, e ademais comunicará o lugar e a data nos que terá lugar o evento, todo isto sen prexuízo do disposto no número 7 deste artigo.

3. As persoas participantes seleccionadas para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe. Cando a súa complexidade o requira, a montaxe farase polo autor ou autora.

4. As obras seleccionadas para a exposición serán enviadas empregando unha embalaxe cun material ríxido e suficientemente sólido que asegure a súa integridade.

5. As obras presentadas serán orixinais.

6. O tema e as técnicas serán libres.

7. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 4ª. Música

Artigo 19. Condicións xerais

1. Poderán concorrer solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea.

Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos. Tamén poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical coas persoas participantes que se presenten como solistas.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 5, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Maqueta en CD debidamente identificada, co pseudónimo e título, e gravada polas persoas compoñentes inscritas, con dous temas, que serán os que avaliará a comisión de selección, e cunha duración máxima de dez minutos. Valorarase positivamente a utilización do galego, e en calquera caso un dos temas deberá ser en galego, agás que se trate de pezas instrumentais.

b) Ficha técnica na que se detalle o título, duración e autoría dos temas presentados, seguindo a orde presentada na gravación.

c) Fotografía recente do grupo ou solista.

d) Relación nominal mecanografada das persoas compoñentes do grupo, con indicación da idade e do instrumento que tocan.

e) Letras, se as houber, dos temas incluídos na maqueta, debidamente mecanografadas.

f) Autorización escrita para gravar ou emitir a súa actuación na fase final do certame, no suposto de resultar seleccionado/a.

g) Declaración responsable acreditativa de que a persoa participante dispón dun repertorio dun mínimo de 30 minutos.

Toda esta documentación deberá presentarse en soporte papel e tamén en CD.

3. Os temas serán de creación propia e nunca antes editados comercialmente.

Artigo 20. Desenvolvemento

1. A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 6 persoas participantes que serán as que actuarán ante esta, no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos ocasionados pola actuación por un importe máximo de 600 euros no caso de grupos ou de 300 euros no caso de solistas.

2. Para as actuacións da fase final as persoas participantes levarán os seus propios instrumentos, agás a batería, que será proporcionada pola organización.

3. O equipo técnico de son e luces proporcionarao a organización en coordinación cos grupos finalistas e será manexado polo persoal técnico da organización.

Sección 5ª. Relato breve

Artigo 21. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema será libre.

3. As obras, que deberán presentarse en CD, realizaranse a ordenador, en tamaño 12 e a dobre espazo. Terán unha extensión mínima de 5 páxinas e máxima de 10 e as follas estarán numeradas.

Sección 6ª. Poesía

Artigo 22. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. As obras, que deberán presentarse en CD, realizaranse a ordenador, en tamaño 12 e a dobre espazo. Terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100 e as follas estarán numeradas.

Sección 7ª. Videocreación

Artigo 23. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. Quedan excluídas deste certame todas as obras que teñan concedidas axudas económicas da Administración autonómica para a súa realización, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. O tema será libre, máis deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fora dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 5, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) DVD da obra e ficha técnica na que se inclúa o título, un breve argumento, a data e o lugar de realización, unha fotografía da videocreación e datos técnicos e artísticos de interese.

5. As obras poderán ser producidas en calquera formato de vídeo, pero deberán presentalo en DVD, onde figurará o título e o pseudónimo do autor ou autora.

En todo caso a gravación deberá estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe como de son, para a súa correcta visión, xa que en caso contrario a obra será rexeitada.

6. A duración de cada obra será dun mínimo de 1 minuto e un máximo de 4 minutos.

7. A realización das obras debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2018.

8. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado resérvase o dereito a solicitar ás persoas participantes unha copia en formato orixinal para a súa proxección pública, nos termos recollidos no artigo 12.

9. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado resérvase a posibilidade de utilizar un fragmento da obra de ata un máximo de tres minutos, para a súa posible difusión nas redes sociais e nos medios de comunicación, nos termos recollidos no artigo 12.

Sección 8ª. Banda deseñada

Artigo 24. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais e inéditas.

2. A temática será libre, con textos en galego.

3. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.

4. O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais.

5. Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

6. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 9ª. Graffiti

Artigo 25. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e, de ter texto, este estará en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 5, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Proxecto orixinal da obra que se vai realizar en formato DIN-A3 (realizado a man e presentado a cor).

b) Fotografías dos graffitis realizados máis recentemente pola persoa solicitante (ou enderezo da internet onde se poidan ver os traballos).

Artigo 26. Desenvolvemento:

1. A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 9 persoas participantes, que serán requiridas para realizar un mural de aproximadamente 4 m×2 m ante esta, no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos de material por un importe máximo de 350 euros por participante individual ou grupo. A selección realizarase tendo en conta, entre outros, os seguintes criterios: deseño, estrutura, tema e colorido (que deberán responder á maior calidade).

2. A xuízo da comisión, será motivo de descualificación a realización de graffitis fóra dos espazos e horarios asignados pola organización.

Sección 10ª. Deseño de xoias

Artigo 27. Condicións xerais

1. A colección debe ser orixinal e estará composta por 3 xoias. O remate das pezas debe traballarse en metal con pezas de xoiería, excluíndo a utilización de accesorios comprados.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 5, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha fotografía de cada unha das 3 xoias que poderán ser tanto para home como para muller.

As fotografías das xoias deberán presentarse nun CD e mostrarse na escala máis próxima á real 1:1.

b) No mesmo CD incluirase unha ficha técnica da colección, onde se explicarán os materiais utilizados e todos os datos que sexan de interese na colección.

Artigo 28. Desenvolvemento

A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 10 participantes, tendo en conta preferentemente os seguintes criterios: creatividade, selección de materiais, terminacións e acabados, e estas obras exhibiranse ante esta comisión no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, se fosen requiridos/as para iso.

Sección 11ª. Moda

Artigo 29. Condicións xerais

As coleccións deben ser orixinais.

Xunto coa documentación indicada no artigo 5, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm×420 mm), con deseño de fronte e de costas.

b) Ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.

Artigo 30. Desenvolvemento

A comisión poderá seleccionar para unha exposición ata un máximo de 10 participantes que confeccionarán a colección de cinco modelos obrigatorios, tendo en conta preferentemente os seguintes criterios: creatividade, experimentación formal nos deseños, selección de tecidos, colorido, patronaxe, volumes e texturas, e que se exhibirán no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos de material por un importe máximo de 500 euros por participante.

Sección 12ª. Cociña

Artigo 31. Condicións xerais

1. Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros.

2. Só se admitirá unha receita por participante, sexa individual ou en grupo.

3. A receita presentada por cada participante –individual ou en grupo– pode ser a elaboración dun prato salgado ou doce. A base do prato será a utilización de produtos avalados polas diferentes denominacións de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 5, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) A receita, que se presentará en CD, deberá estar escrita en lingua galega e terá que incluír: o título do prato, a relación de ingredientes –avalados, prioritariamente, por algunha das denominacións de orixe de Galicia– e o proceso de elaboración.

b) No mesmo CD, unha ou varias fotografías en cor do prato presentado.

5. O tempo de elaboración do prato non poderá exceder de 2 horas.

Artigo 32. Desenvolvemento

1. A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 6 participantes que confeccionarán o prato proposto no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos orixinados para a súa elaboración por un importe máximo de 75 euros por participante (individual ou grupo). O tempo máximo de elaboración do prato será de 2 horas. As persoas participantes levarán a súa propia vaixela e enxoval, agás a cociña, que será proporcionada pola organización.

2. Para a selección dos pratos propostos a comisión de selección terá en conta, preferentemente, os seguintes criterios: a presentación, a orixinalidade, a innovación e o emprego de produtos galegos de calidade.

Sección 13ª. Danza moderna

Artigo 33. Condicións xerais

1. Disciplinas: contemporáneo, funky, lírico, jazz e fusión.

2. Os proxectos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 5 integrantes.

3. Ningún/ha participante poderá formar parte de máis dun grupo.

4. A duración da actuación non pode superar os cinco (5) minutos.

5. A coreografía debe ser inédita.

6. Xunto coa documentación indicada no artigo 5, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha gravación que recolla a actuación. A obra poderá ser producida en calquera formato de vídeo, pero deberán presentalo en DVD, onde figurará o título e o pseudónimo do autor ou autora.

En todo caso a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación, e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visión.

b) Música da coreografía.

c) Ficha técnica na que se detalle título da obra, duración, coreógrafo, música e aderezos da coreografía.

d) Relación nominal das persoas integrantes do grupo, con indicación da idade.

e) No caso de que os participantes presenten un proxecto acompañado de música orixinal, ficha técnica na que se detalle: nome do compositor; relación nominal dos músicos intérpretes con indicación dos instrumentos que tocan; especificación se a música foi composta especialmente para a coreografía presentada e, por tanto, é orixinal; e indicación se para o caso de ser seleccionada para a fase final, a música será gravada ou interpretada en directo.

f) Autorización escrita para gravar ou emitir a súa actuación na fase final do certame, no suposto de resultar seleccionado/a.

Toda esta documentación deberá presentarse en soporte papel e tamén en CD.

Artigo 34. Desenvolvemento

1. A comisión poderá seleccionar para a fase final un máximo de 6 proxectos, que serán os que representarán a súa intervención en directo no día, lugar e hora que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A selección realizarase tendo en conta, entre outros, os seguintes criterios: a técnica, a musicalidade, a posta en escea e a coreografía.

2. Os participantes seleccionados para esta actuación final deberán acudir cunha copia de seguridade da montaxe musical, xa sexa en CD ou memoria USB, que deben conter só a montaxe musical da actuación.

3. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado resérvase a posibilidade de utilizar un fragmento da obra de ata un máximo de tres minutos, para a súa posible difusión nas redes sociais e medios de comunicación, nos termos recollidos no artigo 12.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Política Social coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente orde a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Pretensións dunha pluralidade de persoas

As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude. Neste suposto, deberá achegarse coa solicitude a listaxe completa de persoas solicitantes segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Este modelo presentarase co anexo II (boletín de inscrición). As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, no seu defecto, coa que figure en primeiro termo.

Disposición adicional terceira. Delegación da competencia para resolver

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar as oportunas resolucións no ámbito desta orde.

Disposición adicional cuarta. Orzamento

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste programa serán custeadas con cargo ás partidas orzamentarias 13.05.313A.640.0 e 13.05.313A 226.06 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, cunha contía de 117.516 euros.

Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file