Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 24 de xullo de 2019 Páx. 34289

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se dá publicidade da Resolución do 16 de xullo de 2019 pola que se desestima a solicitude de suspensión da aplicación do Decreto 60/2019, do 23 de maio, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Con data do 16 de xullo de 2019, o conselleiro de Facenda ditou resolución pola que se desestima a solicitude de suspensión da aplicación do Decreto 60/2019, do 23 de maio, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Para os efectos de notificación ás persoas solicitantes da referida suspensión, procede publicar dita resolución no Diario Oficial de Galicia.

En consecuencia, en virtude das razóns expostas, o director xeral da Función Pública

RESOLVE:

Dar publicidade á resolución do conselleiro de Facenda que se transcribe a continuación:

«Vistas as solicitudes de suspensión da execución do Decreto 60/2019, do 23 de maio, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, procede contestar cos seguintes.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A publicación do Decreto 60/2019, do 23 de maio, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia (DOG núm. 108, do 10 de xuño), supuxo, entre outras, a variación da puntuación dos méritos, acreditados polas persoas integrantes das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia. Con todo, esta modificación non alterou, de ningún xeito, os méritos acreditados por todos os integrantes das ditas listas.

Segundo. Desde a entrada en vigor deste decreto temos recibido multitude de recursos de alzada, seguindo un patrón tipo, contra esta variación da puntuación resultante da súa aplicación.

Coa formulación do recurso, a maioría dos reclamantes veñen solicitando a suspensión da aplicación do decreto recorrido, alegando que é nulo de pleno dereito.

Conforme a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), a normativa aplicable en materia de función pública e demais normativa concordante de aplicación, e en virtude dos seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Consellería de Facenda é competente para coñecer da resolución da presente solicitude de suspensión de execución do Decreto 60/2019.

Segundo. O artigo 117 da Lei 39/2015, do 2 de outubro, do procedemento administrativo común (BOE do 2 de outubro), establece no seu parágrafo primeiro a regra xeral de que: “A interposición de calquera recurso..., non suspenderá a execución do acto impugnado”, e só como excepción á dita regra xeral prevé no segundo parágrafo a posibilidade de suspender a execución do acto recorrido “previa ponderación, suficientemente razoada, entre o prexuízo que causaría ao interese público ou a terceiros a suspensión e o ocasionado ao recorrente como consecuencia da eficacia inmediata do acto recorrido”.

No presente caso, as persoas recorrentes non demostran a existencia de prexuízos de imposible ou difícil reparación derivados do decreto recorrido o que é requisito exixido pola doutrina e xurisprudencia para acoller a solicitude de suspensión. A fundamentación da súa petición é que o prexuízo deriva da alteración da súa posición na lista (esquecendo que o novo decreto se aplica a todas as persoas integrantes desta) e que os méritos acreditados non se alteran (só a súa puntuación).

Alégase tamén a nulidade de pleno dereito do decreto por ter prescindido do procedemento establecido para a determinación da puntuación, alterando unha situación previa. Entende a xurisprudencia, que non abonda cunha simple alegación de nulidade para a adopción, sen máis, da medida de suspensión pretendida, que soamente procedería cando o vicio determinante de nulidade resultase notorio nunha primeira análise da controversia.

Con todo, da análise da situación formulada coa aplicación do Decreto 60/20019, non pode inferirse a concorrencia de notorios vicios de nulidade nin de circunstancias constitutivas de prexuízos de imposibles ou difícil reparación que deban primar sobre o interese xeral que persegue o devandito decreto.

Terceiro. Por outra parte, tendo en conta o número de asignacións de postos realizados desde a entrada en vigor do Decreto 60/2019 (o 11 de xuño do presente ano), que nos atopamos en plena campaña de loita contra o lume, a necesidade de cobertura de vacantes e substitucións de persoal con vacacións (sobre todo nos centros de asistencia social), así como a necesidade da aplicación do devandito decreto nas outras áreas de actuación da Xunta de Galicia, considérase de interese público a non suspensión da súa execución.

En consecuencia, o conselleiro de Facenda, a proposta do director xeral da Función Pública, resolve:

Desestimar a solicitude de suspensión da aplicación do Decreto 60/2019, do 23 de maio, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Dado o interese público sinalado no fundamento de dereito terceiro, en aplicación do establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, cómpre publicar a presente resolución no Diario Oficial de Galicia, para a súa notificación a todas as persoas solicitantes da suspensión da execución do Decreto 60/2019.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa, poden interpoñer ao recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, perante, a elección do/a demandante, o xulgado do contencioso-administrativo da circunscrición na que teña aquel/a o seu enderezo, ou o de Santiago de Compostela, conforme os artigos 8 e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE núm. 167, do 14 de xullo); sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso legalmente previsto que mellor conveña ao seu dereito».

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2019

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública