Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Mércores, 4 de setembro de 2019 Páx. 38692

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 5 de agosto de 2019 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Fisterra.

O Concello de Fisterra eleva para a súa aprobación definitiva o expediente do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada polo Concello; e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. Planeamento municipal vixente:

O Concello de Fisterra dispón de normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 17.7.1996, con dúas modificacións puntuais (AD 25.9.1997 e 29.12.1998).

2. Figuras de ordenación do territorio de incidencia supramunicipal con afección:

– Directrices de ordenación do territorio, aprobadas polo Decreto 19/2011, do 10 de febreiro (DOG do 22 de febreiro).

– Plan de ordenación do litoral, aprobado polo Decreto 20/2011, do 10 de febreiro (DOG do 23 de febreiro).

– Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Xunta de Galicia xestionadas por Retegal, S.A. aprobado mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2.5.2013 (DOG do 17 de xuño).

3. Tramitación:

1º. Ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG, a Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, emitiu informes previos á aprobación inicial do documento en datas 8.9.2004 e 14.7.2005.

2º. Na sesión do 31.12.2007 o Concello pleno acordou aprobar inicialmente o PXOM; e sometelo a información pública mediante anuncios nos diarios El Correo Gallego do 9.1.2008 e La Voz de Galicia do 13.1.2008, así como no DOG do 11.1.2008.

Déuselle audiencia ao concello limítrofe de Cee; e solicitáronse informes aos organismos coas distintas competencias carácter sectorial.

3º. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM o 23.2.2016 (DOG do 17 de marzo).

4º. O plan xeral foi aprobado provisionalmente polo concello na sesión plenaria do 17.3.2016.

5º. Conforme o artigo 85.7 da LOUG, comprobada a integridade documental do plan e do expediente, detectáronse unha serie de deficiencias, polo que en datas 27.4.2016, 2.8.2016, 20.9.2016 e 27.1.2017 se requiriu ao Concello de Fisterra para emendalas.

6º. Mediante Orde do 30.7.2018, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio resolveu non outorgar a aprobación definitiva do PXOM, sinalando as deficiencias a emendar.

7º. O Plan xeral foi sometido outra vez a aprobación provisional plenaria o 4.2.2019.

8º. O 15.4.2019 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emite informe favorable en materia de costas do PXOM, previo á súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 117.2 da Lei 22/1988, do 22 de xullo, de costas.

9º. O Pleno do Concello de Fisterra aproba provisionalmente o PXOM de novo, o 24.4.2019.

II. Análise e consideracións.

Analizada a documentación redactada por Alfonso Botana Arquitectura, Urbanismo e Medio Ambiente, con aprobación plenaria do 24.4.2019; e posta en relación coas condicións formuladas na Orde CMAOT de non aprobación do PXOM do 30.7.2018, resulta:

1. Expediente administrativo:

– Respecto das eivas sinaladas respecto do expediente administrativo:

– O PXOM incorporará as condicións do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 2.5.2019, canto á substitución das referencias á lexislación derrogada pola Lei 5/2016.

– Cómpre integrar as condicións dos informes de Augas de Galicia do 30.4.2019 e 14.6.2019.

– Teranse en conta as condicións do informe da Demarcación de Costas do Estado do 30.11.2016; e remitirase o documento a ela tras a súa aprobación definitiva.

– A numeración dos arquivos dixitais das alegacións segue sen corresponderse co número asignado no certificado de alegacións do 8.4.2008 (datado de xeito erróneo como do 8.1.2008 e no que figuran identificadas por número de rexistro).

– Non se xustifica o cumprimento das observacións do informe da Consellería do Medio Rural e do Mar en materia de Montes, emitido o 21.7.2014. Nomeadamente cómpre corrixir os artigos 65, 213, 225, 232, 339.4.c, 347, 348, 371 e 400.

2. Modelo territorial e estrutura xeral e orgánica:

1º. Cómpre aclarar os datos do cálculo da capacidade residencial do solo urbano consolidado.

2º. Non se xustifica que o 03-SE-PM01 cumpra as condicións para ser cualificado como sistema xeral integrante da ordenación estrutural establecida polo planeamento.

3º. O desenvolvemento do solo urbanizable residencial no núcleo de Sardiñeiro, debe condicionarse ao previo desenvolvemento do solo urbano non consolidado.

4º. En canto ás infraestruturas, na de abastecemento non coincide a información da memoria xustificativa co plano de información IV.8. Se é o caso, identificaranse as redes veciñais.

Respecto ao saneamento, a memoria xustificativa e os planos de información semellan non adecuarse á situación actual da infraestrutura: o informe de Augas de Galicia do 27.7.2018 menciona dúas EDAR en Fisterra e A Anchoa, no canto dunha; no apartado 2.8.1 sobre o saneamento dos solos urbanos indícase que os efluentes son enviados ao mar a través dun emisario sen estación de tratamento, agás en Sardiñeiro cuxa EDAR, pendente de entrar a funcionar, non figura nos planos de información.

Na estratexia de actuación contémplanse novas redes de abastecemento e saneamento; e no estudo económico, ademais destas actuacións, unha ampliación da EDAR reflectida na serie V.15 de planos. Porén, esta serie de planos non recolle ningunha EDAR.

5º. Deberá figurar claramente diferenciado no código das dotacións, no tramado e na lenda dos planos, a súa cualificación como sistema xeral ou local, eliminando da memoria a identificación como sistema xeral das dotacións de titularidade privada.

6º. O 02-SE-AX11 semella estar parcialmente sen executar (zona norte), polo que deberá ser incluída como sistema xeral previsto.

3. Clasificación e determinacións nas distintas clases de solo:

a) Solo urbano:

No asentamento denominado recta da Anchoa, que ten soporte arredor da estrada AC-442, coexisten na actualidade edificacións novas de tipoloxía colectiva, con urbanización e cesión na fronte da parcela; e tipoloxías unifamiliares preexistentes ás NSP, sen invadir en xeral a aliñación proposta, pero con carencias de pavimentación na fronte da parcela. Daquela, cómpre prever a realización dun proxecto de urbanización desa zona, como se recolle na ordenanza, debendo reflectir o seu ámbito nos planos e no estudo económico.

1º. En Fisterra: na vía ao sur do 02-SN-PQ2, polo que pasa o Camiño de Santiago, mantéñense as aliñacións existentes, sendo o largo da vía e o grao de urbanización insuficientes, polo que deberá preverse a correspondente actuación illada para completar a súa urbanización.

2º. Nos planos de ordenación nos que se reflicten as zonas inundables, deberán sinalarse todas elas (fallan as láminas de inundación costeiras no plano da totalidade do termo municipal e do solo urbano de Fisterra; e a lámina T100 na Anchoa).

3º. Arredor do 02.01-h ao oeste da praza de Santa Catalina non concorda a delimitación do PEPRI co tramado da ordenanza O-1. Non resulta adecuada a previsión da ocupación do patio con planta baixa. Aclararase o significado das siglas L.P. nos quinteiros con patio nos planos de ordenación do solo urbano.

4º. En Sardiñeiro existen dous quinteiros que se cambian de ordenanza 3.1 a 2.1 e non se grafía a altura máxima.

5º. En Fisterra, ao norte do equipamento 02-SE-D02 existe unha pequena porción de terreo sen ordenanza.

6º. Os datos do cadro de cálculo do aproveitamento tipo (páxina 69 da memoria) deben ser coincidentes coas fichas dos ámbitos de xestión.

b) Solo urbanizable:

O PXOM conterá a totalidade das determinacións establecidas no artigo 57.1.d) da LOUG para o sector SUD-R-1.

c) Solo de núcleo rural:

1º. Eliminarase a parte do núcleo de Calcova que amplía sen xustificación a delimitación vixente do núcleo cara ao mar, na franxa de 200 metros desde o límite interior da ribeira do mar.

2º. En relación co disposto no artigo 32.2.f) da LOUG, respecto á exclusión do réxime de rústico de espazos naturais, dos solos necesario para a delimitacións dos núcleos rurais, o Consello da Xunta de Galicia na súa sesión de 11.7.19 autorizou a delimitación do núcleo de Vilar de Duio, que incide puntualmente no ZEC Costa da Morte. Debe identificarse esta afección nos planos de ordenación do núcleo.

3º. Cómpre axustar as condicións da parcela edificable dos núcleos histórico tradicionais de Denle e Castromiñán, para que cumpran coa consolidación mínima exixible.

4º. Eliminaranse as parcelas non edificadas na parte común do núcleo de Ermedesuxo de Abaixo, para evitar unha delimitación artificiosa.

5º. Deben revisarse as condicións dos plans especiais de ordenación de núcleo rural, visto que o PXOM non contempla ningunha actuación integral.

d) Solo rústico:

1º. Ao abeiro do artigo 10 da LOUG, manterase a clasificación da totalidade do termo municipal, tal e como se recollía no anterior documento, entre eles todos os terreos costeiros como praias e formacións rochosas.

2º. Nos planos de clasificación do termo municipal eliminarase a superposición do solo urbanizable SUD-R1 co solo rústico de protección de infraestruturas.

4. Normativa:

1º. Artigo 31: respecto da exclusión da exixencia de licenzas ou comunicacións previas estarase ao disposto na lexislación vixente.

2º. Eliminaranse as referencias a ámbitos de ordenación detallada e a solo urbanizable non delimitado, que o plan non contén.

5. Estratexia de actuación, estudo económico e memoria de sustentabilidade económica:

1º. No informe de sustentabilidade económica deberá figurar a cuantificación de custos e ingresos segundo o sinalado no artigo 3 do Real decreto 1492/2011, do 24 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de valoracións da Lei de solo (custo de mantemento pola posta en marcha e prestación dos servizos públicos necesarios para atender o crecemento urbano previsto).

2º. A orde de prioridades establecida na estratexia de actuación será coherente coa programación das fichas dos ámbitos de desenvolvemento.

6. Cuestións de índole documental:

1º. Aclararase na lenda do plano de ordenación (serie V-1) que o contorno do faro de Fisterra corresponde a dominio público portuario, consonte o informe da Autoridade Portuaria da Coruña do 31.7.2014.

2º. Actualizaranse as referencias e transcricións da lexislación derrogada, tanto na normativa urbanística (Plan hidrolóxico Galicia-Costa, Decreto de sanidade mortuoria, texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, Regulamento de liñas de alta tensión...) como na memoria xustificativa (Lei de patrimonio cultural, lexislación de estradas estatal e autonómica, actualización da lexislación reguladora do ferrocarril).

3º. Memoria xustificativa: actualizarase o apartado 5.7.2 das categorías de solo rústico da LOUG. Existen contradicións entre o cadro 32 e o cadro 9 (espazos libres existentes en Fisterra).

4º. O plano V-01 de ordenación municipal diferenciará as categorías do solo urbano.

5º. A liña verde descontinua que identifica os NIL non é pechada en Sardiñeiro.

6º. A aliñación dunha vía na marxe leste da recta da Anchoa ten unha cota errónea.

7º. No artigo 313 da normativa existe un erro na referencia.

7. Adaptación ao plan de ordenación do litoral:

En datas 25.3.2013 e 26.7.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio emitiu informes posteriores á aprobación inicial, nos que se formularon diversas observacións. Mantense a necesidade de introducir as seguintes modificacións para acadar a adaptación do PXOM ao POL:

1º. No ámbito da ordenanza O-1 de Fisterra, en tanto non se aprobe o PEPRI, non se autorizarán novas edificacións na área de protección costeira do POL, o que se fará constar na normativa.

2º. Incluirase unha serie de planos na que, ademais das áreas continuas e descontinuas do POL, figuren as delimitacións dos ámbitos de recualificación (praias de Langosteira e de Mar de Fóra) e dos núcleos de identidade do litoral (Fisterra, A Insua, Castrexe e Sardiñeiro), así como a traza da Camiño dos Faros identificada no PXOM.

3º. Incluiranse as fichas dos ámbitos de recualificación, indicando as súas carencias e impactos e as medias tomadas polo PXOM ao respecto para mitigalas (reurbanización, dotación de espazos de cohesión, redución de impactos paisaxísticos, etc...).

4º. Nas fichas dos NIL incluirase xustificación de como se tiveron en conta os principios do artigo 45 da normativa do POL para estes núcleos.

5º. Estenderanse as condicións adicionais nos núcleos costeiros á totalidade do núcleos rurais. Non procede a delimitación que figura nos planos de ordenación de núcleos afectados polo POL, dado que todos están dentro do seu ámbito, sen máis excepción que a referente aos NIL.

6º. Indicarase na ficha do solo urbanizable previsto en Sardiñeiro a necesidade de remitir o planeamento de desenvolvemento ao inicio da súa tramitación para a verificación do cumprimento das normas do artigo 61 do POL para os desenvolvementos urbanísticos.

7º. Incluirase a análise da capacidade de carga das praias que se solicitaba no informe anterior e en base ao que se indica que se fixeron previsións de reservas de aparcamento.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Fisterra, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas anteriormente. Con este fin, o concello deberá achegar un documento refundido que dea cumprimento a esas consideracións.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente, unha vez inscrito o devandito PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Fisterra, 5 de agosto de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda