Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 9 de setembro de 2019 Páx. 39540

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 30 de agosto de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar o 31 de xullo e o 30 de agosto de 2019, o tribunal nomeado pola Orde do 1 de marzo de 2019 (DOG núm. 48, do 8 de marzo), modificada pola Orde do 12 de marzo de 2019 (DOG núm. 51, do 13 de marzo), encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Xunta de Galicia, subgrupo A2, e de conformidade co disposto nas bases da convocatoria, adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Revisadas as reclamacións presentadas ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, acórdase:

– Anular a pregunta 15 que será substituída pola primeira pregunta nº R41 de reserva do exercicio.

– Dar como resposta correcta a opción c) á pregunta número 5.

– Dar como resposta correcta a opción d) á pregunta número 23.

– Rexeitar na súa totalidade o resto de reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e para superalo será necesario un mínimo de 15 puntos. Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio aprobados polo tribunal o 25 de xuño de 2019, en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Función Pública da Xunta de Galicia o 26 de xuño de 2019, estableceuse que superarían o segundo exercicio as persoas aspirantes presentadas que obteñan as mellores puntuacións ata completar o máximo de 100 aspirantes, no conxunto de todas as quendas, sempre e cando teñan respondido correctamente a 18 preguntas do cuestionario consideradas válidas unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán cada unha delas un terzo dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Feita a corrección na sesión do 30 de agosto de 2019, e consonte aos criterios anteriores, superaron o exame un total de 101 aspirantes no conxunto de todas as quendas, resultando unha nota de corte de 26 respostas correctas e asignándolle a valoración de 15 puntos.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Xunta de Galicia, subgrupo A2, no lugar onde se realizou a proba, e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De conformidade coa base II.1.1.3, estarán exentas de realizar o exercicio terceiro, de coñecemento de galego, as persoas aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polas persoas aspirantes que superen o segundo exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

Xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes na cal figurarán aquelas que, por teren acreditado a posesión do Celga requirido, en calquera procedemento cuxa competencia corresponda a esta dirección xeral, non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13, os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2019

Teresa Carrera Babarro
Presidenta do tribunal