Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 10 de setembro de 2019 Páx. 39717

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se dá publicidade de diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar o 22 e o 24 de xullo de 2019, o tribunal nomeado pola Orde do 1 de marzo de 2019 (DOG núm. 48, do 8 de marzo) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 48, do 8 de marzo), acordou:

Primeiro. Unha vez revisadas as reclamacións presentadas polas persoas aspirantes ás preguntas do segundo exercicio do proceso selectivo, desestímanse na súa totalidade.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, superaron o segundo exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de dez (10) puntos.

Para estes efectos, tivéronse en conta os criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio aprobados polo tribunal o 11 de xuño de 2019, en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, que establecen:

– Que superarán o segundo exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden as mellores puntuacións no conxunto de todas as quendas, ata completar o número máximo de duascentas (200), sempre que respondesen correctamente como mínimo 17 das preguntas do suposto práctico consideradas válidas (unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas). As preguntas non contestadas non penalizarán nin recibirán puntuación.

– Que todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte se consideran igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado (200).

– Que se asignará a valoración de 10 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 10 e os 20 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Unha vez feita a corrección en sesión do 24 de xullo de 2019, e de acordo cos criterios de corrección acordados polo tribunal, superaron o exercicio un total de 212 aspirantes no conxunto de todas as quendas. A puntuación da persoa aspirante que marca o corte por ocupar a posición 200 é de 23,000 respostas correctas. Asígnase a valoración de 10 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obtiveron unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas teñen unha cualificación distribuída entre os 10 e os 20 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asígnase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, no lugar onde se realizou a proba e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da orde da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Segundo o disposto na base II.1.1.3 da orde da convocatoria, todas as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio acreditaron que, dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar neste proceso selectivo, estaban en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

En consecuencia, decláranse todas as persoas aspirantes que superaron o segundo exercicio exentas de realizar o terceiro exercicio do proceso selectivo.

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2019

María Araceli Romero Míguez
Presidenta do tribunal