Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Luns, 23 de setembro de 2019 Páx. 40833

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2019 pola que se convoca e se regula a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2019, ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia, para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de comercio electrónico seguro (código de procedemento CO400A).

Preámbulo

O artigo 51 da Constitución española establece que os poderes públicos garantirán a defensa das persoas consumidoras e usuarias protexendo, mediante procedementos eficaces, a seguridade, saúde e os lexítimos intereses económicos deles.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 30, número 1, parágrafo cuarto, outórgalle á Comunidade galega competencias exclusivas en materia de defensa das persoas consumidoras e usuarias.

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, consciente da situación de desvantaxe e mesmo de indefensión en que se atopan estas, como demasiada frecuencia, no actual escenario de mercado no momento de adquirir un produto ou contratar un servizo, regula, entre outros aspectos, a protección dos lexítimos intereses económicos das persoas consumidoras e a información sobre os diferentes bens, produtos e servizos que se ofrecen no mercado.

Por outra banda, a citada Lei 2/2012 establece no seu capítulo VII do título I que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, a través do seu órgano competente en materia de consumo, fomentar a formación e a educación das persoas consumidoras coidando o coñecemento dos seus dereitos para que os poidan exercer de acordo con pautas de consumo responsable nun mercado global, altamente tecnificado e cambiante. Esta formación deberá orientarse a conseguir instaurar no consumidor e usuario unas pautas de consumo responsable, con criterios de sustentabilidade ambiental, económica e social e de forma especial a prevención do sobreendebedamento.

Así mesmo, a divulgación en materia de consumo, así como os plans e programas necesarios para levar a cabo esta educación e formación deberá levarse a cabo en colaboración, entre outras, coas organizacións de consumidores implantadas na nosa comunidade autónoma.

Por outra banda, o comercio electrónico está irrompendo na nosa sociedade cun maior crecemento ano tras ano pasando a ser a actividade con maior potencial de futuro dentro da economía dixital, producíndose incrementos exponenciais na facturación das empresas.

Ante este escenario futuro, as institucións públicas terán que velar polos dereitos dos consumidores e usuarios en tanto en canto accedan a estes servicios de comercio electrónico co fin de protexelos antes, durante e despois da contratación en liña ante este complexo e variado conxunto de situacións que requiran un coñecemento en profundidade do funcionamento e a operativa deste comercio electrónico.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de axudas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ás asociacións de persoas consumidoras e usuarias da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento de actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de comercio electrónico seguro durante o ano 2019 e proceder á súa convocatoria (código de procedemento administrativo CO400A).

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser persoa beneficiaria das axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo II) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación das solicitudes, comezará ao día seguinte da publicación desta resolución no DOG e rematará cando se esgoten os fondos económicos consignados. En todo caso, finalizará no prazo dun mes contado desde o día seguinte á súa publicación no DOG.

3. Non obstante, no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedinte acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras que non poderá ter unha duración superior a 3 meses. O prazo empezará a computar a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución, lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través dos seguintes medios:

a) Na Guía de procedementos e servizos da sede electrónica e que pode consultar no seguinte enlace: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos.

b) Na páxina web oficial do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, http://consumo.xunta.gal.

c) Nos teléfonos 981 54 55 45 e 981 54 54 16 do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

d) No enderezo electrónico cooperacion.igc@xunta.es.

e) Presencialmente nas oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, na avenida Gonzalo Torrente Ballester, nº 3, 1-5, baixo, Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Galego do Consumo e da Competencia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2019

Sol Mª Vázquez Abeal
Directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para o ano 2019, ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia, para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de comercio electrónico seguro (código de procedemento CO400A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. As axudas reguladas nestas bases teñen por obxecto a realización por parte das asociacións de consumidores inscritas na sección xeral do Rexistro de Organizacións de Persoas Consumidoras e Usuarias de Galicia dun programa de actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de comercio electrónico seguro coas especificidades que se establecen no artigo 2 destas bases.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Actuacións e gastos susceptibles de axuda

1. As axudas concederanse para atender os gastos xerados polo desenvolvemento de programas de actividades que impliquen sensibilización, formación e divulgación que xeren, no consumidor aos cales van dirixidas, un grao de coñecemento da problemática de levar a cabo un uso seguro e correcto do comercio electrónico e compras seguras na internet con fin de que adquiran os coñecementos suficientes que lles permitan tomar decisións que redunden nunha compra segura e satisfactoria para o consumidor.

2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Todos estes gastos teñen que ser realizados e efectivamente pagados desde a entrada en vigor da presente resolución e ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17.

Considéranse custos subvencionables aqueles gastos que se xeren e que sexan directamente imputables ás actuacións de sensibilización, formación e divulgación en materia de comercio electrónico seguro, en concreto:

a) Desenvolvemento e impartición de actividades formativas maioritariamente prácticas encamiñadas a identificar, esclarecer e coñecer os dereitos como usuarios cando se leva a cabo unha compra por internet e practicas a levar a cabo cando se quere usar o comercio electrónico dun xeito seguro e eficiente como pode ser:

1º. Aspectos que se deben ter en conta antes de contratar:

– Posta a punto dos dispositivos: recomendacións de seguridade básicas; configuración da rede.

– Identificación das tendas en liña de confianza: comprobación da información leal do comerciante; identificar o titular/responsable do comercio; comprobar que se trata de comunicacións seguras; selos de confianza.

– Deteccións de fraudes: phishing; carding; páxinas de venda en liña falsas; estafas a través do correo electrónico; servizos de compravenda ou de venda de segunda man.

2º. Aspectos que se deben ter en conta se decides comprar:

– Medios de pagamento para compras en liña: envío de cartos en efectivo; contra reembolso; transferencia bancaria; pagamento con tarxeta; pagamentos a través de intermediarios.

– Configuración das contas de usuario: contraseñas seguras; activar dobre verificación; recuperación de contas; cando gardar información dos métodos de pagamento.

3º. Aspectos que se deben ter en conta despois de comprar:

– Dereito de desestimento.

– Garantías.

– Produto defectuoso: gastos de envío e reenvío.

– Dereitos sobre os datos persoais: dereito de acceso; dereito de rectificación; dereito de cancelación.

– Deber de secreto e publicación de datos.

– Como reclamar.

b) Desenvolvemento práctico de simuladores de comercio electrónico ou outro tipo de ferramentas, que axuden a unha mellor comprensión destas compras e uso do comercio electrónico polos consumidores e usuarios.

3. Cada actividade ou proxecto financiarase cunha contía máxima total de 200 euros (IVE incluído) por actividade, cun máximo de 12 actividades ou proxectos por asociación.

4. A duración mínima de cada actividade será de 2 horas presenciais.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia concederá axudas ás asociacións de consumidores de Galicia por un importe total de 12.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 09.80.613A.781.0 do orzamento do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o ano 2019 sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis axudas. Tal incremento de crédito poderá provir de xeracións, ampliacións ou incorporacións de crédito.

2. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. A contía das axudas concedidas poderá financiar ata un 100 % dos gastos obxecto de financiamento, non podendo superar, en calquera caso, cada actividade individual a contía de 200 euros (IVE incluído) e o total da axuda, a cantidade de 2.400 euros (IVE incluído).

4. O importe da subvención regulada nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as asociacións de consumidores que estean legalmente constituídas e inscritas, no momento de publicarse esta resolución no Diario Oficial de Galicia, na sección xeral do Rexistro de Organizacións de Persoas Consumidoras e Usuarias de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas asociacións que, incumprindo manifestamente as súas obrigas legais, non colaborasen ou non facilitasen a información solicitada polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

3. Para que as asociacións poidan beneficiarse destas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

4. As persoas beneficiarias obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Artigo 5. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Cada asociación poderá presentar unha única solicitude (anexo II). Por cada solicitude poderán figurar ata un máximo de 12 actividades por asociación (anexo III).

2. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das axudas presentaranse na forma e prazo que se indican nos artigos 2 e 3 da convocatoria.

3. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Certificación da listaxe de actividades que se pretenden levar a cabo obxecto de subvención (anexo III).

b) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade solicitante.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electrónicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada nos parágrafos anteriores. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

f) Concesión de subvencións e axudas.

g) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente do formulario de inicio (anexo II) e achegar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución dos expedientes de axudas a que fan referencia estas bases será o Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, correspondendo á Dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ditar a resolución da concesión.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no correlativo artigo 31.4 da mesma lei, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes por orde de entrada na unidade tramitadora atendendo ao disposto no artigo 16.4.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, concedendo a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito. O órgano xestor publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia o esgotamento da partida orzamentaria e inadmitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

Cando non se dispoña de crédito suficiente para atender a última solicitude coa intensidade prevista no artigo 3.4 desta resolución, o crédito esgotarase nela coa porcentaxe de axuda que resulte.

No caso de coincidencia na data entre varias solicitudes, e cando non se dispoña de crédito suficiente para atender todas coa intensidade de axuda solicitada, o crédito distribuirase de maneira ponderada entre elas en función da solicitude e respectando o límite de intensidade máxima prevista no artigo 3.4.

2. Conforme o establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude de axuda non reúne os requisitos exixidos nesta lei e na presente resolución, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, rectifique a falta ou acompañe os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixese, entenderase que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21da citada lei.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.1 resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 10. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao/á director/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

2. O/a director/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, os conceptos que se subvenciona e o seu custo, así como a axuda concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das axudas concedidas poderá superar o custo da actividade que vaia desenvolver a persoa beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os 3 meses. O prazo empezará a computar a partir da publicación no DOG da presente resolución.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución, lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A dita resolución será publicada na web http://consumo.xunta.gal e notificada á persoa adxudicataria, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 12. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación. Se o acto non é expreso, poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria. Os requisitos que deberán cumprirse son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditado polo órgano concedente, logo de instrución do correspondente expediente en que se dará audiencia aos interesados nos termos previstos no artigo 9 destas bases.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á axuda entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

A renuncia á axuda poderase facer axustándose ao modelo que se xunta como anexo V, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o/a director/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da mesma lei.

Artigo 16. Obrigas da persoa beneficiaria

Son obrigas da persoa beneficiaria as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e, en concreto, as que se relacionan a seguir:

a) Realizar a actividade nas condicións que fundamentaron a concesión da axuda.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que vaia efectuar o órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles fose requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Esta axuda é compatible con outras axudas ou axudas para a mesma finalidade, sempre e cando o importe total das axudas ou axudas concedidas non supere o custo total da actividade.

d) Poñer á disposición do IGCC calquera información ou documentación que se lle solicite, especialmente a destinada a comprobar os datos facilitados polas organizacións para a obtención de axudas.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Para as axudas indicadas nestas bases, as asociacións deberán exhibir, nos lugares de celebración das actividades, o patrocinio destas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia dentro das actividades do programa específico do Instituto Galego do Consumo e da Competencia «Dálle luz á túa factura».

h) Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto ao disposto no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos) e demais normativa concordante. Os datos persoais das persoas usuarias participantes nas actuacións subvencionadas trataraos a Xunta de Galicia-Instituto Galego do Consumo e da Competencia na súa condición de responsable, coa finalidade de xestionar o adecuado desenvolvemento desta resolución e poderán ser comunicados ás administracións públicas competentes cando sexa necesario para a tramitación do procedemento. A base lexitimadora do tratamento é a realización dunha misión de interese público e o consentimento das persoas interesadas, que poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Contacto delegado de protección de datos e máis información en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais CVE-DOG: tokkuho1-tow1-nbn3-gbs5-jizkwzm1znx8 DOG Núm. 135 Luns, 16 de xullo de 2018 Páx. 33600 ISSN1130-9229 Depósito legal C.494-1998 http://www.xunta.gal/diario-oficial-galicia. As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna os destinatarios finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o cal deberá solicitar o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destas obrigas.

Artigo 17. Xustificación

1. Para cobrar a axuda concedida, a persoa beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, tendo de prazo límite para presentala ata o 10 de decembro (inclusive) de 2019, non sendo necesario esgotar o prazo máximo:

a) Certificación do/da secretario/a da organización, co visto e prace do/da presidente/a, de que o programa de actividades foi executado conforme o indicado na solicitude.

b) Xustificación dos asistentes ás actividades que leven a cabo, polos medios que se consideren máis oportunos.

c) Memoria final de avaliación por cada unha das actividades realizadas (anexo VI).

d) Relación clasificada dos gastos e investimentos de cada unha das actividades subvencionadas, con identificación do acredor, concepto, importe, a data de emisión e a data de pagamento (anexo VII).

e) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior, emitidas polos provedores en relación coa actuación subvencionada.

f) As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, aprobado polo Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro (BOE do 29 de novembro), modificado polo Regulamento aprobado polo Real decreto 87/2005, do 31 de xaneiro (BOE do 1 de febreiro).

g) Os pagamentos poderanse realizar polos seguintes medios:

– Transferencia bancaria.

– Cheque nominativo co seu xustificante de movemento de fondos.

– Pagamentos en efectivo. Condicións para a correcta acreditación do pagamento: debe presentar un recibo asinado e selado polo provedor en que estea suficientemente identificada a empresa que recibe o importe e no cal consten o número e a data de emisión do xustificante de pagamento, así como o nome e o NIF da persoa que o asina. No suposto de que o pagamento se acredite mediante xustificante de recepción consignado no mesmo documento xustificativo do gasto, este deberá conter a sinatura lexible indicando a persoa que o asina, o seu NIF e o selo do provedor. A xustificación do pagamento mediante xustificante de recepción do provedor só poderá aceptarse para gastos de escasa contía, segundo o establecido no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, polas distintas administracións públicas, segundo o modelo anexo IV.

i) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de se encontraren ao día nas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral de Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

j) Declaración responsable, debidamente actualizada, de que non están incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo anexo IV.

k) Todos os materiais producidos no desenvolvemento dos proxectos deberán remitirse ao IGCC xunto coa xustificación en soporte dixital en formato PDF. No caso de haber imaxes o formato será JPG.

l) Reportaxe fotográfica do desenvolvemento das actividades de formación. Esta reportaxe fotográfica deberá xustificar o día e o lugar da celebración das actividades.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que a persoa beneficiaria presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á axuda. Neste caso, o/a director/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 18. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da axuda, os órganos competentes do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. As axudas minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxectivo.

3. De conformidade co establecido no artigo 65.4 e 5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias desta resolución non están obrigadas a constituír garantía.

Artigo 19. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no capítulo II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas , así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Devolución voluntaria. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da axuda, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria do Instituto Galego do Consumo e da Competencia. O importe da devolución incluirá os xuros de mora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. As persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 21. Fiscalización e control

1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas.

2. Alén do anterior, a concesión das axudas reguladas nesta resolución estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda.

Non obstante o anterior, cando os importes das axudas concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das axudas concedidas na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases estarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file