Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 16 de outubro de 2019 Páx. 45485

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 8 de outubro de 2019 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 11 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300C).

A Orde do 11 de abril de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 80, do 26 de abril de 2019, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300C).

No artigo 1.3 parágrafo segundo do anexo I das bases reguladoras, establécese a consideración de actuacións subvencionables sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2019 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19.

O artigo 19 do anexo I das bases reguladoras establece que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria e ata o 30 de outubro de 2019, dunha copia da documentación especificada no citado artigo 19.

Tendo en conta o longo proceso de avaliación, e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 19.1 do anexo I da orde, ampliando o prazo ata unha data que permita a mellor xustificación por parte dos beneficiarios.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 19.1 do anexo I da Orde do 11 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300C).

O primeiro parágrafo do artigo 19.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, e ata o 15 de novembro de 2019, dunha copia da seguinte documentación:»

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria