Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 22 de outubro de 2019 Páx. 46251

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 17 de setembro de 2019 de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Valga, no ámbito dos sectores de solo urbanizable de uso industrial situados ao norte da estrada PO-548.

O concello de Valga remite a modificación puntual número 1 do seu PXOM, relativa aos sectores de solo urbanizable de uso industrial situados ao norte da estrada PO-548; solicitando a súa aprobación definitiva, ao abeiro do establecido no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Logo de analizar o documento redactado polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira; e vista a proposta literal da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Valga dispón de Plan xeral de ordenación municipal, aprobado definitivamente con data do 15.10.2010 (BOP do 4 de novembro).

2. O 22.7.2016 recibiuse no rexistro da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio escrito do Concello de Valga en que se solicita iniciar a avaliación ambiental estratéxica simplificada da dita MP.

3. O 4.8.2016, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental inicia o trámite de consultas no procedemento de AAE simplificada (exp. núm.: 2016AAE1928).

4. Con data 3.9.2016, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, emite informe; e con data 3.10.2016, emítese o informe corresponde ao período de consultas previo á emisión do IAE.

5. Consta Resolución do 22.2.2016 pola que se formula o informe ambiental estratéxico.

6. Logo da aprobación inicial da MP no Pleno do Concello do 14.9.2017, emítese informe relativo ao resultado do trámite previsto no artigo 60.7 da LSG o 19.4.2018.

7. Con data do 21.11.2018, o Concello remite documento aprobado provisionalmente por acordo plenario do 30.10.2018.

8. Observada a falla do informe sectorial estatal preceptivo en materia de costas, previsto no artigo 117.2 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, efectuouse o requirimento correspondente.

9. Con data do 13.5.2019, a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, emite informe desfavorable sobre o documento aprobado provisionalmente o 30.10.2018.

10. Presentado polo Concello, ante o Ministerio para la Transición Ecolóxica, o documento de «Xustificación de cumprimento do informe subscrito o 13.5.2019» en que nas fichas de desenvolvemento dos sectores consta que os planeamentos de desenvolvemento incluirán un estudo que analice a incidencia visual das propostas e que estableza os criterios de cara a garantir a súa integración na conntorna e coas naves existentes, con data do 22.7.2019 a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar emite informe favorable.

11. Con data do 13.8.2019, o Concello achega a última documentación.

II. Obxecto da modificación puntual.

Segundo o establecido no seu número 3.1.1, o obxecto da MP é:

a) Modificar a ordenación dun ámbito de solo urbanizable de uso industrial situado ao norte da estrada PO-543, coas seguintes actuacións:

– Modificar a área de repartición ARS-I04, de xeito que inclúa un único sector S-I04* (antes S-I04 Pol01); e delimitar unha nova área de repartición ARS-I11 que englobe o sector S-I11* (antes S-I04-Pol2).

– Establecer unha nova delimitación dos sectores S-I04*, S-I11* e S-I05*.

– Reaxustar os límites entre o sector S-I04* e o ámbito de solo urbano non consolidado residencial UU-07.

– Eliminar o tramo de sistema xeral viario SX-VI07 que discorre polos sectores S-I04*, S-I11* e S-I05; co mantemento unicamente do tramo situado ao sur do sector S-I05* sobre terreos clasificados como solo de núcleo rural.

– incrementar a edificabilidade dos 3 sectores de uso industrial; e cambiar o sistema de actuación dos sectores S-I05* e S-I11* polo de compensación.

– Suprimir a adscrición ao sector S-I05 dos sistemas xerais SX-VI07 e SX-EL04, establecendo como sistema de obtención a expropiación.

– Modificar a delimitación do sistema xeral SX-EL04.

b) Modificar o catálogo do PXOM co obxecto de suprimir o elemento denominado «Castroverde/O Foxo/Camiño Real» (GA36056-TOP003), cuxa contorna de protección afecta os sectores S-I04*, S-I05* e o ámbito de solo urbano non consolidado UU-07.

c) Modificar a denominación dos sistemas xerais de espazos libres e zonas verdes previstos nas proximidades do río Valga: SX-EL02, SX-EL03 e SX-EL04, especificando os subtramos en que se dividen e o sistema de obtención previsto para cada un deles.

III. Análise e consideracións.

Logo de revisar a documentación achegada en relación co informe emitido no período de consultas por parte da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 3.10.2016, puidose comprobar que se achega a totalidade da documentación requirida nos distintos informes de comprobación de integridade documental e se dá xustificación ás observacións formuladas.

Porén, cómpre subliñar que o informe favorable emitido pola Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar o 22.7.2019, refírese ao documento de «Xustificación de cumprimento do informe subscrito o 13.5.2019» ao que resulta vinculado.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Valga, relativa aos sectores de solo urbanizable de uso industrial situados ao norte da estrada PO-548; condicionada á inclusión no texto definitivo das consideracións recollidas no documento de «Xustificación de cumprimento do informe subscrito o 13.5.2019» nos termos do informe favorable da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do 22.7.2019.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP do PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda