Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 9 de decembro de 2019 Páx. 52158

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2019 pola que se regulan as bases para a concesión de quince bolsas de formación práctica en diversas áreas para os anos 2020 e 2021, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento TU981A).

O artigo 27.11 do Estatuto de autonomía de Galicia sinala como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia a promoción e ordenación do turismo dentro da Comunidade.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos establece que a Axencia terá como obxectivo impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da Comunidade.

A importancia do turismo no tecido económico e social de Galicia, así como o incremento da calidade do sector turístico, son considerados elementos primordiais para o crecemento sostido das cotas de competitividade, o que require a realización dun esforzo continuado na formación dos recursos humanos para adaptar as novas demandas ás actuacións dos titulados que inician ou desenvolven a súa actividade neste sector. As oficinas de información turística pertencentes á Axencia Turismo de Galicia prestan un servizo importante aos turistas e visitantes e contribúen de xeito significativo a proxectar a imaxe de Galicia no exterior. Por iso, a Axencia Turismo de Galicia considera conveniente convocar estas bolsas de formación práctica que permiten aos/ás titulados/as acceder a prácticas tuteladas co fin de actualizar e mellorar os seus coñecementos e habilidades en materias vencelladas co turismo.

Por outra banda, a Área de Estudos e Investigación da Axencia Turismo de Galicia, vén desenvolvendo un traballo esencial no eido da investigación e análise de datos do mercado turístico cuxo resultado contribúe de maneira esencial ao aumento da competividade de Galicia como destino turístico. Por este motivo, consideramos fundamental promover unha bolsa de formación nesta materia que permita a titulados/as en diversas materias ampliar experiencia e coñecementos sobre o mercado turístico galego.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de quince (15) bolsas de formación práctica en diversas áreas da Axencia Turismo de Galicia para os anos 2020 e 2021.

Segundo. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiaria/o das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 6 das bases reguladoras.

Terceiro. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Cuarto. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) A páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia:

http://www.turismo.gal/canle-institucional/actualidade/taboleiro-de-anuncios.

b) Os teléfonos 981 54 74 06/981 54 25 67 ou o enderezo electrónico:

proxectos.turismo@xunta.gal.

c) Presencialmente: Axencia Turismo de Galicia, Área de Calidade e Proxectos Europeos, estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3, 15897 Santiago de Compostela.

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas relacionadas coa presentación de formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas no teléfono de información 012 ou no correo electrónico 012@xunta.es.

Quinto Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as/os interesadas/os poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de quince bolsas de formación práctica especializada en diversas áreas da Axencia Turismo de Galicia para os anos 2020 e 2021

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta resolución ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria de quince (15) bolsas de formación práctica, en réxime de concorrencia competitiva, en áreas dependentes da Axencia Turismo de Galicia (procedemento TU981A), distribuídas da seguinte maneira:

– Catorce (14) bolsas de formación práctica especializada para a promoción e información turística, mediante a realización de prácticas tuteladas en oficinas de información turística dependentes da Axencia Turismo de Galicia distribuídas da seguinte forma: 1 bolsa na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (praza de Mazarelos), 2 bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (Centro Internacional de Acollida ao Peregrino), 1 bolsa na Oficina de Turismo do Aeroporto de Santiago de Compostela, 2 bolsas na Oficina de Turismo da Coruña, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Pontevedra, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Vigo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Lugo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Ourense.

– Unha (1) bolsa de formación práctica especializada na Área de Estudos e Investigación para a realización de labores de investigación, tratamento e análise de datos en materia turística. O lugar de realización das prácticas tuteladas desta bolsa será na sede da área, nas oficinas da Axencia Turismo de Galicia da Barcia (estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3, 15897 Santiago de Compostela).

Para poder ser persoa beneficiaria das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

Artigo 2. Duración, financiamento e importe das bolsas. Tramitación anticipada

1. O programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2020 e 2021, coa seguinte duración:

• Bolsas de formación práctica especializada en oficinas de turismo: duración máxima 5 meses contados a partir da data de incorporación da persoa bolseira, que será, previsiblemente, o 1 de maio de 2020.

• Bolsa de formación práctica especializada na Área de Estudos e Investigación: duración máxima de doce (12) meses contados a partir da data de incorporación da persoa bolseira que será, previsiblemente, o 1 de marzo de 2020.

2. A Axencia Turismo de Galicia financiará estas bolsas con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.A2.761A.480.0 e 11.A2.761A.484.0 destinadas ao pagamento das retribucións e das cotas da Seguridade Social, respectivamente, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2020 e 2021. A contía máxima será 76.800,00 € e 4.234,48 €, respectivamente. Estas cantidades distribuiranse, previsiblemente, do seguinte xeito:

Anualidade 2020:

11.A2.761A.480.0: 74.500,00 €.

11.A2.761A.484.0: 4.131,20 €.

Anualidade 2021:

11.A2.761A.480.0: 2.300,00 €.

11.A2.761A.484.0: 103,28 €.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2020.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. A dotación económica das bolsas será como se indica no seguinte cadro:

Área de destino

Nº de bolsas

Dotación euros por bolseiro

Oficina de Turismo da Coruña

2

4.500,00 €

Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (praza de Mazarelos)

1

4.500,00 €

Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (Centro Internacional de Acollida ao Peregrino)

2

4.500,00 €

Oficina de Turismo do Aeroporto de Santiago de Compostela

1

4.500,00 €

Oficina de Turismo de Lugo

2

4.500,00 €

Oficina de Turismo de Ourense

2

4.500,00 €

Oficina de Turismo de Pontevedra

2

4.500,00 €

Oficina de Turismo de Vigo

2

4.500,00 €

Área de Estudos e Investigación

1

13.800,00 €

Aboamento das axudas: o pagamento das bolsas realizarase por períodos mensuais vencidos. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a persoa bolseira percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa. As devanditas contías estarán suxeitas á retención que legalmente proceda.

– Primeiro pagamento: para o seu aboamento será requisito ter enviado con carácter previo a seguinte documentación:

a) Escrito de aceptación da bolsa, onde conste o compromiso de cumprimento das normas e obrigas derivadas das bases desta convocatoria, segundo o modelo do anexo VI desta resolución.

b) Declaración responsable, segundo o modelo do anexo VII desta resolución, de:

• Non ter ingresos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria ou percepción de prestación ou subsidio por desemprego no momento de incorporación á bolsa.

• Non ter solicitada nin concedida ningunha outra subvención, axuda ou ingreso para este mesmo proxecto ou conceptos para os que solicita a bolsa. No caso de que durante a vixencia da bolsa de formación concedida na Axencia Turismo de Galicia deixase de cumprir a condición anterior por pasar a percibir calquera xénero de compensación económica, obrígase expresamente a poñelo en coñecemento do devandito centro directivo e causará baixa na percepción da bolsa.

• Non ter sido adxudicataria/o da mesma bolsa de formación en edicións anteriores ou ter renunciado á bolsa con posterioridade á súa aceptación.

c) Datos da conta bancaria.

– Pagamento final: para o aboamento do derradeiro pagamento será requisito ter presentado a seguinte documentación:

a. Certificación expedida polo/a titor/a ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas de que a persoa adxudicataria levou a cabo a súa actividade cun nivel de rendemento satisfactorio.

b. Memoria realizada polo/a bolseiro/a e visada polo/a titor/a ou responsable de la oficina acerca do labor realizado.

4. De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), as persoas beneficiarias das bolsas quedan exentas da obriga de constituíren garantía.

5. Durante o tempo de duración da bolsa a persoa bolseira quedará incluída no Réxime Xeral da Seguridade Social, de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.

Artigo 3. Obxectivo das bolsas

O obxectivo das bolsas é fomentar o perfeccionamento profesional das persoas bolseiras mediante a realización de prácticas formativas en diversas áreas dependentes da Axencia Turismo de Galicia, con suxeición ás indicacións do/da titor/a que lle será asignado ao comezo das súas prácticas.

Artigo 4. Condicións xerais

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

As bolsas serán indivisibles e improrrogables. Serán tamén incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada.

En ningún caso poderán ser persoas beneficiarias desta bolsa aquelas persoas solicitantes que foran adxudicatarias dela en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídas da convocatoria aquelas persoas solicitantes que foran adxudicatarias das bolsas en edicións anteriores e que renunciaran a elas durante o seu desenvolvemento.

As persoas solicitantes non poderán estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e en ningún dos supostos de prohibición para obter subvencións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As persoas adxudicatarias, no momento da súa incorporación á bolsa, non poderán ser perceptoras de salarios ou outros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. As bolsas son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

A concesión e gozo da bolsa non suporán vinculación civil, laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a Axencia Turismo de Galicia.

A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

1. Nacionalidade: española.

2. Titulación:

a) Para as bolsas de formación nas oficinas de información turística os candidatos deberán estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, dalgún dos seguintes títulos: grao en turismo; mestrado relacionado con turismo; técnico superior en guía, información e asistencia turísticas; técnico superior en axencias de viaxes e xestión de eventos. Só serán válidos os títulos obtidos a partir do 1 de xaneiro de 2014.

b) Bolsa de formación na Área de Estudos e Investigación: estar en posesión dunha titulación superior (calquera). Só serán válidos os títulos obtidos a partir do 1 de xaneiro de 2014. Tamén poderán presentarse a esta bolsa aquelas persoas que teñan a titulación mínima exixida e acrediten a súa condición de desempregado de longa duración no momento de remate de presentación das solicitudes.

3. Idiomas:

a) Todas as persoas solicitantes deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4, perfeccionamento ou título equivalente.

b) Inglés: para as bolsas de formación nas oficinas de información turística deberá presentarse certificado B1 do Marco común europeo de referencia para as linguas ou superior, ou acreditación oficial de nivel equivalente ao B1 ou superior. De consideralo necesario, a Comisión de Valoración poderá realizar unha proba oral para a comprobación do nivel de idioma.

c) Para a bolsa da Área de Estudos e Investigación non é necesario acreditar o coñecemento de lingua estranxeira.

Artigo 6. Presentación de solicitudes, documentación e prazos

1. As solicitudes (anexo IV) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

Para poder ser persoa beneficiaria das bolsas é necesario presentar a seguinte documentación:

1. Solicitude. Anexo IV. Neste anexo inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

b) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Declaración de non atoparse a persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración responsable das axudas ou de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación de pagamento dos dereitos de expedición dos títulos universitarios e certificación académica completa, se fose o caso. No caso de presentar título académico estranxeiro será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.

b) Certificación de pagamento dos dereitos de expedición dos títulos non universitarios e certificación académica completa, se fose o caso. No caso de presentar título académico estranxeiro, será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.

c) Declaración da orde de preferencia de destino das bolsas de oficinas de información turística,segundo o anexo V.

d) Relación de méritos conforme os anexos VIII ou IX, segundo a modalidade de bolsa escollida:

• As persoas solicitantes das bolsas de formación práctica en oficinas de información turística achegarán a relación de méritos cubrindo o anexo VIII das bases reguladoras.

• As persoas solicitantes da bolsa de formación práctica especializada na Área de Estudos e Investigación achegarán relación de méritos cubrindo o anexo IX das bases reguladoras.

En ningún caso se achegará documentación relativa a méritos non susceptibles de valoración. Non serán computables aqueles méritos que non estean convenientemente xustificados.

e) Copia dos documentos acreditativos computables dos méritos alegados.

f) Copia dos títulos acreditativos do nivel de idiomas.

g) Copia do certificado do Celga 4 expedido polo centro educativo correspondente.

h) Copia dos cursos de informática realizados.

i) Copia dos contratos de traballo ou copia do certificado expedido polo organismo onde se realizaron as prácticas.

j) Copia do informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que haxa que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Título oficial universitario.

e) Título oficial non universitario.

f) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Se a solicitude non se cubrise en todos os seus termos ou non se xuntase a documentación que se menciona neste artigo, requirirase a persoa interesada para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, considerarase que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nas bases e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada. A Comisión de Valoración poderá contar co asesoramento de persoal experto externo que será nomeado polo órgano instrutor do procedemento.

2. A Comisión de Valoración estará composta por tres membros designados polo director de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia, todos eles con voz e voto:

2.1. Bolsa de formación especializada para a promoción e información turística:

a) Presidente/a: un/unha xefe/a de área da Dirección de Competitividade da Axencia.

b) Secretario/a: un/unha funcionario/a da Axencia Turismo de Galicia.

c) Vogal: unha persoa designada entre o persoal da Axencia Turismo de Galicia.

2.2. Bolsa da Área de Estudos e Investigación:

a) Presidente/a: unha persoa designada entre o persoal da Área de Estudos e Investigación.

b) Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia.

c) Vogal: unha persoa designada entre o persoal da Dirección de Competitividade.

3. No informe final que elabore a Comisión de Valoración figurarán, de xeito individualizado, as persoas solicitantes propostas para obter a bolsa e a puntuación obtida ordenada de maior a menor. O informe será remitido ao órgano instrutor do prodecemento.

Artigo 11. Avaliación e selección das solicitudes

A Comisión fará a avaliación de acordo cos seguintes criterios:

Bolsas de formación nas oficinas de información turística

Formación

Titulacións

• Grao en turismo ou título homologado equivalente: 2 puntos

• Mestrado relacionado con turismo: 1,5 puntos

• Técnico superior en guía, información e asistencia turísticas ou equivalente: 1 punto

• Técnico superior en axencias de viaxes e xestión de eventos ou equivalente 0,50 puntos

• Habilitación de guía de turismo de Galicia: 1 punto

Cursos

• Por cada curso relacionado co turismo cunha duración mínima de 30 horas: 0,25 puntos por curso (ata un máximo de 1 punto)

• Por cursos de posgrao relacionados co turismo: 1 punto

Nivel de idiomas segundo o MCERL

Polo dominio oral e escrito dunha lingua estranxeira distinta do inglés, acreditado mediante título oficial:

– Nivel A2 do marco común europeo de referencia para as linguas: 0,15 puntos

– Nivel B1 do marco común europeo de referencia para as linguas: 0,30 puntos

Polo dominio oral e escrito dunha lingua estranxeira incluído o inglés, acreditado mediante título oficial:

– Nivel B2 do marco común europeo de referencia para as linguas: 0,50 puntos

– Nivel C1 ou C2 do marco común europeo de referencia para as linguas: 1 punto

Forma de acreditación: copia do título ou certificado expedido pola institución académica ou escola oficial correspondente.

Experiencia práctica:

ata un máximo de 1 punto

0,25 puntos por cada mes completo de traballo ou prácticas (contabilizado de data a data) relacionadas co turismo: oficinas de turismo, empresas turísticas, asociacións profesionais de turismo, consorcios ou mancomunidades turísticas ou calquera outra empresa vinculada ao sector.

Non será puntuable a experiencia laboral de duración inferior a un mes.

Proba de coñecementos turísticos

ata un máximo de 3 puntos

A proba versará sobre as materias do anexo II. Esta proba será tipo test e constará dun máximo de 50 preguntas de resposta única. A Comisión de Valoración determinará a puntuación mínima necesaria para superala.

Bolsa de formación práctica especializada na Área de Estudos e Investigación

Proba de coñecementos prácticos:

ata un máximo de 4 puntos

A proba terá unha duración de 60 minutos e versará sobre as materias do anexo II. Poderá combinar preguntas de resposta múltiple e preguntas de resposta curta restrinxida, sen dispoñibilidade de ordenador para a súa realización. A Comisión de Valoración determinará a puntuación mínima necesaria para superala.

Baremo de méritos:

ata un máximo de 4 puntos

Puntuarase, segundo a táboa incluída no anexo III, por cada traballo de fin de grao (TFG), fin de mestrado (TFM), artigo publicado en revista científica, tese doutoral, mes de experiencia laboral ou en prácticas, 20 horas de cursos ou materias superadas, nos cales conste documentalmente o emprego dalgunha ou varias técnicas incluídas na táboa.

Se a referencia á técnica non se atopa no título ou no abstract, deberá indicarse o punto do documento en que consta para que poida ser valorado.

En caso de non constar no documento, achegarase un certificado expedido polo titor ou responsable desa formación no cal o especifique.

A suma das puntuacións está acoutada por filas. Posteriormente a suma global do baremo acóutase novamente a un máximo de 4 puntos.

Entrevista persoal:

ata un máximo de 2 puntos

A entrevista persoal está destinada a valorar os coñecementos e a formación dos aspirantes en relación coas actividades que se van desenvolver durante as prácticas de formación.

Artigo 12. Instrución do procedemento e tramitación

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión de bolsas presentadas ao abeiro desta convocatoria corresponderalle á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia, que de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, realizará cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

3. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a/o titular da Dirección de Competitividade aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidas/os e excluídas/os que será publicada no taboleiro de anuncios da páxina web de Turismo de Galicia e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación dos seus apelidos, o nome e número de documento nacional de identidade e das causas determinantes das exclusións que procedan.

As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita coa publicación da listaxe definitiva de aspirantes admitidas/os e excluídas/os. Estas listaxes publicaranse no taboleiro de anuncios da páxina web de Turismo de Galicia

De non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A Comisión de Valoración convocará as persoas candidatas á realización da proba sobre o temario que se inclúe como anexo II desta resolución, ou á entrevista persoal no caso da bolsa para a Área de Estudos e Investigación. A data e o lugar da realización da proba ou entrevista publicarase na páxina web da Axencia Turismo de Galicia http://www.turismo.gal/canle-institucional/actualidade/taboleiro-de-anuncios.

A concorrencia á proba e á entrevista persoal é obrigatoria. As/os candidatas/os que non se presenten á proba ou á entrevista serán automaticamente excluídos do procedemento de selección. En caso de ser necesario, a entrevista poderá realizarse por videoconferencia.

5. A Comisión valorará os méritos alegados polos candidatos conforme o baremo indicado nas bases e formulará un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación obtida, que será remitido ao órgano instrutor.

6. Despois de instruír o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez (10) días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

7. Transcorrido o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará un informe xunto coa proposta de resolución coa puntuación definitiva ordenada de maior a menor e a proposta de asignación de destinos, seguindo a dita orde e atendendo á orde de preferencias manifestada pola persoa beneficiaria na súa solicitude (anexo V) ao/á director/a da Axencia Turismo de Galicia, que no prazo máximo de quince (15) días resolverá o procedemento de concesión. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de cinco meses, desde a data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

No caso de empate na puntuación obtida en calquera das modalidades das bolsas, este resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido das persoas candidatas, comezando pola letra resultante no sorteo realizado en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

8. A resolución do/da director/a da Axencia Turismo de Galicia pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

9. A concesión da bolsa seralle notificada ás persoas adxudicatarias que, nun prazo de dez (10) días hábiles, están obrigadas a comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a súa aceptación ou renuncia por escrito conforme o modelo que figura como anexo VI desta convocatoria. Se transcorridos os sinalados dez (10) días non se producise manifestación expresa, esta entenderase tacitamente rexeitada. Se a persoa beneficiaria renunciase expresamente á bolsa, esta concederase á/ao seguinte candidata/o con mellor puntuación da lista de reserva.

10. Se durante o desenvolvemento das prácticas se produce algunha vacante ou renuncia por parte das persoas beneficiarias, procederase á cobertura desta seguindo a orde establecida nas correspondentes listas de reserva en función da puntuación obtida.

Artigo 13. Publicidade

A anterior resolución, así como os datos que deban notificarse de forma conxunta publicaranse na páxina web da Axencia Turismo de Galicia:

http://www.turismo.gal/canle-institucional/actualidade/taboleiro-de-anuncios.

Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os seus efectos.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas seleccionadas quedan obrigadas pola aceptación da bolsa a:

1. Aceptar en todos os seus termos esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da axuda.

2. Realizar as actividades encomendadas e cumprir co horario indicado polo/a titor/a. Ao remate da bolsa remitirán á Axencia Turismo de Galicia unha memoria final sobre as actividades desenvolvidas visada polo/a titor/a ou responsable da oficina onde se realizaron as prácticas.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

4. Todos os estudos, informes, e demais documentos que xere a persoa bolseira durante o desenvolvemento da súa formación quedarán á disposición da Axencia Turismo de Galicia, que será titular dos dereitos de explotación e demais relativos á propiedade intelectual dos estudos e informes. As persoas bolseiras deberán aceptar por escrito esta atribución de dereitos a favor da devandita entidade antes da súa incorporación.

Artigo 16. Certificado de aproveitamento

O/a titor/a ou persoa competente na Axencia Turismo de Galicia expedirá un certificado sobre a asistencia e o aproveitamento da bolsa.

Artigo 17. Incidencias

A Axencia Turismo de Galicia resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

En calquera momento, a persoa responsable da oficina correspondente ou o/a titor/a poderá propoñerlle á Dirección da Axencia Turismo de Galicia cancelar a bolsa por falta de rendemento da persoa beneficiaria, incumprimento do plan de actuación aprobado ou inadaptación ás normas de funcionamento da oficina. A Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo de dar trámite de audiencia ao/á interesado/a, poderá revogar a concesión da bolsa por incumprimento das obrigas contraídas pola persoa adxudicataria.

A Axencia Turismo de Galicia poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación da/do bolseira/o ao destino adxudicado por motivos de forza maior. No caso de que a interrupción supere o 10 % do tempo total de duración da bolsa, suporá a súa revogación.

A renuncia durante o desfrute da bolsa inhabilitará a persoa adxudicataria a presentarse a futuras convocatorias, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola Axencia Turismo de Galicia.

O incumprimento dos compromisos adquiridos, de acordo coas bases precedentes, dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta resolución e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

ANEXO II

Temario para bolsas en oficinas de turismo:

Tema 1. Principais recursos do patrimonio arquitectónico galego.

Tema 2. Principais recursos do patrimonio cultural inmaterial galego.

Tema 3. Historia de Galicia. Principais feitos históricos.

Tema 4. Xeografía de Galicia.

Tema 5. Os recursos turísticos de Galicia.

Temario para a bolsa na Área de Estudos e Investigación:

Tema 1. Estatística: inferencia, mostraxe e análise multivariante.

Tema 2. R e RStudio: manexo, tratamento, análise e visualización de datos. Xeración de informes.

Tema 3. SQL: análise de datos e xestión de bases de datos.

Tema 4. Outras técnicas de interese:

a) Sistemas de información xeográfica (GIS).

b) Follas de cálculo.

c) Programación (Python, HTML, aplicacións Android...).

d) Marco conceptual da análise turística.

ANEXO III

Baremo de méritos para a bolsa de formación práctica especializada na Área de Estudos e Investigación

Código

Técnica

Por cada

Máximo por fila

TFG, TFM ou artigo

Tese de doutoramento

Mes de experiencia

20 h de formación

R

Programación en linguaxe R

0,6

1,2

0,1

0,04

2,0

EST

Inferencia estatística, mostraxe ou análise multivariante

0,54

1,08

0,09

0,036

1,8

SQL

Programación en SQL

0,42

0,84

0,07

0,028

1,4

GIS

Sistemas de Información xeográfica (XIS)

0,21

0,42

0,035

0,014

0,7

CAL

Follas de cálculo

0,21

0,42

0,035

0,014

0,7

PRO

Programación noutras linguaxes

0,21

0,42

0,035

0,014

0,7

APL

Aplicacións para bases de datos ou paquetes estatísticos

0,09

0,18

0,015

0,006

0,3

TUR

Análise turística

0,045

0,09

0,0075

0

0,15

ECO

Análise socioeconómica

0,045

0,09

0,0075

0

0,15

Máximo global baremo

 

 

 

 

4

En vertical, un mesmo traballo ou curso pode puntuar en varias facetas, se así queda demostrado documentalmente. Posteriormente, aplicarase o máximo por filas e, por último, o máximo global.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file