Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Luns, 23 de decembro de 2019 Páx. 54294

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases para a concesión de bolsas de formación práctica en mercados emisores mediante a realización de prácticas de especialización en oficinas de turismo en mercados emisores durante o ano 2020 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento TU981B).

O artigo 27.11 do Estatuto de autonomía de Galicia sinala como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia a promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia terá como obxectivo impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da Comunidade.

A importancia do turismo no tecido económico e social de Galicia, así como o incremento da calidade do sector turístico son considerados elementos primordiais para o crecemento sostido das cotas de competitividade, o que require a realización dun esforzo continuado na formación dos recursos humanos para adaptar as novas demandas ás actuacións dos titulados que inician a súa actividade neste sector.

Entre as iniciativas levadas a cabo neste eido, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia vén dedicando desde o ano 1999 parte dos seus recursos en materia turística á convocatoria de bolsas para que, a través da realización de prácticas na Rede de oficinas españolas de turismo no estranxeiro dependentes do Instituto de Turismo de España (Turespaña), se formen expertos en promoción exterior do turismo e se estableza unha base de apoio á captación de demanda turística a Galicia.

Á vista dos frutíferos resultados obtidos nas anteriores edicións, a Axencia Turismo de Galicia considera de interese continuar con esta medida e seguir fomentando a colaboración desenvolvida na cal se considera prioritario afondar na organización cooperativa de accións en materia de investigación, en particular mediante a formación de bolseiros, o cal se articula a través dun convenio de colaboración asinado entre Turespaña e a propia Axencia.

Para a bolsa de Bruxelas asinouse un convenio entre a Axencia de Turismo e a Fundación Galicia Europa (FGE) de xeito que a persoa adxudicataria desenvolverá a formación na sede da FGE nesa cidade.

A importancia da convocatoria destas bolsas é maior se temos en conta a crecente presenza de Galicia en mercados internacionais, polo que a formación práctica de persoal será fundamental para o futuro, pois poderá contribuír á mellora da comercialización e difusión dos produtos turísticos de Galicia no exterior.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas, e por proposta da Axencia Turismo de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación práctica en mercados emisores mediante a realización de prácticas de especialización en oficinas de turismo en mercados emisores durante o ano 2020 (código de procedemento administrativo TU981B).

Convocar de acordo coas devanditas bases reguladoras a concesión de nove bolsas de formación, en Londres, París, Berlín, Miami, Lisboa, Bruxelas, Cantón, Roma e Dublín.

Segundo. Solicitudes

1. Para poder ser persoa beneficiaria das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo III desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 6 das bases reguladoras.

Terceiro. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Cuarto. Información aos interesados/as

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia:

http://www.turismo.gal/canle-institucional

b) Os teléfonos: 981 54 74 06 e 981 54 25 67 ou enderezo electrónico: proxectos.turismo@xunta.gal

c) Presencialmente: Axencia Turismo de Galicia, Área de Calidade e Proxectos Europeos: estrada Santiago-Noia, km 3, 15897 Santiago de Compostela.

d) Guía de procedementos e servizos da sede electrónica da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención, ao presentaren os formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es. Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico proxectos.turismo@xunta.gal

Quinto. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Sexto. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2019

A directora da Axencia Turismo de Galicia
P.A. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro;
DOG núm. 193, do 9 de outubro)
Mª Elena Barca Ramos
Xerente da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
de nove bolsas de formación práctica en mercados emisores mediante
a realización de prácticas de especialización en oficinas de turismo
en mercados emisores durante o ano 2020

Artigo 1. Obxecto, finalidade e duración das bolsas

Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a concesión de nove bolsas de formación práctica especializada en mercados emisores, en réxime de concorrencia competitiva nas seguintes cidades: Londres, París, Berlín, Miami, Lisboa, Bruxelas, Cantón, Roma e Dublín.

O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2020 cunha duración máxima de 10 meses, contados desde a data da incorporación das persoas bolseiras.

A data prevista de incorporación dos/as bolseiros/as aos seus destinos é o 1 de marzo de 2020, estando condicionada á dispoñibilidade nas oficinas das consellerías de Turismo en destino, manténdose en todo caso a duración total de 10 meses contados a partir da data de incorporación.

A Axencia Turismo de Galicia reserva para si a facultade, se existen circunstancias que o xustifiquen e o órgano competente de Turespaña está conforme, de adscribir os/as bolseiros/as a outras oficinas temporal ou definitivamente. No caso de que iso implique desprazamentos, a Axencia Turismo de Galicia faríase cargo deles.

Para poder ser persoa beneficiaria das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo III desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

Artigo 2. Importe e financiamento das bolsas. Tramitación anticipada

1. A Axencia Turismo de Galicia financiará estas bolsas con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.A2.761A.480.0 (223.791,50 €) e 11.A2.761A.484.0 (cotas da Seguridade Social 4.647,60 €) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020. A contía máxima prevista será de douscentos vinte e oito mil catrocentos trinta e nove euros con dez céntimos (228.439,10 €).

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2020.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

2. A dotación económica das bolsas será a que se indica no seguinte cadro:

Cidade de destino

Nº de bolsas

Dotación euros (total)

Londres

1

29.252,30 €

París

1

23.477,00 €

Berlín

1

22.175,00 €

Lisboa

1

22.547,00 €

Miami

1

24.968,10 €

Bruxelas

1

29.252,30 €

Cantón

1

24.968,10 €

Roma

1

22.547,00 €

Dublín

1

29.252,30 €

Na dotación de cada unha das bolsas están incluídos os gastos de desprazamento (ata e desde o lugar de destino) e o seguro médico, de accidentes e de responsabilidade civil obrigatorio.

3. Aboamento das axudas: realizaranse catro pagamentos unha vez recibidos de conformidade os documentos que se especifican a continuación a través do modelo normalizado que se inclúe como anexo VI desta resolución. O primeiro pagamento será do 20 % do importe total da bolsa, e realizarase unha vez que a persoa bolseira estea incorporada efectivamente ao seu destino; os dous pagamentos seguintes serán o 35 % respectivamente; o cuarto pagamento será o 10 % da bolsa, unha vez finalizadas as prácticas. En todos os pagamentos se efectuará a correspondente retención á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas.

– Primeiro pagamento: para o seu aboamento é necesario achegar a seguinte documentación:

a) Escrito de aceptación da bolsa, onde conste o compromiso de cumprimento das normas e obrigas derivadas das bases desta convocatoria, segundo o modelo do anexo IV desta resolución.

b) Declaración responsable, segundo o modelo do anexo V desta resolución, de:

• Non ter ingresos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria ou percepción de prestación ou subsidio por desemprego no momento de incorporación ao lugar de destino da bolsa.

• Non ter solicitada nin concedida ningunha outra subvención, axuda ou ingreso para este mesmo proxecto ou conceptos para os que solicita a bolsa. No caso de que durante a vixencia da bolsa de formación concedida na Axencia Turismo de Galicia, deixase de cumprir a condición anterior por pasar a percibir calquera xénero de compensación económica, obrígase expresamente a poñelo en coñecemento do devandito centro directivo, causando baixa na percepción da bolsa.

• Non ter sido adxudicataria/o da mesma bolsa de formación en edicións anteriores ou ter renunciado á bolsa con posterioridade á súa aceptación.

c) Copias das pólizas de seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e responsabilidade civil, válidas no país onde se realicen as prácticas e que cubran a totalidade do período de duración da bolsa.

d) Copias do billete ata o lugar de destino.

– Pagamentos intermedios (segundo e terceiro): para o seu cobramento será requisito ter presentado:

a) Certificación, expedida polo director ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas conforme leva a cabo a súa actividade cun nivel de rendemento satisfactorio.

b) Informe trimestral a que fai referencia o artigo 16 desta resolución.

– Pagamento final: para o cobramento do derradeiro pagamento hai que presentar:

a) Certificación expedida polo director ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas no mesmo sentido do punto anterior.

b) Memoria realizada pola persoa bolseira visada polo director ou responsable de oficina cunha descrición das tarefas realizadas durante o período de formación e o balance dos resultados obtidos.

4. De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), as persoas beneficiarias das bolsas quedan exentos/as da obriga de constituíren garantía.

5. Durante o tempo de duración da bolsa a persoa bolseira quedará incluída no réxime xeral da Seguridade Social, de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.

Artigo 3. Obxectivo das bolsas

O obxectivo das bolsas é fomentar o perfeccionamento profesional dos/as bolseiros/as mediante a realización de prácticas formativas de especialización en mercados turísticos emisores nas cidades de Londres, París, Berlín, Lisboa, Miami, Bruxelas, Cantón, Roma e Dublín con suxeición ás indicacións que lles transmita o titor que teñan asignado e a dirección da oficina de destino.

Artigo 4. Condicións xerais

As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

As bolsas serán indivisibles e improrrogables. Serán tamén incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada.

Os/as adxudicatarios/as, no momento de inicio da bolsa, non poderán ser perceptores de salarios ou outros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. As bolsas son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

As persoas solicitantes non poderán estar incursas en ningún dos supostos de prohibición para obter subvencións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

A concesión e desfrute da bolsa non supoñerán vinculación civil, laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a Axencia Turismo de Galicia.

A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

1. Nacionalidade: ser español/a ou nacional dun Estado membro da Unión Europea.

2. Titulación: estar en posesión na data de aceptación da bolsa dun grao universitario ou titulación homologada ou equivalente.

Poderán participar no proceso de selección aqueles candidatos que no momento de presentación das solicitudes teñan superadas todas as materias do grao e estean pendentes da presentación e defensa do traballo de fin de grao. Estes candidatos deberán acreditar estar en posesión do título universitario no momento de aceptación da bolsa. O título achegado non poderá ser anterior ao 1 de xaneiro 2014. Tamén serán admitidos aqueles candidatos cuxa titulación fose obtida nunha data anterior e estean en posesión dun mestrado universitario relacionado directamente co turismo expedido a partir do 1 de xaneiro de 2014.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais deberan estar validados ou recoñecidos oficialmente polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.

3. Linguas:

a) Galego: os solicitantes deberán acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

b) Outras linguas:

b.1. Para as bolsas de Londres, Dublín, París, Berlín, Miami, Roma e Lisboa deberase acreditar o coñecemento da lingua oficial do país.

b.2. Para a bolsa de Bruxelas deberase acreditar o coñecemento das linguas francesa ou, na súa falta, inglesa.

b.3. Para a bolsa de Cantón deberase acreditar o coñecemento das linguas chinesa ou, na súa falta, inglesa.

O nivel de coñecemento acreditarase mediante o título da escola oficial de idiomas ou outras institucións oficiais dentro do Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL) e será o seguinte:

– Nivel B2 na lingua oficial do país para as bolsas de Londres, Dublín, Berlín, Miami e París.

– Nivel B2 en francés ou, na súa falta, inglés para a bolsa de Bruxelas.

– Nivel B2 en chinés ou, na súa falta, inglés para a bolsa de Cantón.

– Nivel B1 na lingua oficial do país para as bolsas de Lisboa e Roma.

4. En ningún caso poderán ser persoas beneficiarias destas bolsas aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios dela en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios das bolsas e que renunciasen a elas con posterioridade á súa aceptación.

Artigo 6. Solicitudes e prazo

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo III) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para estes efectos, enténdese que queda acreditado que as persoas solicitantes teñen o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, en virtude do artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

Para poder ser persoa beneficiaria das bolsas é necesario presentar a seguinte documentación:

1. Solicitude anexo III. Neste anexo inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

b) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Declaración de non atoparse a persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración responsable das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período.

2. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Copia do pasaporte no caso de nacionais da Unión Europea residentes fóra de España e que non posúan NIE.

b) Certificación do pagamento dos dereitos de expedición dos títulos universitarios. No caso de presentar un título estranxeiro será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.

c) Certificación académica persoal de carácter oficial do título universitario con que se presenta á selección. Deberase presentar certificado expedido pola universidade en que conste a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 (ata 10 puntos).

d) Os candidatos que no momento de presentar as solicitudes estivesen na situación descrita no parágrafo segundo do artigo 5.2 das bases deberán presentar unha certificación expedida pola autoridade académica competente onde se faga constar que teñen superadas todas as materias da titulación e que están pendentes da presentación e defensa do traballo fin de grao.

e) Copia dos documentos acreditativos computables dos méritos alegados.

f) Relación de méritos puntuables conforme o anexo VII das bases reguladoras. En ningún caso se achegará documentación relativa a méritos non susceptibles de valoración. Non serán computables aqueles méritos que non estean convenientemente xustificados.

g) Copia do certificado do Celga 4 expedido polo centro educativo correspondente.

h) Copia dos títulos acreditativos do nivel de idiomas segundo o Marco común europeo de referencia para as linguas.

i) Copia dos contratos de traballo ou copia do certificado expedido polo organismo onde se realizaron as prácticas.

j) Informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Título oficial universitario.

e) Título oficial non universitario.

f) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Se a solicitude non se cóbre en todos os seus termos ou non se xunta a documentación que se menciona neste artigo, requirirase a persoa interesada para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, considerarase que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 10. Comisión de Valoración

Unha Comisión de Valoración nomeada pola directora da Axencia Turismo de Galicia será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 11 e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada. A comisión de valoración poderá contar co asesoramento de expertos externos que terán voz pero non voto nas sesións en que participen.

1. A Comisión de Valoración estará composta por tres membros, todos eles con voz e voto:

a) Presidente: o director de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia ou persoa en quen delegue.

b) Secretario: un/unha xefe/a de área da Axencia Turismo de Galicia.

c) Vogal: unha persoa designada polo director de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia entre o persoal de área da Axencia Turismo de Galicia.

2. No informe que elabore a Comisión de Valoración farase constar a puntuación obtida polos candidatos no conxunto da probas ordenado de maior a menor. O informe será remitido ao órgano instrutor do procedemento.

Artigo 11. Avaliación e selección das solicitudes

A Comisión fará a avaliación de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Curriculum vitae: máximo 25 puntos.

Formación

Expediente académico

Pola nota media do título universitario con que concorre á bolsa:

• 0,5 puntos para a cualificación de notable.

• 1 punto para a cualificación de sobresaínte ou matrícula de honra.

Os candidatos que no momento de presentación das solicitudes non tivesen o título académico obterán unha puntuación de 0 puntos nesta epígrafe.

Mestrado

• 5 puntos por mestrado universitario relacionado con turismo.

Outros estudos relacionados con turismo

• 3 puntos por curso de posgrao universitario relacionado con turismo.

• 1 punto por curso de experto ou especialización universitaria ou equivalente en materia de turismo.

• 1 punto por técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turísticas ou equivalente.

• 1 punto por técnico superior en axencias de Viaxes e Xestión de Eventos ou equivalente.

Outras titulacións universitarias non relacionadas con turismo

• 0,75 puntos por mestrado.

• 0,50 puntos por posgrao.

• 1 punto por outras titulacións universitarias de grao ou equivalente.

Cursos relacionados con turismo

Por cada curso de formación na materia de turismo, de 30 ou máis horas:

• Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

• Cursos de duración igual ou superior a 50 horas e ata 74 horas: 0,5 puntos por curso.

• Cursos de duración igual ou superior a 30 horas e ata 49 horas: 0,25 por curso.

Idiomas

Por un nivel superior ao exixido como requisito mínimo na lingua requirida para o país para o que se solicita a bolsa acreditado mediante o título da escola oficial de idiomas ou outras institucións oficiais dentro do Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL).

• Inglés:

– Certificado B2: 0,5 puntos (para todas as bolsas en que non sexa o requisito mínimo).

– Certificado C1 ou C2: 1 punto (todas as bolsas).

• Francés (bolsas París e Bruxelas):

– Certificado C1 ou C2: 1 punto.

• Alemán (bolsa Berlín):

-Certificado C1 ou C2: 1 punto.

• Chinés (bolsa Cantón):

-Certificado C1 ou C2: 1 punto.

• Portugués (bolsa Lisboa):

–Certificado B2: 0,5 puntos.

– Certificado C1 ou C2: 1 punto.

• Italiano (bolsa Roma):

– Certificado B2: 0,5 puntos.

Certificado C1 ou C2: 1 punto.

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

Experiencia práctica

0,25 puntos por cada tres meses de prácticas ou traballo relacionado co turismo en oficinas de turismo, empresas turísticas, asociacións profesionais de turismo, consorcios ou mancomunidades turísticas ou calquera outra empresa vinculada ao sector turístico.

A puntuación máxima que se pode acadar nesta epígrafe será de 2 puntos.

1.2. Probas.

Test de coñecementos turísticos

Ata 5 puntos

Caso práctico sobre coñecementos turísticos

Ata 5 puntos

Probas de idiomas

Ata 5 puntos

Entrevista persoal

Ata 5 puntos

1.2.1. O test de coñecementos consistirá nun cuestionario tipo test cun máximo de 50 preguntas sobre as materias incluídas nos temas 1 a 12 do anexo II.

1.2.2. O caso práctico sobre coñecementos turísticos será unha proba escrita sobre as materias incluídas nos temas 13, 14 e 15 do anexo II.

A Comisión de Valoración determinará o nivel mínimo necesario para superar ambas as probas. Os candidatos que non superen as probas quedarán automaticamente excluídos do proceso de selección.

1.2.3. A proba de idioma desenvolverase en dous exercicios:

– Primeiro exercicio: consistirá nunha tradución ou redacción dun texto na lingua oficial do país elixido.

– Segundo exercicio: consistirá nunha proba oral en que se avalíen as competencias en expresión e comprensión da persoa candidata na lingua do país receptor.

1.2.4. Entrevista persoal:

Coa entrevista preténdese afondar sobre os coñecementos dos candidatos acerca do país para o cal soliciten a bolsa e sobre comercialización e promoción turística, así como valorar as súas actitudes e aqueloutras circunstancias que se consideren de interese para o futuro desenvolvemento das actividades. Os candidatos que non se presenten á entrevista quedarán automaticamente eliminados do procedemento de selección. No caso de ser necesario, poderase realizar a entrevista persoal por videoconferencia.

Artigo 12. Instrución do procedemento e tramitación

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión de bolsas presentadas ao abeiro desta convocatoria corresponderalle á directora da Axencia Turismo de Galicia.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia que, de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, realizará cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

3. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, o director de Competitividade, aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidas/os e excluídas/os, que será publicada no taboleiro de anuncios da páxina web de Turismo de Galicia e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación dos seus apelidos, nome e número de documento nacional de identidade e das causas determinantes das exclusións que procedan.

As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita coa publicación da listaxe definitiva de aspirantes admitidas/os e excluídas/os. Estas listaxes publicaranse na páxina web de Turismo de Galicia.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A Comisión de Valoración convocará os candidatos admitidos á realización das correspondentes probas. A data e lugar da celebración das probas e da entrevista, publicaranse no taboleiro de anuncios da páxina web da Axencia Turismo de Galicia http://www.turismo.gal/canle-institucional/actualidade/taboleiro-de-anuncios

5. A concorrencia á proba de coñecementos e á entrevista persoal é obrigatoria. As persoas candidatas que non se presenten ás probas ou á entrevista serán automaticamente excluídas do procedemento de selección.

6. A Comisión valorará os méritos alegados polos candidatos conforme o baremo indicado nas bases e formulará un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación obtida, que será remitida ao órgano instrutor.

7. Despois de instruír o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de (10) dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. No caso de que un mesmo candidato obtivese a mellor puntuación para dous ou máis destinos requirirase para indicar a súa preferencia con anterioridade á publicación da proposta de resolución.

8. Transcorrido o trámite de audiencia, o órgano instrutor fará unha proposta de resolución onde consten as puntuacións definitivas dos candidatos ordenadas de maior a menor e proporá para a adxudicación das bolsas a aqueles candidatos que obtivesen a mellor puntuación para cada destino. No caso de empate na puntuación obtida en calquera das modalidades das bolsas, este resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido das persoas candidatas, comezando pola letra resultante no sorteo realizado en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020. Elaborarase unha lista de reserva por destinos para o caso de que haxa renuncias ás bolsas.

9. A proposta de resolución será remitida á directora da Axencia Turismo de Galicia, que no prazo máximo de 15 días resolverá o procedemento de concesión. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de cinco meses, desde a data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

10. A resolución da directora da Axencia Turismo de Galicia pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

11. A concesión da bolsa seralle notificada ás persoas adxudicatarias que, nun prazo de 10 días hábiles computados a partir da data de publicación da resolución, están obrigadas a comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a súa aceptación ou renuncia por escrito conforme o modelo que figura como anexo IV desta convocatoria. Se, transcorridos os 10 días sinalados non se producise manifestación expresa, esta entenderase tacitamente aceptada. Se a persoa beneficiaria renuncia expresamente á bolsa, esta concederase á/ao seguinte candidata/o con mellor puntuación da lista de reserva do destino correspondente. Se nalgún dos destinos non hai candidatos na lista de reserva poderase ofrecer a bolsa ao candidato con mellor puntuación xeral nos conxunto das probas con independencia do destino solicitado.

12. Se durante o desenvolvemento das prácticas se produce algunha vacante ou renuncia por parte das persoas beneficiarias, procederase á cobertura desta seguindo a orde establecida nas correspondentes listas de reserva en función da puntuación obtida.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Publicidade

A anterior resolución, así como os datos que deban notificarse de forma conxunta publicaranse na páxina web da Axencia Turismo de Galicia http://www.turismo.gal/canle-institucional/actualidade/taboleiro-de-anuncios

Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os seus efectos.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas seleccionadas quedan obrigadas pola aceptación da bolsa a:

1. Aceptar en todos os seus termos esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da axuda.

2. Subscribir un seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e de repatriación en caso de accidente ou enfermidade e de responsabilidade civil, que terá cobertura internacional e vixencia polo período de duración da bolsa, ou ben acreditar por calquera medio admitido en dereito dispor da devandita cobertura.

3. Obter pola súa conta o visado necesario para o acceso e permanencia no país de destino durante o período de desfrute da bolsa, así como respectar a lexislación correspondente en materia de visados.

Ademais, deberán residir no lugar de destino durante o período da bolsa e non ausentarse deste sen comunicación e autorización previa do titor/a.

4. Realizar as actividades encomendadas e a cumprir o horario indicado polo seu titor e a dirección da oficina de destino. Deben remitir á Axencia Turismo de Galicia informes trimestrais sobre as tarefas realizadas e os resultados obtidos e, ao remate da bolsa, presentarán unha memoria final sobre as actividades desenvolvidas visada polo titor ou responsable da oficina onde se realizaron as prácticas, con inclusión das melloras que consideren oportunas.

5. Comezar o desfrute da bolsa dentro do prazo que se sinala en cada caso e desenvolver o seu labor sen que ningún outro compromiso anterior ou futuro o impida ou dificulte.

6. Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e España.

7. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

8. Todos os estudos, informes, e demais documentos que xere a persoa bolseira durante o desenvolvemento da súa formación quedarán á disposición da Axencia Turismo de Galicia e de Turespaña, as cales serán titulares dos dereitos de explotación e demais relativos á propiedade intelectual dos estudos e informes. As persoas bolseiras deberán aceptar por escrito esta atribución de dereitos a favor das devanditas entidades antes da súa incorporación ao país de destino.

Artigo 17. Certificado de aproveitamento

O/a titor/a ou persoa competente na Axencia Turismo de Galicia expedirá un certificado sobre asistencia e aproveitamento da bolsa.

Artigo 18. Incidencias

A Axencia Turismo de Galicia resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

En calquera momento, a persoa responsable da oficina correspondente ou o/a titor/a poderá propoñerlle á Dirección da Axencia Turismo cancelar a bolsa por falta de rendemento da persoa beneficiaria, incumprimento do plan de actuación aprobado ou inadaptación ás normas de funcionamento da OET. A Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo de dar trámite de audiencia ao/á interesado/a, poderá revogar a concesión da bolsa por incumprimento das obrigas contraídas pola persoa adxudicataria.

A Axencia Turismo de Galicia poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación do bolseiro ao destino adxudicado por motivos de forza maior. Se a interrupción supera o 10 % do tempo total de duración da bolsa suporá a súa revogación.

A renuncia durante o desfrute da bolsa inhabilitará a persoa adxudicataria para os efectos de presentación nas seguintes convocatorias, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola Axencia Turismo de Galicia.

O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo coas bases precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta resolución e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 19. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

ANEXO II

Temario

Tema 1. Principais recursos do patrimonio arquitectónico en Galicia.

Tema 2. Principais recursos do patrimonio cultural inmaterial galego, en especial o folclore.

Tema 3. A gastronomía galega.

Tema 4. Historia de Galicia. Principais feitos históricos.

Tema 5. Elementos principais da rede de museos e centros de interpretación de Galicia.

Tema 6. Os tramos galegos dos camiños de Santiago.

Tema 7. Áreas naturais no litoral: rías, illas e praias, zonas húmidas e areais, acantilados.

Tema 8. Áreas naturais do interior: as montañas, os vales fluviais, os bosques e as lagoas.

Tema 9. As cidades e vilas galegas como focos de atracción turística.

Tema 10. Os novos produtos turísticos de Galicia (turismo termal, rural, de congresos e convencións, náutico, golf, turismo activo e de natureza, etc.).

Tema 11. Competencias da Administración do Estado e da Xunta en materia turística.

Tema 12. A Administración turística en Galicia. Órganos e funcións.

Tema 13. Nocións básicas sobre planeamento de destinos turísticos.

Tema 14. Ferramentas de promoción e comercialización de produtos e paquetes turísticos.

Tema 15. Estratexias de promoción e comercialización de Galicia como destino turístico.

TU981BG.pdf
TU981BG.pdf
TU981BG.pdf
TU981BG.pdf
TU981BG.pdf
TU981BG.pdf
TU981BG.pdf
TU981BG.pdf