Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 27 de decembro de 2019 Páx. 55629

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2019 pola que se modifica a Resolución do 10 de outubro de 2016 pola que se aproban os modelos de comunicación para a inscrición dos certificados de eficiencia enerxética dos edificios no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia, para aprobar o modelo de presentación de documentos relativos á dedución fiscal por obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou vivendas unifamiliares.

Mellorar a eficiencia enerxética dos edificios co fin de diminuír o consumo de enerxía, favorecendo así a transición a unha economía baixa en carbono no sector residencial é un reto que ten encomendado a sociedade en xeral e os poderes públicos en particular. Desde estes últimos está a lexislarse para conseguir os obxectivos de redución dos indicadores de intensidade enerxética e de emisións de dióxido de carbono. Por iso, a Administración autonómica vén desenvolvendo diversas iniciativas para fomentar os investimentos en medidas de aforro e eficiencia enerxética na edificación, que melloren a calidade da edificación e o seu comportamento enerxético, reducindo a demanda enerxética, mellorando o rendemento das instalacións consumidoras de enerxía e ou incorporando enerxías renovables co obxectivo de reducir a dependencia externa da subministración de enerxía.

No marco destas iniciativas, a Consellería de Facenda, a través da Lei 7/2019, de medidas fiscais e administrativas do ano 2020, modificou o artigo 5 do Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, engadindo un punto 18 que recolle unha nova dedución da cota íntegra autonómica por obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou vivendas unifamiliares.

Con esta medida preténdese mellorar a eficiencia enerxética dos edificios de tipoloxía residencial, ademais de fomentar a realización do certificado de eficiencia enerxética dos edificios que acometan este tipo de reformas e a súa posterior inscrición no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Galicia.

Dada a vinculación desta dedución co procedemento de inscrición dos certificados de eficiencia enerxética dos edificios (IN413D/C), o novo punto 18 do artigo 5 do Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, recolle que, para ter dereito a esta dedución deberá presentarse a través da plataforma electrónica do Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia a documentación que acredite que se cumpren os requisitos establecidos.

Neste marco legal, e vinculado ao procedemento IN413D/C, cómpre publicar un anexo normalizado para a presentación da documentación relativa a esta dedución, nunha fase posterior á inscrición no rexistro do certificado de eficiencia enerxética do edificio sobre o que se executan as obras de mellora.

O Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios creouse mediante o artigo 17 do Decreto 42/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a certificación enerxética de edificios de nova construción na Comunidade Autónoma de Galicia, e está adscrito á dirección xeral competente en materia de enerxía.

Con base no anterior e en uso das competencias atribuídas a este organismo, en virtude do establecido na Resolución do 9 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se delegan competencias no Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar un formulario normalizado (anexo III) para a presentación da documentación necesaria para ter dereito á dedución da cota íntegra autonómica por obras de mellora e eficiencia enerxética aprobada na Lei 7/2019, de medidas fiscais e administrativas do ano 2020, que se engadirá aos formularios normalizados para a comunicación dos certificados de eficiencia enerxética de edificios existentes e de nova construción aprobados mediante a Resolución do 10 de outubro de 2016 (IN413D-anexo I e IN413C-anexo II).

Este formulario, vinculado ao procedemento de inscrición de certificados de eficiencia enerxética (IN413D/IN413C) no rexistro, presentarase tras a inscrición do certificado de eficiencia enerxética do edificio de tipoloxía residencial emitido unha vez executadas as obras de mellora e eficiencia enerxética.

A presentación deste formulario e da documentación que se xunta poderá realizarse ata que remate o prazo para presentar a autoliquidación correspondente ao período impositivo en que remate a obra de mellora enerxética obxecto de dedución, a través da plataforma electrónica do Rexistro de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia e a páxina web do Inega.

A presentación realizaraa o/a propietario/a da vivenda unifamiliar/individual ou o/a representante legal da comunidade de propietarios/as, no caso dun edificio en réxime de propiedade horizontal. O/a técnico/a competente que emita o certificado de eficiencia enerxética exixido neste trámite poderá realizar esta presentación en representación do/da propietario/a ou comunidade de propietarios/as do edificio, de acordo co previsto no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

A presentación do anexo III realizarase unicamente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es e a web do Inega, conforme o establecido nos artigos 14.2 e 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Se algunha das persoas interesadas presenta este formulario (anexo III) presencialmente, requirirase para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a corrección.

Para a presentación do formulario (anexo III) requirirase o documento nacional de identidade (DNI) electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, da persoa comunicante ou de calquera outra persoa que actúe na súa representación para a realización deste trámite.

A publicación do formulario normalizado anexo III no Diario Oficial de Galicia (DOG) faise unicamente para os efectos informativos.

Co obxectivo de manter adaptado á normativa vixente o formulario, este poderá ser actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalo novamente no DOG, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial deste.

Para poder acollerse á dedución fiscal por obras de mellora de eficiencia enerxética, as persoas interesadas deberán presentar obrigatoriamente a documentación que se recolle no punto 18 do artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo (engadido mediante a entrada en vigor da Lei 7/2019, de medidas fiscais e administrativas do ano 2020).

Dado que o certificado de eficiencia enerxética unha vez executadas as obras debe presentarse con anterioridade na plataforma electrónica do Rexistro de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia para proceder ao seu rexistro (procedemento IN413C/D), non será necesario volver a presentalo e únicamente deberá indicarse o seu número de inscrición no rexistro. Polo tanto, as persoas interesadas unicamente deberán achegar, xunto co modelo que se aproba como anexo III na presente resolución, a seguinte documentación:

a) Informe asinado por un técnico competente que xustifique o salto de letra conseguido coas melloras, segundo o modelo que consta no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A totalidade das facturas correspondentes ás obras de mellora de eficiencia enerxética obxecto de dedución, así como as relativas á obtención do certificado de eficiencia enerxética.

c) Os xustificantes de pagamento destas facturas.

d) No caso de que as obras de mellora se realicen nun edificio en réxime de propiedade horizontal, certificado das achegas económicas correspondentes a cada comuneiro.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Os datos persoais solicitados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Enerxético de Galicia coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio dos poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflictirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Esta disposición entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2020.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file