Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2020 Páx. 4158

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de inclusión social de Galicia (Risga), e se procede á súa convocatoria plurianual 2020 a 2022 (código de procedemento TR351H).

A Constitución española establece no seu artigo 40 a obriga dos poderes públicos de promover as condicións favorables para o progreso social e económico e, de maneira especial, de realizar unha política orientada ao pleno emprego.

Nesta liña, o Plan Estratéxico Galicia 2015-2020 ten como obxectivo xeral impulsar o crecemento económico de Galicia partindo dun modelo baseado na innovación e o capital humano, que colabore a acadar unha Galicia moderna e cohesionada social e territorialmente e que permita diminuír o desemprego, aumentar a produtividade e a renda dos galegos e das galegas colaborando a retomar a senda do crecemento demográfico.

Para logralo, establece entre as súas prioridades de actuación o aumento da empregabilidade e produtividade dos traballadores e traballadoras de Galicia a través da formación e innovación constante, e fixa como un dos seus obxectivos estratéxicos aumentar a inserción laboral e o emprendemento, especialmente para as persoas con especiais dificultades para atopar traballo, co reto de lograr un mercado de traballo máis inclusivo que integre de xeito normalizado as persoas con discapacidade e aquelas que se atopen nunha situación de exclusión.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, atribúe á citada consellería a competencia para propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito laboral, que engloba, entre outras, as competencias en materia de políticas activas de emprego, política laboral, orientación e promoción laboral. Segundo o seu artigo 35, corresponde á Secretaría Xeral de Emprego, entre outras, a dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma atribuídas á Consellería en materia de fomento do emprego e apoio á integración laboral das persoas en situación de vulnerabilidade, así como a dirección e xestión das funcións atribuídas á Consellería en materia de fomento da colaboración coas entidades sen ánimo de lucro.

As subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende levar a cabo para acadar a inclusión sociolaboral das persoas que se atopan en situación ou risco de exclusión social a través do emprego. Para iso, promove a posta en marcha de programas de intervención integral dirixidas a persoas desempregadas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou integrantes de unidades de convivencia beneficiarias da dita renda, co fin de dotalas das motivacións, habilidades, competencias e capacidades que require o tecido empresarial para o acceso ao emprego, de xeito que a través da inserción laboral se poida reverter a súa situación de exclusión social.

Trátase dunha actuación novidosa, orientada a resultados, coa que se pretende promover a posta en marcha de iniciativas innovadoras coas que romper o círculo de exclusión e preparar as persoas para a súa efectiva incorporación ao mercado laboral actual, nunha verdadeira posta a punto para o emprego. Esta intervención prográmase nun marco temporal amplo, axeitado para desenvolver as actuacións na súa integridade, o que dota da necesaria seguridade ás entidades que o van desenvolver, e lles permite centrar os esforzos no traballo efectivo e na consecución dos obxectivos. Neste sentido, establécese unha contía de subvención en función das persoas que finalicen a participación no programa, e asegúrase a efectiva obtención dos resultados previstos. A esta seguridade contribúe tamén a posibilidade de percibir pagamentos anticipados de ata o 100% do importe da axuda na primeira anualidade, do 90% na segunda e do 80% na terceira, con exención da constitución de garantías por tratarse de entidades sen ánimo de lucro.

En efecto, os programas serán executados por entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade a inserción ou inclusión sociolaboral de colectivos en situación ou risco de exclusión social e conten con acreditada experiencia na execución deste tipo de programas, para o que deberán contar cun equipo mínimo formado por catro persoas, valorándose o seu carácter multidisciplinar.

Os programas, dirixidos a un mínimo de 50 e un máximo de 100 persoas, terán una duración mínima de dous anos e deberán contemplar un conxunto integrado de actuacións que van desde a fase de información e acollida ata o seguimento posterior á súa finalización, e que, partindo do diagnóstico da situación persoal, familiar e social das persoas participantes, teñen o seu núcleo central na elaboración e implementación dun itinerario personalizado de inserción que contemple a intervención psicosocial, orientación sociolaboral, formación ocupacional, prelaboral e laboral, prospección do mercado laboral e procura activa de emprego.

As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, para o que se valorará, por una banda, a solvencia técnica da entidade para levar a cabo o programa, tendo en conta a súa experiencia e a composición do seu equipo de traballo, así como a calidade do emprego que ofrece e a súa implicación no emprego inclusivo; e por outra, a calidade técnica do programa e a súa potencialidade para acadar a inserción sociolaboral das persoas en situación ou risco de exclusión.

Así, teranse en conta, entre outros aspectos, o emprego dunha metodoloxía innovadora para acadar un salto cuantitativo na consecución dos obxectivos propostos; a porcentaxe de inserción laboral que as entidades se comprometan a acadar; ou o traballo en rede con administracións públicas, empresas ou outras asociacións para o desenvolvemento do programa ou para a inserción laboral das persoas participantes. En particular, terase en conta a adopción de acordos de colaboración con empresas que faciliten a inserción laboral en sectores estratéxicos.

Establécese o financiamento do programa a través de fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal, por tratarse de accións elixibles de acordo co “Plan anual de política de emprego” (PAPE).

Esta orde tramítase de conformidade co establecido no artigo 25 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, ao preverse que exista crédito suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Por todo o exposto, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, autorizada polo Consello da Xunta de Galicia o compromiso plurianual e a modificación da porcentaxe e dos importes máximos dos pagamentos anticipados, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria plurianual de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a realización dun programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) (código de procedemento administrativo TR351H).

Este programa ten como obxectivo levar a cabo unha intervención integral que dote as persoas participantes das motivacións, habilidades, competencias e capacidades que require o tecido empresarial para o acceso ao emprego, de xeito que a través da inserción laboral se poida reverter a súa situación de exclusión social.

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e resolución axustaranse ao disposto nesta orde e ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; e no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. No que resulte de aplicación, someterase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Financiamento

1. O programa regulado nesta orde está financiado con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal, por tratarse de accións elixibles de acordo co “Plan anual de política de emprego” (PAPE).

2. A concesión das subvencións previstas nos programas desta orde estará suxeita á existencia de crédito nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e realizarase con cargo ás aplicacións da Secretaría Xeral de Emprego que se sinalen na convocatoria.

3. Estes importes poderán ser modificados ou incrementados con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia ou da Administración do Estado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, todo iso de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos das axudas previstas nesta orde, entenderase por:

a) Entidade sen ánimo de lucro: asociación ou fundación debidamente inscrita no correspondente rexistro na data de publicación desta convocatoria.

b) Persoa en situación ou risco de exclusión social perceptora de Risga: aquela que, na data de incorporación ao programa, sexa perceptora da renda de inclusión social de Galicia ou forme parte dunha unidade de convivencia, nos termos definidos no artigo 11 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, beneficiaria da Risga.

c) Persoa desempregada: aquela que na data da súa incorporación ao programa careza de ocupación, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social; deberá constar como inscrita no Servizo Público de Emprego como demandante non ocupada e que estea dispoñible para o emprego.

d) Itinerario personalizado de inserción: conxunto integral de actuacións, consensuadas coa persoa interesada, que teñen por obxectivo a mellora das súas condicións persoais e sociais e en particular a mellora da súa empregabilidade, para conseguir a súa inserción laboral e social.

Artigo 6. Entidades beneficiarias

1. Poden beneficiarse das subvencións recollidas nestas bases reguladoras as entidades sen ánimo de lucro que na data de publicación desta convocatoria cumpran as seguintes condicións:

– ter recollido como finalidade nos seus estatutos a inserción ou inclusión sociolaboral de colectivos en situación ou risco de exclusión social, ou estar de alta na área de inclusión do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).

– ter desenvolvido, como mínimo durante tres anos, programas dirixidos especificamente á inclusión sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión, segundo o establecido no artigo 3 da Lei 10/2013, de 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Teranse en conta os programas finalizados nos últimos cinco anos naturais anteriores ao da publicación da convocatoria, e só se computarán aqueles nos que se traballase cun mínimo de 10 persoas.

– estar ao día no cumprimento das súas obrigas rexistrais.

2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

d) Non estar incursas nalgunha das prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e reunir os restantes requisitos previstos nesta.

A acreditación, por parte das entidades solicitantes, de que cumpren as condicións sinaladas nas letras a), c) e d) anteriores, realizarase mediante declaración responsable que se inclúe no anexo de solicitude.

3. As entidades que poden ser beneficiarias poderán concorrer ás axudas de xeito individual ou conxuntamente con outras que cumpran as condicións para poderen ser beneficiarias. Neste suposto, todas as entidades solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Ningunha entidade poderá figurar en máis dunha solicitude. O incumprimento desta norma dará lugar a que unicamente se dea validez á solicitude presentada en primeiro lugar e que se proceda á inadmisión das restantes solicitudes onde figure a entidade incumpridora.

Artigo 7. Actividades subvencionables

1. As subvencións obxecto deste programa van dirixidas ao desenvolvemento dun programa integral de intervención, denominado programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas desempregadas, en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga, nos termos recollidos no artigo 5 desta orde.

2. O programa de posta a punto para o emprego deberá contemplar as seguintes fases:

– Información e acollida

– Diagnóstico da situación persoal, familiar e social

– Elaboración dun itinerario personalizado de inserción sociolaboral

– Implantación do itinerario:

• Orientación sociolaboral

• Formación ocupacional

• Mellora da cualificación profesional: formación prelaboral e laboral

• Prospección do mercado laboral

• Ferramentas para a procura activa de emprego

– Seguimento, durante o seu desenvolvemento e con carácter posterior á súa finalización.

3. Cada programa dirixirase a un mínimo de 50 e un máximo de 100 persoas. A selección das persoas participantes realizarase pola entidade solicitante, podendo ser derivadas a esta polos servizos sociais ou polo Servizo Público de Emprego. A súa incorporación ao programa poderá ser sucesiva, pero para os efectos de avaliación do cumprimento do programa pola entidade beneficiaria só se terá en conta a súa participación se finaliza o itinerario deseñado, ou se inserta laboralmente antes da súa finalización, dentro do período de execución do programa. Considerarase que unha persoa finalizou o itinerario cando complete a súa participación en todas as súas fases, agás que o equipo técnico xustifique que non se considere necesaria a súa participación nalgunha das accións de implantación do itinerario.

4. Cada persoa participante deberá asinar un documento de compromiso de participación no programa, así como a conformidade cun informe final no que se recollan as actuacións realizadas e os obxectivos conseguidos.

5. Os programas deberán orientarse á consecución de polo menos un 20% de insercións laborais. Enténdese por inserción laboral, para os efectos desta orde, a formalización dun contrato de traballo, a incorporación como persoa socia traballadora nunha cooperativa ou a alta como traballador/a por conta propia, por un mínimo de 6 meses e cunha xornada laboral non inferior ao 75% da xornada ordinaria no sector. Este periodo mínimo poderá ser continuo ou discontinuo nun período de 12 meses, sempre que cada contrato teña unha duración de polo menos 3 meses.

6. Os programas desenvolveranse durante 2 anos, que deben estar comprendidos integramente no período de execución das subvencións.

7. Os programas poderán ter ámbito autonómico ou inferior.

8. Deberá asignarse ao programa un equipo de traballo que, en cómputo anual, sume 4 profesionais, a xornada completa para 50 participantes, incrementándose na proporción correspondente se o número de participantes é maior.

O equipo de traballo deberá contar con un ou varios dos perfís profesionais seguintes: traballo social, educación social, orientación laboral, terapia ocupacional, prospección (axente ou técnico/a de emprego), psicoloxía ou psicopedagoxía; mediación intercultural ou integración social.

9. Non se admitirá a subcontratación total ou parcial da execución do programa. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos nos que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada. En particular, non se considera subcontratación a contratación de actividades formativas para as persoas participantes no programa.

Artigo 8. Gastos subvencionables

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada. En particular, comprenden os seguintes:

– os gastos de persoal, incluídas as axudas de custo e de desprazamento, referidos ás persoas integrantes do equipo técnico do programa, na porcentaxe correspondente á súa imputación a este;

– os custos da formación específica adaptada ás persoas participantes;

– os gastos de materiais e equipamento necesarios para a execución das actividades.

– as bolsas para axudas de custo e desprazamento das persoas participantes;

– o custo do informe sobre a conta xustificativa ao que se refire o artigo 22.2.b);

– os gastos administrativos e de xestión asociados á execución do programa. Como gastos administrativos e de xestión poderase imputar ata un máximo do 10% do orzamento total do programa, sen necesidade de xustificación documental.

3. Cando o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

4. Considerarase gasto realizado o que corresponde a actuacións levadas a cabo no período de execución sinalado na convocatoria e foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación.

Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario. Así mesmo, quedará exceptuado o pagamento do informe sobre a conta xustificativa ao que se refire o artigo 22.2.b), que se considerará xustificado coa presentación do propio informe.

Artigo 9. Contía das axudas

Outorgarase unha axuda de 6.000,00 € por cada persoa participante no programa segundo o proxecto presentado coa solicitude. Para o pagamento da axuda, teranse en conta as persoas que completasen a súa participación no programa, segundo o sinalado no artigo 7.3.

Artigo 10. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación complementaria indicada no artigo seguinte e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 11. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Certificación do rexistro competente, referida á data de publicación da convocatoria, que acredite a inscrición da entidade solicitante, os datos identificativos dos seus estatutos vixentes, e que está ao día no cumprimento das súas obrigas rexistrais.

b) Copia dos estatutos vixentes da entidade solicitante, nos que se recolla como finalidade a inserción ou inclusión sociolaboral de colectivos desfavorecidos ou en situación ou risco de exclusión social. Este documento non será necesario cando a entidade se atope en situación de alta na área de inclusión do RUEPSS.

c) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación coa que actúa a persoa que asina a solicitude.

d) Anexo III de certificación do cadro de persoal da entidade nos centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia nos últimos 12 meses.

e) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente por varias entidades:

i. Declaración de datos de cada unha das entidades solicitantes adicionais segundo o anexo II.

ii. Documento de compromisos no que conste, como mínimo:

– o acordo de colaboración entre todas as entidades solicitantes para a execución do programa.

– os compromisos asumidos por cada unha delas para a execución das actividades.

– o orzamento asumido e o importe de subvención solicitado por cada unha delas.

– a designación da entidade que as representa, e á que se autoriza para presentar a solicitude en nome do resto.

iii. A documentación sinalada nas letras a), b), c) e d) do punto 1 deste artigo, referida a cada unha delas.

f) Proxecto para o que se solicita a subvención, segundo o modelo que consta na páxina web da Consellería de Economía Emprego e Industria http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego /

g) Se é o caso, acordos de colaboración con administracións públicas, empresas ou outras asociacións relativos ao traballo en rede que se levará a cabo para o desenvolvemento do programa.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas. salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.

Artigo 12. Emenda da solicitude

A unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que á persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF das entidades solicitantes.

b) DNI ou NIE das persoas representantes.

c) NIF da entidade representante

d) Certificación de que as entidades solicitantes están ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificación de as entidades solicitantes están ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación de que as entidades solicitantes están ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas

i) DNI ou NIE das persoas destinatarias finais desta subvención

j) Consulta de percepción da Risga por parte das persoas destinatarias finais desta subvención

k) Informe da vida laboral das persoas destinatarias finais desta subvención

l) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas destinatarias finais desta subvención.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado na solicitude ou no anexo V, segundo corresponda, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de concesión, xestión, control e verificación das axudas.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das empresas/entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Instrución e tramitación do procedemento

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social, que realizará as actuacións necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación dos procedementos regulados nesta orde deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5 Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Procedemento de concesión e composición da comisión de avaliación

1. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta orde será en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A comisión de avaliación estará composta por:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Economía Social, que a presidirá

– A persoa titular do Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social.

– Dúas persoas funcionarias designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, unha das cales actuará como secretaria, con voz pero sen voto.

Se no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que sexa designada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente ou presidenta, ou persoa na que delegue, unha vogal e a persoa que actúe como secretario/a.

3. Unha vez revisadas as solicitudes presentadas, e comprobado que todas cumpren os requisitos esixidos nas bases reguladoras para adquirir a condición de entidades beneficiarias, a Comisión de Avaliación valoraraas de acordo cos criterios que se establecen no artigo 17 desta orde e redactará un informe no que constará a relación de todas as solicitudes presentadas por orde de puntuación. O dito informe servirá de base á proposta de concesión ou de denegación da subvención.

Para efectuar a valoración das solicitudes a dita comisión poderá solicitar todas as aclaracións que considere oportunas.

4. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Avaliación xunto coa proposta de concesión ao órgano competente para resolver.

5. O órgano concedente asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde de prelación, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta e ata o esgotamento de crédito dispoñible.

6. No caso de que quedasen solicitudes sen atender por insuficiencia de crédito, o órgano instrutor poderá dar audiencia ás entidades solicitantes, por orde de prelación, co obxecto de que reaxusten o proxecto ao límite de crédito dispoñible. Este reaxuste poderá implicar a redución no número de persoas participantes, sempre que se respecte o mínimo de 50.

7. No suposto de renuncia ou non aceptación da subvención por parte dalgunha entidade beneficiaria e/ou de ampliación do crédito, o órgano concedente podería acordar, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención aos proxectos seguintes na orde de puntuación, e ata o límite do crédito dispoñible.

Artigo 17. Criterios de valoración

As solicitudes presentadas avaliaranse, ata un máximo de 100 puntos, segundo os seguintes criterios:

1. Criterios referidos á entidade solicitante, ata 30 puntos.

Valorarase a solvencia técnica da entidade para levar a cabo o programa, tendo en conta a súa experiencia e a composición do seu equipo de traballo, así como a calidade do emprego que ofrece e a súa implicación no emprego inclusivo.

No caso de solicitudes presentadas conxuntamente por varias entidades, valoraranse as circunstancias acreditadas pola entidade que obteña unha maior puntuación en cada un destes apartados, sempre que teña unha participación no proxecto do 30% como mínimo.

Neste apartado teranse en conta os criterios seguintes:

a) Experiencia: execución de programas de inserción laboral de persoas en situación ou risco de exclusión social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria, ata 10 puntos:

– experiencia de tres anos: 2 puntos

– experiencia de catro anos: 6 puntos

– experiencia de cinco anos: 10 puntos

Só se terán en conta aqueles programas nos que se traballase cun mínimo de 10 persoas.

b) Recursos humanos: número de persoas técnicas do cadro de persoal da entidade nos centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, 1 punto por cada traballador/a ata un máximo de 10 puntos.

Para estes efectos, considéranse persoas técnicas as que ocupen postos directamente relacionados coa intervención sociolaboral, dos perfís sinalados no artigo 7.8. Terase en conta a media dos últimos 12 meses.

c) Taxa de estabilidade do cadro de persoal da entidade: porcentaxe de persoas traballadoras fixas nos centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, ata 5 puntos.

– porcentaxe inferior ao 60%: 0 puntos.

– porcentaxe do 80% ou superior: 5 puntos

– porcentaxe entre 60% e 80%: puntuación proporcional

d) Proporción de homes e mulleres que traballan nos centros de traballo da entidade na Comunidade Autónoma de Galicia, ata 5 puntos:

– proporción de mulleres inferior ao 40%: 0 puntos

– proporción de mulleres do 50% ou superior: 5 puntos.

– proporción de mulleres entre o 40% e o 50%: puntuación proporcional

2. Criterios referidos ao programa de posta a punto para o emprego, ata 70 puntos.

Valorarase a calidade técnica do programa e a súa potencialidade para acadar a inserción sociolaboral das persoas en situación ou risco de exclusión.

Neste apartado teranse en conta os seguintes criterios:

a) Contido do programa: ata 30 puntos, distribuídos da seguinte forma:

– Diagnóstico social: ata 10 puntos. Valorarase o grao de especificidade e adecuación do diagnóstico da realidade social sobre a que se pretende intervir en relación co colectivo destinatario e co ámbito xeográfico do programa, a claridade e grao de detalle na exposición e a súa coherencia interna.

– Metodoloxía empregada, ata 10 puntos. Valorarase o carácter innovador da metodoloxía proposta e a súa adecuación para acadar un salto cualitativo na consecución dos obxectivos propostos.

– Calidade técnica global do programa, ata 10 puntos. Valorarase a adecuación das tarefas concretas que se van realizar ao diagnóstico social e ao obxectivo previsto, a adecuación dos recursos humanos e dos recursos estruturais e técnicos adscritos á súa execución, a adecuación do plan de seguimento e a relevancia dos indicadores de control e seguimento propostos, así como a claridade e grao de detalle na exposición e a súa coherencia interna.

b) Obxectivos de inserción laboral previstos co programa, ata 15 puntos:

– entre o 20% e o 25% de participantes insertados: 5 puntos

– máis do 25% e ata o 30% de participantes insertados: 10 puntos

– máis do 30% de participantes insertados: 15 puntos

c) Equipo de traballo, ata 10 puntos:

– Ratio: valorarase a ratio resultante de dividir o total de horas anuais de traballo do equipo técnico asignado ao programa entre o número de participantes. Outorgarase 1 punto cando o cociente acade 140 horas e 1 punto adicional por cada 35 horas adicionais, ata un máximo de 5 puntos.

– Dedicación: valorarase a porcentaxe de integrantes do equipo de traballo que teñan dedicación exclusiva a este programa, ata 2,5 puntos:

• entre o 70 e o 80% de persoas con dedicación exclusiva: 1 punto

• máis do 80% e menos do 100% de persoas con dedicación exclusiva: 2 puntos

• 100% de persoas con dedicación exclusiva: 2,5 puntos.

Para estes efectos, só se terán en conta as persoas que integren o equipo mínimo necesario en función do número de participantes no programa, establecido no artigo 7.8.

– Multidisciplinariedade: valorarase a existencia no equipo de traballo asignado ao programa de perfís profesionais diferentes, de entre os relacionados no artigo 7.8. Outorgarase 0,5 punto por cada perfil profesional diferente asignado, ata un máximo de 2,5 puntos.

d) Traballo en rede: valorarase a existencia de acordos de colaboración con administracións públicas, empresas ou outras asociacións para o desenvolvemento do programa ou para a inserción laboral das persoas participantes. Outorgarase 1 punto por cada acordo presentado, ata un máximo de 10 puntos.

e) Sectores estratéxicos: valorarase que o programa estea orientado a algún dos sectores estratéxicos definidos no anexo VI, con 5 puntos. Considerarase que se da esta circunstancia cando contemple accións específicas de tipo formativo, de orientación laboral, de prospección do mercado laboral ou outras dirixidas a conseguir a inserción laboral de xeito principal nun ou varios destes sectores, e ademais incorpore acordos de colaboración con empresas ou institucións incardinados neles.

Non resultarán subvencionadas as solicitudes que obteñan menos de 15 puntos no apartado 2.a) (contido do programa) ou menos de 50 puntos en total.

Artigo 18. Resolución e recursos

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes das subvencións presentadas ao abeiro desta orde correspóndelle, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

2. As resolucións deberán ser sempre motivadas e nelas acordarase o outorgamento da axuda ou ben a denegación, a desistencia ou a renuncia ao dereito, e notificaránselles ás persoas interesadas.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Unha vez notificada a resolución as entidades interesadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición do dito recurso, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 19. Inicio da execución

As entidades beneficiarias deberán poñer en marcha o programa no prazo que se sinale na resolución de concesión da axuda ou, no seu defecto, no prazo de un mes desde a súa notificación, e comunicarllo ao órgano instrutor por escrito no prazo de 10 días desde o seu inicio. De non presentar a comunicación no prazo sinalado entenderase que a entidade renuncia á subvención concedida.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

2. A entidade beneficiaria pode solicitar, con posterioridade á resolución de concesión e previamente á finalización do prazo máximo de execución, a modificación do contido da resolución por razón da concorrencia de circunstancias novas e imprevisibles que xustifiquen a alteración das condicións de execución da actividade subvencionada. Nestes casos o órgano concedente pode autorizar a dita alteración mediante a modificación da resolución de concesión, sempre que non implique un incremento da contía da subvención concedida inicialmente, nin teña carácter esencial, nin altere substancialmente a finalidade pola cal se concedeu, e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Artigo 21. Xustificación da axuda concedida

1. A xustificación do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos acreditarase mediante a presentación da documentación que se exixa na resolución de concesión e a que se relaciona no artigo 22 desta orde.

2. A presentación da documentación xustificativa presentarase para cada anualidade na forma sinalada nos artigos 10 e 11, nos prazos fixados na convocatoria, ou se é o caso, na resolución de concesión e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

4. A unidade administrativa responsable da instrución analizará a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e, se é o caso, emitirá unha proposta de pagamento que se elevará ao órgano competente para resolver, que será tamén o órgano competente para ordenar o pagamento.

Artigo 22. Documentación xustificativa

1. Para cada anualidade do programa presentarase a seguinte documentación xustificativa:

a) Anexo IV: xustificación da axuda concedida, que inclúe:

– Relación das persoas en situación ou risco de exclusión que participan no programa, con indicación da data de incorporación neste e da fase na que se atopan.

– Relación das persoas que compoñen o equipo de traballo asignado ao programa.

– O compromiso de que a entidade ou entidades beneficiarias continuarán coas actuacións do programa ata a súa finalización nas mesmas condicións, se é o caso.

– A solicitude de anticipo para a seguinte anualidade, se é o caso.

b) Anexo V de autorización para a comprobación de datos das persoas participantes

c) Se é o caso, certificados de que as persoas participantes forman parte dunha unidade de convivencia perceptora da Risga.

d) Relación Nominal das persoas Traballadoras incluídas na cotización á Seguridade Social (RNT) e Recibo de Liquidación de Cotizacións (RLC) correspondentes ás persoas que integran o equipo de traballo asignado ao programa.

e) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas de difusión ás que se refire o artigo 24.j) desta orde (colocación de rótulo).

2. Na xustificación final deberá achegarse a documentación sinalada no número anterior e ademais a seguinte:

a) Un informe final do programa realizado, con indicación das persoas participantes, as datas de inicio e finalización da súa participación, as actividades levadas a cabo, os medios empregados na súa execución, as insercións laborais e outros resultados obtidos e as dificultades atopadas para a súa execución.

b) Un informe sobre a conta xustificativa elaborado por un auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, conforme o estipulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá conter unha relación verificada dos gastos realizados e a súa imputación a este programa, segundo o modelo publicado no portal web da Consellería de Economía Emprego e Industria, no enlace http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego, con manifestación expresa acerca da verificación dos seguintes aspectos relativos aos ditos gastos:

– Existencia de contrato de traballo, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social e documento de ingreso das retencións a conta do IRPF (modelo 111), así como xustificantes bancarios do seu pagamento, referidos ás persoas que integran o equipo de traballo asignado ao programa.

– Adecuación do custo salarial das persoas traballadoras ao convenio colectivo aplicable.

– Existencia de facturas e outros documentos xustificativos, así como da documentación xustificativa do seu pagamento, correspondentes aos gastos subvencionables de conformidade co artigo 8 desta orde.

– Cumprimento do establecido no artigo 8.3, para o caso de que o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude.

– Existencia dunha contabilidade separada da subvención concedida, no caso de que a entidade non estea exenta de levar contabilidade.

– Existencia, para cada unha das persoas participantes, dos documentos sinalados no artigo 7.4.

Artigo 23. Pagamento da axuda

1. O pagamento da axuda efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias.

2. Poderanse realizar pagamentos anticipados por petición da entidade beneficiaria, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes ás subvencións recollidas nesta orde, nas seguintes porcentaxes:

– primeira anualidade: ata o 100% da subvención concedida

– segunda anualidade: ata o 90% da subvención concedida

– terceira anualidade: ata o 80% da subvención concedida.

3. Para realizar estes pagamentos anticipados, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías, conforme o disposto no artigo 65.4.f) do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Para a segunda e terceira anualidades, o anticipo realizarase logo de comprobar o cumprimento das seguintes condicións:

– que foi presentada a documentación xustificativa da anualidade anterior dentro dos prazos sinalados na convocatoria.

– que, como mínimo, na primeira anualidade se incorporaron ao programa un 20% dos participantes totais previstos, e na segunda anualidade o fixeron un 50%.

– que o equipo de traballo asignado ao programa coincide, en número e perfil profesional, co sinalado na solicitude.

5. Coa xustificación da última anualidade liquidarase o expediente. En ningún caso a contía da subvención poderá ser superior aos gastos efectivamente soportados pola entidade beneficiaria e imputados á actividade. Se da conta xustificativa resultase acreditado un gasto inferior ao importe dos anticipos xa efectuados, procederá o reintegro das cantidades cobradas indebidamente, que a entidade beneficiaria poderá ingresar de maneira voluntaria segundo o previsto no artigo 26.

6. Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Son obrigas xerais das entidades beneficiarias das axudas contidas nesta orde, as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Levar a cabo o seguimento da inserción sociolaboral das persoas participantes no programa, polo menos aos seis e os doce meses desde a finalización da súa participación nel. No ano natural seguinte ao de finalización do programa, a entidade deberá remitir ao órgano instrutor das axudas un informe do seguimento realizado.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

g) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

h) Acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

j) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para darlle publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con fondos recibidos do Servicio Público de Emprego Estatal (SEPE).

De acordo con esta obriga, a entidade beneficiaria deberá anunciar que está sendo subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Servizo Público de Emprego Estatal no seu domicilio social e nos centros de traballo onde se desenvolva o programa. Para isto, incorporarán un rótulo visible ao público que inclúa o nome da entidade beneficiaria, a expresión e o logotipo da Xunta de Galicia, o do SEPE e o do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social. Os formatos que se deben utilizar serán proporcionados pola Secretaría Xeral de Emprego, no portal web da Consellería de Economía Emprego e Industria, no enlace http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego

k) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Someter a auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio en que recibisen subvencións ou axudas públicas por un importe total acumulado superior a 600.000 euros, e naqueles exercicios en que se realicen operacións ou se executen investimentos correspondentes ás ditas subvencións ou axudas, conforme o establecido no texto refundido da Lei de auditoría de contas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2011, do 1 de xullo, e o Regulamento que o desenvolve, aprobado polo Real decreto 1517/2011, do 31 de outubro.

m) Cumprir as disposicións lexislativas sobre protección de datos de carácter persoal, concretamente a Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, e o Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016.

Artigo 25. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100% da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100% da subvención concedida.

c) O incumprimento no número de persoas participantes no programa: reintegro da parte proporcional da axuda concedida, sempre que se acadase un mínimo de 40 persoas participantes. Se o número acadado é inferior a 40, procederá o reintegro do 80% da axuda concedida, e se é inferior a 30, o 100%.

d) O incumprimento no número ou perfil profesional das persoas que compoñen o equipo de traballo asignado ao programa:

– se o número ou perfís profesionais propostos fosen determinantes da concesión da axuda, en virtude da puntuación outorgada a este criterio de valoración: reintegro do 100% da axuda concedida.

– se se incumpre a ratio mínima ou non se conta con ningún dos perfís profesionais sinalados no artigo 7.8: reintegro do 100% da axuda concedida.

– noutro caso, procederá o reintegro da parte proporcional, para o que se terá en conta o 50% do importe concedido para o cálculo correspondente ao número de efectivos, e o 50% para o correspondente ao número de perfís diferentes.

e) O incumprimento dos obxectivos de inserción laboral do programa.

– se os obxectivos propostos fosen determinantes da concesión da axuda en virtude da puntuación outorgada a este criterio de valoración, procederá o reintegro do 100% da axuda concedida.

– se as insercións conseguidas non alcanzan o 20% do número de participantes, procederá o reintegro do 100% da axuda concedida.

– noutro caso, procederá o reintegro da parte proporcional.

Para estes efectos, considerarase cumprido o obxectivo de inserción cando se acade a porcentaxe establecida para o número de participantes sinalados no programa. Se se supera o número de participantes previstos, a non obtención de insercións sobre os adicionais non se considerará incumprimento.

f) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 29.1.c) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, previstas nas letras f) e g) do artigo 29.1, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos; o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100% da subvención concedida.

g) O incumprimento da obriga de remitir o informe ao que se refire o artigo 24.c): reintegro do 10% da subvención concedida.

h) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5% da axuda concedida.

i) O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do rótulo visible ao público, conforme o previsto no artigo 29.1.h): reintegro do 2% da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a entidade beneficiaria para que nun prazo non superior a 15 días, emende o incumprimento, con expresa advertencia de que de non facelo se iniciará o expediente declarativo da procedencia do reintegro.

3. A entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso de financiamento, público ou privado, respecto do custo total da actividade subvencionada.

Cando se produza exceso das subvencións percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade, e estas fosen compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación. O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas.

No caso de que as subvencións percibidas fosen incompatibles, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o 100% da axuda concedida.

4. O procedemento de reintegro substanciarase conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo da posible cualificación dos feitos como infracción administrativa e incoación do expediente sancionador, de acordo cos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 26. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria ES82 2080 0300 8731 1006 3172

2. A entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

3. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

Artigo 27. Incompatibilidades

1. O importe das subvencións concedidas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, supere o custo da actividade subvencionada.

2. Esta subvención é incompatible coa percepción de axudas para o fomento de emprego polas persoas integrantes do equipo técnico, así como para a realización de programas e actividades ás que se imputen gastos deste persoal durante o mesmo período subvencionable.

Artigo 28. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

2. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e nas demais normas vixentes que resulten de aplicación.

3. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

CAPÍTULO II

Convocatoria plurianual (2020-2022)

Artigo 29. Convocatoria

Convócanse para os anos 2020, 2021 e 2022, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a realización do programa de posta a punto para o emprego para persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga, reguladas por esta orde.

Artigo 30. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 31. Período de execución

O período de execución de accións será o comprendido entre a data da notificación da resolución da axuda e o 30 de setembro de 2022.

Artigo 32. Prazos de xustificación

As entidades beneficiarias das axudas deberán presentar a documentación xustificativa das axudas segundo o sinalado nas bases reguladoras e a resolución de concesión. As datas máximas para a presentación desta documentación son as seguintes:

a) No caso de que se soliciten e aproben pagamentos anticipados:

– o 15 de febreiro de 2021 para a xustificación correspondente á anualidade 2020.

– o 15 de febreiro de 2022 para a xustificación correspondente á anualidade 2021.

– o 31 de outubro de 2022 para a xustificación correspondente á anualidade 2022.

b) No caso de que non se aproben pagamentos anticipados:

– o 15 de decembro de 2020 para a xustificación correspondente á anualidade 2020.

– o 15 de decembro de 2021 para a xustificación correspondente á anualidade 2021.

– o 31 de outubro de 2022 para a xustificación correspondente á anualidade 2022.

Artigo 33. Orzamento

1. O crédito asignado inicialmente a esta convocatoria é de 3.000.000 euros con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, aplicación orzamentaria 09.40.324C.481.7, código de proxecto 2019 00018, coa seguinte distribución por anualidades:

– 2020: 1.200.000,00 €

– 2021: 1.500.000,00 €

– 2022: 300.000,00 €

2. Esta orde queda supeditada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos exercicios orzamentarios do 2020, 2021 e 2022.

3. De conformidade co artigo 4 destas bases reguladoras, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan poderase aumentar o importe desta convocatoria.

Artigo 34. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, no momento da resolución.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias.

Disposición adicional segunda. Publicación na Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación

Disposición adicional terceira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Actividades incluídas dentro da consideración de “sectores estratéxicos”, segundo a clasificación do Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación Nacional de Actividades Económicas 2009 (CNAE-2009):

a) Silvicultura:

021 Silvicultura e outras actividades forestais.

022 Explotación da madeira.

023 Recolección de productos silvestres, agás madeira.

024 Servizos de apoio á silvicultura.

b) Sector de transformación da madeira:

161 Aserrado e cepillado da madeira.

162 Fabricación de produtos de madeira, cortiza, cestaría e espartaría.

c) Fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores:

261 Fabricación de compoñentes electrónicos e circuítos de impresos ensamblados.

262 Fabricación de ordenadores e equipos periféricos.

263 Fabricación de equipos de telecomunicacións.

d) Sector automoción:

291 Fabricación de vehículos de motor.

292 Fabricación de carrozarías para vehículos de motor; fabricación de remolques e semirremolques.

293 Fabricación de compoñentes, pezas e accesorios para vehículos de motor.

e) Sector naval:

301 Construcción naval.

f) Sector aeronáutico:

303 Construcción aeronáutica e espacial e a súa maquinaria.

g) Fabricación de mobles:

310 Fabricación de mobles.

h) Programas informáticos:

582 Edición de programas informáticos.

i) Telecomunicacións:

611 Telecomunicacións por cable.

612 Telecomunicacións inalámbricas.

613 Telecomunicacións por satélite.

619 Outras actividades de telecomunicacións.

j) Actividades relacionadas coa informática:

620 Programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática.

631 Procesos de datos, hosting e actividades relacionadas; portais web.

951 Reparación de ordenadores e equipos de comunicación.