Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2020 Páx. 4656

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Zas modificación substancial (repotenciación do parque eólico Zas), nos concellos de Santa Comba e Zas (A Coruña), promovido por EDP Renovables España, S.L.U. (IN661A 2018/2-1).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de EDP Renovables España, S.L.U. en relación coa declaración de utilidade pública do parque eólico Zas modificación substancial (en diante, o parque eólico), constan os seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 7.6.1996 a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar as instalacións electromecánicas, declarar a utilidade pública e aprobar o proxecto de execución do parque eólico denominado planta eólica de Zas (número de expediente 94/1994).

O 30.9.1998 a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio autorizou a posta en servizo das instalacións da mencionada planta eólica.

Segundo. O 15.2.2017 Desarrollos Eólicos de Galicia, S.A.U. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da repotenciación do parque eólico Zas, segundo o previsto no Decreto 138/2010, do 5 de agosto, polo que se establece o procedemento e as condicións técnico-administrativas para a obtención das autorizacións de proxectos de repotenciación de parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia. Coa dita solicitude o promotor achegou o anteproxecto de repotenciación, coa súa correspondente memoria ambiental.

Terceiro. O 23.11.2017 EDP Renovables España, S.L.U., solicitou a tramitación do expediente do parque eólico conforme a disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, así como a declaración de utilidade pública para o parque eólico.

Cuarto. O 11.12.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas autorizou a transmisión da titularidade dos parques eólicos de Desarrollos Eólicos de Galicia, S.A.U e Desarrollos Eólicos de Corme, S.A.U (sociedades absorbidas) a favor de EDP Renovables España, S.L.U. (sociedade absorbente).

Quinto. O 29.12.2017 o promotor solicitou a declaración de interese especial para o parque eólico. O 15.2.2018 o Consello da Xunta de Galicia declarou o proxecto do parque eólico como de interese especial.

Sexto. Por Acordo do 21 de marzo de 2018, da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, a Xefatura Territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 5.4.2018 e no xornal La Voz de Galicia do 3.4.2018. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios do concellos afectados (Zas, Santa Comba e Tordoia), da Xefatura Territorial, e da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

No anexo I desta resolución indícanse as alegacións presentadas durante este trámite de información pública, así como as achegadas durante o resto do procedemento. O contido destas alegacións resúmese no fundamento de dereito cuarto.

Sétimo. O 11.5.2018 a Xefatura Territorial informou de que a poligonal do parque eólico se atopaba afectada por dúas solicitudes de permisos de investigación de recursos da sección C: Pico de Meda nº 7067 e Zas nº 7122.

Oitavo. O 10.8.2018 a Dirección Xeral de Ordenación Forestal remitiu o informe do 18.6.2018 do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería do Medio Rural en que se conclúe que «non se prevén afeccións derivadas da execución do proxecto a montes catalogados de utilidade pública, montes veciñais en man común, montes de xestión pública, infraestruturas forestais relevantes, masas de especial valor de frondosas autóctonas, mouteiras selectas ou parcelas de experimentación».

Noveno. O 11.10.2018 a Xefatura Territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo. O 12.12.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico.

Décimo primeiro. O 28.12.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas outorgou as autorizacións administrativas previa e de construción para o parque eólico.

Décimo segundo. O 25.1.2019, o 9.5.2019, o 11.7.2019, o 30.9.2019, o 17.10.2019 e o 25.10.2019, como consecuencia das negociacións e acordos acadados con algunhas das persoas afectadas, o promotor actualizou a relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes,

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no artigo 44.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. No que respecta ás solicitudes de permiso de investigación da sección C indicadas no antecedente de feito sétimo, Monte da Meda nº 7067 e Zas nº 7122, considérase que, ao non existir un dereito mineiro outorgado, non se produce afección ningunha por parte do parque eólico e non procede, por tanto, o trámite de compatibilidade ou prevalencia establecido no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Cuarto. En relación coas alegacións presentadas, nelas maniféstase en síntese o seguinte:

– A Axencia Galega de Infraestruturas manifesta que, de acordo co establecido no artigo 47.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o promotor deberá obter, previa á execución das obras, a preceptiva autorización para a realización dos traballos descritos no proxecto que afectan a estrada autonómica AC-400.

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados (RBDA), maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, co tipo de aproveitamento, cos enderezos para os efectos de notificacións, etc.

– Desacordo coas compensacións pola utilización dos predios.

– Desacordo co prazo do trámite de información pública, posto que se entende que é de aplicación o Decreto 138/2010, do 5 de agosto, o cal establece o prazo dun mes, e non a Lei 5/2017, do 19 de outubro.

– O anuncio publicouse no xornal La Voz de Galicia, na edición de Carballo, a cal se distribúe no concello de Zas pero non no de Santa Comba, onde se agrupa aproximadamente o 80 % dos propietarios dos bens e dereitos afectados.

– Con respecto á relación de bens e dereitos afectados (RBDA) estase ocultando a situación xurídica dos terreos afectados, posto que no parque eólico de Zas existente na actualidade o promotor xa ten á súa disposición a práctica totalidade dos terreos que se pretenden expropiar, tendo subscrito contratos de arrendamento coa maioría dos propietarios. A estes contratos aínda lle quedan varios anos de vixencia (foron subscritos por un período de 25 anos, prorrogables por períodos sucesivos de 10 anos) e a súa finalidade é o desenvolvemento da mesma actividade para a cal se solicita a autorización. Por este motivo, enténdese que debe rexeitarse a declaración de utilidade pública.

Manifestase, así mesmo, o incumprimento do artigo 44.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, por parte da empresa solicitante, posto que solicita como de necesaria expropiación terreos de que xa dispón e, ademais, o dito precepto prohibe acudir á expropiación sen tentar previamente un acordo cos titulares.

– A empresa solicitante pretende a expropiación de novos predios sen presentar unha xustificación sobre a imposibilidade de executar o proxecto sobre aquelas parcelas de que xa dispón.

– Falta de información suficiente por parte da empresa ás persoas interesadas, especialmente tendo en conta a idade avanzada de moitas delas.

– O promotor indica no proxecto que non se desmantelarán aqueles vieiros que favorezan o acceso ás leiras e aos labores agrícolas, forestais ou gandeiros, pero non consensuou esta circunstancia cos afectados. Os planos presentados son confusos e resulta imposible determinar que camiños van permanecer e cales se van suprimir.

– De acordo coas carencias detectadas, solicítase un novo trámite de información pública e que se denegue a declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial e o estudo de impacto ambiental.

– Na solicitude do promotor non se tivo en conta o establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, polo que non se prevén as afeccións que se establecen nesta lei. Esta cuestión tampouco se tivo en conta nos informes emitidos sobre o impacto ambiental, cultural e turístico.

En vista destas carencias, procede que se denegue a declaración de utilidade pública e as autorizacións administrativas e que o promotor formule nova solicitude adaptando o proxecto á mencionada Lei 3/2007, do 9 de abril.

– O promotor ten subscritos numerosos contratos de arrendamento en vigor coa maioría dos propietarios do actual parque eólico Zas, os cales pretende renegociar e, ante a negativa dos propietarios, solicita da Administración a declaración de utilidade pública para que os terreos sexan expropiados. O presuposto da necesidade de ocupación que implica a DUP non se produce neste caso, posto que o promotor xa ten a posesión dos terreos.

Mencionan diversas sentenzas do Tribunal Supremo sobre supostos similares nas cales se establece a imposibilidade de declarar unha utilidade pública cando xa existe a plena dispoñibilidade dos terreos, así como a vinculación directa entre a utilidade pública e a necesidade de ocupación.

– Solicítase que se declare a caducidade do procedemento da declaración de utilidade pública, pois que se está a incumprir o establecido no artigo 88 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Basean esta afirmación en que a Resolución do 28 de decembro de 2018 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas non resolve todas as cuestión formuladas polo promotor, en concreto, o referente á solicitude da declaración de utilidade pública cando esta se realizou de forma simultánea á das autorizacións administrativas previa e de construción, dando lugar, a criterio das persoas alegantes, a un único expediente/procedemento autorizatorio, polo que a resolución correspondente ten que resolver de forma expresa todas as cuestión formuladas polo solicitante.

Visto o contido das alegacións e as respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

– En primeiro lugar, compre manifestar que o promotor deberá dar cumprimento ao establecido pola Axencia Galega de Infraestruturas, e obter, previa á execución das obras, a preceptiva autorización para a realización dos traballos que afecten a estrada autonómica AC-400.

– No que respecta ás alegacións referidas aos bens e dereitos afectados, maniféstase que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos achegados polas persoas alegantes relativas á titularidade e características dos bens e dereitos afectados, así como á magnitude das afeccións. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento ...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

Compre salientar neste punto que o promotor acadou acordos coa maioría das persoas afectadas, polo que o procedemento expropiador non vai ser necesario para a maior parte dos bens e dereitos afectados.

Para aquelas parcelas sobre as cales non se acadou acordo coas persoas propietarias, as cales se indican no anexo II desta resolución, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

– En relación co anterior, e en resposta ás alegacións en que se pon de manifesto que se pretende declarar a utilidade pública sobre terreos en que o promotor xa ten subscritos acordos, compre reiterar que o promotor acadou acordos coa maioría das persoas titulares de bens afectados, polo que esta resolución se aplicará á RBDA definitiva indicada no anexo II.

– No que respecta á falta de información ás persoas afectadas, considérase que o trámite de información pública e as notificacións individuais se efectuaron de acordo coa normativa de aplicación, dándolle a oportunidade a estas persoas de consultar o expediente e de obter por parte desta Administración a información necesaria.

– En relación coa conservación ou desmantelamento, segundo o caso, dos vieiros actuais, o promotor manifestou que tiña efectuado unha proposta para conservar aqueles que podían ser empregados polos veciños para accederen ás súas leiras. En calquera caso, salvo solicitude dos propietarios ao Concello, restituiranse os terreos ao seu estado primitivo unha vez obtida a autorización do órgano autonómico competente.

– No que respecta ás alegacións en que se manifesta que na tramitación do procedemento non se tivo en conta o establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, para os efectos da inclusión dos terreos correspondentes na relación de bens e dereitos afectados polo parque eólico, cómpre indicar que a tramitación do presente procedemento se iniciou con anterioridade á modificación da Lei 3/2007, do 9 de abril, introducida pola Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

En calquera caso, cabe reiterar que corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento ...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

– En relación coas alegacións en que se solicita a caducidade do procedemento de declaración de utilidade pública por incumprir o establecido no artigo 88 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, compre manifestar, en primeiro lugar, que a solicitude de autorización administrativa previa e de construción e a correspondente á declaración de utilidade pública non foron simultáneas, tal e como queda acreditado nos antecedentes de feito segundo e terceiro desta resolución.

Por outra parte, a Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se regula o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción, así como a declaración de utilidade pública, regula de forma independente estes procedementos, con excepción do que se refire ao trámite de información pública, para o cal prevé, no seu artigo 33.8, que se efectúe de forma simultánea no caso de que o promotor solicitase a declaración de utilidade pública, en concreto, xunto coas mencionadas autorizacións administrativas.

Tendo en conta estas cuestións, considérase que a normativa de aplicación permite resolver de forma independente os procedementos de autorización administrativa previa e de construción e o de declaración de utilidade pública.

– No que respecta ao prazo correspondente ao trámite de información pública, cómpre aclarar que o 15.2.2018 o Consello da Xunta de Galicia declarou o proxecto do parque eólico como de interese especial, polo que resulta de aplicación o establecido na disposición adicional primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro: «esta declaración (declaración de interese especial) terá como efectos a tramitación de forma prioritaria e co carácter de urxencia e a redución á metade dos prazos necesarios na instrución do procedemento da autorización administrativa previa e/ou de construción, así como dos prazos na instrución do procedemento de avaliación ambiental que sexa necesario. Así mesmo, reduciranse á metade os prazos necesarios na tramitación do proxecto sectorial».

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Zas modificación substancial (repotenciación parque eólico de Zas), segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO I

Alegacións presentadas durante a tramitación do procedemento

Axencia Galega de Infraestruturas, o 20.4.2018; María Martínez Fidalgo, o 11.4.2018; Juan Manuel Mallón García, o 13.4.2018; Francisco Rafael Gómez-Canoura e López, en calidade de administrador da parroquia de Santa María de Mira, o 24.4.2018; José Luis Negreira Pazos e Rosalía Carmen Andrade Souto, o 26.4.2018; Perfecto Fuentes Garrido, como presidente da Asociación de Veciños O Santiaguiño de Carreira, o 27.4.2018; Perfecto Fuentes Garrido, como presidente da Asociación de afectados por parque eólico Fonte do Xardín, o 26.4.2018; Josefa Pastoriza Mouro, o 27.4.2018; Rosalía Ferreiro Río, o 27.4.2018; Manuel Landeira Martínez, o 27.4.2018; herdeiros de José Espasandín Vilarnovo, o 27.4.2018; María Carmen Facal López, o 27.4.2018; Hilda García Velo, o 27.4.2018; María Encarnación Couto Martínez, o 27.4.2018; Josefina Rial Lois, o 27.4.2018; Natividad Velo Rey e outros, o 27.4.2018; María Soledad Busto Velo, o 27.4.2018; Evaristo Mourelle García, o 27.4.2018; Erminda Velo Domínguez, o 27.4.2018; herdeiros de José Andrade Espasandín, o 27.4.2018; Aurora García Rey, o 27.4.2018; herdeiros de José Lois Rey, o 27.4.2018; Lucinda García Rey, o 27.4.2018; Antonia Alcira Mourelle Facal, o 27.4.2018; José García Velo, o 27.4.2018; Luis Lois Rey, o 27.4.2018; herdeiros de Josefa Velo Bustelo, o 27.4.2018; Florinda Pastoriza Río, o 27.4.2018; Mercedes Soto Suárez, o 27.4.2018; Benigno Ferreiro Vilar, o 27.4.2018; Francisca Calvo Pastoriza, o 27.4.2018; herdeiros de Domingo Pastoriza Mourelle, o 27.4.2018; Daniel Río Facal, o 27.4.2018; Carmen Abelenda Facal, o 27.4.2018; José Martínez Romar, o 27.4.2018; Benedicta Landeira Facal, o 27.4.2018; herdeiros de Manuel Facal López, o 27.4.2018; herdeiros de Josefa Ferreiro Lois, o 27.4.2018; Clementina Rial Lois, o 27.4.2018; herdeiros de Florinda Ferreiro Lois, o 27.4.2018; Josefina Río Facal e outros, o 27.4.2018; herdeiros de Evangelina Calvo Pastoriza, o 27.4.2018; María Florinda García Calvo, o 27.4.2018; Luis Manuel Espasandín Abelenda, o 27.4.2018; Juan Manuel Mallón García, o 27.4.2018; Manuel Varela García, o 27.4.2018; María del Pilar Moreira Pose, o 27.4.2018; Mercedes Espasandín Rial, o 27.4.2018; Carmen Souto Espasandín, o 27.4.2018; Carmen Erundina Domingo Facal, o 27.4.2018; Maximino Lema Garrido, o 27.4.2018; Dolores Calvo García, o 27.4.2018; José Rama Rellán, o 27.4.2018; Ramiro Domínguez Facal, o 27.4.2018; Manuel Agapito Rodríguez Carril, o 27.4.2018; Divina Pérez Mourelle, o 27.4.2018; Leonor García López, o 27.4.2018; herdeiros de María Leonor Pérez García, o 27.4.2018; herdeiros de María Gerpe Facal, o 27.4.2018; José Bouzas Facal, o 27.4.2018; herdeiros de Clarisa Castro Mata, o 27.4.2018; Josefina Varela García, o 27.4.2018; herdeiros de Francisco Blanco Espasandín, o 27.4.2018; José Antonio Miranda Miranda, o 27.4.2018; herdeiros de Encarnación López Romero, o 27.4.2018; Ramiro Miranda Montes, o 27.4.2018; Maximino Lema López, o 27.4.2018; Basilisa López Mato, o 27.4.2018; José Rial Castiñeira, o 27.4.2018; herdeiros de Maximino Lema Castro, o 27.4.2018; Carmen Bouzas Calvo, o 27.4.2018; Domitila Fariña Gerpe, o 27.4.2018; herdeiros de Hermosinda Mato Gerpe, o 27.4.2018; Lucinda Espasandín Baña, o 25.4.2018; Leonor García López, o 14.8.2018; José Martínez Romar, o 21.8.2018; Antonio Vidal Saleta, como presidente da Asociación de Veciños Eduardo Pondal, o 20.9.2018 e o 2.10.2018; Lucinda Espasandín Baña, o 5.10.2018; Gloria Gerpe Rodríguez, o 14.3.2019; Félix Casado Castiñeiras, o 22.7.2019 e o 11.9.2019.

ANEXO II

Relación de bens e dereitos afectados polo parque eólico

Parcela

Propietario

Afecciones (m2)

Datos catastrais

Pleno dominio

Servidume de paso

Servidume de voo

Ocupación

Concello

Pol.

Parc.

Lugar

Cim.

Plat.

Torre
meteo.

Vieiro

Gabia

58

Santa Comba

22

3220

Camposa de Irene

Herdeiros de Alfonso Pastoriza Mourelle

 

 

 

112,40

14,10

 

48,33

176-1

Zas

45

188

Meixoadas

Ferreiro González Maximino
Espasandín Baña Lucinda

 

 

 

283,60

12,18

 

31,00

184

Zas

45

140

Cami o Ped

Ferreiro González Maximino
Espasandín Baña Lucinda

 

 

 

158,70

33,57

 

91,55

195

Zas

45

150

Onza Negra

García Rial Erundina

 

 

 

344,30

24,64

 

55,35

204

Zas

45

159

Chan do Monte

Ferreiro González Maximino
Espasandín Baña Lucinda

 

169,20

 

 

 

1.178,00

 

241

Santa Comba

5

1389

Caton de Canle Bo

Fariña Gerpe Domitila

 

 

 

131,20

13,91

 

47,12