Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Luns, 17 de febreiro de 2020 Páx. 10597

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 8 de xaneiro de 2020 pola que se establecen os formularios normalizados que se empregarán en determinados procedementos en materia de mobilidade, infraestruturas e augas (códigos de procedemento IF321A, IF321B, IF321C, IF321D, IF321E, IF321F, IF321G e IF321H).

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, introduce importantes novidades respecto da tramitación electrónica dos procedementos administrativos, que pasa a constituír o xeito ordinario de actuación das administracións públicas, para cumprir co obxectivo de servir mellor aos principios de eficacia, eficiencia, ao aforro de custos, ás obrigas de transparencia e ás garantías dos cidadáns.

Esta lei configura a utilización de medios electrónicos como unha posibilidade para as persoas físicas que así o desexen, pero tamén como unha obriga para as persoas xurídicas e outros colectivos segundo o establecido no seu artigo 12. Colectivo que o artigo 10 da Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, amplía aos traballadores autónomos e aos seus representantes.

No ámbito de competencias da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, os procedementos de responsabilidade patrimonial e os recursos administrativos, en materia de infraestruturas, mobilidade e augas, non contan con formularios normalizados específicos para a súa tramitación. Para facilitar a presentación electrónica de trámites nos referidos procedementos, cómpre elaborar os formularios normalizados que empregará a parte reclamante ou parte recorrente, para os procedementos que corresponda.

Ademais, no ámbito específico da Dirección Xeral de Mobilidade, créanse novos formularios para a achega de datos relativos aos contratos de concesión de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada, solicitude de alta, baixa e modificación de persoal acompañante e de comunicación de pagamentos, cesións de dereitos de cobramento e información relativa á explotación de concesións de servizo público de transporte.

Por outra banda, a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece a necesidade de autorización administrativa do titular da estrada para a realización de obras nas zonas de dominio público viario e nas súas zonas de protección. As modificacións introducidas pola Lei de medidas fiscais e administrativas para o ano 2020 na Lei de estradas de Galicia prevén a presentación dunha declaración responsable para a realización de obras menores de conservación e mantemento das edificacións, instalacións e peches sitos na zona de servidume ou na zona de afección da estrada, o que supón unha excepción ao réxime xeral de autorización administrativa. Polo que é necesario habilitar electronicamente este procedemento e establecer o formulario normalizado de declaración responsable no ámbito das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que debe presentarse, co fin de facilitar a súa tramitación, tanto electrónica como presencial.

Os formularios estarán accesibles na sede electrónica da Xunta de Galicia e, ademais, terán un enlace desde a propia páxina web da consellería.

Na súa virtude, e no uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e de conformidade co establecido na disposición derradeira segunda do Decreto 172/2018, do 20 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto aprobar os formularios normalizados que se empregarán en determinados procedementos, en materia de infraestruturas, mobilidade e augas.

2. Os devanditos procedementos habilitaranse na Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia co seguinte código:

a) IF321A. Reclamación de responsabilidade patrimonial en materia de infraestruturas, mobilidade e augas (anexo I).

b) IF321B. Recurso en materia de infraestruturas (anexo II).

c) IF321C. Recurso en materia de mobilidade (anexo III).

d) IF321D. Recurso en materia de augas (anexo IV).

e) IF321E. Comunicación de datos relativos a contratos de concesión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada (anexo V).

f) IF321F. Solicitude de baixa/modificacións de persoal acompañante adscrito á concesión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada (anexo VI).

g) IF321G. Comunicación de información relativa a pagamentos, cesións de dereitos de cobramento e información relativa á explotación de concesións de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada (anexo VII).

h) IF321H. Declaración responsable para a realización de obras menores de conservación e mantemento das edificacións, instalacións e peches sitos na zona de servidume ou na zona de afección das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia (anexo VIII).

Artigo 2. Forma de presentación

1. As reclamacións de responsabilidade patrimonial (IF321A), os recursos (IF321B, IF321C e IF321D) e a declaración responsable (IF321H) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, os titulares ou solicitantes das autorizacións e habilitacións reguladas na Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, os traballadores autónomos para os trámites e actividades que realicen non exercicio da súa actividade profesional e as persoas representantes dunha das anteriores.

A declaración responsable (IF321H) presentarase cunha antelación mínima de 15 días ao inicio das obras, ao abeiro do disposto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

2. As comunicacións (IF321E e IF321G) e solicitudes (IF321F) relativas aos contratos de concesión de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

3. Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa documentación presencialmente, requiriráselle para que a emende mediante a súa presentación por medios electrónicos. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude ou recurso aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación de documentación relativa aos procedementos que regula esta orde poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes, as declaracións responsables e os recursos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora destes procedementos, antes descritos, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos

1. Nos procedementos IF321A Reclamación de responsabilidade patrimonial en materia de infraestruturas, mobilidade e augas, as persoas interesadas deberán achegar xunto co formulario contido no anexo I, a seguinte documentación:

a) Reclamación de responsabilidade patrimonial.

b) Acreditación da representación da persoa comparecente, de ser o caso, por algún dos seguintes medios:

1º. Poder notarial de representación. No suposto de suxeitos obrigados a relacionarse electronicamente coa Administración, o poder notarial deberá constar en documento electrónico ou en caso de carecer del, achegar recibo de presentación de poder notarial en soporte papel para a súa dixitalización nunha Oficina de atención á cidadanía e rexistro.

2º. Xustificante da presentación na Oficina de atención á cidadanía e rexistro do poder de representación para a súa dixitalización e presentación.

3º. Poder apud acta ou acreditación da súa inscrición no rexistro electrónico de apoderamentos da Administración pública competente.

c) Documento/s que acredite/n a lexitimación da persoa solicitante cando a posúa porque lla transmitiu outra por herdanza ou por calquera outro título.

d) Xustificante da presentación na Oficina de atención á cidadanía e rexistro doutra documentación cuxa presentación en sede electrónica non sexa posible.

e) Documentación acreditativa da realidade do dano (atestados, dilixencias, informes, etc.).

f) Documentación acreditativa da valoración do dano (facturas, orzamentos, informes periciais...).

g) Outra documentación que se considere conveniente.

2. Nos procedementos IF321B Recurso en materia de infraestruturas, IF321C Recurso en materia de mobilidade e IF321D Recurso en materia de augas, as persoas interesadas deberán achegar xunto co formulario contido nos anexos II, III e IV respectivamente, a seguinte documentación:

a) Texto do recurso.

b) Acreditación da representación da persoa comparecente, de ser o caso, por algún dos seguintes medios:

1º. Poder notarial de representación. No suposto de suxeitos obrigados a relacionarse electronicamente coa Administración, o poder notarial deberá constar en documento electrónico ou en caso de carecer del, achegar recibo de presentación de poder notarial en soporte papel para a súa dixitalización nunha Oficina de atención á cidadanía e rexistro.

2º. Xustificante da presentación na Oficina de atención á cidadanía e rexistro do poder de representación para a súa dixitalización e presentación.

3º. Poder apud acta ou acreditación da súa inscrición no rexistro electrónico de apoderamentos da Administración pública competente.

c) Documento/s que acredite/n a lexitimación da persoa solicitante cando a posúa porque lla transmitiu outra por herdanza ou por calquera outro título.

d) Xustificante da presentación na Oficina de atención á cidadanía e rexistro doutra documentación cuxa presentación en sede electrónica non sexa posible (por exemplo: discos diagrama en formato papel).

e) Outra documentación que se considere conveniente.

3. No procedemento IF321E Comunicación de datos relativos a contratos de concesión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada, as persoas interesadas deberán achegar, xunto co formulario contido no anexo V, segundo sexa o caso, a seguinte documentación:

a) Copias das altas na Seguridade Social.

b) Certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.

c) Memoria xustificativa.

d) Mostra de maquetas ou patróns dos elementos obxecto da dita venda ou publicidade.

e) Mostra da imaxe aplicable aos vehículos.

f) Documento acreditativo da representación por calquera medio válido en dereito.

g) Relación de vehículos e contratos (para utilización do mesmo vehículo en distintos contratos).

h) Xustificación das circunstancias nas que se produciu a non prestación do servizo a escolares con dereito a reserva de praza.

i) Outra documentación que considere conveniente.

4. No procedemento IF321F Solicitude de baixa/modificacións de persoal acompañante adscrito á concesión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada, as persoas interesadas deberán achegar xunto co formulario contido no anexo VI, a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa.

b) Documento acreditativo da representación por calquera medio válido en dereito.

c) Copias das altas na Seguridade Social.

d) Certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.

e) Documento anexo cuberto extraído da aplicación «Oficina do Transporte» (https://oficinadotransporte.xunta.gal).

f) Xustificante de aboamento da taxa código 31.01.07 «Actuacións relativas ás concesións de servizos de transporte regular de uso xeral por estrada: xestións por iniciativa do concesionario relativas a actuacións sobre os contratos de concesión de servizos de transporte agás procedementos automatizados».

g) Outra documentación que considere.

5. No procedemento IF321G Comunicación de información relativa a pagamentos, cesións de dereitos de cobro e información relativa á explotación de concesións de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada, as persoas interesadas deberán achegar xunto co formulario contido no anexo VII, segundo sexa o caso, a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representación por calquera medio válido en dereito.

b) Acordo de cesión de dereito de cobramento.

c) Ficheiro Excel anexo I coa información relativa á explotación do servizo segundo modelo aprobado pola dirección xeral con competencia en materia de transportes.

d) Ficheiro Excel anexo II coa información relativa á explotación do servizo segundo modelo aprobado pola dirección xeral con competencia en materia de transportes.

e) Ficheiros TGD coa información relativa aos tacógrafos correspondentes ao período referido.

f) Xustificante do cumprimento dos pagamentos aos contratistas dentro dos prazos de pagamento legalmente establecidos no artigo 216 LCSP e na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

g) Outra documentación que considere conveniente.

6. No procedemento IF 321H Declaración responsable para a realización de obras menores de conservación e mantemento das edificacións, instalacións e peches sitos na zona de servidume ou na zona de afección das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, as persoas interesadas deberán achegar xunto co formulario contido no anexo VIII, a seguinte documentación:

a) Documentación que acredite a representación do declarante, de ser o caso.

b) Descrición detallada ou memoria explicativa da actuación que se pretende realizar, que especifique todos os datos necesarios para definir claramente a actuación, así como que permita a súa correcta localización no terreo, e que poderá tamén incluír planos, esbozos, esquemas, entre outros.

c) Calquera outra que o declarante considere necesario presentar.

7. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

8. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica das solicitudes, recursos e comunicacións. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da reclamación, recurso, solicitude ou comunicación deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas, especialmente os documentos identificativos (DNI/NIE para persoas físicas e NIF para persoas xurídicas), tanto da persoa solicitante, recorrente ou declarante como das representantes.

2. Para a tramitación dos procedementos de responsabilidade patrimonial IF321A, o interesado poderá autorizar a consulta da historia clínica, limitada aos danos persoais alegados, de ser o caso.

3. Para a tramitación do procedemento IF321E Comunicación de datos relativos a contratos de concesión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada, o interesado poderá autorizar a consulta dos datos dos vehículos na aplicación Sitran-Gestión.

4. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

5. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

De acordo co disposto no artigo 146 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, as notificacións de recursos fronte a resolucións sancionadoras en materia de mobilidade, aos titulares de autorizacións administrativas de transportes, efectuaranse no enderezo electrónico que figure no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte.

As notificacións de recursos fronte a resolucións sancionadoras en materia de mobilidade, dirixidas a titulares de autorizacións administrativas de transportes, efectuaranse no enderezo electrónico que figure no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte, de acordo co disposto no el artigo 146 de la Lei 16/1987, do 30 de xullo.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Aos concesionarios de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada poderanse realizar as notificacións relacionadas cos correspondentes contratos, a través da aplicación tecnolóxica prevista para o efecto, de acordo co previsto nos pregos de condicións que rexen os ditos contratos.

Artigo 6. Resolución de procedementos

1. O prazo para resolver o procedemento de reclamación de responsabilidade patrimonial (IF321A) é de seis meses. Transcorrido este prazo contado desde o día seguinte ao da presentación da reclamación de responsabilidade patrimonial sen que se notificase a súa resolución, a persoa interesada poderá considerala desestimada para os efectos de formular un recurso potestativo de reposición ou un recurso contencioso-administrativo.

2. O prazo para resolver os recursos (IF321B, IF321C e IF321D) de alzada e revisión é de tres meses e o prazo para resolver o recurso de reposición é de un mes. Transcorridos estes prazos sen que se notificase a súa resolución, a persoa interesada poderá considerar desestimado o recurso para os efectos de formular un recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo do disposto no artigo 24.1 in fine da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas respecto dos efectos do dobre silencio no recurso de alzada, segundo os casos.

3. O prazo para resolver as solicitudes de baixas e modificacións do persoal acompañante (IF321F) é de seis meses. Transcorrido o dito prazo, sen que se notificase a súa resolución, a persoa interesada poderá considerala como desestimada para os efectos de formular recurso.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de reclamacións, recursos, solicitudes, declaracións responsables e comunicacións

1. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelle ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. No caso do procedemento IF321H Declaración responsable, logo de rematadas as obras o declarante deberá comunicar ao servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas a súa finalización no prazo de 15 días.

Artigo 8. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia e Axencia Galega de Infraestruturas, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia, así como ás entidades coas que a Xunta de Galicia teña concertado un contrato de seguro para a cobertura dos riscos de responsabilidade patrimonial da administración da Comunidade Autónoma de Galicia, cando sexa o caso.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Co fin de darlle a publicidade exixida aos procedementos, os datos identificativos das persoas interesadas poderán ser publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición transitoria única. Contratos en situación de continuidade na explotación segundo o artigo 3 da Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia

Para os concesionarios de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada que se atopen en continuidade na explotación, ao abeiro da previsión do artigo 3 da Lei 10/2016, do 19 de xullo, serán de uso obrigatorio os procedementos previstos nesta orde, na medida en que lles sexan aplicables de acordo coas súas propias obrigas contractuais.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020

Ethel Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file