Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Luns, 17 de febreiro de 2020 Páx. 10595

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 17/2020, do 16 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello da Estrada da estrada provincial EP-7021 Berres-Vilancosta.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello da Estrada solicitou á Deputación Provincial de Pontevedra o cambio de titularidade da estrada EP-7021, unha vez que a Deputación leve a cabo as obras recollidas no proxecto denominado Mellora da seguranza viaria na EP-7021 Berres-Vilancosta. A dita estrada discorre polo concello dando acceso ao lugar de Vilancosta desde o lugar de Berres, separados por unha distancia de 1.260 metros.

A Deputación Provincial de Pontevedra no Pleno da Corporación Provincial levado a cabo o día 28 de decembro de 2018 aceptou o cambio de titularidade proposto.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de xaneiro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello da Estrada da estrada provincial EP-7021 Berres-Vilancosta.

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello da Estrada deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre Concello e Deputación.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello da Estrada, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xaneiro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade