Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 20 de febreiro de 2020 Páx. 12370

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2020, conxunta da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

O Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, establece que á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, como órgano de dirección da Consellería de Política Social, lle corresponderán as seguintes funcións no marco do establecido na Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia:

A xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.

a) A planificación en materia de xuventude, especialmente a través do Plan estratéxico de xuventude de Galicia, así como a coordinación na elaboración, execución e avaliación das políticas transversais de xuventude.

b) O fomento da participación da xuventude na vida social, especialmente mediante o asociacionismo xuvenil e a participación no Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

c) A coordinación e a supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto as propias da consellería como as dependentes doutras entidades, e a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade.

d) O fomento da mobilidade xuvenil, dos intercambios xuvenís, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia como no resto do Estado e no ámbito internacional.

e) A organización e o funcionamento do Instituto da Xuventude de Galicia e, no seo deste, da Escola Galega de Xuventude.

f) O seguimento na xestión da Rede galega de información xuvenil e a súa promoción e desenvolvemento, en coordinación cos centros de información da Administración xeral do Estado e das comunidades autónomas, velando pola prestación dun servizo innovador e de calidade.

g) A coordinación das funcións informativas e de documentación dos servizos da Rede galega de información xuvenil e a coordinación dos servizos prestados na Rede galega de centros de xuventude. Espazo Xove.

h) A xestión do rexistro autonómico das entidades xuvenís, nos termos que establece a Lei 6/2012, de xuventude de Galicia, e todas aquelas actuacións que deriven da aplicación da citada lei.

i) A dirección e xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, da xestión dos órganos colexiados e todas aquelas actuacións en aplicación da Lei galega 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

j) A elaboración do anteproxecto de orzamento e a memoria de funcionamento correspondente ao órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

A Consellería de Política Social e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia asinaron o 27.1.2020 un acordo de colaboración para o inicio de prestación dos servizos de interoperabilidade para a consulta de datos do Carné Xove a través do nodo de interoperabilidade de Galicia, PasaXe!.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, só Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, se é o caso, para a actuación administrativa automatizada. Asimesmo o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado:

a) A emisión de certificados en que conste a información sobre Carné Xove emitidos pola Xunta de Galicia a través da plataforma de interoperabilidade PasaXe!.

Segundo. Os órganos responsables en relación coa actuación administrativa automatizada relacionada no punto anterior serán:

a) A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se e o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE, PARTICIPACIÓN E VOLUNTARIADO» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso corresponderá á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na Declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

c) Nome do selo: DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE, PARTICIPACIÓN E VOLUNTARIADO.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE, PARTICIPACIÓN E VOLUNTARIADO» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e a realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte á actuación e procedemento mencionados.

Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico denominado «DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE, PARTICIPACIÓN E VOLUNTARIADO» sempre e cando continúe vixente a actuación administrativa automatizada declaradas nesta resolución.

Sexto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2020

Cristina Pichel Toimil
Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia