Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 24 de febreiro de 2020 Páx. 13123

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca para o ano 2020 o programa de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior (código de procedemento PR930A).

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade; as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e tempo libre dirixidas á xuventude do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos nos programas e servizos a favor da xuventude.

Para acadar esta finalidade cóntase coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Para a realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e na demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular as axudas correspondentes ao programa Conecta con Galicia para o ano 2020. Este programa ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria destas axudas para o ano 2020, procedemento PR930A.

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web http://emigracion.xunta.gal.

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes, que serán incorporadas ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co tratamento previsto no artigo 14 desta orde.

Artigo 2. Número de prazas convocadas e características

O programa Conecta con Galicia desenvolverase na modalidade ao aire libre.

1. Convócanse 174 prazas, para mozos e mozas residentes fóra de Galicia, con idades comprendidas entre os 15 e os 20 anos, en dúas quendas de 14 días de duración cada unha, durante o mes de xullo, en residencias e albergues xuvenís situados en Galicia dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, xunto con mozos e mozas residentes en Galicia, para a realización das seguintes actividades:

a) Cultura e camiño. As persoas participantes aloxaranse, preferentemente, nas residencias xuvenís LUG II en Lugo e Florentino López Cuevillas en Ourense, participarán en actividades para coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas e percorrerán o Camiño de Santiago en diferentes etapas ata chegar a Compostela.

b) O mar de Galicia. Aloxaranse en zona de costa, preferentemente, no albergue xuvenil Gandarío en Bergondo (A Coruña), onde realizarán actividades de náutica, de recreo e de coñecemento do medio mariño.

c) Visitas a empresas punteiras de Galicia.

A distribución do número de prazas para cada país de orixe, idades e quendas detállase no anexo I.

2. A Consellería de Política Social colaborará na execución deste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas, así como os medios de desprazamento das persoas beneficiarias das actividades ao aire libre desde os aeroportos de chegada a Galicia ata a instalación que lles sexa asignada.

3. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe e dos traslados aéreos das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes de ida e volta en avión, segundo o número de prazas que figuran no anexo I, agás para as persoas participantes procedentes do resto de comunidades autónomas do Estado español. Estas viaxes serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres en Galicia de todas as persoas participantes que realicen un retorno inmediato desde a instalación en que rematen a actividade ata o aeroporto de saída.

4. Os grupos procedentes de países con 12 ou máis participantes por quenda poderán viaxar, coa conformidade dos pais ou titores dos menores, con acompañantes que serán propostos pola Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, no caso de Arxentina, pola Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo, no caso de Uruguai, e polas respectivas entidades colaboradoras previstas no artigo 4.1, nos demais países.

5. Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados/as asistirán ás sesións informativas que se realicen nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e das actividades que se van desenvolver no programa en particular. Tamén serán informados/as das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias ou albergues en que que serán aloxados/as.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a súa residencia habitual fóra de Galicia.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.

c) Ter a nacionalidade española.

d) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para aquelas persoas solicitantes que teñan 18 ou máis anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Este requisito non será exixible ás persoas participantes procedentes do resto de España.

e) As persoas participantes nas actividades deberán ter, o 30 de xuño de 2020, unha idade comprendida entre os 15 e os 20 anos.

f) Non ter participado en edicións anteriores deste programa.

g) Para as prazas financiadas ao 100 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a dúas veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria. Para as persoas solicitantes residentes en Cuba, os ingresos non poderán ser superiores á prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o ano desta convocatoria.

Para as prazas financiadas ao 50 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a catro veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria.

Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto neles, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.

Para o resto das prazas non se establecerá límite de ingresos.

2. Terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

3. A unidade económica familiar estará integrada pola persoa solicitante, os pais e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao que convivan con ela, así como, se é o caso, o cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

• No Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

• En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

• En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Na súa solicitude as persoas farán constar a súa preferencia para o regreso en función da quincena en que vaian participar.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

b) Documentación acreditativa do nacemento en Galicia ou da ascendencia galega que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.

c) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, en que conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás para os residentes no resto de España.

d) Unha fotografía recente tamaño carné.

e) Para as persoas participantes procedentes do resto de España, un certificado de residencia.

f) Un certificado médico, conforme o modelo oficial que figura como anexo IV, de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa e de ser apto para participar, con normalidade, en actividades recreativas e deportivas.

g) Para as persoas participantes que opten por prazas financiadas ao 100 % ou ao 50 % pola Administración, unha certificación ou un xustificante acreditativo dos ingresos brutos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciban as persoas interesadas e os membros da súa unidade económica familiar. No caso de imposibilidade xustificada de presentar esta documentación, poderá constituír documentación suficiente unha declaración responsable das persoas integrantes da unidade económica familiar.

No caso de que os membros que convivan coa persoa solicitante non teñan ingresos económicos deberán xustificalo (certificación negativa do ANSES para os maiores de 18 anos que sexan residentes na Arxentina) ou, se non é posible, deberán entregar unha declaración responsable de que non perciben ingresos de ningún tipo.

h) As persoas solicitantes menores de idade deberán presentar unha autorización expresa asinada polos pais ou titores legais para viaxar soas e para a súa asistencia á actividade conforme o modelo que figura como anexo III.

i) Unha autorización asinada polos pais ou titores legais para as persoas solicitantes menores de idade que desexen quedar coa súa familia en Galicia ao remataren a actividade, indicando os datos dos familiares responsables que se farán cargo delas, conforme o modelo que figura como anexo III.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos poderán presentalos de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente o DNI da persoa solicitante, no caso de que dispoña deste documento, e os datos oficiais acreditativos de que a persoa solicitante, que ten 18 anos ou máis e non reside en España, se atopa vinculada con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia fixese imposible a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Tramitación, procedemento e réxime de concesión

1. A ordenación e instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas.

2. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas por países, sinalando as causas de exclusión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de 50 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

3. As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles, desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais (http://emigracion.xunta.gal), para formular as alegacións que consideren oportunas e para emendar a solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión, consideraranse desistidas da súa petición e procederase ao arquivamento do seu expediente nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Transcorrido este prazo, elaboraranse as listas definitivas de solicitudes admitidas e excluídas, que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal) e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

5. Nos seguintes días elaborarase unha relación de persoas seleccionadas atendendo aos seguintes criterios:

– En primeiro lugar, serán seleccionadas aquelas persoas emigrantes galegas; de quedaren prazas vacantes, serán seleccionados os fillos e fillas destas persoas e así sucesivamente ata o terceiro grao de descendentes de persoas emigrantes galegas.

– O criterio de prelación, dentro de cada grao de parentesco, sería o de maior idade; de ter a mesma idade, o empate resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser este igual, polo segundo, a partir da letra resultante do sorteo que ten lugar anualmente en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

As prazas que queden vacantes á vista da relación do punto anterior poderán ser distribuídas proporcionalmente, pola Secretaría Xeral da Emigración, entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación co tipo de prazas ofertadas, e no correspondente tramo de idade, ata un máximo dun 25 % do total das prazas.

Publicada a relación definitiva de persoas beneficiarias na páxina web
(http://emigracion.xunta.gal), as persoas interesadas que queiran modificar as datas de retorno disporán de tres días hábiles para modificalas. Non será admisible ningún outro cambio a partir desa data, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas exclusivamente pola Secretaría Xeral da Emigración.

6. As persoas solicitantes admitidas e que non sexan seleccionadas pasarán a unha lista de reservas na orde resultante da aplicación dos criterios de selección anteriormente expostos e poderán substituír aquelas seleccionadas que renuncien á praza, nas condicións que determine a Secretaría Xeral da Emigración, para non prexudicar o desenvolvemento normal do programa.

7. Aquelas persoas solicitantes que foron seleccionadas no ano anterior ao da presente convocatoria e que non chegaron a viaxar sen xustificar previamente a súa ausencia considerarase como se participasen na última convocatoria.

8. Este programa de axudas queda condicionado á programación que para este tipo de actividades elabore a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

9. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

10. O prazo máximo para resolver será de 3 meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse rexeitadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Comisión avaliadora

1. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. Este órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para as solicitudes presentadas na Arxentina e Uruguai poderanse crear comisións de avaliación, presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo respectivamente. Para as solicitudes presentadas no Brasil, Cuba e Venezuela, poderanse crear comisións de avaliación, presididas por unha persoa funcionaria técnica da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por persoal técnico das delegacións, no caso da Arxentina e Uruguai e, no caso de todos os países citados, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedores da realidade social en que residen, viven e se desenvolven as persoas solicitantes. Estas comisións avaliarán as solicitudes tendo en conta o previsto nos artigos 3 e 4.

3. Os expedientes que non fosen examinados polas comisións mencionadas no punto 2, serano pola Comisión de Avaliación indicada no punto 1 e tendo en conta o previsto nos artigos 3 e 4.

4. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera, poderá encargar informes socioambientais que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes e que deberán realizar profesionais titulados. Os resultados obtidos serán tidos en conta na avaliación das solicitudes e, se é o caso, darán lugar ao rexeitamento da solicitude.

5. Unha vez examinados os expedientes polas comisións previstas nos puntos anteriores, a Comisión de Avaliación citada no punto 1 elaborará un informe que elevará ao órgano instrutor para que formule a correspondente proposta de resolución.

O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe da comisión avaliadora, formulará a correspondente proposta de resolución provisional debidamente motivada, que se notificará ás persoas interesadas mediante a súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal) co fin de que no prazo de 10 días presenten as alegacións oportunas.

No caso de que no procedemento non se tivesen en conta outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas, poderase prescindir deste trámite de audiencia e, neste caso, a proposta de resolución terá o carácter de definitiva e elevarase á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que ditará a resolución que corresponda.

Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polas persoas interesadas, formularase a correspondente proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que ditará a resolución que corresponda.

6. Unha vez realizada a selección de persoas beneficiarias, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará as resolucións oportunas e publicarase na páxina web (http://emigracion.xunta.gal) a relación de persoas beneficiarias, que tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

7. O funcionamento da Comisión de Valoración rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Con carácter xeral, as persoas adxudicatarias das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto ás recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas adxudicatarias das prazas quedan obrigadas a respectar as normas de réxime interno das residencias e albergues, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia a expulsión da actividade e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.

3. No caso de baixa ou renuncia ao programa, as persoas beneficiarias deberán comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de 15 días antes da viaxe, a causa da renuncia. No caso de que non comuniquen a súa baixa ou renuncia con antelación á viaxe, poderán ser penalizadas con non ser beneficiarias de edicións futuras do programa.

Artigo 12. Concorrencia de axudas, seguimento e modificación da resolución

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que lle poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo a persoa beneficiaria.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar estas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos na correspondente convocatoria anual e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas, e a Secretaría Xeral da Emigración poderá adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

4. Procederá o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora ao beneficiario da axuda, nos casos de incumprimento das bases da convocatoria nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Nos supostos en que se declare a procedencia do reintegro considerarase como cantidade recibida, que haberá que reintegrar, o importe dos billetes pagados pola Secretaría Xeral da Emigración xunto cos correspondentes xuros de demora de acordo co establecido no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta convocatoria.

Artigo 13. Financiamento

As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan aos participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Este expediente tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, posto que existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2020. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Artigo 14. Información básica sobre a protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Secretaría Xeral da Emigración coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio dos poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

A persoa solicitante deberá indicar na solicitude que presta o seu consentimento para que lle sexa remitida información doutros programas ou futuras accións promovidas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Os datos das persoas beneficiarias da subvención incorporaranse ao Rexistro Público de Subvencións da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Secretaría Xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no caso de que a resolución non sexa expresa, o recurso poderá interpoñerse desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2019

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I

A asignación do número de prazas en actividades ao aire libre queda fixada para o ano 2020 do seguinte xeito:

Prazas actividades ao aire libre 2020 (15-17 anos)

País

Quendas

Financiamento

1ª quenda

2ª quenda

Total

100 %

50 %

0 %

Total

Arxentina

14

15

29

13

12

4

29

Brasil

-

5

5

3

1

1

5

Cuba

-

-

0

-

-

-

0

Uruguai

17

2

19

10

6

3

19

Venezuela

-

9

9

9

-

-

9

Resto de América

3

3

6

3

2

1

6

Resto de España

2

2

4

-

-

4

4

Resto de Europa

1

1

2

-

1

1

2

Totais

37

37

74

38

22

14

74

Prazas actividades ao aire libre 2020 (18-20 anos)

País

Quendas

Financiamento

1ª quenda

2ª quenda

Total

100 %

50 %

0 %

Total

Arxentina

19

15

34

17

13

4

34

Brasil

3

4

7

4

2

1

7

Cuba

-

7

7

7

-

-

7

Uruguai

10

4

14

10

3

1

14

Venezuela

5

13

18

18

-

-

18

Resto de América

4

2

6

2

2

2

6

Resto de España

5

5

10

-

-

10

10

Resto de Europa

2

2

4

-

2

2

4

Totais

48

52

100

58

22

20

100

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file