Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Xoves, 5 de marzo de 2020 Páx. 14884

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se inclúe no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o Seminario Menor da Asunción, no concello de Santiago de Compostela.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e aprobou no seu exercicio a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).

No artigo 8.3 da devandita Lei 5/2016 indícase que: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais non declarados de interese cultural que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catalogo do patrimonio cultural de Galicia a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, integraranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei».

O artigo 10 da LPCG establece que os bens inmobles catalogados se integrarán nalgunhas das categorías, entre as que define a de monumento como a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico.

Segundo o establecido no artigo 87 da LPCG, que manifesta que integran o patrimonio arquitectónico os inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica ás que se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela.

Pola súa banda, o artigo 88.1.e) establece que concorre un significativo valor arquitectónico, entre outros, nos edificios relevantes da arquitectura ecléctica, modernista, racionalista, do movemento moderno ou característico da complexa sucesión de movementos e tendencias arquitectónicas que percorren o período das primeiras vangardas e o movemento moderno durante o século XX ata 1965, incluída a arquitectura de indianos.

O Seminario Menor é unha referencia notable na imaxe da cidade histórica, tanto pola súa posición e o seu rotundo volume e formas, como nos aspectos relacionados coa propia historia recente da cidade, pola súa variedade de usos docentes, relixiosos, asistenciais e residenciais e polo potencial para colaborar á diversidade funcional do ámbito. O inmoble axuda á creación da imaxe da cidade, caracteriza a súa visión afastada e de conxunto e contribúe á creación dunha imaxe conceptual baseada nas funcións docentes e relixiosas, que son a expresión da cidade histórica.

O Seminario Menor é un exemplo notable, un testemuño representativo da arquitectura da época da autarquía en Santiago de Compostela, tanto polos aspectos de deseño e construtivos como polos funcionais.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, despois do informe favorable dos seus servizos técnicos, emitiu a resolución pola que incoou o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do Seminario Menor da Asunción en Santiago de Compostela (A Coruña), con data do 28 de marzo de 2019 (DOG núm. 87, do 8 de maio).

Coa publicación da resolución tamén se iniciou un período de información pública e foron notificados os interesados. Neste proceso non se presentou ningunha alegación, nin oposición ao procedemento incoado, nin aos seus termos e alcance.

Por tanto, á vista dos documentos que forman parte deste expediente, e despois de realizar os trámites legais previstos, é polo que, no exercicio da competencia da inclusión no Catálogo do patrimonio cultural prevista no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e que foi delegada na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola orde do conselleiro de Cultura e Turismo, do 21 de marzo de 2019 (DOG núm. 63, do 1 de abril),

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do inmoble denominado o Seminario Menor da Asunción en Santiago de Compostela (A Coruña) como ben inmoble coa categoría de monumento e nivel de protección ambiental, segundo a descrición e réxime de protección específico que figura no anexo I e a identificación gráfica do ben e o seu contorno contida no anexo II desta resolución.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, data a partir da que se producirá a súa inclusión no catálogo con carácter definitivo.

Terceiro. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello de Santiago de Compostela.

Cuarto. Segundo o disposto no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, esta catalogación obriga ao concello a incorporar esta circunstancia ao seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

Disposición derradeira. Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición e réxime de protección

1. Denominación.

Seminario Menor da Asunción de Santiago de Compostela.

2. Localización.

• Provincia: A Coruña.

• Concello: Santiago de Compostela.

• Parroquia: Santiago de Compostela.

• Lugar: Belvís.

• Enderezo: avenida Quiroga Palacios, 2 A, 15703 Santiago de Compostela.

• Referencia catastral da parcela ocupada polo ben: 7975901NH3477D0001DD.

• Coordenadas xeográficas UTM (ETRS 89 e fuso 29): X: 537858, Y: 4747223.

3. Descrición.

O inmoble do Seminario Menor ocupa a plataforma superior dunha parcela de 40.403 m², situado na zona de Belvís, lindeira coa avenida de Quiroga Palacios, ao oeste do camiño da Ameixaga que a separa do parque de Belvís, a rúa Guimarães ao sur e ao leste coa avenida de Lugo. Ocupa unha situación elevada entre o convento de Belvís e o casarío do conxunto histórico desta zona e o límite sueste da propia cidade histórica.

Ao sur localízase a Colexiata e núcleo de Sar, que é o acceso da Vía da Prata dos Camiños de Santiago de Compostela. O inmoble ocupa unha superficie de 5.817 m², en cinco pisos, un parcialmente soterrado, aproveitando o terreo irregular, e catro pisos superiores, para un total de 27.610 m² construídos.

A propiedade está completamente pechada cun muro de fábrica con dúas entradas principais na rúa Cardeal Quiroga, nos lados leste e oeste. O edificio ten unha unidade de deseño formal con eixe de simetría dirección norte-sur, ben que ao oeste se dispón un volume de acceso que formaliza a entrada principal desde o lateral. O conxunto está composto por un corpo lonxitudinal no sentido leste-oeste e catro transversais en dirección norte-sur, dos cales os exteriores son máis longos. Entre eles disponse outro volume de menor altura que forma dous claustros a cada lado da capela. O edificio ábrese cara ao sur nun movemento complexo de planos e alturas simétricas nas que a torre central ocupa unha posición dominante. No norte aparece un corpo rectangular unido.

A estrutura portante do edificio está formada por muros de cachotaría de xisto, feitos en gran parte coa pedra da explanación, columnas e vigas de formigón paralelas ás paredes exteriores, forxadas con nervios de formigón armados con aceiro liso e alixeirado cerámico. No último piso fórmase a cuberta cunha sinxela estrutura e taboleiro de madeira para soportar a tella cerámica.

As fachadas están compostas de pedra de taco, a xeito dunha cachotaría concertada moi empregada na época, con elementos de cantaría ou de imitación de pedra para a formalización das liñas de imposta, cornixas, cantos e cercos dos ocos.

A carpintaría exterior está feita de madeira, á cal se engadiu unha nova de aluminio para mellorar o comportamento do sistema. As divisións interiores son en gran parte fábrica de ladrillos, con carpintaría interior de madeira.

As fachadas están compostas dun xeito académico e formalista, de orixe clásica e cun ritmo vertical e horizontal moi marcado. A planta inferior dispón de ocos simples sen cornixas nin saíntes, pero con arco cargadeiro. As ventás están agrupadas en tres, marcando un ritmo horizontal, que se manterá en todo o plano de fachada vertical e en todo o edificio. A planta baixa ten ventás grandes, con cercos que sobresaen da fachada. Estas xanelas seguen o ritmo horizontal de tres e por enriba deles disponse unha imposta destacada que divide o corpo formado polo piso inferior. As seguintes dúas plantas forman un conxunto con fiestras de menor altura e o mesmo ancho que as fiestras do piso de abaixo, con tornachoivas sobre delas, agrupadas seguindo o mesmo ritmo. O piso superior dispón de ocos de compoñente vertical, abertos ata a liña de imposta e protexidos cunha sinxela varanda, de menor largo e agrupados de cinco na mesma proporción que nas plantas inferiores. O acceso prodúcese polo flanco oeste, por unhas escaleiras e a través dun pórtico con seis columnas dóricas, individuais nos extremos e emparelladas no centro, con entaboado rematado por unha balaustrada. Este volume está flanqueado por dúas torres cunha fiestra circular, portas de balcón no primeiro andar, ventás como as xa mencionadas nos pisos segundo e terceiro. Entre os escasos elementos artísticos ou ornamentais cabe destacar a imaxe da Virxe na fachada da torre cara ao sur, obra do escultor Asorey, un cruceiro situado no campo cara ao sur e os escudos da fachada, obra de Eduardo Parrado, discípulo de Asorey.

4. Outros datos.

• Datación: obras entre 1952 e 1957.

• Autoría: José María de la Vega, arquitecto.

• Adscrición cultural: arquitectura da autarquía.

• Referencia ás persoas ou organizacións: promovido polo Arcebispado de Santiago cando era cardeal Quiroga Palacios, cómpre destacar o sacerdote Arturo Longa, que levou un completo diario da construción, así como o aparellador Antonio Fernández Durán.

5. Uso.

• Función actual: docente, relixioso, residencial comunitario, asistencial, socio-cultural e albergue, así como usos complementarios destes.

• Uso orixinal: o edificio foi concibido para uso de seminario, polo que todos os anteriores estaban xa previstos en maior ou menor medida, e teñen sido adaptados ás circunstancias e funcións actuais.

• Cambios no uso: os usos existentes son compatibles co valor do inmoble. Podería asumir cambios na súa proporción e distribución para adaptarse ás circunstancias da propia xestión e mantemento do edificio.

6. Estado de conservación.

• Estado de conservación: en xeral bo, agás na propia torre sobre a capela, na que existen problemas de conservación de diversa entidade.

• Riscos e ameazas: os propios derivados da necesaria conservación e mantemento, así como as das necesidades de adaptación para a súa funcionalidade.

7. Réxime de protección.

• Natureza: ben material inmoble.

• Categoría: monumento.

• Ben interese específico: patrimonio arquitectónico.

• Nivel de protección: ambiental.

7.1. Réxime de protección específico.

Protexerase o volume, ocupación en planta, alturas e relación entre as partes, material de acabado e elementos ornamentais e compositivos, como os cercos, cornixas, liñas de imposta e outros con carácter ornamental.

Non se consideran obxecto de protección o deseño formal dos espazos exteriores da parcela, agás o muro de peche con carácter xeral, ben que se consideran factibles actuacións que poidan xustificarse en función da accesibilidade, seguridade ou cuestións de carácter funcional.

Condicións para o tratamento dos elementos de fachada: manteranse os acabados e elementos ornamentais e compositivos de todas as fachadas, así como as liñas compositivas das carpintarías, ben que, dada a súa orixe e evolución, non se consideran materialmente como elementos que hai que conservar. Considérase admisible a instalación de rótulos de carácter comercial ou similar na planta baixa, que deberán axustarse a unhas determinadas condicións e serán obxecto de valoración. Tamén se consideran admisibles as obras para eliminar as barreiras arquitectónicas que permitan un acceso adecuado ao edificio e a súa funcionalidade.

Ampliacións: calquera ampliación que puider ser factible en funcións dos parámetros urbanísticos existentes debe producirse de tal forma que non impida a apreciación das características volumétricas do edificio no seu conxunto ou entre as súas partes. Neste sentido, debería evitarse a ocupación dos patios interiores e a súa cubrición resultar excepcional e, en calquera caso, evitando a súa apreciación desde o exterior.

7.2. Réxime de protección xeral.

O réxime de protección será o que garanta a conservación dos seus valores artísticos, históricos, arquitectónicos, arqueolóxicos, etnolóxicos, antropolóxicos e científico-técnicos e corresponderá co que definen nos títulos II e IV da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. As intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas conforme o establecido na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Este réxime pode sintetizarse en:

• Conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e as titulares de dereitos reais sobre o inmoble están obrigadas a conservalo, mantelo e custodialo debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias, e as titulares de dereitos reais están obrigadas a permitirlle o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

• Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e as titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Uso: en calquera caso, a protección do ben implica que as intervencións que se pretenda realizar terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

ANEXO II

Delimitación e contorno de protección

1. Delimitación.

O inmoble catalogado corresponde co do conxunto de construcións do proxecto orixinal do Seminario Menor, na plataforma alta da parcela murada, que se identifican cunha liña vermella no plano. Non se considera parte do inmoble protexido o pavillón deportivo situado na plataforma inferior.

2. Contorno de protección.

O contorno de protección corresponde co da totalidade da parcela catastral 7975901NH3477D0001DD, incluíndo o muro que rodea a parcela, que se identifica cunha liña azul no plano.

missing image file