Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Xoves, 16 de abril de 2020 Páx. 18376

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 6 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se amplía o prazo de vixencia das tarxetas de mergullo profesional e de recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, procede á declaración do estado de alarma. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decreta a suspensión de prazos administrativos e de prescrición e caducidade. No mesmo sentido, a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, no seu punto sétimo decreta a suspensión e a interrupción dos prazos dos procedementos das entidades do sector publico da Comunidade Autónoma de Galicia e, no oitavo, a interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.

Esa suspensión e interrupción de prazos provoca que os titulares de tarxetas de mergullo profesional reguladas na Orde do 23 de abril de 1999 pola que se regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 90, do 12 de maio), e as tarxetas de recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo reguladas na Orde do 1 de outubro de 2008 pola que se regula o procedemento de obtención da certificación profesional para a extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 9 de outubro), que son expedidas e renovadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, non poidan renovar as súas tarxetas. Resulta, por tanto, necesario establecer medidas ante a situación de que algunhas delas expiren durante o prazo de duración do estado de alarma.

Vistas as disposicións derradeiras segundas da Orde do 23 de abril de 1999 e da Orde do 1 de outubro de 2008, que facultan a esta dirección xeral para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento das ditas ordes, esta Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, en uso das funcións atribuídas no Decreto 168/2015, do 15 de novembro,

RESOLVE:

Primeiro. Amplíase o prazo de validez das seguintes tarxetas no suposto de que finalice a súa vixencia durante o estado de alarma:

A) Tarxetas de mergullo profesional reguladas na Orde do 23 de abril de 1999 pola que se regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 90, do 12 de maio).

B) Tarxetas de recolectores reguladas na Orde do 1 de outubro de 2008 pola que se regula o procedemento de obtención da certificación profesional para a extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 9 de outubro).

Segundo. O prazo de validez das tarxetas a que refire o punto anterior, contado desde a data de perda de validez, ampliarase durante un período igual ao da duración do estado de alarma, iniciado o 14 de marzo de 2020.

Terceiro. A presente resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2020

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro