Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 5 de maio de 2020 Páx. 19078

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 4 de maio de 2020 pola que se modifica a Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

A Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 33, do 18 de febreiro), establece diversos prazos para a tramitación dos distintos procedementos administrativos que se regulan nela. Os prazos previstos na orde adecuanse ao disposto no Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, que regula con carácter de normativa básica o prazo de presentación da solicitude única.

Nesta campaña 2020, a pandemia internacional do virus COVID-19 está afectando gravemente a España, o que está obrigando as administracións a adoptaren medidas extraordinarias para conter a progresión da enfermidade e reforzar o Sistema de saúde pública.

Como consecuencia destas circunstancias, promulgouse o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria, no cal se establecen unha serie de restricións temporais ao movemento das persoas en todo o territorio nacional, que teñen un impacto notable no proceso de presentación da solicitude única.

O día 15 de marzo de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.

A declaración do estado de alarma e as conseguintes medidas afectaron o funcionamento dos servizos públicos, dada a regulación dos servizos esenciais e o traballo a distancia.

Para afrontar o dito impacto, o día 21 de marzo publicouse no Boletín Oficial del Estado a Orde APA/269/2020, do 19 de marzo, pola que se amplía o prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2020, establecido no artigo 95 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural, ampliando este prazo ata o día 15 de maio, inclusive. Esta norma ditouse no exercicio da facultade que lle outorga ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación a disposición derradeira segunda do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, para adaptar as datas e prazos que se establecen no referido real decreto ás exixencias derivadas da normativa da Unión Europea.

Mediante o Real decreto 476/2020, do 27 de marzo, e o Real decreto 487/2020, do 10 de abril, reguláronse dúas prórrogas do estado de alarma, respectivamente, ata o día 12 de abril de 2020 e ata o día 26 de abril de 2020 ás 00.00 horas, polo que se ampliou temporalmente a situación de estado de alarma e os efectos desta situación.

Partindo de similares apreciacións ás xa citadas, a Comisión Europea considerou que na práctica están xurdindo dificultades administrativas excepcionais polas que as persoas beneficiarias poden ter visto limitadas as súas posibilidades de presentar, ademais da solicitude única, as solicitudes de axuda ou as solicitudes de pagamento e as solicitudes de asignación de dereitos de pagamento ou de incremento do valor dos dereitos de pagamento no marco do réxime de pagamento básico dentro dos prazos dispostos no artigo 13, número 1, e o artigo 22, número 1, do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014, polo que considerou necesario establecer excepcións que deben abranguer a solicitude única, as solicitudes de axuda e as solicitudes de pagamento, as modificacións da solicitude única ou da solicitude de pagamento e as solicitudes de asignación de dereitos de pagamento para o ano 2020.

Por isto, co obxecto de permitir afrontar esas dificultades excepcionais, o día 7 de abril publicouse o Regulamento de execución (UE) 2020/501 da Comisión, do 6 de abril de 2020, polo que se establecen excepcións ao disposto no Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 no que se refire á data límite de presentación da solicitude única, ás solicitudes de axuda ou ás solicitudes de pagamento, á data límite para a notificación das modificacións da solicitude única ou da solicitude de pagamento e á data límite de presentación das solicitudes de asignación de dereitos de pagamento ou de incremento do valor dos dereitos de pagamento no marco do réxime de pagamento básico para o ano 2020 (DOUE nº L 109/8, do 7 de abril).

Polo que afecta o Estado español, o regulamento citado permite aos Estados membros ampliar o prazo de presentación de solicitudes de axuda ata o 15 de xuño e permite ampliar o prazo de modificación da solicitude única ata o día 30 de xuño.

Tendo en consideración as circunstancias actuais e a normativa publicada, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación está tramitando un novo proxecto de orde pola que se amplía o prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2020, establecido no artigo 95 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural, en consonancia coas previsións do Regulamento de execución (UE) 2020/501.

Pola súa banda, o artigo 95.2 do Real decreto 1075/2014, do 19 decembro, logo de regular o prazo de presentación das solicitudes, faculta, cando sexa estritamente necesario para garantir o cumprimento da normativa europea, as comunidades autónomas, sempre logo da comunicación ao Fondo Español de Garantía Agraria e dentro do máximo permitido polos regulamentos da Unión Europea, para ampliar o prazo de presentación da solicitude única no seu ámbito territorial de actuación, de maneira debidamente motivada.

Tendo en conta todo o anterior, nesta campaña 2020 é necesario ampliar diversos prazos establecidos na Orde de 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, para garantir así unha correcta presentación e xestión das axudas. Os prazos que deben modificarse son o prazo de presentación da solicitude única e o prazo de modificación da solicitude única. E, como consecuencia da modificación destes prazos, deben modificarse tamén o prazo de presentación de solicitudes de modificación do Sixpac, o prazo de comunicación das alteracións topográficas ou elementos da paisaxe afectantes aos requisitos de condicionalidade e o prazo para a comunicación das cesións de dereitos de pagamento básico.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control

A Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control queda modificada como segue:

Primeiro. O punto 3 do artigo 11 queda redactado do seguinte modo:

«3. O prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2020, iníciase o 1 de febreiro e finalizará o día 15 de xuño, ambos incluídos, agás o previsto no punto seguinte».

Segundo. O punto 1 do artigo 14 queda redactado do seguinte modo:

«1. Unha vez finalizado o prazo para a presentación da solicitude única, os solicitantes poderán presentar solicitudes de modificación ata o día 30 de xuño».

Terceiro. O punto 2 do artigo 21 queda redactado do seguinte modo:

«2. O prazo de presentación comezará o 1 de febreiro e rematará o 30 de xuño, ambos incluídos, para que as resolucións teñan efecto sobre as superficies validadas coa solicitude única do ano 2020».

Cuarto. O punto 3 do artigo 24 queda redactado do seguinte modo:

«3. En relación coa BCAA 7 e, concretamente, no referido ao mantemento das particularidades topográficas ou elementos da paisaxe, non será posible efectuar unha alteración dos ditos elementos agás daqueles que se indican expresamente na descrición desta BCAA no anexo VI, sempre e cando a súa alteración veña motivada por razón da viabilidade económica da explotación. Para que a dita alteración non dea lugar a un incumprimento da condicionalidade será necesario comunicala ata o día 30 de xuño mediante unha solicitude de modificación do Sixpac (tipo 11) acompañada dunha memoria descritiva dos motivos razoados que levan á modificación ou eliminación do elemento en relación coa viabilidade económica da explotación, así como das preceptivas autorizacións no ámbito correspondente (forestal, ambiental, hidráulico, etc.) cando sexan necesarias. As solicitudes que non estean debidamente razoadas serán denegadas e, se é o caso, darán lugar a un incumprimento da condicionalidade».

Quinto. O punto 2 do artigo 33 queda redactado do seguinte modo:

«2. O período de comunicación iniciarase o 1 de novembro anterior ao inicio do prazo de solicitude e finalizará o 30 de xuño de 2020, ambos incluídos».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural