Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 12 de xuño de 2020 Páx. 23197

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 10 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas para o pagamento da comisión inicial de apertura destinadas aos beneficiarios dos préstamos de adianto das axudas da PAC no ano 2020 (código de procedemento MR242A).

O día 18 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 12 de febreiro de 2020, que ten por obxecto regular e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2020 os pagamentos directos á agricultura e á gandaría, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

Os pagamentos directos á agricultura e gandaría regulados nesa orde teñen o carácter de pagamentos compensatorios. O pagamento básico está disociado da produción e está baseado en criterios históricos de axudas compensatorias. Ten por finalidade estabilizar a renda dos agricultores e compensalos pola prestación de servizos públicos de gran valor, como a protección do ambiente ou o benestar dos animais, entre outros. O mesmo carácter compensatorio teñen os pagamentos a zonas con limitacións naturais e as axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica.

Nesta campaña 2020, a economía mundial veuse afectada pola pandemia internacional do virus COVID-19. No caso de España, mediante Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria, e se estableceron unha serie de restricións temporais que afectaron todos os cidadáns e tiveron as conseguintes repercusión nos diversos sectores, entre eles no agrario.

Neste contexto de crise polo COVID-19 cómpre reivindicar o papel esencial da política agraria común (PAC) para estimular o crecemento e amortecer os devastadores efectos da pandemia, máis aínda tendo en conta o citado carácter compensatorio das axudas que nela se integran.

No actual marco, a Consellería do Medio Rural asinou un convenio de colaboración con diversas entidades financeiras para a formalización dos préstamos preferentes para o anticipo das axudas da PAC, isto é, as axudas directas e as axudas do Feader SIXC, reguladas na citada Orde do 12 de febreiro de 2020, co fin de mellorar a liquidez do sector agrario.

Estes convenios teñen por obxecto establecer a forma e condicións en que se desenvolverá a colaboración entre a Consellería do Medio Rural e as entidades financeiras para a instrumentación dunha liña de préstamos de interese a tipo «0» a favor das persoas agricultoras e gandeiras solicitantes das axudas (directas e Feader SIXC) correspondentes á política agraria común (PAC), incluídas na PAC 2020. Estes préstamos teñen por finalidade que as ditas persoas poidan dispoñer de forma anticipada do importe das axudas que van percibir da PAC, polo que o dito préstamo durará ata a data en que se faga efectivo o pagamento da axuda correspondente ás persoas beneficiarias cun máximo de doce meses.

Na cláusula cuarta destes convenios regúlase unha comisión inicial de apertura do 1 % do importe do préstamo, que subvencionará a Consellería do Medio Rural con cargo aos seu orzamentos. Estas axudas son de concorrencia non competitiva e beneficiarán todas as persoas solicitantes das axudas directas e Feader SIXC correspondentes á PAC da campaña 2020 que tivesen asinado ou asinen préstamos coas entidades financeiras que permitan o adianto dos importes desas axudas.

Os convenios citados e as axudas que regula esta orde constitúen unha seria aposta por fornecer a PAC e o mundo rural neste período de crise que estamos a vivir, constituíndo unha ferramenta clave para satisfacer as necesidades do sector agrario, minimizando os danos derivados da pandemia mundial.

As axudas reguladas nesta orde concederanse ás persoas agricultoras e gandeiras de Galicia con dereito a percibir axudas (directas e Feader SIXC) no marco da PAC na campaña 2020.

Por isto, co fin de reducir as cargas administrativas e acelerar a xestión, as axudas concederanse a todas persoas agricultoras e gandeiras que, cumprindo os requisitos, presenten a solicitude única no ano 2020, prevista no marco do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, e que acrediten a formalización coas entidades financeiras dun préstamo para o adianto da PAC.

Esta axuda concédese ao amparo das axudas de minimis no sector agrario, de acordo co Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.

En consecuencia, en conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito

1. Esta orde ten por obxecto convocar e establecer as bases para a concesión das axudas de minimis para o pagamento da comisión de apertura destinadas ás persoas asinantes dos préstamos de adianto das axudas da PAC no ano 2020.

2. Esta orde aplicarase no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e regula a forma de concesión e pagamento das axudas citadas no punto 1 deste artigo.

3. Nesta orde regúlase o procedemento MR242A, relativo á comunicación da declaración responsable sobre a formalización do préstamo do adianto da PAC 2020, que deberá acompañarse da documentación complementaria que recolle o anexo I desta orde.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, que cumpran todos os requisitos que se indican a seguir:

a) As persoas agricultoras e gandeiras solicitantes das axudas (directas e Feader SIXC) correspondentes á política agraria común (PAC), que presenten ou presentasen a súa solicitude consonte o previsto na Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

b) Que subscriban ou teñan subscrito un préstamo persoal do anticipo da PAC 2020 con algunha das entidades financeiras asinantes do convenio entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Consellería do Medio Rural e diversas entidades financeiras para a formalización de préstamos preferentes para o anticipo das axudas (axudas directas e axudas Feader SIXC) correspondentes á política agraria común (PAC), relativas á Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control e que presenten xustificación destes préstamos ante o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), a través das entidades colaboradoras.

Artigo 3. Procedemento de concesión das axudas

A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva polo esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Artigo 4. Solicitude das axudas e presentación de documentación xustificativa

1. A solicitude da axuda entenderase realizada pola presentación, no ano 2020, da solicitude única regulada na Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos a agricultura e a gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, sempre que se xustifique a subscrición dun préstamo entre a persoa solicitante da PAC da campaña 2020 e as entidades financeiras asinantes do convenio, xa fosen subscritos os préstamos antes da sinatura do convenio como con posterioridade á súa entrada en vigor, e que consideren o préstamo para o adianto dunha porcentaxe da PAC na campaña 2020.

2. Corresponde ás entidades colaboradoras que se regulan no artigo 5.1 desta orde presentar ao Fogga a xustificación da sinatura dos préstamos previstos no número 1 deste artigo. Esta xustificación consistirá nunha declaración responsable asinada pola entidade financeira segundo o modelo que figura no anexo I desta orde.

As entidades colaboradoras presentarán a declaración responsable obrigatoriamente por medios electrónicos e responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para verificar o contido da declaración responsable.

3. As persoas solicitantes deberán asinar unha declaración responsable sobre se teñen concedidas axudas en réxime de minimis (Regulamento (UE) núm. 1408/2013) neste ano e nos dous anteriores, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde. Neste anexo a persoa solicitante autorizará, así mesmo, á entidade colaboradora para a súa presentación ao Fogga.

Artigo 5. Entidades colaboradoras e funcións e obrigas

1. Para os efectos desta orde, consideraranse como entidades colaboradoras as entidades financeiras asinantes do convenio para o anticipo das axudas correspondentes á PAC relativas á Orde do 12 de febreiro de 2020 coa Consellería do Medio Rural.

2. As entidades colaboradoras mencionadas no parágrafo anterior deberán realizar as seguintes funcións:

a) Remitir ao Fogga a declaración responsable asinada por elas da formalización do préstamos caos persoas solicitantes da PAC na campaña 2020 que se regula no anexo I desta orde.

b) Remitir ao Fogga un ficheiro en formato folla de cálculo cos datos relativos dos préstamos recollidos na letra anterior. Os datos concretos para incluír relaciónanse no anexo III desta orde.

c) Remitir ao Fogga a comunicación da declaración responsable da persoa asinante do préstamo recollida no artigo 4.3 desta orde.

3. As entidades colaboradoras deberán remitir toda a documentación citada nas diversas letras do punto 2 deste artigo antes de 15 días hábiles desde a finalización de cada mes natural, en relación cos préstamos formalizados nese mes, non podendo superar o día 30 de agosto as citadas comunicacións. Respecto dos préstamos asinados con anterioridade á publicación desta orde, o envío de toda a documentación indicada no punto 2 deste artigo deberá facerse no primeiro envío que efectúen as entidades colaboradoras.

4. A remisión, tanto da comunicación como do resto da documentación recollida neste artigo, efectuarana as entidades colaboradoras exclusivamente a través de medios electrónicos. Para a comunicación empregarase o formulario normalizado cuxo modelo se inclúe como anexo I, dispoñible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, accedendo ao procedemento MR242A. Este procedemento empregarase para a remisión de toda a documentación, tal e como se indica no anexo I.

Se as entidades colaboradoras presentan a comunicación ou documentación presencialmente, requiriráselles para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Tramites posteriores, comprobación de datos, resolución e notificación das axudas

1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Para tramitar este procedemento de concesión o Fogga comprobará os datos que se indican a seguir:

– DNI, NIF ou NIE da persoa solicitante da axuda.

– DNI, NIF ou NIE da persoa representante da persoa solicitante da axuda.

– Información sobre o réxime de minimis das subvencións ou axudas da persoa solicitante da axuda. En concreto, se a persoa solicitante ten concedidas en réxime de minimis (Regulamento (UE) núm. 1408/2013), neste ano e nos dous anteriores, outras axudas para este mesmo fin, mediante consulta realizada aos datos que contén a Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

No caso de que as persoas solicitantes se opoñan a esta consulta, deberán indicalo na epígrafe de comprobación de datos do impreso cuxo modelo figura como anexo II desta orde. En caso de oposición por parte das persoas solicitantes deberán informar o Fogga sobre se recibiron por calquera concepto outras axudas de minimis de acordo co Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, en calquera período dentro deste exercicio fiscal e nos dous anteriores, a contía percibida por esas axudas, o organismo concedente e a súa disposición reguladora.

3. A persoa titular da Dirección do Fogga será competente para resolver estas solicitudes de axuda.

4. Nas resolucións de concesión farase constar expresamente que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis regulado polo Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión Europea, do 18 de decembro.

5. As resolucións das solicitudes de axudas reguladas nesta orde serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. De conformidade co establecido no artigo 45 da indicada lei, a notificación poderá realizarse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, cunha ligazón á páxina web do Fogga. Nesta notificación especificaranse a convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como, se for o caso, as causas da desestimación, e expresará, ademais, os recursos que procedan contra a resolución, o órgano administrativo e xudicial ante o cal se deben presentar e o prazo para interpoñelos. As persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a aceptación da resolución. Transcorrido o dito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada e non será admisible a renuncia posterior.

6. O prazo máximo para ditar as resolución das axudas previstas nesta orde será de 5 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite e notifique a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude de axuda por silencio administrativo.

Artigo 7. Compatibilidade e contía das axudas

1. Se unha persoa beneficiaria recibiu por calquera concepto outras axudas de minimis de acordo co Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, que, sumadas á contía que puidese corresponderlle en virtude do previsto nesta orde, exceda o importe establecido no artigo 3 do Regulamento (UE) núm. 1408/2013 en calquera período dentro deste exercicio fiscal e nos dous anteriores, o importe da axuda prevista nesta orde reducirase de xeito proporcional ata non exceder o citado límite. Este límite operará por persoa beneficiaria, con independencia de cantas explotacións dispoña, situadas nunha ou varias comunidades autónomas.

2. A contía da axuda será do 1 % do importe do préstamo concertado entre a persoa solicitante da PAC e as entidades financeiras para o adianto de ata o 90 % dos importes da PAC (axudas directas e Feader SIXC). Esta contía calcularase tomando como referencia o importe pagado a cada persoa solicitante na campaña anterior.

Artigo 8. Financiamento e pagamento

1. Estas axudas financiaraas a Consellería do Medio Rural con cargo á aplicación orzamentaria 14.80.713F.470.1, habilitada para o efecto na anualidade 2020, cunha dotación máxima de 2.100.000 euros, que se esgotará no exercicio orzamentario 2020.

2. O Fogga xestionará o pagamento destas axudas nas contas que figuran na solicitude regulada no artigo 4 desta orde. A recepción da axuda na conta deberá aplicarse á amortización anticipada do préstamo, tal e como recolle o convenio asinado coas entidades financeiras.

Artigo 9. Reintegro da axuda

Calquera incumprimento que teña como consecuencia a perda total das axudas da solicitude de PAC 2020 ou o reintegro total ou parcial por parte da persoa beneficiaria da axuda terá como consecuencia o reintegro total da axuda de minimis.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Fogga publicará na páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, a consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e a súa extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a facilitar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á cal estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela dos deberes previstos no título I da citada lei.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais solicitados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https:/ /www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Contido da folla de cálculo coa relación de datos

O contido mínimo do ficheiro que en formato folla de cálculo se indica no número 2.b) do artigo 5 será o seguinte:

– Nome da persoa física subscritora da póliza coa entidade financeira ou nome completo da persoa xurídica subscritora da póliza.

– Primeiro apelido da persoa física subscritora da póliza coa entidade financeira.

– Segundo apelido da persoa física subscritora da póliza coa entidade financeira.

– NIF da persoa física ou xurídica subscritora da póliza.

– Data de formalización do préstamo.

– Importe total do préstamo concedido pola entidade financeira.

– Conta onde está domiciliado o pagamento do préstamo para o anticipo da PAC 2020.

– Cálculo do 1 % do préstamo concedido pola entidade financeira.