Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 12 de xuño de 2020 Páx. 23211

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 10 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas para o pagamento da comisión inicial de apertura destinadas aos beneficiarios dos préstamos de adianto das axudas da PAC no ano 2020 (código de procedemento MR242A).

BDNS (Identif.): 510249.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob. es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, que cumpran todos os requisitos que se indican a seguir:

a) As persoas agricultoras e gandeiras solicitantes das axudas (directas e Feader SIXC) correspondentes á política agraria común (PAC), que presenten ou presentasen a súa solicitude consonte co previsto na Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

b) Que subscriban ou teñan subscrito un préstamo persoal do anticipo da PAC 2020 con algunha das entidades financeiras asinantes do convenio entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Consellería do Medio Rural e diversas entidades financeiras para a formalización de préstamos preferentes para o anticipo das axudas (axudas directas e axudas Feader SIXC) correspondentes á política agraria común (PAC), relativas á Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control e que presenten xustificación destes préstamos ante o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), a través das entidades colaboradoras.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia as bases para a concesión das axudas de minimis para o pagamento da comisión de apertura destinadas ás persoas asinantes dos préstamos de adianto das axudas da PAC no ano 2020.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 10 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas para o pagamento da comisión inicial de apertura destinadas aos beneficiarios dos préstamos de adianto das axudas da PAC no ano 2020 (código de procedemento MR242A).

Cuarto. Contía e financiamento

1. A contía da axuda será do 1 % do importe do préstamo concertado entre a persoa solicitante da PAC e as entidades financeiras para o adianto de ata o 90 % dos importes da PAC (axudas directas e Feader SIXC). Esta contía calcularase tomando como referencia o importe pagado a cada persoa solicitante na campaña anterior.

2. Estas axudas financiaraas a Consellería do Medio Rural con cargo á aplicación orzamentaria 14.80.713F.470.1, habilitada para o efecto na anualidade 2020, cunha dotación máxima de 2.100.000 euros, que se esgotará no exercicio orzamentario 2020.

Quinto. Solicitude e prazo

1. A solicitude da axuda entenderase realizada pola presentación no ano 2020, da solicitude única regulada na Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, sempre que se xustifique a subscrición dun préstamo entre a persoa solicitante da PAC da campaña 2020 e as entidades financeiras asinantes do convenio, xa fosen subscritos os préstamos antes da sinatura do convenio como con posterioridade á súa entrada en vigor, e que recollan o préstamo para o adianto dunha porcentaxe da PAC na campaña 2020.

2. As entidades colaboradoras deberán remitir a documentación regulada na orde antes de 15 días hábiles desde a finalización de cada mes natural, en relación cos préstamos formalizados nese mes, e non poderán superar o día 30 de agosto as citadas comunicacións. Respecto dos préstamos asinados con anterioridade á publicación desta orde, o envío de toda a documentación deberá facerse no primeiro envío que efectúen as entidades colaboradoras.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

O director do Fondo Galego de Garantía Agraria
P.S. (Resolución do 9.6.2020)
Marta Forés Lojo
Secretaria do Fondo Galego de Garantía Agraria