Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 17 de xuño de 2020 Páx. 24195

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2020 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes, de execución dos proxectos e de presentación da solicitude de cobramento da Resolución do 9 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG622A).

No DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2020, publicouse a Resolución do 9 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

De conformidade co punto terceiro do resolvo, establecíase:

«Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia».

De conformidade co punto quinto do resolvo, establecíase:

«Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

(...)

O prazo de execución iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de novembro de 2020 para as solicitudes con accións que se realicen ata esta data, e o 30 de xuño de 2021 para solicitudes con accións que se realicen ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento. As accións realizadas entre o 16 de novembro de 2020 e o 31 de decembro de 2020 poderán ser imputadas ao 2021.

(...)».

O día 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado e entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decretábase a suspensión de prazos administrativos. O Decreto 465/2020, do 17 de marzo (BOE núm. 73, do 18 de marzo), dálle nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira e establece que as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 24 de abril de 2020, sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións cuxas bases e convocatoria se tivesen aprobado e publicado no momento da entrada en vigor do devandito Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, pero que non se tivese ditado a resolución de concesión, entre os que se atopa o programa Galicia Exporta Empresas, e aspectos relativos á modificación das bases reguladoras para ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, se é o caso, de xustificación e comprobación da dita execución.

O día 23 de maio de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se continúa, ou se reinicia, o cómputo dos prazos administrativos que fosen suspendidos en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, con efectos desde o 1 de xuño de 2020.

Tendo en conta que a situación mundial provocada pola emerxencia sanitaria COVID-19 motivou a cancelación a nivel internacional de numerosos eventos promocionais e viaxes de prospección, afectou considerablemente a execución normal dos programas de internacionalización das empresas, impediu en ocasións a súa realización e, noutras ocasións, quedaron pospostos para datas futuras aínda incertas e dependentes da evolución internacional da pandemia. O que ten unha repercusión directa no desenvolvemento dos proxectos de internacionalización das empresas apoiados polo programa Galicia Exporta Empresas 2020.

Coa intención de mitigar os prexuízos ocasionados por esta circunstancia e apoiar os esforzos realizados polas empresas na súa internacionalización e de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo 1

Ampliar ata o 17 de xullo de 2020 o prazo de presentación de solicitudes previsto no punto terceiro do resolvo da Resolución do 9 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2

Fixar no 15 de novembro de 2020 a data límite de execución dos proxectos, establecida no punto quinto do resolvo da devandita resolución, para as solicitudes con accións que se realicen ata esta data, e no 30 de novembro de 2021 para as solicitudes con accións que se realicen ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento. As accións realizadas entre o 16 de novembro de 2020 e o 31 de decembro de 2020 poderán ser imputadas ao 2021.

Artigo 3

Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica