Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 22 de xuño de 2020 Páx. 24762

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 12 de xuño de 2020 pola que se amplía a dotación orzamentaria e se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (códigos de procedemento TR356A e TR356C).

Mediante a Orde do 30 de decembro de 2019 establecéronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e efectuouse a súa convocatoria para o ano 2020 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro de 2020).

O artigo 4 da orde establece que se poderá ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles. O incremento do crédito, conforme o establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, está condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

En consecuencia, como existen outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, procedentes de créditos incorporados do exercicio anterior no mesmo programa e servizo procedentes de fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal, e coa finalidade de subvencionar todas as solicitudes que presenten as empresas de inserción e as súas entidades promotoras e, deste xeito, atender ao máximo número de persoas destinatarias finais, procede ampliar o crédito destas axudas.

Así mesmo, á vista dos resultados da convocatoria anterior e logo da consulta coas entidades asociativas do sector, cómpre modificar as bases reguladoras de maneira que as axudas ás EIL atendan dun xeito máis eficiente as necesidades reais destas empresas, o que repercutirá nun maior beneficio da inserción laboral.

Así, en primeiro lugar, aclárase que non se considera incumprimento que dea lugar ao reintegro da axuda a extinción do contrato da persoa en inserción antes do prazo mínimo establecido, cando aquel estea motivado pola incorporación a unha empresa ordinaria, xa que neste caso a finalidade de inserción laboral se entendería cumprida.

En segundo lugar, no que respecta á liña de axudas para o inicio e posta en marcha da actividade, amplíase a posibilidade de solicitala en dúas convocatorias sucesivas, de maneira que calquera empresa, independentemente da data en que inicie a súa actividade, se poida beneficiar desta axuda durante un período de 12 meses.

Finalmente, a cada vez máis necesaria dixitalización das empresas aconsella incluír o investimento en inmobilizado inmaterial correspondente a propiedade industrial e aplicacións informáticas entre os conceptos subvencionables para acceder á liña de axudas para a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción.

En consecuencia, e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Ampliación do crédito orzamentario consignado na Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020

1. Amplíase en 257.568,12 € o crédito consignado no artigo 61 da convocatoria de axudas ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras para o ano 2020, código de proxecto 2015 00561, aplicación orzamentaria 09.40.324C.470.5 (240.000 € para o Programa I e 17.568,12 € para o Programa II).

2. O orzamento final das axudas previstas na Orde do 13 de decembro de 2019 para o ano 2020, logo da ampliación, é de 657.568,12 euros, distribuídos do seguinte xeito:

Programa de axudas

Aplicación orzamentaria

Crédito inicial

Ampliación

Crédito final

Programa I: axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social

09.40.324C.470.5

330.000,00

240.000,00

570.000,00

Programa II: axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social

09.40.324C.470.5

50.000,00

17.568,12

67.568,12,00

09.40.324C.481.5

20.000,00

0,00

20.000,00

Total

400.000,00

257.568,12

657.568,12

Artigo 2. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020

Un. Modifícase a letra e) do artigo 20.2 da Orde do 30 de decembro de 2019, que queda redactada como segue:

«e) A extinción, antes dos seis meses, do contrato dunha persoa en risco ou situación de exclusión social, subvencionada ao abeiro do artigo 24 desta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida. Para estes efectos, non se terá en conta a extinción do contrato por inserción da persoa traballadora nunha empresa ordinaria mediante un contrato de traballo ou por incorporación a unha cooperativa de traballo asociado en calidade de persoa socia traballadora.»

Dous. Modifícase o artigo 33 da Orde do 30 de decembro de 2019, que queda redactado como segue:

«Artigo 33. Obxecto e condicións para a obtención da axuda

1. Esta liña de axudas ten por obxecto subvencionar parcialmente os gastos correntes derivados da posta en marcha da actividade dunha empresa de inserción.

Esta axuda poderase solicitar ao inicio da actividade empresarial ou cando exista unha reorientación e diversificación da actividade inicial que implique apertura de novos centros de traballo. Poderase conceder durante un máximo de dúas convocatorias sucesivas, co límite de 12 meses desde o inicio da actividade ou a apertura do centro de traballo.

2. Enténdese que unha empresa inicia a súa actividade empresarial desde a data de alta no imposto de actividades económicas, ou ben desde a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

Para que sexa subvencionable a diversificación da actividade requírese que na data de solicitude de subvención a apertura do novo centro de traballo fose comunicada ao Rexistro de Empresas de Inserción da Comunidade Autónoma de Galicia, e na dita comunicación deberá constar a data de presentación da comunicación de apertura ante a autoridade laboral».

Tres. Modifícase o artigo 37.3 da Orde do 30 de decembro de 2019, que queda redactado como segue:

«3. Consideraranse subvencionables os investimentos en inmobilizado material que se recollan como investimentos en activo non corrente no Plan xeral contable, así como os de inmobilizado inmaterial correspondente a propiedade industrial e aplicacións informáticas».

Artigo 3. Prazo de solicitudes

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida Orde do 30 de setembro de 2019 para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria