Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 22 de xuño de 2020 Páx. 24756

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 1 de xuño de 2020 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Guitiriz (Lugo).

O Concello de Guitiriz eleva para a súa aprobación definitiva o expediente do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. Antecedentes.

1.1. Planeamento municipal vixente.

No concello de Guitiriz están actualmente en vigor unhas normas subsidiarias de planeamento municipal (NSP) aprobadas definitivamente o 12.2.1985 que foron obxecto posteriormente de dúas modificacións puntuais.

En desenvolvemento destas normas, aprobouse o plan parcial do parque empresarial (AD 29.5.1997) cunha modificación puntual do 22.6.2006.

Así mesmo, consta a aprobación de dous estudos de detalle.

1.2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

O concello está afectado polos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal seguintes:

– Gasoduto Vilalba-Tui (AD 26.9.1996).

– Parque eólico Serra da Loba (AD 3.2.2005).

– Parque eólico Casa (AD 12.4.2007).

– Gasoduto Mugardos-As Pontes-Guitiriz e ramal á C.C.C. das Pontes e instalacións auxiliares (AD 24.5.2007).

– LAT 66 kV Casa-Montouto-sub. Sidegasa (AD 29.11.2007).

– Parque eólico Ampliación Serra da Loba (Pena Revolta) (AD 6.9.2007).

– LAT 66 kV subestación parque eólico Cova da Serpe-subestación Sidegasa (AD 21.1.2009).

– Parque eólico Cova da Serpe (AD 7.2.2008).

– Ampliación do parque eólico Cova da Serpe (AD 21.10.2010).

– Parque eólico Cordal de Montouto (AD 24.5.2012).

– Gasoduto Guitiriz-Lugo (AD 17.10.2014).

1.3. Tramitación.

1. O 19.2.2008 a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial (IPAI) do PXOM de Guitiriz.

2. O Concello Pleno do 2.7.2009 acordou aprobar inicialmente o PXOM e sometelo a información pública mediante anuncios nos xornais El Ideal Gallego e La Voz de Galicia, do 14.7.2009, así como no DOG do 15.7.2009; deuse audiencia aos concellos limítrofes e solicitáronse informes aos distintos organismos sectoriais.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental elaborou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM do Concello de Guitiriz o 30.5.2011 (DOG núm. 138, do 19 de xullo).

4. Constan os seguintes informes municipais previos á aprobación provisoria:

– Do interventor do 15.2.2016.

– Do secretario do 19.2.2016.

– Da arquitecta técnica municipal do 19.2.2016.

5. O plan xeral foi aprobado provisoriamente polo Concello Pleno do 16.3.2016.

6. Conforme o artigo 85.7 da LOUG, e co fin de comprobar a integridade do plan e do expediente, examinouse a documentación presentada e detectáronse unha serie de deficiencias, polo que nas datas do 18.5.2016 e 2.12.2016 requiriuse o Concello de Guitiriz para emendalas. En resposta a estes requirimentos, o Concello de Guitiriz recadou a documentación precisa e realizou as modificacións necesarias, que foron sometidas a nova aprobación plenaria o 30.12.2016.

7. Mediante Orde do 11.4.2017 a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio resolveu non outorgar a aprobación definitiva ao PXOM de Guitiriz, sinalando as deficiencias que cumpría emendar.

8. O plan xeral foi sometido a nova aprobación do Concello Pleno do 3.3.2020.

9. O 7.4.2020 o Concello de Guitiriz foi obxecto dun requirimento de integridade documental respecto do PXOM, que foi atendido na data do 8.5.2020.

2. Análise e consideracións.

Analizado o PXOM de Guitiriz, redactado pola UTE Gabinete de Arquitectura e Urbanismo e Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela, datada en xaneiro de 2020, e posta en relación coas condicións sinaladas na orde de non aprobación do PXOM do 11.4.2017, así como os cambios posteriores introducidos, púidose observar o cumprimento, con carácter xeral, da normativa aplicable.

Porén, cómpre formular as seguintes observacións:

2.1. Informes sectoriais.

1. As condicións sinaladas no informe favorable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil do 15.12.2010 foron cumpridas, agás canto á obriga de:

– Incluír na normativa do solo urbano consolidado a obriga de cumprimento do disposto no artigo 9 do Regulamento do dominio público hidráulico, respecto á zona de fluxo preferente (Real decreto 846/1986, do 11 de abril, modificado polo Real decreto 9/2008, do 11 de xaneiro), e na norma 2.1.5.1.11 do Plan hidrolóxico Norte I.

– Incluír nas fichas dos ámbitos de solo urbano non consolidado e solo urbanizable delimitado a necesidade de obter o informe da Confederación Hidrográfica previsto no artigo 25.4 da Lei de augas, para o seu desenvolvemento.

2. En cumprimento do informe do Ministerio de Fomento do 5.7.2016, os terreos efectivamente ocupados pola rede ferroviaria de interese xeral en solo urbano cualificaranse como sistema xeral ferroviario.

3. Segundo o informe de Adif de agosto de 2016, tamén no solo urbano consolidado:

– Nos ámbitos estremeiros co sistema xeral ferroviario respectarase o réxime de distancias da normativa sectorial ferroviaria, sometendo ao informe de Adif a execución material das actuacións urbanísticas que se vexan afectadas por elas.

– Os proxectos construtivos das edificacións na zona de influencia do ferrocarril estudarán o impacto por ruído e vibracións e as medidas adoptadas ao respecto.

2.2. Estrutura xeral e orgánica do territorio e dotacións urbanísticas.

1. Cómpre facer a correspondencia entre o documento en que se identifican os sistemas xerais e dotacións locais de espazos libres de zonas verdes e os equipamentos comunitarios cos seus códigos unívocos mais sen superficies, e a memoria xustificativa dos estándares do artigo 47 da LOUG, que contén as superficies mais sen códigos.

2. Consignarase o estándar de prazas de aparcamento públicas no conxunto do distrito en solo urbano non consolidado (artigos 47.2.c) e 49 da LOUG).

3. Grafarase a zona de fluxo preferente no plano de ordenación do núcleo rural da Pobra de Parga (ON-115).

2.3. Solo urbano.

1. Detéctanse edificios catalogados sen ordenanza; o grafismo empregado neses non permite ver a súa delimitación e o código é case ilexible (plano 3 solo urbano).

2. No cálculo do aproveitamento tipo das áreas de repartición AR-SUNC-1, AR-SUNC-5 e AR-SUNC-6 excluirán da superficie dos terreos afectos dotacións públicas existentes á aprobación do plan xeral que se manteñan, neste caso vías (artigo 113.1 da LOUG).

3. Debe delimitarse nos planos de ordenación do solo urbano o ámbito das actuacións illadas que o plan prevé en Guitiriz (rúa Perexil) e Parga (avenida da Paz).

2.4. Solo de núcleo rural.

1. No núcleo 68 Belote (San Xoán de Lagostelle) completaranse as aliñacións.

2. A lenda dos planos de ordenación dos núcleos é incorrecta, pois están intercambiadas as edificacións tradicionais coas que non o son.

3. Eliminaranse as referencias ao artigo 30 da LOUG na súa redacción anterior á Lei 15/2004, que se manteñen nas notas a rodapé nas ordenanzas de núcleo rural.

4. No plano ON-111 Cercedo falla parcialmente a liña límite de edificación da N-VI.

2.5. Solo urbanizable.

Parte do sector SUR-R3 debe clasificarse como solo rústico de protección de infraestruturas ao encontrarse dentro do ámbito interior á liña límite de edificación da vía ferroviaria A Coruña-Palencia (50 m, artigo 15.2 da Lei 38/2015, do sector ferroviario).

2.6. Normativa.

Corrixirase o artigo 131 da normativa para adaptalo á Orde VIV/561/2010, do 1 de febreiro, pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados. Malia que se fai referencia expresa á orde, non se axusta o contido (véxanse en particular os artigos 5 e 20 da orde).

2.7. cuestións documentais.

1. Resolverase a contradición entre o plano de ordenación do solo urbano SU-08 e a ficha nº 34 de dotacións e zonas verdes da memoria, cualificando toda a parcela da estación de pesaxe-báscula como equipamento, conforme o solicitado pola Consellería de Facenda na alegación do 22.9.2016, co mesmo código en ambas.

2. O cadro de cumprimento de consolidación tapa a ordenación dos núcleos rurais 077 Sesulfe (Lagostelle) e 127 Romariz (Pedrafita), 156 As Lamas (Roca). O plano de ordenación do núcleo 140 Ferreira (Pígara) non está completo. Nos planos de ordenación ON-125 O Pereiro (Pedrafita) e ON-195 de Cabana (Santa Locaia de Parga) falta unha das bolsas delimitadas.

3. No plano OT-02 de clasificación do solo a 1/5000 falta un anaco de termo municipal.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1 e 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

3. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Guitiriz, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas anteriormente. O Concello deberá achegar un documento refundido que dea cumprimento ás ditas condicións.

Segundo. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Guitiriz, 1 de xuño de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda