Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 22 de xuño de 2020 Páx. 24958

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2020 pola que se convoca unha bolsa para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M).

O 10 de xaneiro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se autoriza á Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación.

Segundo o establecido no artigo 15 dos Estatutos da Fundación Galicia Europa, en ausencia do presidente da Fundación corresponde ao vicepresidente asinar as convocatorias públicas das axudas, subvencións e bolsas formativas da Fundación.

Á vista do anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

1. O obxecto deste anuncio é convocar en réxime de concorrencia competitiva unha bolsa de formación para persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación, de conformidade coas bases reguladoras establecidas no anexo I da Orde do 17 de decembro de 2018, publicadas no DOG do 10 de xaneiro de 2019, pola que se autoriza á Fundación Galicia Europa (en diante FGE) a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación (en diante bases reguladoras).

2. O código deste procedemento administrativo é o PR770M, mediante o cal se facilitará a identificación e o acceso para a tramitación destas axudas ás persoas interesadas na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Segundo. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

b) Na páxina web da Fundación Galicia Europa: http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

c) Nos enderezos electrónicos: santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu ou bruselas@fundaciongaliciaeuropa.eu

d) Nos teléfonos: 981 54 10 12 ou +32 (0) 27 35 54 40.

e) Persoalmente nos enderezos da Fundación Galicia Europa:

En Santiago de Compostela: rúa do Hórreo, 61.

En Bruxelas: Rue de la Loi/Wetstraat, 38, 2°, bte. 2

3. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou de carácter xeral, poderán facer as súas consultas no teléfono de información da Xunta de Galicia 012 ou no correo electrónico 012@xunta.es

Terceiro. Duración e lugar de desenvolvemento da bolsa

1. O programa formativo da bolsa terá unha duración de 12 meses.

2. O lugar de desenvolvemento da bolsa será a oficina da FGE en Bruxelas, podendo realizar tamén breves períodos formativos nas dependencias da Axencia Galega de Innovación (GAIN) en Santiago de Compostela ou onde esta indique.

Cuarto. Contía e financiamento da bolsa

1. O importe total da bolsa distribuirase do seguinte xeito:

a) Retribución bruta (pagamento ao persoal bolseiro): 16.200,00 €.

b) Axuda de desprazamento para gastos de viaxe (pagamento ao persoal bolseiro): 1.100,00 €.

c) Seguridade social: 600,00 €, en cumprimento do establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro).

2. O financiamento desta bolsa enmárcanse na epígrafe «Gastos por axudas e outros, axudas monetarias», con cargo á conta 65001 «Axudas monetarias individuais», na que existe crédito axeitado e suficiente no orzamento da FGE coa seguinte distribución:

Conta

2020

2021

Ttotal

65001

12.300,00 €

5.600,00 €

17.900,00 €

3. A bolsa aboarase mensualmente pola parte proporcional da retribución bruta que corresponda tras descontar as retencións do IRPF e a cota obreira da Seguridade Social, sempre que non haxa algunha incidencia no seu desenvolvemento.

Quinto. Requisitos das persoas beneficiarias para obter a bolsa

Poderán optar á obtención da bolsa as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar a súa residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria e nivel B2 nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Posuír un título universitario de grao, licenciatura, enxeñaría ou equivalente ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición. Os estudos conducentes a obtención do título deberon terse rematado dentro dos seis anos anteriores ao da publicación da convocatoria.

4. Posuír un nivel B2 ou superior en lingua inglesa.

5. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que se deriven do obxecto desta bolsa.

6. Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG  núm. 121, do 25 de xuño).

7. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da lista de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

Sexto. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Sétimo. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do pasaporte no caso de nacionais da Unión Europea residentes fóra de España e que non posúan NIE.

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente para aqueles solicitantes que pretendan acreditar á filiación de proxenitores galegos.

c) Copia do documento que acredita o nivel B2 nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, só para aquelas persoas candidatas que deben acreditar a súa residencia en Galicia cando menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria.

d) Copia da xustificación do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente (no caso de non estar en posesión do título universitario).

e) Copia da homologación ou validación do título pola Administración educativa española no caso de presentar un título académico estranxeiro.

f) Copia do documento que acredita o nivel B2 en lingua inglesa.

g) Currículo: preferentemente en formato Europass, no que se relacionen os estudos cursados e, de ser o caso, experiencia en proxectos de innovación e investigación.

h) Anexo III xunto coa copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados relacionados no dito anexo.

– O expediente académico acreditarase mediante copia da certificación académica dos estudos realizados, na que consten as materias cursadas, as cualificacións obtidas e a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulaciones universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional ou normativa que o modifique.

– Os cursos relacionados en materia de investigación ou innovación acreditaranse mediante o correspondente título ou certificado de participación nas entidades formativas. Non se terán en conta os cursos que non acrediten as horas de duración ou os inferiores a 20 horas lectivas nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

– A participación en proxectos de investigación e innovación acreditarase mediante certificación expedida pola entidade onde se realizou o proxecto. A duración pódese acreditar mediante copia do contrato de traballo ou certificado de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– O coñecemento do idioma galego acreditarase mediante o Celga 4, Celga 3 ou titulación equivalente, só no caso de non seres expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

– O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante os documentos aos que fai referencia a Orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 128, do 7 de xullo).

– Sen prexuízo dos puntos anteriores, porá requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos e aclaración resulten procedentes para a tramitación do procedemento.

Non se valorarán os cursos de idiomas que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

Os méritos que non estean acreditados non se computarán e non procederá o requirimento ao que se refire o artigo 14.3 das bases reguladoras. Así mesmo, non se terán en conta aqueles méritos obtidos con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

2. Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego ou inglés deberán acompañarse dunha tradución xurada.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

Oitavo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Noveno. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Títulos oficiais universitarios.

d) Datos de residencia con data de última variación padroal.

e) Celga 4, Celga 3 ou titulación equivalente, se están expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o órgano competente que corresponda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Décimo primeiro. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segundo. Criterios de adxudicación

A comisión avaliará as solicitudes admitidas en dúas fases e de acordo cos seguintes criterios:

Primeira fase: valoración de méritos. Máximo 38 puntos.

Concepto

Puntuación

Puntuación máxima no apartado

Titulación universitaria

(inferior a mestrado)

Estudos universitarios relacionados coas ramas de coñecemento de ciencias, ciencias da Saúde, enxeñaría e arquitectura segundo se especifica no Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das enseñanzas universitarias oficiales: 5 puntos.

5

Expediente académico

Nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 (de 0 a 10) ou normativa que o modifique: ata 10 puntos.

10

Mestrado

Mestrado universitario nas ramas de coñecemento de ciencias, ciencias da saúde, enxeñaría e arquitectura: 5 puntos.

5

Cursos relacionados en materia de investigación ou innovación

– Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,25 puntos por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 0,50 puntos por curso.

5

Por participación en proxectos de investigación ou innovación

Prácticas ou traballo acreditados: 0,50 puntos por cada tres meses de prácticas ou traballo.

5

Lingua galega

– Celga 3 ou titulación equivalente: 1 punto.

– Celga 4 ou titulación equivalente ou superior: 2 puntos.

As puntuacións por niveis non son acumulativas.

2

Lingua inglesa

– Nivel C1: 3 puntos.

– Nivel C2: 4 puntos.

As puntuacións por niveis non son acumulativas.

Aplicaranse 4 puntos nesta epígrafe ao grao ou licenciatura en Filoloxía ou Tradución e Interpretación da lingua referida.

4

Outras linguas estranxeiras

– Nivel B2: 1 punto.

– Nivel C1: 2 puntos.

Valoraranse ata un máximo de dúas linguas.

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

Aplicaranse 2 puntos nesta epígrafe aos graos ou licenciaturas en Filoloxía ou Tradución e Interpretación das linguas referidas.

2

Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 12 puntos.

A entrevista valorará o grao de coñecemento das persoas candidatas nos seguintes aspectos:

1. O coñecemento das institucións comunitarias e das políticas europeas que máis afectan a Galicia.

2. O coñecemento sobre a política científica e tecnolóxica da Unión Europea, do Estado e de Galicia.

3. O coñecemento sobre o programa Horizon2020.

4. A claridade na exposición dos contidos.

5. O grado de fluidez na lingua inglesa.

Os membros da comisión poderán realizar preguntas en inglés.

Décimo terceiro. Comisión de Valoración

1. Dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación da correspondente convocatoria das bolsas, o director da FGE designará unha Comisión de Valoración que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios de adxudicación sinalados no artigo anterior, así como de elevar ao órgano instrutor a proposta de concesión ou denegación das bolsas.

O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia ou normativa que a modifique.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidencia: a directora da oficina da FGE en Bruxelas ou persoa en quen delegue.

Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relación coa Unión Europea da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a persoa en quen delegue.

Vogais: ata un máximo de tres vogais que serán designados entre o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, GAIN e FGE.

A composición da Comisión de Valoración farase pública na páxina web da FGE, http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

3. A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, o cal asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

Décimo cuarto. Órganos competentes para a instrucción e resolución do procedemento

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión corresponderalle ao director da Fundación Galicia Europa.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral Relacións coa Unión Europea que realizará cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

3. A instrución e tramitación do procedemento establecese no artigo 14 das bases reguladoras.

4. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de catro meses, desde a data de publicación da corresponente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Décimo quinto. Recursos

A resolución do director da FGE non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Décimo sexto. Xustificación e pagamento das bolsas

1. As axudas de desprazamento serán aboadas con anterioridade á primeira mensualidade das retribucións brutas, teñen a consideración de pagamentos anticipados e non exixen a constitución de garantías de acordo co artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Estes pagamentos débense xustificar no prazo dun mes desde a realización dos desprazamentos e acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa.

2. As retribucións brutas aboaranse en 12 mensualidades ao final de cada mes pola parte proporcional que corresponda tras descontar as retencións do IRPF e a cota obreira da Seguridade Social, sempre que non haxa algunha incidencia no seu desenvolvemento.

A xustificación debe presentarse con carácter previo aos pagamentos mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Unha declaración responsable da obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

b) Unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Os informes que xustifiquen a actividade realizada durante o mes.

Décimo sétimo. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a FGE publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requerida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décimo oitavo. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Fundación Galicia Europa, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Décimo noveno. Normativa aplicable

En todo o non previsto nesta convocatoria, seran aplicables as bases reguladoras establecidas no anexo I da Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2020

O presidente de Fundación Galicia Europa
P.A. (Artigo 15 dos Estatutos da Fundación Galicia Europa)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente da Fundación Galicia Europa

missing image file
missing image file
missing image file